dimanche 4 juillet 2021

‘RESPONDE TI, MERLO QUE CANTAS NO XARDÍN’

 

O título é a frase final do libro de Abel J. Herzberg, Amor fati. Siete ensayos sobre Bergen-Belsen (Siruela, 2021). Resume de forma maxistral o azar que acompaña ás nosas vidas. Nada máis perigoso que esas persoas que pensan que o saben todo, incluso que acontecerá no futuro. Herzberg sabe do azar, ese que permitiu que sobrevivise á experiencia sempre traumática do campo de concentración de Bergen-Belsen entre o 11 de xaneiro de 1944 e o 9 de abril de 1945, onde estivo prisioneiro coa súa muller.
Abel J. Herzberg: Amor Fati | DistritoJazz 

Cómpre dicir que Bergen-Belsen non era un campo de exterminio como Auschwitz, senón un campo de intercambio de prisioneiros; non obstante, a medida que avanzaba o final da guerra, e desde 1944, os alemáns trasladaron a Bergen-Belsen ducias de milleiros de prisioneiros. Déronse mesmo casos de canibalismo. A morte viña coa fame, coas enfermidades.

O libro contén os sete ensaios que escribiu cando comezou o xuízo a Josef Kramer, comandante do campo de Bergen-Belsen, tan só un ano despois. Despois de seren publicados nun xornal neerlandés, foron reunidos nun libriño en novembro de 1946.

O estilo do autor é sempre mediado pola conciencia da necesidade de marcar certa distancia emocional, de non perder de vista a racionalidade do relato. Pero iso non impide que captemos con plena intensidade o significado da perversión levada a cabo polos nazis: “todo o que fixeron os nazis (...) fixérono con gusto e ledicia” (p. 25). Como aconteceu iso? pregúntase o autor. A resposta non se liquida cun ‘eran uns criminais’, xa que, en boa medida, eran persoas correntes.

No fondo, ademais da alienación e manipulación, o certo é que, en primeira instancia, sen ética e sen a razón verdadeira só impera a emocionalidade máis burda. Sen o freo que significan a ética e a razón, a violencia ten libre o campo. Vémolo, por desgraza, nestes días nas rúas galegas, con comportamentos bárbaros e salvaxes. Coas malleiras. Co comportamento irracional ante a ‘chamada da liberdade’ despois de tanta restrición. Vémolo co constante asasinato de mulleres. Co asasinato do mozo coruñés: por axudar a unhas amigas ou por ser homosexual, foi a violencia covarde duns salvaxes a que o asasinou.

Herzberg define moi ben a ese home nazi: “é un recipiente sen contido. Está oco. (...) non é un home, senón unha cousa. Un recipiente baleiro. (...). O partido nazi creouse sobre ese baleiro (...). Porque o home que non ten conviccións e non sabe o que quere nin ten a intelixencia necesaria para adquirir coñecementos, e que en realidade o que desexa é non ter que elixir (pp. 50-51). Seguen ordes coma gando. Sen cuestionamento. Construíronlle unha conciencia de patria sobre a grandeza da raza aria e de Alemania.

O artigo sobre os capos (pp. 37-57) é ben interesante. Nel describe como funcionaba esa metáfora do prisioneiro que é vixiado por outro prisioneiro. Aceptaban as normas nazis de seren submisos e aplicar con severidade e violencia as normas de funcionamento, a cambio de certos privilexios como unha mellor comida. Toda protesta era reprimida con violencia: “o capo non admitirá que serve os nazis. Convencerase a si mesmo, e convencerá aos demais, de que actúa polo ben de todos. Pero só actúa polo seu propio ben” (p. 55).

E de onde proveñen eses capos? “En consellos de administración, asociacións, organismos públicos, oficinas e fábricas, entre os funcionarios, os militares, os traballadores sociais e os encargados, é doado identificar a aqueles que terían sido capos nun campo de concentración” (p. 57).

 

Se somos fragmentos, entes solitarios que só nos preocupamos por nós mesmo, se insistimos nese egoísmo tanto individual como grupal (‘son os meus’), nada é posible. Hoxe, no escenario da sociedade e da política vivimos ese egoísmo, que separa as persoas en illas diferenciadas e separadas. O diálogo é unha mera pose, unha entelequia. A racionalidade e a ética sucumben ante o deformante berro emocional. A lectura de Herzberg serve moi ben para darse conta sobre os erros que cómpre non cometer se queremos, de verdade, convivir en sociedade.