samedi 19 mars 2016

COS PÉS NA AUGA

As lúas
estados de emoción
fugaces
inestables
inasibles
e na breve viaxe a través deses estados
piso as herbas frescas da noite anunciada

ao lonxe inda a vella igrexa laia férrea

e deixo que a auga molle os meus pasos
e penso nas lúas de Idomeni
na súa luz espellada nas bágoas das nenas
e na anoxante imaxe dunha Europa
que regala limo
ese limo que absorbe escuro os desexos
e devolve anacos cheos de memoria e dor

e sigo avanzando entre o silencio que desexo
nun Brión esnaquizado entre mentiras e asfalto
e acoitelo duramente o gris para auxiliar
o verde sendeiro que devece por renacer

escoito a poesía musical de Dominique A
mentres tamén tarareando vou marcando
os estados da miña ialma
despídome quizais de todo
e asumo como propios os buracos
fartura de toupas
que furan os intestinos
e morren
os amores todos

detéñome no altar improvisado
e ergo ante as lúas a ebriedade dos desexos
sempre insatisfeitos e anónimos
e debuxo cos dedos o concerto dos beizos
que se namoran no infinito xogo
dunhas linguas procurando refuxio
e desfago así a imposta e vella soidade

ao lonxe de novo a vella igrexa laia férrea

19-marzo-2016
Xabier Ron




Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire