vendredi 23 juillet 2010

EDUCAR PARA TER HÁBITOS SAÚDABLES

“Imos prohibir...”. Calquera iniciativa que parte dos encargados de (des)gobernarnos comeza así. E, se é preciso, faise a golpe de decretazo, evitando así os incómodos diálogos democráticos. Total, nin eles están convencidos dos improbables beneficios de contrarreformas laborais ou da privatización da función social das caixas (que xa se perdera debido á súa cobiza especuladora, ao mal uso partidista e a ausencia de participación e control democrático do rumbo das mesmas por parte do pobo).

Hoxe falaremos dunha nova prohibición que non ataca a raíz do problema que se supón di atallar: a de certa alimentación ricas en graxas expendidas por máquinas nos centros educativos, e recomendando aos comedores escolares algo tan peregrino como xantar só unha vez á semana arroz ou pasta. A primeira parte pódeme ata semellar acertada...pero non suficiente para o que se propón; a segunda é sinxelamente absurda. Pero, de seguro, entusiastas especialistas en alimentación suxerirán que nunha zona tan cálida como Galicia a mellor dieta é a Mediterránea. Se ben, para matizar isto, diremos que algo se move en Galicia e xa se anuncia unha campaña para fomentar unha dieta rica en peixe nos centros educativos.

Son partidario de educar antes que de prohibir. E sobre todo porque a escola ten que loitar contra o mundo envolvente, onde os mesmos ideólogos das prohibicións fomentan de todo menos hábitos saúdables. Onde os regalos máis emocionantes son prodixios tecnolóxicos que alimentan máis as graxas que un triángulo de chiculate. Recoñezo que, de mozo, nos recreos do instituto, comía un bocata e ás veces un rico doce de chiculate. Pero non era obeso. Porque facíamos deporte no instituto e fóra del. Organizabamos ligas populares do que fose, de futbol, de baloncesto e, desde logo, ninguén nos levaba ás praias en coche: íamos en bici. E non tiñamos móbil nin ordenadores nin consolas... Mais hoxe o deporte escolar nos centros públicos é unha mera quimera. E fóra del só hai a opción federada. Non se fomenta nada desde os concellos. Ou si. Foméntase a ausencia.

A carencia de hábitos saúdables e físico-deportivos en xeral é o que hai que solucionar. Precisamos unha educación que vaia máis aló da prohibición. Iníciase cunha interesante inxección de recursos persoais e espaciais para atellar competicións deportivas entre escolares de forma sana, non adulterada cos principios reitores da competitividade neoliberal (sen federados, que xa teñen os seus circuitos). Onde o que importe sexan os principios do deporte que o alumno ou alumna escolla. Onde se sublimen hábitos saúdables vencellados a unha practica deportiva sana, sen necesidade de demostrar nada, só o pracer de sentirse ben facendo deporte. Onde se asocie a ese deporte unha ética e onde se procure a todo alumno e alumna un espazo deportivo en base á súa diversidade funcional e intereses. E, despois, os concellos deben complementar cunha oferta de competicións, con premios en especies (balóns, camisetas, etc), e sempre primando o espírito de disfrutar co deporte.

Desde logo, a solución non pasa por converter ás persoas con sobrepeso en culpables, como se pretende facer en Alemáña ao querer cobrarlle máis impostos polos sobrecustos que, supostamente, provocan. Acaso, pódese esquecer que no sobrepeso indicen causas xenéticas? E que hai persoas que, en base ao estigma que a sociedade de consumo e moda actual verte sobre elas, están dispostas a todo, mesmo a maltratar a súa saúde, para responder ao que a sociedade agarda delas? Fraco favor se lles fai. Haberá que ter en conta, insisto, a diversidade funcional das persoas e ofrecerlle pautas deportivas e hábitos que as vaian axudando a sentirse mellor, a ter cada vez unha mellor saúde.

Namentras, e voltando de novo a terras españolas e galegas, para os que nos (des)gobernan é máis doado facer crer que todo se soluciona prohibindo un triángulo de chiculate ou xantando unha única vez á semana arroz e pasta (os alimentos máis económicos para as familias nunha época de crise, por certo) para que ninguén poña en entredito a súa lamentable forma de facilitar e dotar de recursos persoais e espaciais aos centros educativos para levar a cabo o proxecto educador en hábitos saúdables e físico-deportivos.
23-xullo-2010.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire