mardi 20 juillet 2010

AOS "FEIRANTES" ALIENADOS

As campás repiquetean no alto e traen novas. A algúns deste país, chamado Galicia, en base ao que comentan nalgunhas páxinas dixitais, gostaríalle que se falase de festas e chourizos, a forma de calmar as nosas consciencias, máis ben á deles.

Non teño por que facer festa, nin sequera vexo motivos no día a día de milleiros de persoas, ou na vida cotiá dos que me rodean, atarefada de máis, motivos para facelo. A miña prosa liga coa realidade da rúa, pero colle un estilo propio que fago meu a través dunha textualidade que debe coidar o que di e como o di.

Pero a eses grandilocuentes "feirantes" seméllalle demasiado serio, coma se estivese nun cemiterio. Erro. Poucas veces teño acudido. Sonche ateo. Algunha vez teño ido e cando fun ao adeus dun outro ateo, curiosamente, aí si fixemos festa emocionada. Pero iso seguro que nin o entenden estes "feirantes". Só saben das súas festas. Ata niso.

Imaxínoos, nestes días de calores, repasando durante horas reflexivas e lagartiáns a vida dos seus modelos. E acollendo con entusiasmo o solaz de lecturas atractivas e benpensadas que alumean os seus interiores paparaziáns ao saber como veranean os ricos ou disfrutando con esas series que falan da vida e das casas de ricos. Pobriños...."os ricos tamén choran", pensarán.

Ánimo, alienados "feirantes", seguide así, mentres os que (des)gobernan fan o que lles peta coas vosas vidas. Cando se procedeu a analizar o que acontecera nos tempos dos nazis, o que máis estremecera ás vítimas que sobreviviran era a indiferenza. Ese é o cancro da sociedade de hoxe.

Eu, ao revés, sei moi ben por onde non debo camiñar. E os camiños que transito, por desgraza, teñen fochancas enormes, e unhas beiras cheas de espiñas.

Porque así é a vida. E a festa a vivo, como todo ser, cando podo....ou cando debo.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire