mardi 15 mars 2016

SOBRE O COMPORTAMENTO "RASTREIRO" EN POLÍTICA

O Dicionario da Real Academia Galega afirma, con respecto ao adxectivo rastreiro, o seguinte na súa acepción figurada: "Que emprega procedementos baixos e desprezables para conseguir os seus propósitos". 

Todas as persoas son coñecedoras de persoas que actúan de forma "rastreira". Na trastenda da política interna das organizacións políticas e, en xeral, aí onde se manifestan os egos do individuo, existen, por desgraza con demasiada frecuencia, evidencias devastadoras da súa aplicación. Por experiencia diría que non coñezo espazo colectivo libre da súa presenza, como se fose condición intrínseca do ser humano procurar unha posición persoal, por riba dos beneficios do propio colectivo. 

Unha das súas manifestacións máis ruíns é a que fala do aproveitamento de parte de certas situacións cando xa existen solucións ao respecto, adoptadas por quen debera adoptalas e encamiñadas coa participación dos colectivos sociais implicados. 

Desde hai uns días acontece que as familias do centro educativo compostelán de A Raiola levaron a cabo diferentes xuntanzas para atopar unha solución á primeira nova que falaba de que os seus fillos e fillas non poderían ir ao centro de referencia, senón que serían espallados por distintos centros da cidade. As instancias gubernativas da cidade puxéronse a traballar para atopar unha solución inmediata e, despois, unha de tipo estrutural, quen de dar solución á proxección demográfica en idade escolar que acompaña á zona sur de Compostela. 

E a ANPA do centro A Raiola tamén traballou, reuníndose co concello e cos grupos parlamentares. Todos os da oposición agás o PSDG, que optou por reunirse de forma separada. Algo infrecuente cando a sociedade civil solicita unha xuntanza colectiva. Algo que xa me fixo sospeitar de que ía existir un camiño político e ético errado, tal como se manifestou na rolda de prensa que onte (14-marzo-2016) deu o responsable do grupo parlamentar de educación no Parlamento de Galicia en compañía do voceiro do grupo no concello de Compostela. O uso de argumentos xa superados e xa falados coa ANPA por parte do executivo municipal demostra que só se quere facer dano político usando como escudo ás familias. E, curioso, a solución que propoñen está lonxe do máximo rigor educativo e pedagóxico, que aspira a non masificar os centros educativos. 

Eis, en definitiva, unha demostración do que é o comportament rastreiro en política. Veremos que fan cando o concello presente en Pleno a moción na procura dunha solución estrutural o máis acaída desde un punto de vista educativo, pedagóxico e social. 

  ladosla

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire