Onte sabíase, de forma replicada ata a saciedade, do falecemento de Johan Cruyff, debido a un cancro de pulmón. Hoxe vou falar diso porque, de forma inevitable, a miña infancia modelouse grazas a imaxes que hoxe podo valorar como positivas e decisivas na miña forma de ser e estar no mundo. Imaxes que entraron durante a miña infancia.
Hoxe, con 47 anos recén cumpridos, revivo esas imaxes desa etapa -a infancia- que debera ser principalmente luz e bondade por parte de quen decidira traerte a este mundo. Cando esa infancia se volve inferno de violencias sen que ti -ialma aínda formándose- teñas ningunha responsabilidade; cando nese inferno, ademais, te caracterizas por ser "raro", "anómalo", "asocial", só a pureza do teu interior pode manterte vivo e facerte sobrevivir a ollos dos demais.
E aí, nesa infancia, veñen con nostálxica forza hoxe, as imaxes de xestos, de actitudes que nese incipiente maxín tan necesario de agarimo adquiren expresión de heroicidade. Devorei cómics de Marvel. E amei a intensidade e o fútbol dos intelixentes. Desde 1974. Por iso, cando te vistes coas ropas de Spiderman durante o Carnaval, ou cando, nos xogos, te vistes coa camiseta levando o número 14 ou o número 10, o fas porque queres ser coma eles. Coma ese heroe atormentado, tan humano. Coma eses marabillosos futbolistas quen de erguer as penas de todo un estadio, de todo un país.
Sei moi ben que hai persoas "intelectuais" que exercen a súa oratoria desprezando o fútbol. Curioso que non fagan o mesmo desprezando o capitalismo, que foi quen asulagou de merda o que debe ser o deporte en xeral. Mais, como me digo a min mesmo, se dous dos meus modelos éticos e poéticos, como son Benedetti e Galeano, foron grandes amantes do fútbol, penso que estou no bo sendeiro.


Si, hoxe, revivo a miña infancia e doulle as grazas a Cruyff e a Platini...
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire