vendredi 11 mars 2016

TESTAMENTO FILOSÓFICO DIXITAL


O tempo esváese levándose desexos, esperanzas e utopías que eu tiña como proxección ética do meu ser interior, que me mantiña e mantén activo e sempre salferida con valores como a solidariedade, a coherencia, o compromiso, a serenidade dialéctica, interiorizadas como forma de ser e estar no mundo.

Sei, en boa lóxica, que o que hoxe escribo é para poucos ollos. E está ben que sexa así. Non me gustan as farándulas nin as exhibicións. A miña filosofía e os procedementos analíticos, reflexivos e pausados que esta filosofía esixen son, ou foron declarándose, de forma inevitable e convulsa, incompatibles coa voracidade, velocidade, coa anonimia insultante e coa difusa e líquida militancia (sic) que exhibe -raiando na pornografía- este (para min caótico) dixital mundo posmodernista.

Como queira que a miña saúde mental precisa do asento da firmeza ética, da coherencia teórica e actitudinal inquebrantables, anuncio o abandono dixital das redes sociais (certo é que non éun abandono global, pois nunca tiven unha conta do titular-twitter). Polo tanto, hoxe deixo o mundo facebook e, pouco a pouco, a medida que esmoreza o meu tempo público, irei deixando todo vestixio político dixital que, polo de agora, quedará condensado neste blog, de escasa lectura e menor repercusión. 

Resúltame gravoso o mundo-rede social. Ten os seus efectos positivos, din, mais eu aínda non abeiro neles. A información que eu obteño do escenario dixital sigo conseguíndoa de certos medios de prensa dixitais alternativos. Con iso teño suficiente. O outro xa non é para min. Quizais sexa un ser superado pola (absurda) velocidade que, por riba, é a que alimenta aos medios de comunicación de masas. Círculo kafkiano. O meu refuxio vive no lento transitar das follas dos libros.

Recoñezo que teño unha absoluta incapacidade para crer nas bondades desta exhibición pornográfica de instantáneas que deben formar parte da memoria máis íntima, máis fonda dos elos que unen ás persoas na súa materialidade. 

Diranme que así non se sabe / non se ve o traballo que realizo politica e socialmente. Matizo esta afirmación dicindo que o meu traballo, ademais de na prensa silenciosa e negadora, estará nas canles de información dixital propias: nas de AGE e nas EU. 

Así, e na esperanza de que exista racionalidade, valoración e empatía humanas quen de ver, co exercicio da reflexión, cal é o espazo da realidade en que vivo e traballo, rubrico este testamento filosófico dixital. 
    

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire