dimanche 4 juillet 2010

CANDO A DEFENSA DO NOSO COMEZA NO COTIÁN

Sucede que, ás veces, a defensa do noso comeza no cotián, como simple afirmación, ou máis ben como reafirmación. Mesmo, podería recibir tratamento de anécdota, pero cargada dunha forte significación polo seu alcance.

E sucede tamén que esa reafirmación faise por necesidade paradoxal, reafirmación contra a negación realizada por galegos e galegas emigrados intraestado, mormente en Madrid, centro do nacionalismo español de corte rancio, reaccionario, antiperiférico.

Isto foi o que aconteceu hoxe nunha tranquila casa da capital chairega. A reafirmación dunha señora xubilada, traballadora ama de casa e das tarefas da terra, que se viu na obriga de defender o noso fronte á negación central antiperiférica. Así. fronte ao dogma antiplurinacional, "o galego non serve para nada", erixiuse a defensa, anoxada e lóxica, "o galego é a nosa cultura".

Tendo en conta que coñezo moi de preto a esta señora chairega, teño que dicir que me sinto orgulloso. Ao mesmo tempo, síntome entristecido polo prexuízo que aínda cargan estes galegos e galegas que tanto dano lle fan ao noso.

Na defensa está a nosa identidade. E cónstame que a señora non é nacionalista, nin radical, como pensan estes "madrileños". Pero sentiu a necesidade de defender á súa familia, aos fillos e filla, e ao seu neto galegofalante. Mellor exemplo non puido ter este neto: o recoñecemento da súa dignidade en voz da súa avoa.

Se afondamos no prexuízo, un non pode máis que lamentar a alienación destes emigrantes. Alienación que bebe da campaña negacionista da realidade plurinacional que promulgan Esperanza Aguirre e Rosa Díez, entre outros.

Fronte ao argumento economicista da rendibilidade, a realidade cotiá ergue o argumento da loita polo recoñecemento da nosa identidade desde o concreto, desde o tanxible. E aí a ama de casa chairega amosou que, desde a anécdota podemos e debemos loitar polo noso.
4-xullo-2010

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire