vendredi 29 mai 2009

Recupero certo optimismo

Pode que sexa cun certo toque de inxenuidade. Hoxe teño certo ánimo positivo e é gracias a eles e elas. A Quen? Aos meus alumnos e alumnas. Si. Dixen ben. Non estades alucinados. Nin ai fumes verdes na miña pipa..agora mesmo apagada.

Hai escasas horas cheguei, xunto coa miña compañeira de traballo, Isabel, dunha viaxe cultural a Catalunya con epicentro neurálxico en Salou.

Tratarei de relatalo resumido. Sei que algún deles e algunha delas poderá ler o que escribo. Non por iso deixarei de ser sinceiro...."un petit défaut, pour quelques uns"

Saimos o venres 22, ás 23h15, desde as portas do CPI camiño de Salou. No autocar, 18 alumnos e alumnas do CPI Santa Lucía de Moraña e dúas colegas, Paz e Lucía. Acomodo rápido. Emoción e nerviosismo estouran nas recén estreadas butacas de viaxe. Veñen de seguida as cancións de...época...SI!!! Os meus oídos flipaban...só lles faltou cantar Manolo Escobar e "Mi carro". Iso si. Só sabian as primeiras estrofas das cancións co que lle aforraban aos meus sacrificados oídos o sufrimento completo. Ah! e unha rara canción rara: "Queremos que X baile la Pelusa/ Pelusa por delante / Pelusa por los lados / Pelusa por detrás"...que incitaban á reunión colectiva debaixo dun meigallo imposible de definir. Primeira parada seria Zaragoza. Ao pé da Pilarica. Jacobo o condutor xa se incorporara con nós e sería "une grande découverte" para nós. Non coñecía a Basílica. Gustoume o aspecto monumental. A tranqulidade do contorno adxacente. *sigo m'ais tarde *vou dar un paseo en bici

mardi 19 mai 2009

NADA SE ENTENDE BAIXO A LUZ DO DÍA

Pode ser verdade. Nada se entende baixo a luz do día. Cando menos, a distancia é un enorme foxo de incomprensión. As frases entrecúrtanse no fío da conversa atropelada. Todo se fai de xeito veloz. Como se estivese penalizado reflexionar e facer as cousas con lenta seguridade.

Hai varias eleccións xa deixei de ver primeiro os telexornais televisivos serios e despois de mercar a prensa do sistema capitalista. E, a verdade, non estou menos informado. Refírome, claro, a información, non a espectáculos.

Pero cando reparo en que se está convertendo á nosa universidade...aí, xa NON ENTENDO REN!!

Xa mo explicarán estas xeracións de autómatas competitivos. Xa mo explicarán.

lundi 18 mai 2009

REFLEXIÓNS DESDE A RÚA (VIII)

A ilegalización dunha nova lista no País Basco, apelando á retórica mutiladora de ETA, é desfacer as virtudes da Democracia con maiúsculas. Por outra banda, Sastre, Maestro e , o gran escritor galego Méndez Ferrín merecen un respecto.

Pero as xerarquías da democracia -en minúscula- son a fouce da pluralidade confrontativa e dilemática. Pregarse a este pensamento único e autocompracente é un acto de covardía.

A que se lle ten medo?

Ou é que o pobo expresa a súa vontade só cando coincide coa nosa postura xerarquizada e sistémica??

Claro que si, senón non terían medo de confrontarse na dialéctica política cos partidos politicos conforntativos.

A Lei de Partidos é un ataque á Democracia

Adeus, poeta, adeus

Foise o amigo
Foise o poeta

non son quen de necrolóxicas
pero hoxe ao redor do verso
o baleiro
o silencio
a morte

pero Benedetti está

***
Os meus alumnos e alumnas déronme a modo de pésame a man
os seus versos
enciclopedia de vida
acompañan as nosas clases
por momentos intensos

****
Unha amiga dedicoume unha fermosa analoxía
ao sabelo
comparou as nosas vidas entre versos e compromiso

con iso abonda para estourar
****
con isto abonda
hoxe
do libro: Testigo de uno mismo

"lo mejor es meterse en silencio
siempre que lo permitan las alarmas
así yo adquiero mi tranquilidad
porque el silencio es como mi casa"
(Inspiración)
***
hoxe o silencio é estar
aquí na quietude do camiñar
simplemente contigo

lundi 29 décembre 2008

A MATAR QUE SON DOUS DÍAS

Na franxa de Gaza
non hai esperanza
nin cantos de Nadal

Na franxa de Gaza
hai corpos esnaquizados
hai mans mutiladas

Na franxa de Gaza
os nenos e as nenas
morren xa odiando

Na franxa de Gaza
a hipocrisía internacional
dá ás aos paxaros incendiarios

Na franxa da Gaza
as pedras voan
contra armas perforadoras

Na franxa de Gaza
morre pouco a pouco
toda a pouca Humanidade
o único que aínda queda

mardi 23 décembre 2008

O VOITRE DE XEO

No escuro
fríos que louvan carnes mortas
entregadas aos recunchos da indiferenza

Os cartóns
con nomes escritos en inestables formas
aínda ignoran a sorte de ser memoria

Como cada noite
o voitre de xeo baixa e vixía

Como cada noite
á procura de esquecidas mans

Como cada noite
nas súas ás morren almas cansas

lundi 24 novembre 2008

Reflexións desde a rúa (VII)

Hoxe leo con pracer a entrevista a Olga Novo, poeta galega de fonda incorporación á ebriedade da vida e do amor.

Sae en Galicia Hoxe e, desde logo, é recomendable. Máis aló dos seus principios éticos e morais inquebrantables (atea radical; libertaria; defensora da Utopía; republicana; ...) hai nas súas palabras unha emoción que se eleva e nos envolve nunha optimista esperanza de que é posible avanzar e mudar o sentido actual das cousas. Iso a min xa me convence.

Outra cousa é que as nosas vidas se cruzaran cando eu xa rematara a miña carreira e iniciaba a de investigador en filoloxía medieval. Os versos que abrollaban da súa desbordante imaxinación (partir dentro das aves, aínda lembro) e da amiga común Rosiña anunciaban a poeta que é hoxe a amiga Olga Novo. Aínda lembro aqueles fermosos e toliños anos.

Saúde e República!

dimanche 23 novembre 2008

Reflexións desde a rúa (VI)

O tempo esváese

Agora cando a política
reinventa fórmulas para refundar
núcleos dourados

Pregúntome mesmo
se a masa "respectable" sabe qué sucede

Pero a masa "informe" e "desinformada"
deliberadamente atomizada
deliberadamente automizada
..... DEBERÍA DARME PENA QUE NON SAIBA REACCIONAR?

Esa pregunta asoma

coma unha chantaxe emocional
e roe os elos sociais que me atan aínda
feblemente
a esta masa

HABERÁ FUTURO FÓRA?

mercredi 16 avril 2008

Reflexións desde a rúa (V)

Estou fondamente anoxado e amolado. Resulta que hai necios que homenaxean con concertos a maldita vida do nazi Adolfo Hitler. Que demos pasa pola escasa capacidade neuronal para comprender que ese ser inmundo nunca debera nacer? Podédesme chamar intolerante. Tedes razón: non tolero aos xenófobos, aos machistas, aos fascistas, aos racistas, e a toda esa tropa de filonazis que salta e baila proferindo berros en contra de boa parte da Humanidade.

Tanto me dá que se apele á Liberdade de Expresión, xa que esta, e o resto dos Dereitos Humanos, están sendo saqueados polo neoliberalismo. Convértese nun recurso retórico. Aos fascistas, síntoo, nin pan.

Hoxe non soporto a idiotez humana. Hoxe non.

A violencia que domina os resortes das relacións (?) humanas prodúceme tristeza. Pero, como dicía Gramsci -e non me queda máis remedio, senón cáseque sería un perfecto suicida- fronte ao pesimismo da razón, o optimismo da vontade. E nese optimismo hai que convocar a todas as persoas a que traballen e militen en Dereitos Humanos, a que eduquen, a que se mollen publicamente..

E algo que me abraia: un comportamento que coidaba erradicado: a tolerancia das mozas coas bofetadas ou pataletas ciumentas da súa parella..."é que me quere", teño escoitado.

Menuda tontería!!

Ata outro día

vendredi 11 avril 2008

Reflexións desde a rúa (IV)

Pasou tempo. Demasiado, quizais. Mais non sentía a necesidade. Non sentía a vertixe de asomarme ao baleiro que produce unha páxina en branco. Hoxe tampouco. Mais desexo experimentar a escritura sen a paixón da política, do compromiso social permanente e constante. Que, hoxe, polo menos, se me permita esta pequena licenza, este indecoroso lecer.

Pasou tempo. E no debullar dunha mazá, unha nena, coa boca aberta, asiste ao fermoso espectáculo da maxia. Esa maxia de sentirse acompañada na súa viaxe por eses maiores que autoafirman seren seu pai e súa nai. Debe ser algo anómalo para a nena. Estar cos seus dous pais, un venres.

Pasou tempo. Na libraría dos amigos Oscar e Iria, o libro non viaxa tanto como desexan seus donos. E o diálogo amosa a preocupación de quen vive da cultura, da fermosa cultura de ler. Hoxe, mesmo semella un acto heroico vivir diso. E díxenllelo. E riron. Pero teñen a determinación de seguir adiante. Como desexaría convencer a todas as persoas que un dos regalos máis bonitos e ler un libro. Esta práctica, ademais, permite múltiples variantes: solitaria total, disfrutando dun café, por exemplo, mentres Leonard Cohen canta a Suzanne; solitaria parcial, ollando de cando en vez á túa parella con complicidade; colectiva, cando lle les un contiño a un ser querido, pequeno ou maior, porque nesas dúas idades a lectura é unha necesidade existencial; e máis que vós desexedes.

Pasou tempo e xa deixo estas liñas.