Recoñezo que son temeroso
ante o silencio gozo
coma dunha melodía
que se ergue prolongada por una nota
sobre a noite que envolve o meu maxín
Si temeroso porque me asusta
coa anguria do desexable e agardable
ter que ser amable e predicible
son incapaz de debuxar unha liña recta
o folio en branco vive dos meus saltos
versos que van e veñen
sen orde aparente
entre o mar de silencio desta noite
Mais
surrealista ou non
esta noite vive en min
agora neste mesmo intre de desexo
é de dia e mesmo
seguro un día gris acorde co meu silencio
Trátase dun refuxio necesario
aí onde rescato da mediocridade
o uso da palabra maltratada
e lle aplico as cores das bolboretas
A palabra afirman algunhas voces
é violencia
cando se esvae a dozura
A palabra miña vive do silencio
desa nota que se pendura
entre triste e nostálxica
das pausas
cando a palabra tiña a forza
de defendernos do medo
Mais non hai derrota
na forza do meu silencio
saben que respiran
os significados e viven
Quizais esta miña nota
acade melismas que falen
da vida que teñen as palabras
en versos que nada teñen que dicir
só sentir e ser vida que morre
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire