Affichage des articles dont le libellé est COMUNISMO. Afficher tous les articles
Affichage des articles dont le libellé est COMUNISMO. Afficher tous les articles

mardi 31 octobre 2023

REGRESA A PANTASMA? SOBRE O KOMMUNISTISCHE PARTEI ÖSTERREICH

A prensa de dereitas -e non forzamente desta ideoloxía- lanza, desde os inicios desta década 2020, libelos nos seus medios sobre o triunfo do comunismo que representa o KPÖ. Xogan coa súa probable presenza na alcaldía de Graz no 2024 (Stalingraz; Leningraz) ou desprestixian mesmo a posibilidade de que sexan comunistas. Todo con tal de frear algo que semella imparable, polo de agora. 

 Archivo:Elke Kahr 02-03-2016 2 k.jpg - Wikipedia, la enciclopedia libre

Se no 2024 é posible que exista un alcalde do KPÖ na cidade de Graz (150 mil habitantes; candidato Kay-Michael Dankl), na cidade de Salzburgo (284 mil habitantes) xa goberna desde o 2021 unha alcaldesa comunista, Elka Kahr. En efecto, nas municipais do 2021 os comunistas acadaron un histórico 28,9% dos votos en Graz e nas rexionais a suba experimentada augura un alcalde comunista no 2024. 

 Kay-Michael Dankl schafft KPÖ-Sensation im konservativen Salzburg |  Nachrichten.at

Pode un, ollando o que acontece neste noso triste país -a ese respecto, cómpre pensar nun verdadeiro comunismo e non no posibilismo dos asentos congresuais que cala as principais demandas para asumir un programa socialdemócrata descafeinado -como moito- e que prefire chamarse 'progresista' a definirse claramente de 'esquerdas', e menos aínda, claro meu Deus, como 'comunista'. Se ollamos o mapa estatal de cidades teríamos o caso de Zamora (61.827 habitantes) e de Francisco Guarido. E...nada máis! 

 

Cal é a receita que aplica o KPÖ en Austria?

Seren coherentes entre o que se afirma no discurso e o que se leva a cabo no día a día. Predicar co exemplo. E defender á clase traballadora nos asuntos que máis preocupan: o custo de gas, calefacción, electricidade e sobre todo o acceso a unha vivenda digna ante o seu encarecemento. O lema "Vivir non pode empobrecer" é a carta de presentación dunha política que quere construír vivenda pública para que as persoas non destinen máis do 25% do seu salario á vivenda. Pensemos que o Eurostat sinala que o 40% dos españois destina máis do 40% do seu salario a vivenda. 

Predican co exemplo tamén co salario que perciben, xa que dos 6.100 euros quédanse cun 30% (case 2000 euros) curiosamente, tal como facíamos EU en AGE (2012-2016). 

O traballo cotiá de defensa da maioría social quere evitar que toda alternativa ao capitalismo sexa imposible de concibir. Tratar as necesidades básicas, conter e facer retroceder o libre mercado, todo con tal de que os intereses e beneficios non prevalezan os dereitos da maioría traballadora. Isto sería o comunismo para os máximos expoñentes do KPÖ. 

Un espello no que mirarse?

Brión, 31-outubro-2023

Xabier Ron (comunista heterodoxo)

(Fonte: Ricardo Ginés, "Los comunistas, a las puertas de Viena", El Viejo Topo, nº 430, novembro 2023, pp. 13-17)

lundi 13 avril 2020

14 DE ABRIL...CICATRICES NA MEMORIA


Cicatrices
soterradas na néboa
da desmemoria
no quilómetro cero
onde morreron
as esperanzas libres


Aínda respiro
os pasos desesperados
da avoa
á procura do avó
idas e voltas
ao redor dos rumores


Cada semana
un novo sendeiro
xa andado
xa perdido
coma se os indicios
abrollasen
cada primavera


A avoa non fala
cala a raiba
das olladas mesquinas
das maledicencias
das delacións
covardes dos verdugos
Véxoa
insiste con digna
resistencia


Mañá
serei eu
avoa
quen percorra
as beiras dos camiños
repousa avoa


mardi 31 mars 2020

ENTRE AS CREBAS O RONSEL DA MEMORIA

Invernía cruenta fustrigas a pel
feríndonos
deixándonos sempre
un pouco máis orfos

A marusía desfai os baixos
o vagallón dános forte
hoxe
imos desorientados 
á procura do Faro
pois o camarada SERAFÍN MOURELLE
home de sal e mar
no medio desta dura galerna de virus
de confinamentos e desesperanzas
fóisenos onte

Permanece o ronsel da súa singradura
no océano vermello do comunismo
a súa honesta visión das penurias
que soporta a clase traballadora
o seu xesto amable e protestón

Entre as crebas do naufraxio
fica a túa memoria
a que nos une 
e dá azos 


Sirvan estes improvisados 
mais sentidos versos
para despedirme de ti CAMARADA



Xabier Ron
31-III-2020

dimanche 13 octobre 2019

SEN POSIBILIDADE DE ACCEDER A UNHA VIVENDA DIGNA

Outra columna máis...que nace ao albur das lecturas dominicais. Desta volta, sobre o alugueiro e o acceso a unha vivenda digna. Un dereito que estoura debido a diversos motivos que veremos de seguida.

Os titulares de LVG, dentro da súa edición local de Compostela, son evidentes: "Solo hay pisos para alojar a 320 personas"; "Las pocas viviendas que hay para alquilar son indecentes y carísimas".

Non será porque non o advertimos xa hai algún tempo neste mesmo blog: o acceso á vivenda está envolto nunha burbulla que terá gravísimas consecuencias sociais. Agora, como vemos nos titulares, os propios medios recollen testemuñas que deberan anoxar aos poderes públicos. 

O defensor do público debera ser un contrapeso fronte ás dinámicas salvaxes da selva do mercado capitalista. Mais, por desgraza para os nosos dereitos, actúa coma un mero xestor dos intereses mercantís e 'deixa facer', emulando o dito de Vincent de Gournay, pronunciado no século XVIII, "laissez faire, laissez passer". 

Compostela está a piques de chegar a un punto de non retorno e ser definida 'inhabitable' para futuras xeracións. Hoxe, as dinámicas do capital e o 'deixa facer' expulsan cara ás localidades veciñas a duciais e ducias de persoas, tal como acontecera nos inicios de século XXI, até que rebentaron as costuras da burbulla inmobiliaria nos anos 2007-2008. 

Este 'deixa facer' ten / terá gravísimas consecuencias de tipo social e convivencial se o servidor do ben público non decide atrancar o paso ao dito de Vincent de Gournay e poñer en marcha outro tipo de políticas. Mais o servidor público debe abandonar a covardía e garantir os dereitos da cidadanía, consagrados no texto constitucional, e defender e afortalar os servizos públicos. 

Mais...non se preocupen...seguiremos sen dúbida a peor. Non o dubiden as persoas lectoras. Vexamos con brevidade, quizais panóptica, O QUE HAI e, sobre todo, O QUE NON HAI. 

1) NON HAI...ética individual e colectiva. Desaparecida, podemos dicir que está en búsqueda e captura. HAI cobiza e especulación co valor de uso que debe caracterizar a vivenda. HAI un desaforado desexo de gañar sempre máis diñeiro, aínda que sexa tendo vivendas en miserable estado de habitabilidade. 

2) NON HAI...unha oferta de alugueiro para responder ás necesidades sociais. NO FONDO...segue a sacrosanta idealización do SER PROPIETARIO, por iso, nada se fai co alugueiro. NON HAI parque público de vivendas en réxime de alugueiro social...HAI un enorme parque de vivendas baleiro (circa 9000 en Compostela). HAI unha oferta ilegal e legal (desmesurada) de pisos para turismo de masas tanto de forma individual como a través de palataformas como AIRBNB [Todo...un cancro para o dereito constitucional a unha vivenda digna]. En Alemaña, cidades recuperan de fondos de investimento os centos de vivendas que compraron a prezo de ganga...triste dar diñeiro aos canallas, desde logo, pero veremos se non é, debido á inoperancia dos nosos gobernantes, o único sendeiro...

3) NON HAI ningún tipo de control sobre esa oferta de pisos turísticos. O 'deixa facer' é a única estratexia do xestor público dos intereses privados. A este respecto, recomendamos a lectura do libro de Ian Brossat, La ciudad uberizada (Katakrak, Iruñea-Pamplona, 2019) e como, desde o seu rol de tenente alcalde de París e da súa responsabilidade de 'Vivenda, Emerxencia habitacional, e Vivenda Sostible', desde o 2014, se desvive para frear o monstro AIRBNB e todas as prácticas de presión que desenvolve a plataforma rentista (en nada colaborativa)...que, por riba, declara millonarios beneficios (en Francia, no 2016 declarou só 330 880 euros cando presumía de ter 10 millóns de franceses como usuarios) que non repercuten na caixa común da facenda pública para seren redistribuídos.

Conclusións apresuradas: 

1) O futuro goberno...se quere pasar á historia futura como goberno de esquerdas, ten que, unido a unha acción de servizo público das administracións nacionais, provinciais e locais:

a) Traballar para solucionar o problema de acceso a unha vivenda digna e garantir o dereito constitucional que nos asiste.
a.1) Crear un parque público de vivendas en réxime de alugueiro social.
a.2) Aproveitar a forza da lei para que as vivendas baleiras se incorporen a ese parque público.
a.3) Dispoñer de ferramentas normativas que impidan o lucro e a especulación e poñer límites ás plataformas como AIRBNB e ás propias asociacións de pisos turísticos que nacen ao abeiro do 'cheiro a diñeiro fresco' que trae o turismo de masas.
a.4)  Ao mesmo tempo, hai que meterlle o dente ao mercado do traballo e derrogar a reforma laboral para recuperarmos dignidade en contratos, condicións, dereitos e salarios.
a.5) Garantir un sistema de pensións público digno.

Corolario
Sen ética é imposible a vida pública. Precisamos unha ética solidaria con todas as persoas sexan de onde sexan. Necesitamos unha xustiza redistributiva e equidade social sen exclusións. 

Verémolo...despois do 10 N????


mardi 5 mars 2019

CANDO NADA TEN SENTIDO. VERSOS FERIDOS PARA JON SÁEZ

Xantei coa nova. Algo que nunca desexas recibir: a morte dun camarada. Non o crin. Pensei que alguén errara coas siglas. Preguntei. Non, non había marxe para o erro, tristemente. Ao redor das 14h30 enterábame que o compañeiro Jon Sáez morrera atropelado en San Cibrao das Viñas. 

Sempre que morre un mozo coñecido ou amigo experimento unha creba no meu interior. Un esgazamento. Non hai morte entendida cando un é novo. Sempre se nos escapa. Ficamos orfos de todo. 

Cando pecho os ollos vexo ao Jon entusiasta, intrépido, ás veces de máis, como debe ser na mocidade. Vexo ao Jon alegre, unha sana alegría, cun sorriso que contaxiaba. Lembro as súas imitacións e non podo evitar sorrir.

Grazas Jon pola túa xenerosidade, por ese compromiso  coa esquerda, co comunismo e coa República que nos unía no PCG e en EU. 

Ninguén morre cando o lembramos, cando permitimos que salfira a nosa memoria. 

Pola miña banda, camarada Jon, lembrareite.  

Todo o meu agarimo e forza para a túa familia e amizades.

Apertas desde un chuvioso e frío Brión. 


VERSOS FERIDOS

Desafío 
frío

non hai versos amables
só un laio
pola inmisericorde 
morte

No combate de Don Carnal
perdimos ao irmán
ao camarada

A fouce e o martelo
ondea xa no ceo dos ateos
a forxa do compromiso 
permanece
tan inalterable 
como o esperanza nosa
que hoxe serve para honrarte

'España mañana será republicana'

Para Jon Sáez, 05-03-2019

 
 

lundi 4 mars 2019

POR QUE VOU IR Á FOLGA O 8M

Cando comecei a escribir estas liñas ignoraba en realidade cara a onde me levaría o texto. Só sabía que quería partir da aseveración seguinte, NON SON FEMINISTA, non como unha provocación, antes ben como unha toma de conciencia e como unha denuncia do uso e abuso da caracterización por parte non só das mulleres, o cal sería lóxico, senón mesmo por parte dos homes que, mesmo algúns que teñen espazo propio na representación política, tenden a fracturar ao atribuír trazos secundarios (feminismo liberal, facendo un mal uso, por outra banda, do valor de liberal).

Concordo coa observación de June Fernández cando afirma que "a tarefa principal dun home que se di feminista é recoñecer os seus privilexios e emendalos, e que isto pasa por retroceder, por ceder espazos, por escoitar máis e falar menos" ("Los riesgos de una feminista profesional", La Marea, marzo 2919, nº 69, pp. 46-47). Isto concorda, en certo sentido, coa miña forma de ser: escoitar reflexivamente e só falar se é preciso. En canto ao acto en si, o de emendar, lembro que Berto Romero decidiu el mesmo igualar o seu salario ao da súa compañeira de reparto. Actos así son a potencia da igualdade que debemos conquerir.

A toma de conciencia acompáñase da observación e da reflexión de que os homes non debemos ocupar un espazo que debe gozar da representación (se non única, si maioritaria) da muller. Non son feminista. Non. Participo das súas reivindicacións e tanto podo eloxiar como criticar cando se realizan actos confusos que poden conducir a procesos de exclusión antes que a unha sociedade inclusiva...tal como o fago cos representantes masculinos que insisten en perpetúar os piares dunha sociedade capitalista, machista, exclúinte e desigual.

Hoxe, cando todo é susceptible de ser levado á tribuna do espectáculo, cando os termos son desposuídos do seu valor, cando todo o mundo,de forma interesada, se declara feminista, tal como se declara non racista, pregúntome, de forma deliberadamente retórica e inxénua, como é que cada ano morren ducias de mulleres asasinadas polos seus compañeiros ou centos viven nun inferno de terror que silencian baixo unha pel magoada.

Sempre fun activista polos dereitos humanos, desde que teño lembranza, e practiquei, sempre desde a esquerda, a ética e o respecto polos outros seres humanos que me rodean, que comparten conmigo este mundo. A loita pola igualdade radical entre todas as persoas, sexan de onde sexa, sexa cal sexa o seu sexo, a súa etnia, a súa condición.

A folga é a mellor ferramenta que ten a clase traballadora para defenderse da patronal, para reclamar os seus dereitos, para esixir melloras. O 8M irei á folga por solidariedade coas mulleres e porque onde hai conflito, resistencia e loita ten que existir conciencia de clase e unidade da clase traballadora.

lundi 14 janvier 2019

100 ANOS SEN ROSA LUXEMBURG, ASASINADA POLA COVARDÍA DA BARBARIE



De maneira inevitable, Rosa Luxemburg acompañoume desde hai bastante tempo a través do seu pensamento e as súas obras. Hoxe, 15 de xaneiro de 2019, cúmprense 100 anos do seu asasinato a mans dos miserentos que capitaneaban, entroutros, Ebert e Noske.

Con ela morreu tamén asasinado Karl Liebknecht. O nome de Rosa Luxemburg únese na memoria deses tempos convulsos ao doutra ilustre muller revolucionaria, Clara Zetkin que, xunto con Rosa e Karl idearon e puxeron en marcha o partido espartaquista e participaron na do Partido Comunista Alemán, cuxo congreso fundacional tivo lugar en plena Revolución xermana, o 31 de decembro de 1918.

Rosa nacera en Polonia o 5 de marzo de 1871 e desde moi nova demostrou o seu compromiso humano coa causa dos máis desfavorecidos, coa causa da clase obreira sendo así, que aos 18 anos xa ten que fuxir para non ser detida. Trasládase a Zúrich, onde coñece a Leo Jogiches en 1891 e co que manterá unha relación ata 1907.

Compartimos o criterio daqueles que a identifican polo seu humanismo socialista, polo seu pacifismo, pola súa constante denuncia do militarismo e do imperialismo e radical defensa do internacionalismo. Loxicamente, non imos coindicir en todo, mais Rosa sabería dialogar e discrepar con nós, argumentando. Pero naquel mundo que lle tocou vivir, debeu loitar non só contra o machismo, senón contra as traicións daqueles que deberan erguer a bandeira da liberdade, do socialismo e da democracia.

Rosa sabía que o principal era a toma de conciencia para poder artellar algo, mesmo o proceso revolucionario: a clase traballadora debía ser consciente da súa condición. Rosa non abrazou ningún dogma, todo era perfectamente discutible. De feito, unha das súas consideracións máis interesantes que destacamos é a que realiza sobre a liberdade:

“A liberdade é sempre unicamente liberdade para quen pensa de modo distinto [...] e perde toda eficacia cando a liberdade se volve privilexio”

Isto é...en nome da liberdade non se pode, precisamente, atacar o seu fundamento que é, tamén, o que sucede hoxe, onde a liberdade é só apariencia e vive sometida ao imperio da arbitrariedade e de dogmas (un deles o do pensamento correcto) así como de leis realizadas para demoucala (lei mordaza).

Coñeceu o cárcere en numerosas ocasións e non por iso renunciou á súa loita. Exemplo de coherencia e insistencia ideolóxica. Coherencia que non acompañou a algúns personaxes que abrazaron a causa ‘socialista’ para traizoala e tinguila de sangue e morte como foron Ebert e Noske. Estes foron os contrarrevolucionarios covardes que dispararon contra o pobo, contra a clase traballadora. Estes foron os covardes que puxeron prezo á vida de Rosa e Karl por 100 mil marcos. Rosa víase na obriga de durmir cada noite nun sitio diferente para evitar que a matasen.

Os usurpadores do socialismo planificaron decididamente a morte dos desexos de emancipación do pobo e reprimiron cunha brutal violencia o proceso revolucionario, tal como o exemplifica a histórica manifestación do 5 de xaneiro de 1919, en Berlín, onde centos de milleiros de persoas solicitaban poder tomar as rendas do seu futuro e, despois de elixires un comité revolucionario, Liebknecht anunciaba que se debía derrocar o goberno de Ebert (non así Rosa que pensaba que todo era demasiado prematuro e que faltaba organización e que todo podería rematar nunha matanza...como así foi). Ebert e Noske limparon con sangue a Revolución, aínda non se sabe realmente cantas persoas morreron ese día.

10 días despois detiveron a Luxemburgo, Liebknecht e Pieck. Despois de seren torturados, son executados por quen, anos despois, formaría parte das forzas de seguridade do nazismo ben dirixidos polos traidores e covardes. Rosa Luxemburg recibiría o disparo na tempa do tenente Kurt Vögel, que pasará á historia por ser o asasino da chama ardente da Revolución.

Este 15 de xaneiro de 2019, cando as mulleres saian á rúa a pedir que non se negocien gobernos sobre os seus dereitos como en Andalucía, o espírito de Rosa Luxemburg, de seguro, andará con nós recordando a esencial loita pola emancipación do ser humano.

A Rosa Luxemburg, 15 de xaneiro de 2019, no Centenario do seu asasinato


Xabier Ron