mardi 20 juillet 2010

COMO DEFINIR A QUEN COMENTA ATACANDO BAIXO UN NOME FALSO?

Xa sei. De seguro que todas as persoas -e ignoro se os números de hoxe, máis de 80, serán reais- que len estas liñas o fixeron. Ou pode que me equivoque, ogallá, e digan que non. Refírome ao acto discursivo de comentar nas diferentes novas, ou artigos de opinión dos medios dixitais sen ter o valor de poñer o seu nome. E, mesmo, se poñen un nome, nin hai garantias de que non exista suplantación de personalidade, como xa ten acontecido.

E, eu, quizais imbécil de min, pregúntome: que medos fan que un agoche a súa verdadeira identidade?

Entón, sen afán de exhaustividade, podemos sinalar como posibles respostas:

1) a covardía de non estar convencido de que o que se escrebe é unha necedade e óptase por evitar que o identifiquen a un como imbécil;
2) a covardía de ter desexado poñer a parir a alguén, sen ter a ocasión nin o valor de facelo persoalmente ou de forma directa e cando xorde...óptase por ocultar a identidade...por aquilo do efecto retorno;
3) a covardía de non ser dono da propia expresión, de ter medo que identifiquen por ser, digamos, algo máis que unha faciana, por exemplo, unha persoa cun cargo determinado ao que se lle supón un dominio das técnicas da oratoria e da retórica, con todo o que iso supón (e refírome aos aspectos orixinarios positivos dos oradores e dos retóricos); e claro, quedaría co cú no aire ao ser identificado como mero divulgador de insultos e xenreiras;
4) a fachenda de querer opinar de todo sen ter un triste argumento de peso contrario ao que se le;
5) anímovos a que sigades enumerando posibles...pero a min, en conclusión dáme que é principalmente por covardía, pura e simple, e tamén por un egocentrismo fachendoso que lle fai ver e pensar que sempre está en posesión da verdade e que todos os demais equivócanse....

Ah!, pero como estamos na sociedade dos agochados e escurecidos dixitais, puidera ser que...
sexa pola humildade do comentarista, isto é, renunciar a querer ser identificado e renunciar á gloria que emana da proeza discursiva da que fai gala....

O anterior, é unha risotada. Loxicamente nin de coña.

A min prodúceme un sabor agridoce ver como maltratan a liberdade de expresión. Dóeme ver como os comentarios tratan máis de aspectos persoais que de análises pormenorizadas sobre a lóxica dos argumentos. Dóeme ver o triunfo do estilo dos programas do corazón nos argumentarios peregrinos. Dóeme ver como o respecto, o racionalismo e a éticia emocional esváense a través dos actos discursivos covardemente escurecidos baixo unha identidade enganosa.

Entón, pregúntome, se internet, con estas ropaxes socioeducativas, será quen de avanzarmos...

Xabier Ron, o 20 de xullo de 2010

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire