jeudi 8 juillet 2010

OS MUROS DA HIPOCRISÍA

Vivimos asentados na hipocrisía. Todos e todas. Desde os que están no cumio do poder até os que están na base. Pode sentar mal asumilo. Pero, para mudar, será preciso facelo.

Aínda están frescas as imaxes, sobre todo para as persoas que estamos nos corenta e tantos de vida, de exultante ledicia cando o muro de Berlín caeu. Semellaba que as persoas de ben desexaban que non existisen mais muros na vida cotiá de Europa. Era o triunfo da liberdade, dicíase.

Pero co muro caeron, practicamos de forma deliberada a esaxeración para que se entenda, outras prevencións que favoreceran o éxito das demandas obreiras: a igualdade de oportunidades ao redor dos servizos públicos, o que se coñece como Estado de Benestar. Coa caída do muro o capitalismo, na súa doutrina neoliberal, tiña vía libre para estender o seu dominio, baixo sometemento doado e voluntario dos gobernos cómprices dos Estado-Nación.

E así, xurdiron outros poderosos muros, algúns tan físicos que tocalos “desgarra” a pel e introduce a ferida de morte no corpo, outros tan psicolóxicos que converten a persoas en criminais.

Europa foise construindo sobre un único pedestal, o euro, é dicir, a finanza, o diñeiro. A construción social e empática de Europa nunca foi un fin. As persoas importamos como medio de producir plusvalías para empresarios e como consumidores, voraces, dos bens innecesarios que debemos consumir ou ter para ser persoa de pro.

Ao mesmo tempo, de forma indisimulada, Europa perdía toda a bagaxe da razón ilustrada e sucumbía aos negros influxos do discurso militarista e securitario. Ás persoas hainas que controlar. Como sexa.

Por iso, nada mellor que cualificar ás persoas que non desexamos con termos negativos e que serán divulgados con forza polas caixas de persuasión do sistema. Clandestinos, ilegais, sen papeis, e mesmo a palabra inmigrante foron negativizados e considerados “problema”. Entón, para solucionar un problema, nada mellor que empregar eufemismos e tácticas de convencemento alienante: os remedios securitarios que vulneran dereitos humanos e a dignidade fanse en beneficio da protección das propias persoas migrantes.

Erguíase así, no imaxinario social, un terrible muro, o do desprezo ao OUTRO, o do medo, o da desconfianza. Unhas boas doses dun institucionalismo rancio e sometido ao securitarismo aimentaron o racismo e a xenofobia, latentes ata que estoura unha sitiuación determinada (por moi feble que sexa). Como non vai desconfiar o pobo dunhas persoas ás que as Leis de Inmigración do Estado ou as Directivas Europeas consideran problema, cando non indesexables directamente? E mesmo, como axudar ás persoas migrantes se facelo pode supoñer cárcere ou ser inculpado e perder o medio de vida, como lle aconteceu aos 7 mariñeiros de Túnez que, en agosto de 2007, salvaron a varias persoas de naufragar e as transportaron a Lampedusa (Sicilia)?

En estreita ligazón os muros psicolóxicos coñeceron a construción de muros físicos. Primeiro, convertendo a viaxe migratoria nunha perigosa e mortífera viaxe ao dispoñer dun corpo inductor de medos, o FRONTEX, que exerce de perseguidor de esperanzas e soños e que incrementa as dificultades das viaxes (milleiros de mortos sepultados no mar Mediterráneo nesta última década). Segundo, retrasando as fronteiras de Europa, sobre todo no sur, chegando a acordos económicos con países como Marrocos, Túnez, ou Libia, a cambio de que se convirtan nos xendarmes da fronteira sur. Terceiro, consentindo que en nome das democracias europeas existan nos 27 países da Unión Europea 250 campos de internamento de estranxeiros (unhas 32.000 prazas recoñecidas, i.e., 32.000 persoas prisioneiras en Europa só por seren migrantes, por non posuíren documentación, ou por agardaren unha resolución positiva a unha demanda de asilo...que xa case nunca se conceden). Cuarto, convertendo un criterio incluinte como o era o da cidadanía republicana nun criterio excluínte.

Si, podedes estar contentos, amigos e amigas, caeu un muro, pero erguéronse outros.E seguir ignorándoo é seguir vivindo nunha enorme hipocrisía alientante, bloqueante. É permitir a vulneración dos dereitos humanos máis elementais. É dificil asumir que as nosas democracias son neste eido –e en tantos outros-unha farsa que beneficia aos poderes establecidos. Pero hai que facelo. Hai que asumilo. Para poder cambiar de mundo.

(publicado en Galicia Confidencial, 8-xullo-2010)

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire