mardi 30 novembre 2010

O CÍRCULO QUE SE PECHA SOBRE NÓS

Ás veces, é certo: en tempos de baleiro, a filosofía pode enchernos. Descubrín a André Comte-Sponville hai un par de anos. Un libro sobre o de Rerum natura de Lucrecio e outro sobre aforismos e diversos tipos de reflexións sobre a súa actividade filosófica.

Hoxe caín sobre un libro seu, La felicidad, desesperadamente (Paidós, 2010) e, o baleiro, enchéuse. Que é a filosofía? Quédome coa definición de Epicuro:

  • "A filosofía é unha actividade que, mediante discursos e razonamentos, procúranos a vida feliz"

A vida feliz entendida de forma filosófica, isto é, sabedoría. Unha felicidade que se acada en relación coa idea de verdade. E quédome coa reflexión de Comte-Sponville:

  • "Máis vale unha verdadeira tristeza que unha falsa alegría".
Tamén que, nesa procura, o esencial é
  • "non mentir e, antes, non mentirse. Non mentirse sobre a vida, sobre un mesmo, sobre a felicidade"
Estou agora absorto na circularidade filosófica que establece o primeiro capítulo do libro, "La felicidad fallida o las trampas de la esperanza" (pp. 21-36). Neste capítulo repousa a esencia que move os fíos da insatisfacción permanente na que semellan moverse esas persoas que sempre queren máis...pensando, erradamente, que así serán felices.

Recolle o autor unha anécdota que Malraux contaba. Logo de atoparse cun sacerdote, Malraux pregúntalle: "Padre, dígame que descubriu, en toda esta vida de confesor...?" E O sacerdote responde: "La primera que la gente es mucho más desgraciada de lo que creemos. La segunda, que no hay grandes personas". Sublime!

Por iso, ensina Comte-Sponville, temos que aprender a filosofar, isto é tender a esa procura de felicidade (sabedoría), antes de que sexa moi tarde, definitivamente tarde. Eu diría que desde que poñemos o pé nunha escola a filosofía debera acompañarnos.

O sendeiro reflexivo lévamos a interrogarnos por que as persoas non son felices. E o motivo pode repousar no desexo e na carencia.

  • "Non hai amor feliz: mentres o desexo é carencia, a felicidade escápasenos"
Desexamos o que non temos. E proxectamos idea de felicidade sobre esa "conquista". Gústame a ilustración da anécdota de Proust na magna obra Na procura do tempo perdido. En efecto, mentres Albertine está lonxe del, sofre e padece, necesítaa e faría todo o que puidese para estar con ela; mais, cando está con ela abúrrese e está disposto a todo con tal de que marche.

Será certo o que Comte-Sponville di? Que é doado amar a quen non temos, a quen non vive con nós, que iso é estar namorado e que, cando temos o que xa non nos falta e nos aburrimos temos vida de parella e que iso "rara vez é suficiente para a felicidade"?

  • "A vida oscila, coma un péndulo, da dor ao hastío. Sofremento porque desexo o que non teño e sofro por esa carencia; aburrimento porque teño o que desde ese instante xa non desexo"
Si, concordo, o filosofar pode encher un baleiro e fai que un tenda ao camiño da sabedoría. E sabendo que somos, e cales son os nosos límites, e se descubrimos que podemos vivir de forma suficiente...quizais tendamos a esa felicidade, fin último da filosofía.

BANCA ÉTICA FRONTE A BANCA CONVENCIONAL

O amigo Raúl Asegurado expón e contrapón os intereses e fins da banca ética fronte á convencional. Desde AIS O PETO, asociación de interese solidario, ata FIARE GALIZA, pasando por COOP 57, hai formas alternativas e máis xustas de empregar o diñeiro...

E como proba, relacionada coas fusións e outras idioteces do sistema bancario español, a xenerosa oferta do goberno, que podedes ler na seguinte ligazón, onde se prometen axudas a cambio de peches de sucursais e despidos de traballadores e traballadoras...si señor...política social.

lundi 29 novembre 2010

SI EL HOMBRE PUDIERA DECIR, DE LUIS CERNUDA


Si el hombre pudiera decir lo que ama,
Si el hombre pudiera levantar su amor por el cielo
Como una nube en la luz;
Si como muros que se derrumban,
Para saludar la verdad erguida en medio,
Pudiera derrumbar su cuerpo,
Dejando sólo la verdad de su amor,
La verdad de sí mismo,
Que no se llama gloria, fortuna o ambición,
Sino amor o deseo,
Yo sería aquel que imaginaba;
Aquel que con su lengua, sus ojos y sus manos
Proclama antes los hombres la verdad ignorada,
La verdad de su amor verdadero.


Libertad no conozco sino la libertad de estar preso
en alguien
Cuyo nombre no puedo oír sin escalafrío;
Alguien por quien me olvido de esta existencia mezquina,
Por quien el día y la noche son para mí lo que quiera,
Y mi cuerpo y espíritu flotan en su cuerpo y espíritu
Como leños perdidos que el mar anega o levanta
Libremente, con la libertad del amor,
La única libertad que me exalta,
La única libertad por que muero.

Tú justificas mi existencia:
Si no te conozco, no he vivido;
Si muero, sin conocerte, no muero, porque
no he vivido

(Andrés Rubio, El árbol rojo. Versos para ceremonias laicas. 40 poetas ponen voz a nacimientos, bodas y funerales, Demipage, Madrid, 2010, pp. 19-20)

dimanche 28 novembre 2010

O DEREITO A ESCOITAR RELATOS

1. Todo neno e nena, sen distinción de etnia, idioma ou relixión, ten dereito a escoitar os máis fermosos contos da tradición oral dos pobos, especialmente aqueles que estimulen a súa imaxinación e a súa capacidade crítica.
2. Todo neno e nena ten dereito a esixir que seus pais e súas nais lle conten contos a calquera hora do día.
3. Todo neno e nena que por unha ou outra razón non teña a ninguén que lle conte contos, ten absoluto dereito a pedirlle ao adulto da súa preferencia que llos conte, sempre e cando este demostre que o fai con amor e tenrura, que é como se contan os contos.
4. Todo neno e nena ten dereito a escoitar contos sentado ou sentada no colo dos seus avós e avoas.
5. Todo neno e nena está no dereito de saber quen son os principais autores de contos. As persoas adultas están na obriga de poñer as súas historias ao alcance dos nenos e nenas.
6. Todo neno e nena goza a plenitude do dereito de coñecer as fábulas, os mitos e lendas da tradición oral do seu país.
7. O neno e a nena teñen dereito a inventar e contar os seus propios contos, así como a modificar os xa existentes.
8. O neno e a nena teñen dereito a esixir contos novos. Os adultos están na obriga de nutrirse permanentemente de novos e imaxinativos relatos, propios ou non, con ou sen reis, longos ou curtos...O único obrigatorio é que estes sexan fermosos e interesantes.
9. O neno e a nena sempre teñen dereito a pedir outro conto e a pedir que lle conten un millón de veces o mesmo conto.
10. Todo neno e nena ten dereito a medrar acompañado das aventuras de "Polgariño" e "Merlín", daquel cabalo que era tan bonito..."

Este decálogo reprodúzoo do suplemento Lecer do Galicia Hoxe (28-11-2010), onde se fala das fermosas iniciativas do "atrapador de contos", Anxo Moure....

AS XUNTANZAS PERIGOSAS

Hai unha novela francesa bastante reveladora do que acontece cando te xuntas de forma perigosa con xente coa que é preferible, quizais, manter distanciada nun primeiro momento. A novela é Les liaisons dangereuses.

Isto non é unha presuposta ración de elitismo literario. Sabemos que esa novela foi levada ao cine...e tamén que o presidente do Estado lévaa ao escenario político con enorme profusión.

Onte, sen ir máis lonxe, nunha foto de familia ben ilustrativa, ZP reforzaba a súa relación cos donos das fortunas enonómicas máis importantes do Estado e máis aló. Eses mesmos que recibiron enormes contías económicas porque non foron quen de percibir que estouraba a ilusión creada por eles e inoculada, coa compricidade de todos os medios de persuasión, no imaxinario social. Eses mesmos que, coa reforma laboral, aínda reciben máis liberdade pra despedir aos seus traballadores e traballadoras.

Resulta que ainda queren máis carnaza. Podemos tremer...ou podemos actuar. Os de abaixo non podemos seguir soportando os seus pés sobre as nosas gorxas...ou si?

Acelerar as reformas significa menos recursos pra os de abaixo, menos servizos públicos, menos defensas contra o ataque.

Non hai remedio posible dentro do capitalismo salvaxe. O neoliberalismo levou a ilusión irlandesa ao pozo. Agora coñecerán a receita neoliberal en todo o seu esplendor....diñeiro a cambio de privatizar servizos públicos. Ese é o pastel que buscan os poderosos. A xustificación téñena. A nós non deixar que nos convenzan de que é polo noso ben.

vendredi 26 novembre 2010

PINTADAS XENÓFOBAS E RACISTAS EN COMPOSTELA



Unha enorme parede da avda de Lugo en Compostela, e quen sabe se máis espazos, víronse sacudidos pola man racista e xenófoba da ignorancia, da estupidez e da imbecilidade humana máis absurda.

A reacción do grupo de Esquerda Unida foi radical. Puxémonos en contacto co Foro de Inmigración e elaboramos un comunicado que apoiamos con fotos.

O acto perpetrouse no manto que ofrece a noite para a covardía.

As mensaxes son ofensivas, directamente racistas e xenófobas.

Sempre hai xente que banaliza estes actos xenófobos e racistas, que non lle dá importancia. Eu penso que non se pode banalizar: a súa mensaxe destrutiva, populista e demagóxica prende. Queda no imaxinario.

Cando entrarán a paz, a concordia, o respecto, a relación intercultural neses imaxinarios? Ese é o duro reto do futuro...porque, de non acadalo, non haberá sociedade xusta e menos democracia.

Agardemos que o concello limpe canto antes este golpe á convivencia.

jeudi 25 novembre 2010

NÓS

Entregamos de nós
a vida enteira
en espasmos
en xiros
e agardamos na soleira da porta
á procura dunha ollada
dun sorriso
o ánimo preciso para saír e camiñar
sequera con medos arcaicos
tan primitivos que roen

Entregamos tanto de nós
día a día
que doe
cando no espello ves ausencias

Entregamos tanto de nós
día a día
que doe
cando nas mans respiras a soidade
devoradora
profanadora

Entregamos de nós
a vida enteira
ás veces sen nada
a cambio de todo
non queda nada

As rúas cementan nas torres
as esperanzas liberadoras das utopías

agarda nunha caixa forte a chave

Remata o día
e ao durmir soñamos de novo
que mañá ao espertar

quizais

algo quede en nós

19-novembro-2010

"Porque cada día hai que procurar as razóns para amar e ser"

mardi 23 novembre 2010

NON XOGUEMOS COAS VIDAS HUMANAS!

Semella que houbo exercicios militares con armas e fogo reais na fronteira, delicada e incerta, que separa o Norte do Sur do que debera ser, quizais, unha única e unida Corea. Eses exercicios, a pesar dos avisos do goberno do Norte para que se suspenderan, proseguiron e foron considerados como unha ameaza real. Ameaza á que o Norte respondeu con fogo e os do Sur con máis fogo real...Hai mortos e feridos...

Por favor non xoguemos coas vidas humanas....e menos en nome dunha territorialidade que debera resolver a diplomacia...se realmente existise esa palabra e se realmente fose unha negociación limpa entre Norte e Sur sen presenza dos EE.UU. desexosos de seguir coas súas estratexias en todo o planeta.

A Paz é o camiño! Sempre!

dimanche 21 novembre 2010

EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA


Faltan poucas horas. O desafío está lanzado. E non só contra as políticas privatizadoras da dereita de Feijóo, senón contra a propia climatoloxía -chuvia e negrura no ceo- e contra a nosa propia apatía como sociedade.

O capitalismo, escola da resignación, non pode levarse todo o que custou tanto esforzo á clase traballadora acadar.

Ás 12 h na Alameda de Compostela están convocadas todas as plataformas comarcais das distintas áreas sanitarias integradas dentro de SOS SANIDADE PÚBLICA e que agrupan a sindicatos, organizacións sanitarias, organizacións políticas, asociacións veciñais...

Agardemos un éxito de xente razoable. Que non teñan escusas para silenciar a protesta indignada da xente.

Os servizos públicos como SANIDADE, ENSINO, SERVIZOS SOCIAIS non poden colocarse baixo o paraugas cheo de buratos do lucro, da competividade empresarial. O ben público é o noso patrimonio. A nós demostrar que o queremos manter.

Xa vos contarei.

***

Éxito, como resposta, ollade o video que divulga Galicia Confidencial.

Apertas. E cómpre seguir na loita.

mercredi 17 novembre 2010

SOBRAN AS PALABRAS...

O FUME DOS COMPROMISOS ASINADOS

EIS A SOLUCIÓN CONTRA A POBREZA

Estudar aos ricos, non aos pobres. Sabemos moito destes últimos, e pouco dos primeiros. Iso pensaba, con razón Susan Georges. En certo modo, aínda que sexa dunha forma tanxencial, estas palabras insírense nese sendeiro.

O detonante foi, logo da semana contra a pobreza, ver como os tres grupos parlamentarios de Galicia asinaban –un máis- un documento contra a pobreza auspiciado pola Coordinadora Galega de ONGD’s. E como, en todas as tribunas mediáticas de medio mundo, saían fotos e discursos de compromisos e promesas de salvación...

No momento imaxinei que a sinatura, por parte dalgúns, formaba parte da representación dunha farsa, onde a palabra, por sortilexio das artes escénicas, se volve fume e inexistencia.

Días despois, cando coñecimos as diversas partidas orzamentarias da Xunta de Galicia para o 2011, nunha columna de opinión deste GC, vimos como desde a Coordinadora Galega de ONGD’s xa se laiaban da falta de compromiso coa Cooperación ao Desenvolvemento. Alguén dubidaba que iso ía ser así??

Se ollamos para a partida destinada no 2011 ao Plan de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, veremos como os 12.985 euros previstos son unha ofrenda ao fume liberador dos compromisos. E demostra a verdadeira faciana dos que din gobernar en nome de todas as persoas....

A voracidade do capitalismo salvaxe non coñece freo: millóns de persoas en todo o planeta viven na indixencia. Nos EE.UU. hai uns 45 millóns de persoas empobrecidas. De forma diaria, na gran vila capitalista chamada Nova Iork, unhas 1.500 persoas somerxénse no lixo á procura de alimento. En Galicia un 19,1% das persoas vive na soleira da pobreza, 5 puntos máis que en épocas de suposta bonanza da economía capitalista. Moito máis, xa daquela, que en calquera dos países centrais da UE. Entón, habería que preguntarse como é posible que iso puidese acontecer...

Jean Ziegler (El odio a Occidente, 2010) lémbranos que a austeridade aplicada ao Programa Mundial de Alimentos da ONU (de 6.000 millóns a 4.000 millóns) levou a suprimir en Bangladesh a anulación das comidas escolares destinadas a un millón de nenos famentos. E no campo de refuxiados de Kenia, 300.000 somalís só poden recibir unha ración diaria de 1.500 calorías, cando o pertinente sería 2.200 calorías.

E iso despois de que no ano 2000, cento noventa e dous estados membros da ONU asinaran en Nova Iork os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) que deberían levarse a cabo entre o 2000 e o 2015. Eses obxectivos falaban de: 1) erradicar a pobreza e a fame; 2) garantir a todos os nenos e nenas unha educación básica; 3) promover a igualdade entre sexos e a autonomía da muller; 4) reducir a mortandade infantil; 5) mellorar a saúde das nais; 6) combater a sida, a malaria e outras epidemias; 7) garantir a protección do medioambiente; 8) establecer un pacto mundial para o desenvolvemento.

Xa pasaron 10 anos e todos os índices que describen aos 8 ODM...non deixaron de medrar...en prexuízo dos máis empobrecidos. Asinar documentos é o que mellor saben facer os nosos desgobernadores, pero seguir as letras impresas do asinado....E iso é o que se agocha detrás do feito de que os desnutridos pasasen dos 785 millóns de persoas no 2000 aos 854 millóns no 2008. O cinismo dos países enirquecidos non deixa de ser aterrador.

Por iso, neste instante de naufraxio, a política de austeridade da política capitalista aínda doe máis. Aplícase a todo o que afecta á igualdade de oportunidades reais entre as persoas. E mentres, os ricos son máis ricos. As maiores fortunas da lista Forbes aumentaron o seu patrimonio con respecto ao 2009 (+0,5 billóns). Os bancos acaparan as vivendas embargadas. Os executivos volven a ter retribucións millonarias análogas ao 2007. Ante esta insultante demostración de inxustiza social, un pregúntase como os empobrecidos non reventan un sistema que os deixou sen vivenda, sen traballo e a expensas da caridade. E só podemos imaxinar que a poderosa máquina de persuasión do capitalismo fai todo o posible para asentar un seductor pero falso imaxinario que lle permita seguir dominando ao pobo.

Hoxe, o acceso á igualdade de oportunidades non é un dereito. O Estado acordou adelgazar conforme ao que queren os organismos de chantaxe internacional (BM, FMI, OMC) e ir minguando os recursos para manter uns servizos públicos de calidade, eficaces e eficientes. Sen servizos públicos, as xentes do común, as que realmente padecen as consecuencias do capitalismo salvaxe, non contan con nada para facerlle fronte á perda. Perdido o dereito, o Estado acepta entregar unha cantidade de diñeiro a empresas (normalmente relixiosas) para que se ocupen como poidan –malamente- da enorme e crecente cantidade de persoas que se achegan á procura de alimentos, roupa e un cáseque improbable traballo. O dereito vólvese caridade.

Como é posible que ningunha das medidas económicas de rescate financeiro dos bancos (na zona Euro en outubro de 2008 os Estados liberaron un billón setecentos mil millóns de euros) derivara nun beneficio real para as persoas? Porque esa non era desde logo a finalidade. A austeridade neoliberal derivou en ERE’s, desemprego, perda de vivenda, perda de dereitos, que só afectaron ás persoas do común. E os ricos, aproveitáronse ben da situación tal como demostran os incrementos patrimoniais dos máis ricos. No tocante aos españois: + 26,3% (Manuel Jove), + 17,6% (Alicia Koplowitz), + 54,5 (Botín), + 36,6 % (Amancio Ortega).

Fronte a este naufraxio, non cabe asinar documentos que non compremeten a nada. Deberan ser xudiciables. Procuremos alternativas. Por exemplo, e só poño unha pequena mostra: unha banca pública formulada segundo os preceptos da banca ética e solidaria; o establecemento dunha renda básica; unha fiscalidade progresiva que redistribúa a riqueza en forma de servizos públicos de calidade, eficaces e eficientes; academos que o acceso á igualdade de oportunidades sexa un dereito e non unha caridade.

mardi 16 novembre 2010

OS MUROS....COA CÁLIDA VOZ DE EDUARDO GALEANO

Hoxe, que estou triste, preciso escoitar a cálida voz de Galeano describindo o inxusto debuxo que recorre as liñas do planeta. Fala sobre todo do Sáhara. Fala de xustiza no medio dun océano de inxustizas.

Os seus muros 1 e o muros 2 relatan moi ben o meu sentir, o sentir solidario...

Escoitalo é comprender que hai entre as mans cando collemos unha morea de area e ...entre os dedos esváese sen que poidamos retela.

Hoxe estou triste porque sei que as Leis de Estranxeiría, como a española, tamén son un enorme muro que impide construción de proxectos de vida...e vaise unha persoa amiga quizais movida por esa imposibilidade, quizais movida polo desexo de voltar á súa terra transoceánica, quizais...

lundi 15 novembre 2010

OS DEREITOS HUMANOS NOS PASAPORTES

Xa comentei noutro espazo que fixen meu o adaxio de Grasci: "traballo co pesimismo da razón, pero co optimismo da vontade" e que iso derivou na miña propia frase exemplar: "se outro mundo é posible, a utopía é probable".

Por iso, anímovos a asinar a campaña para que nos pasaportes españois figuren artigos da Declaración dos Dereitos Humanos...quizais así os malvados, ao ver as letras impresas, se vexan impelidos a non ser...malvados.. O enlace pra asinar ven ao final do artigo que anima a facelo publicado en Rebelión.

OS CAMPOS DE GOLF XA NON PIDEN AUGA...PIDEN DIÑEIRO

Interesante lectura do artigo que publica Diagonal sobre o negocio (en caída libre) dos campos de golf. Ante pedían auga, agora piden o noso diñeiro. Lectura recomendable. Ah! e como se menciona no artigo até nisto o público entrégase ao lucro privado, a mellor maneira de gobernar de (Des)Esperanza Aguirre:

"En la Comunidad de Madrid hay previstos 28 campos de golf más
, la mayoría considerados públicos porque se harán en terrenos públicos, incluso en zonas protegidas, pero con gestión privada".

Sobran os comentarios do "ben" que están actuando estes desgobernadores dos bens públicos.

A SOLIDARIEDADE COMEZA NA LOITA POLA INFORMACIÓN NON MANIPULADA

A auga, o ben común, en constante desbaldimento. A información que contén o video que adxunto é elocuente. Acontece en Colombia, onde as forzas destrutivas queren acaparar todo para seu interese privado e lucrativo.

Colombia queda lonxe, certo. Pero podemos actuar divulgando e loitando de forma solidaria pra que se saiba que acontece. Non desexes para o próximo o que non queres para ti.

Enlace ao video que a TV Colombiana se nega a pasar.

samedi 13 novembre 2010

QUE É O DIÑEIRO?

Nesta ligazón explícase nun documental ben levado que é o diñeiro. O documental é un pouco longo, pero coido que na primeira media hora xa podedes aprehender o significado. E tamén pensar en como podemos disipar a néboa que nos envolve no camiñar que nos conduce de forma directa ao baleiro, ao acantilado...Que é o diñeiro?

vendredi 12 novembre 2010

GÜNTER WALLRAF E O "NOVO" RACISMO

Ler a Günter Wallraf, Con los perdedores del mejor de los mundos (Anagrama, 2010) representa un camiño cara ao peor de nós mesmos como sociedade. Por moito que fale da sociedade alemá, non deixa de ser unha luz sobre as zonas escuras da sociedade española, e tamén da galega.

Recollo algún fragmento inicial que ilustra perfectamente como reacciona a xente ante un "negro" (Wallraf disfrazouse de negro para levar a cabo o seu proxecto de investigación...."¿Como se vive en Alemania si uno es negro?".

Como grupo de apoio ía un grupo de persoas "brancas", a familia Hildebrandt. Nunha desas escenas, despois de que Wallraf tentara alugar unha vivenda, este é o diálogo entre a caseira e a familia Hildebrandt:

"Sra. Hildebrandt: Llegamos un poco pronto...
Casera: No es nada. Yo ya estaba muerta de miedo. Ha venido un inquilino, un negro. A ése no lo puedo aceptar yo en esta casa.
Sr. Hildebrandt: Ah, sí, el que acaba de irse.
Casera: Aquí no encaja. Quería echar un vistazo al piso, aunque claro, por teléfono no puedo saber cómo es. Pero en esta casa no.
Sra Hildebrandt: ¿Qué clase de gente vive en el edificio?
Casera: Qué quiere que le diga. Bueno extranjeros como ése no. Yo no quería, de ninguna manera, no quería, pero...un negro. Negro como el betún, no me gusta nada...." (pp. 15-16)
Esta experiencia é máis habitual de que podedes pensar. E nas nosas cidades tamén. Isto, é un comportamento racista.

Acerta Wallraf na seguinte reflexión:
"Esto probablemente significa la variante moderna del racismo: "No tengo nada en contra de ellos. Pero, por favor, aquí no. Aquí no encajan." El racismo rancio niega al otro en general la dignidad humana y el derecho a la existencia, y es perfectamente palpable cuando el extraño se atreve a entrar en la jurisdicción del blanco. El racista moderno lo trata de otra manera. Le reconoce dignidad humana y el derecho a la existencia, pero de un modo abstracto, sólo mientras se mantenga a distancia. Con todo, en su círculo, el blanco sigue tratándolo indignamente" (p. 29)

No libro hai moitos máis casos de como estamos construindo a sociedade. Mentres os discursos de intelectuais, de elites universitarias, de políticos sigan instrumentalizando ao migrante connotado etnicamente como "capital" laboral e demográfico, a nosa sociedade non sera unha sociedade de acollida. Ademais, permitiremos o reducionismo e alentaremos comportamentos racistas. Mentres sigamos mentindo sobre o "racismo" da sociedade do noso contorno, nada poderemos avanzar.

samedi 6 novembre 2010

FOISE O BO DE HERMINIO BARREIRO...MESTRE DE MESTRES


Hoxe, o mestre de mestres, Herminio Barreiro, foise, de forma apresurada; mais déixanos a súa lembranza de home marabilloso, bondadoso, que sempre dicía aprender, que sempre escoitaba aos máis mozos.

Tiven a honra de compartir charlas, actos, campañas co camarada Herminio Barreiro. Del aprendín moito.

Hoxe, quedamos un tanto orfos.

TEXTO DE HERMINIO BARREIRO PARA A HOMENAXE QUE ÍA RECIBIR MAÑÁ

Comunismo e predeterminación

Dicía Carlos Castilla del Pino que cando un contempla a súa propia vida dende a altura dos anos,dende moito máis alá del mezzo del camin della nostra vita, sempre atopamos algunha razón para arrepentirnos de algo.

Pero aínda que así sexa, non por iso un está disposto a renunciar á súa propia vida.

Ás veces, temos a impresión de que a nosa vida xa estaba escrita, ou, como se di a miúdo, o destino xa estaba escrito.

Mirando retrospectivamente, parece que a nosa vida só puidera ser así e non doutra maneira. Polo menos, así nos parece hoxe.

Se a min me preguntan por qué escollín o comunismo como ideal de vida e como o xeito máis eficaz de transformación do mundo, respondería falando das condicións sociais vividas, das circunstancias, de cómo a realidade determina a conciencia, da educación recibida e do selo propio tempo e dun país.

Pero hoxe –deben ser os anos- teño a impresión de que ese foi a única escolla posible. E como se pensase que non tiven ningunha outra posibilidade. En fin, é como unha sensación de predeterminación.

Agardemos, pois, que o socialismo sexa quen de destruír a barbarie.

mardi 2 novembre 2010

NOVA WEB DE FRAN P. LORENZO

Ola amigos e amigas que entrades nesta soleira vermella.

Hoxe engadín na columna da dereita a ligazón á web de Fran P. Lorenzo. Agardo que sexa do voso disfrute a súa lectura.

Coa razón
os xigantes de aceiro
non poden
nin poderán
xamais

ARTIGO DE ALFREDO IGLESIAS

Agradezo a cesión deste artigo, que terá continuación, de Alfredo Iglesias Diéguez. A irracionalidade leva a que persistan certos comportamentos dignos de ditaduras, pero que, en realidade, se insiren nunha dinámica onde os que dominan e teñen privilexios non queren que ninguén llos poda xa non eliminar, senón nin criticar. Supoño que a bo entendedor, poucas palabras, e que saberán interpretarme...

saúdos e apertas

**********************************************************

Eloxio do ateísmo (I)

Alfredo Iglesias Diéguez

É aleccionador reflexionar sobre o extremismo ateo do século XX

Benedicto XVI, logo de equiparar o ateísmo coa

tiranía nazi, que pretendía erradicar a Deus da sociedade

Reflexionemos, entón.

Posiblemente, ao pensar no ateísmo, evocamos intuitivamente a máxima que aparentemente o define: 'Deus non existe'. Porén, esa máxima, coa que nunca me atopei cómodo, reflicte un ateísmo vulgar ou, por dicilo dun xeito quizais contraditorio, cristián; máis axeitado sería, quizais, realizar a mesma afirmación en plural: 'os deuses e as deusas non existen'.

Con todo, tampouco esa afirmación sería certa. Acaso temos os ollos tan pechos que non vemos as numerosas manifestacións relixiosas realmente existentes? As diversas manifestacións arquitectónicas que se construíron e constrúen para honrar aos deuses e ás deusas (Partenón de Atenas, santuario sintoísta de Itsukushima...); as manifestacións artísticas e literarias que ensalzaron e ensalzan aos deuses e ás deusas (frescos da Capela Sixtina, relevo de Durga vencendo ao demo na cova de Mahisasaramardini...; a sumeria Epopeia de Gilgamesh, o Popol Vuh maia...); os innumerables rituais nos que se evoca unha vida despois da morte, unha das crenzas relixiosas máis espalladas polo orbe, e as manifestacións arquitectónicas a que deron lugar (as pirámides de Exipto, o Taj Majal da India...); as numerosas manifestacións de devoción persoal (dende as peregrinacións -como a que protagonizará o Papa Benedicto XVI a Santiago de Compostela-, que son tan frecuentes nalgunhas relixións -a Meca, Xerusalem ou Benarés son algúns deses lugares de peregrinación-, até o misticismo, que conduce á éxtase, ás visións e a obrar milagres, pasando por outras prácticas tan comúns como xexuar, dar esmola aos pobres, orar ou consultar oráculos); as numerosas expresións dun mesmo discurso ideolóxico, tanto teolóxico como filosófico, que son incomprensibles sen a idea de Deus; sen esquecer, por suposto, á multitude de persoas de diferente condición que ao longo da historia dedicaron as súas vidas a servir ás divinidades, nin, obviamente, aos millóns de vítimas inocentes, executadas, violadas ou atemorizadas, por xentes que, para realizar esas atrocidades, invocaron e invocan a existencia dos deuses e das deusas...

Daquela, semellante evidencia a prol da existencia dos deuses e das deusas obríganos honestamente a recoñecer a súa existencia. Porén, ante ese feito, cómpre optar entre dúas opcións: a primeira, aquela que manifestara hai xa 2.500 anos Epicuro, que nos animaba a desterrar calquera temor aos deuses e ás deusas, xa que non interveñen no noso mundo; a segunda, afirmar que os deuses e as deusas existen, certo, pero tan só como creacións humanas cun obxectivo evidente de dominación do pobo, aínda que a algunhas persoas procúralles gran conforto persoal.

Neste sentido, o ateísmo, en tanto que nos libera da tutela dos deuses e das deusas, é a condición necesaria da razón científica e da razón democrática, pero diso falaremos a vindeira semana.