samedi 19 mars 2016

O POBO SAHARAUI PERXUDICADO POR UN ACORDO NOXENTO PARA MERCADEAR CON PERSOAS

Detrás do oprobio e anoxante proceder da Unión Europea está o desprezo máis absoluto cara a dignidade das persoas. As contas serven para soterrar os horizontes vitais de milleiros de seres humanos, perdidos e secuestrados nas rutas de entrada a unha Europa que esquece o valor máis importante: nacemos para vivir con dignidade.

O pasaporte que deberan ser os Dereitos Humanos só brila nas garavatas de farsantes de salón que só se representan a si mesmo e morre nos maletíns dos enxeñeiros xurídicos –para iso debe servir o Plan Boloña nas Universidades de Dereito- que se afanan en crear unha máscara-canallada que só pode ser crible para a lexión de indiferentes que alimentan os sofás dos fogares. Como se aquilo non fose con nós!!

E hai un pobo que xa leva 40 anos de dura loita resistente por sobrevivir e manter a súa dignidade: o pobo saharaui. E toda esta noxenta estratexia antipersoa, que devolve as esperanzas convertidas en anacos, ameaza, aínda máis, á debilitada sociedade saharaui, espallada en campamentos de refuxiados, nos ocupados e militarizados territorios ocupados e nos liberados. 

E, por suposto, hai que tirar abaixo o muro da vergoña posto en pé por Marrocos ao longo de 2.700 km. e que segrega ao pobo saharaui e impide a conexión e permite, así a Marrocos o control do territorio saharaui. Un muro que está dotado de importantes medios tecnolóxicos e militares, ademais de ser un campo de minas que sega vidas de forma indiscriminada.

A devolución en quente de migrantes no Mar Exeo ten o seu perfecto paralelo en Ceuta e Melilla. Turquía e Marrocos convértense, así, nos xendarmes concentracionarios de Europa. E se hai sentenzas que anulan acordos comerciais entre a UE e Marrocos, porque se fan sobre o corpo dos dereitos e dos recursos do pobo saharaui, tamén están os intereses mercantís das empresas, desexosas de incrementar a súa plusvalía inda que sexa de forma mesquina e sen respectar a máis mínima ética. Estar cos verdugos e coas vítimas non é unha opción válida cando o pobo saharaui precisa de valentía política e do máis firme compromiso das forzas políticas do estado español para que este estado asuma a súa responsabilidade como potencia administradora dun proceso de descolonización aínda incompleto.

Europa dá así cobertura aos procesos de deportación tanto no este coma no sur de Europa. Turquía conseguirá así, con este mercado de persoas, privilexios para unha suposta incorporación á UE. Marrocos seguirá obrando co apoio da hipocrisía reinante, xa que, en función do estado de excepción permanente en que viven as persoas migrantes e refuxiadas, Marrocos seguirá recibindo voos de deportación desde Madrid, seguirá recepcionando as persoas “devoltas en quente” por corpos de seguridade españois; seguirá, en definitiva, pisando e esnaquizando o lexítimo dereito do pobo saharaui ao seu territorio.


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire