mardi 13 juillet 2010

PICARISMO OU ESTUPIDEZ?

A CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN PROMOVE A CONFUSIÓN EN FAMILIAS E LIBRERÍAS AO RESPECTO DO MATERIAL INCLUIDO NO PROGRAMA DE GRATUIDADE SOLIDARIA

Un pode pensar que é deliberado, que a consellaría de educación, a través dos seus máximos reitores, é deliberadamente pícara e que promove o picarismo na sociedade. Ou pode, tamén, como reza un libro recente que todo sexa debido ao enorme poder que ten a estupidez.

O programa mal chamado de gratuidade solidaria para o curso 2010-2011 incorpora altas doses de fomento do picarismo e uso indebido de axudas ou de estupidez.

O artigo 10 da orde leva o seguinte título: “Adquisición de libros de texto, materiais curriculares e materiais didácticos complementarios”, pero xa ao longo do articulado resume o todo co seguinte binomio “os libros e material escolar”. E no propio vale que xera o sistema informático tamén aparece esa sentenza. Este binomio resume o que di o título? Ou vai máis aló?

Como lle xurdían dúbidas a un libreiro da contorna de Compostela chamou a un dos teléfonos de referencia e preguntou... e a resposta foi que por material escolar todo o que consideren pais e nais (!), agás “folios”, e mesmo, esa voz telefónica, aludiu a que pode darse o caso dalgún pai ou dalgunha nai que teñan xa os libros por parte de alguén e que poden gastar o cheque só en “material escolar” (entendendo aquí, bolis, mochilas, libretas, rotuladores...).

Unha axuda pública sempre debe ser fiscalizada coa máxima transparencia e co máximo rigor sendo que o material adquirido debe figurar detallado en facturas. Pero na Consellaría de Educación deben pensar que iso é “anacrónico” e que aqui vale todo.

Quizáis, estamos ante un estúpido caso de malostratos ao dicionario, xa que o epígrafe do art. 10 citado non pode ser asumido polas palabras “mochila”, “boli”, “rotulador”, “libreta” (que outra cousa non entenderá calquera persoa por material escolar e que outras cousas non entrarían se non se obriga a xustificar e detallar que se compra)...ou acaso son eses obxectos libro de texto, material curricular ou material didáctico complementario?

O feito de que esa voz responsable dera a entender que entra material escolar de todo tipo permitiría a discriminación entre as librerías que son só librerías e as librerías que tamén teñen papelería (por exemplo, grandes superficies comerciais, o que non nos estrañaría, sabendo para quen gobernan).

Cómpre esixirmos sempre a máxima transparencia e rigor co diñeiro público e que recapaciten os “ideólogos” deste sistema de axudas e que rectifiquen, xa que por material escolar, tal como figura na orde, hai que entender aos “materiais curriculares e materiais didácticos complementarios” e non o que se lle veña in mente aos proxenitores.
(publicado en Galicia Confidencial, 13-xullo-2010)

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire