mardi 22 mars 2016

SOBRE A DESTRUCIÓN E OUTRAS ANALOXÍAS

Ao longo de todo un día sucédense os estados de ánimo. Unha montaña rusa. Comeza todo cunha catástrofe, cun desastre humanitario, ao mesmo tempo que estouran as vidas de ducias de persoas nun aeroporto ou nunha estación de metro. 
E tamén, por contraste, situacións que ante a magnitude da traxedia, só adquiren significación pausada cando as logro calmar mediante a escrita. Ás veces, escribo á mesma velocidade que o pensamento adquire unha quietude superior. Durante o día e durante esa montaña rusa esgotadora, a duras penas podo adquirir esa quietude. Precísoa para non naufragar nas emocións do día. Para non ceder á tentación de renunciar a todo de forma absoluta cando todo é, por desgraza, a nada máis absoluta. As conversas, as discusións, as decisións, a preparación dos argumentos e das máscaras coas que nos protexemos. Todo é fondamente esgotador e non serve para nada...nada que non sexa distanciarnos da esencia mesma do que debe ser vivir con plenitude.
Rilke afirmaba a un mozo soldado que un sabe que é escritor cando sente a necesidade de escribir todos os días. A escritura adquire, para min, un efecto terriblemente terapeútico. De recomposición. Como cando cae un prato de porcelana e quedan os anacos, o suficientemente grandes, e un procura, con paciencia, ir asociando os fragmentos para chegar ao máis óptimo. E hoxe eu sinto que son ese prato e que a escritura me recompón.
Onfray acerta cando afirma que hoxe existe unha cultura que fai mito do tempo morto, o tempo que transcorre vitual, na dixitalización dos hábitos dunha sociedade enferma. Fronte a ese tempo morto está o tempo real. A escritura que vén desde unha mensaxe dixital disocia o tempo da vida. Non é o real, e nunca pode ser un substituto da realidade que deben vivir os seres humanos. 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire