vendredi 3 février 2012

CRÁTER, DE OLGA NOVO

Olga Novo leva o verso da terra na súa ialma. Vexo nela a esencia do nós máis íntimo. E, non obstante, é ela quen se manifesta. O seu mundo. Pobra do Brollón. O rural emerxe, poderoso símbolo, para evocar tempos que se esvaen.

"O meu xenoma é unha rede de estradas secundarias
que incomunican a montaña ó val" (p. 15)

Xa somos maiores, Olga. Ti aínda non tanto, claro. Hai nostalxia e homenaxe ao que fai que ti sexas ti. A descrición dos lazos que unen a voz poética á terra fan que desexemos perdernos na noite estrelada e escoitar o lobo rumiar a fame dos tempos. Ese lobo que viches tan de preto que "desde aquela o meu medo é un gurú que ouvea na noite"

Non quero estender máis este convite ás "emanacións vitais" de Olga Novo "que poetiza o abandono do mundo rural galego e o seu resistente corazón residual, en loita contra o esquezo e o desleixo, e tentando sempre integrar a morte na vida e a vida na morte" (p. 7)

Só quero rematar con algunhas das imaxes coas que Olga Novo homenaxea ao seu padre:

"Maos.
O frío traballou nas túas maos coma un obreiro inverno tras inverno. Carretou toneladas de graos baixo cero á túa sombra. Labrou a artrose dos teus dedos coma un artesán maldito. Metéuseche tan dentro que apenas distinguimos a xeada de ti. (...). Non se sabe se foron antes as túas maos ou as cicatrices. (...). O teu corazón sacha coas maos agarradas á terra. Aquelas maos que descoñecen a ortografía pasan humildes pola la dunha ovella sen rabuñar o día. (...). As túas maos que non rezan pero cren nas estrelas e no poder dunha nube cargada de auga. (...). A terra das túas unllas é a única herdanza que desexo As túas maos papá as túas maos anciás de ouro e de fariña As túas maos nas miñas" (pp. 43-44)

CRÁTER, de OLGA NOVO, limiar de Carmen Blanco, editorial Toxosoutos, colección Nume, 2011.

2 commentaires:

  1. Grazas por abrir-me a este tesouro, mercarei o livro.

    RépondreSupprimer
  2. Lupe, grazas a ti por ler as miñas letras, e agardo que o libro che guste tanto como a min. Aínda, cada vez que o abro, descubro novas imaxes. apertas.

    RépondreSupprimer