mardi 23 septembre 2014

NOS MELISMAS DA PALABRA

Recoñezo que son temeroso
ante o silencio gozo 
coma dunha melodía
que se ergue      prolongada por una nota
sobre a noite que envolve o meu maxín

Si temeroso porque me asusta
coa anguria do desexable e agardable
ter que ser amable e predicible

son incapaz de debuxar unha liña recta

o folio en branco vive dos meus saltos
versos que van e veñen
sen orde aparente 
entre o mar de silencio desta noite

Mais
surrealista ou non
esta noite vive en min
agora neste mesmo intre de desexo 
é de dia e mesmo 
seguro un día gris acorde co meu silencio

Trátase dun refuxio necesario
aí onde rescato da mediocridade 
o uso da palabra maltratada
e lle aplico as cores das bolboretas

A palabra afirman algunhas voces 
é violencia
cando se esvae a dozura 

A palabra miña vive do silencio
desa nota que se pendura 
entre triste e nostálxica
das pausas 
cando a palabra tiña a forza
de defendernos do medo

Mais non hai derrota
na forza do meu silencio 
saben que respiran 
os significados e viven

Quizais esta miña nota
acade melismas que falen

da vida que teñen as palabras
en versos que nada teñen que dicir
só sentir e ser vida que morre




mercredi 10 septembre 2014

DESFACENDO A REDE QUE TECE O TOTEMISMO NEOLIBERAL

0. Eterno retorno de Mircea Eliade. Ou como voltamos aos erros do pasado máis recente sen ningún tipo de pudor. Esta idea vén a conto, non pensen vostedes, e agardo que ao ler este artigo entendan a miña desazón.

1. Agosto. Mes propicio para reflexionar sobre como a orde neoliberal tece a súa rede de pensamento e discurso. No debate parlamentario sobre o teito de gasto do 4 de agosto de 2014, a Conselleira de Facenda eloxiaba os logros da economía galega, doadamente reduplicados nos medios prosistémicos: volven a construción e o turismo. Todo vai ben.

2. Nese debate, quen escribe fixolles ver que era contraditorio dicir que todo vai ben, que melloramos, que crecemos -auténtico mantra do discurso neoliberal- cando o teito de gasto será en 20 millóns de euros inferior ao do 2014, 8.436 M€ fronte a 8.456M€.

3. O discurso neoliberal insiste en que Galicia, España están "na senda da recuperación". Mais é mentira. Estase impoñendo o tempo da pauperización estrutural. Isto é: salarios baixos, condicións laborais draconianas, precarización e inestabilidade, perda de calidade planificada dos servizos públicos, aplicación do receitario da caridade en vez de garantir dereitos de cidadanía, imposición de normas que desdemocratizan a cousa pública...todo, mentres os gurús alentan que a economía crece.

4. Estas constatacións colleron forza co último libro do filósofo Byung-Chul Han, En el enjambre, Herder, 2014, que vén ser a síntese dos tres libros anteriores e dos que presentei dous nesta columna en datas recentes.

5. Insistirei na necesidade de desfacer a rede que o neoliberalismo tece para envolvernos. Rede mental e conceptual. Rede dixital. E podemos estar de acordo ou non con Byung-Chul Han, mais ten o acerto de trastornar e perturbar os piares conceptuais do estilo de vida occidental, hoxe neoliberal: "Nos embriagamos hoy con el medio digital, sin que podamos valorar por completo las consecuencias de esta embriaguez. Esta ceguera y la simultánea obnubilación constituyen la crisis actual" (p. 11)

6. Unha sociedade sen "respecto" por nada. Rexorden e incrementan a súa forza as violencias de todo tipo. Conmocionan todos os días os actos de violencia machista e as mortes de mulleres. Centos e centos de persoas asasinadas polas armas en Palestina e noutros lugares do mundo. Ducias de persoas inmigrantes que morren nas fronteiras do primeiro mundo. Enfermidade dun tempo, dun sistema. Creba dos valores da democracia.

7. Sen respecto, sen distancia, non existe o público. O dixital vive da destrución do "íntimo". Ergue as bandeiras expositivas do anonimato, emporiso "matan" o respecto...que sempre se debe asociar a un nome. Mais mesmo ese nome é falso. Constrúe unha identidade para agochar os elos emocionais "inconfesados". Exposición pública baixo unha máscara deformante da identidade para confesar "verdades": como crer entón nesas verdades? Como crer entón na acción que din incardinar?

8. Nesta sociedade da exposición permanente, un clic suple a acción e a dialectica do cara a cara dentro do proceso de adopción dunha decisión. Individualismo da toma de decisión. Triunfo do neoliberalismo. E cando un pensa que actúa de forma contrasistémica desde as redes...por moita indignación que conleve esa actuación, esta debe ser corporalizada desde a organización e da reflexión dialóxica. Sen isto, nada hai estable. Todo se esvae. Modernidade líquida do posmodernismo tan querido polo neoliberalismo. "El nuevo hombre teclea en lugar de actuar" (p. 57).

9. Nese individualismo latexa a utopía capitalista. Individualismo que tingue de ilusión a toma de decisións, mesmo a que afecta ao noso propio vivir en sociedade: "pues hoy cada uno se explota a si mismo, y se figura que vive en la libertad" (p. 31). Matizarei, o concepto de explotación sen dominación que emprega o filósofo, xa que pode ser menos aparente ca no pasado, mais a dominación existe, de forma asociada, certo é, ao de "autoexplotación".

10. Byung-Chul Han acerta: o egoísmo e a atomización da sociedade fan que se encollan os espazos para a acción común, e impiden, con iso, a formación dun poder contrario que puidera cuestionar e confrontar a orde capitalista. Iso, precisamente, é o que está en xogo neste 2015 nos diversos procesos electorais: crear espazos para a acción común, para a transformación desde a esquerda e ser quen de desfacer a rede tecida polo neoliberalismo.

Xabier Ron
Compostela, 26 de agosto de 2014.