dimanche 27 mars 2016

EPÍLOGO-EPITAFIO. OCASO E CINZA

Sempre me gustou perderme nos meandros do pensamento...por egoísmo, sobre todo, pois era, principalmente, para atoparme a min mesmo, ao mesmo tempo que, paradoxalmente, procuraba afastarme do SER HUMANO-MASA. 

Houbo mesmo quen me preguntou se era misántropo por ese desexo de separación e respondin que podía ser certo. E, acto seguido, esa mesma voz insistía, "entón porque te dedicas á política?", pois precisamente, para mudar a sociedade, dicía. 

Tarefa tan ciclópea como imposible. Seino ben. Os egos, os actos interesados de parte e egoístas, as mentiras, as manipulacións, filtracións-inventos, o que se chama, vulgarmente, "puñaladas traperas", están na axenda política. 

Non existe a política con verdade como sistema estrutural, de feito. Mais tampouco interesa que exista. Os medios, comprados por clientes poderosos, tampouco están para desvelar os camiños da Verdade. Os que gobernan nunca admiten que a oposición pode acertar. E, en vez de dicir si a unha iniciativa de relevo, optan por dicir non e copiar-plaxiar esa proposta. O mesmo cando ves que actúan mal...denuncias e xa poñen en marcha os seus axentes encobertos para camuflar a súa acción. E mesmo vendo que a súa reacción sinala moi ben que actuaron de forma pouco ética, nunca recoñecerán tal circunstancia. E a oposición en moi poucas veces recoñecerá que o goberno de signo contrario pode acertar. Todo debe posuír unha rendibilidade electoral: as leis do Mercado e da competitividade abafan o xusto comportamento e a capacidade de crítica.

A lexislatura en Galicia está no punto final. E é lóxico deixar sentado o resumo, meras impresións desta viaxe de case catro esgotadores anos. As máis extensas teñen que facerse desde a racionalidade máis fría e distanciada. Sempre tomei notas e teño estes catro anos condensados en pequenos cadernos. Máis adiante será cando me anime a escribir, sempre que sinta a necesidade de facelo. Non actuarei nunca por encargo, iso téñoo claro. 

Nestes 4 anos houbo momentos certamente positivos, e moitos duros e negativos. O peor, o comportamento humano, que debeu deterse moito máis nas lecturas de Maquiavelo ca nas de Galeano. O mellor, algúns trazos do que podo denominar esperanza social e política e tamén, se ben moi escaso, a irrupción de amizades que poden ir máis aló do escenario da política.

Non agarde a persoa que, perdida, se asome a este pequeno balcón do pensamento, atopar nomes propios. En xeral, agás algunha circunstancia propiciatoria, non emprego como principio nomes propios. Interesánme máis as ideas, a Ética, o comportamento democrático, a coherencia, a honestidade, a solidariedade e a humildade, a denuncia argumentada e dialéctica e a capacidade de aprender e escoitar.

Ignoro, de verdade, se se percibe na rúa, na sociedade, o duro traballo que realizou quen escribe. Tanto ten, en realidade. No meu interior sei que obrei conforme aos principios enunciados antes e que son os que acompasan o meu camiñar. Por iso, como non sei se interesará a esta sociedade se Xabier Ron merece seguir ou non na súa aventura política, xusto é que deixe sentado, de forma anticipada, como fixen coas redes sociais, o epílogo-epitafio que poña fin a un tempo de 4 anos en que sucederon moitas cousas que contribúen a remover os meus marcos vitais. 

Por momentos penso que a seguinte sentenza podería formar parte dun epitafio político: "Traballou para mudar o sentido das agullas do tempo". Mais podería selo tamén existencial...e aí, aínda non me seduciu ningunha idea do mito de Sísifo. Sexa como sexa, a bagaxe que se adquire permite ver a vida de forma totalmente distinta. Mais nesa vida, sempre, tanto na vella como na nova, as amizades e o amor, han ser compañeiras fundamentais do camiñar, porque vivir é amar.
 
 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire