jeudi 30 septembre 2010

SOBRE H.T. (HORROR TOTAL) E A SÚA VISIÓN DA FOLGA

Pensando sobre as declaracións do H.T. (Horror Total) nos medios de desinformación masiva da dereita cualificando de matóns e mafiosos aos sindicatos por animar, mediante os piquetes informativos, ao peche das empresas....

ENTÓN, PÍDOLLE QUE TEÑA A DECENCIA (QUE NON A TEN) DE OLLAR PARA O ENORME BANDULLO DOS SEUS AMIGOS E AÍ VERÍA A UN (PRESUNTO, NON VAIA A SER QUE SE ME ENFADEN) MAFIOSO QUE, CURIOSAMENTE, É XEFE DE ESPECULADORES E GRANDES PATRÓNS, E QUE, ESE SI, DEIXOU NA RÚA A CENTOS DE TRABALLADORES E TRABALLADORAS, QUE XUGOU COS AFORROS DE PERSOAS MIGRANTES DE LATINOAMÉRICA. SE NÓS PECHAMOS UN DÍA AS SÚAS EMPRESAS E LÁIANSE COMA CANS, ELES NON DUBIDAN EN PECHALA DE POR VIDA LARGANDO ÁS PERSOAS Á COLA DO DESEMPREGO...

H.T. HAI QUE SER POUCO INTELIXENTE PARA FALAR SEN SABER....VER QUE TODO O QUE CRITICAS O TES NA MESA DE ALMORZOS DE VELENO NEOLIBERAL...E MENUDOS COMENSAIS!!

mardi 28 septembre 2010

VELOCIDADE E REFLEXIÓN

A velocidade como denominador en todas as facetas da nosa vida social e individual. A min, persoalmente, seméllame caos destrutivo dos elos sociais. Impregna os hábitos da mocidade e inocula as vidas dos que deberan plantarse, pero xa nin pensan en facelo por medos diversos.

Pasa nas aulas. Onde hai unha melodía tranquila, os espíritos da mocidade reaccionan "pasando". E chámanlle sen ritmo. E cando as explicacións se desenvolven conforme a un parámetro retórico (inicio, desenvolvemento, e remate), esas mentes deformadas anticipan e proclaman sentidos inexistentes no que se fala.

Unha velocidade que cloroforma a reflexión, o lento pensar. Reclamo aquí a necesidade de instaurar filosofía, como arte para desenvolver o pensamento, na educación secundaria obrigatoria. E debera transversalizar todas as materias.

Non aturo esa desesperación por querer facelo todo xa. E aquí xa falo da gaiola de aceiro en que se converteu a administración do ben público. Os prazos acúrtanse cada vez máis, de forma abafante e, mesmo, antihumana. Xa opto por facelo ao meu ritmo e facelo ben.

A velocidade aliméntase da noxenta competitividade. E cando vou á facultade e penso en cantas publicacións "científicas" e mesmo teses de doutoramento se fan só por cumprir cos prazos...penso na perda da calidade, da reflexión, do lento pensar.

Mais, o triste, é ver que todas as persoas participan desta perda de control vital. Non observo reaccións serias e reais nas persoas. Repito, nas persoas.

Paremos. Reflexionemos. Pensemos...e logo camiñemos despacio.

dimanche 19 septembre 2010

MARILAR ALEIXANDRE E A MEMORIA

Estou lendo a entrevista que Belén Puñal lle fai a Marilar Aleixandre e que se pode ler na revista Protexta (pp. 16-19) que se adxunta xunto co nº 160 de Tempos Novos para o debate e reproduzo aquí unha parte que me gusta especialmente sobre a memoria:

"A memoria permítenos manter vivos os feitos e as persoas. Houbo intentos, na transición, para que a memoria non se mantivese. Martín Villa, que aínda está por aí nos consellos de administración, ordenou, despois de morrer Franco, a destrución dos arquivos da Falanxe. No discurso oficial do país houbo unha memoria selectiva ou manipulada. Un exemplo é a serie Cuéntame como pasó. Os que vivimos esa época non nos recoñecemos nela. Responde ao discurso oficial de que a transición foi por consenso. Nela desaparece a loita no movemento clandestino na ditadura de Franco. Mesmo o Partido Comunista, o partido que realmente levou a cabo unha oposición forte durante o franquismo, e xa non falemos doutras formacións de esquerda que despois, ao ficar sen representación parlamentaria, desapareceron ou sobreviviron de maneira residual"

Ou vexan tamén, as persoas interesadas, o que di sobre a traizón aos ideais. Moi ben Marilar Aleixandre nesta entrevista. Moi ben. E gústame como define a sempre diferenciación de xénero que realiza a crítica especializada: "Non escribimos mollando o dedo no sangue menstrual"...Anímovos e lela.

LABORDETA, MAÑICO, QUE VEXAS A TERRA LIBERDADE

75 anos de vida intensa, de vida comprometida tamén. Lembro na miña ialma republicana e antifranquista as súas cancións cheas de alento e solidaridade republicana. E, con iso, hoxe, quédome. Teño na retina o festival musical en homenaxe aos veteranos republicanos en Rivasvacia-Madrid, penso que no 2004, onde a súa voz uniuse ás de Pedro Guerra, Luis Pastor, e outras máis, que cantaban por unha memoria silenciada, pola reparación da dignidade de todas as persoas que realmente loitaron para que chegase unha democracia de verdade (non a democracia mutilada que temos).

Aínda temos que loitar por esa Terra chamada Liberdade.

jeudi 16 septembre 2010

AMARGAS NOVAS DO XORNAL

Mal día para ler un xornal. As novas desafían a moral e esnaquizan os sendeiros da ética. Unha nova morte por machismo en Ponteceso. Un acto repugnante de violencia homofóbica na Coruña en mans de mozos que se agrupan para vencer a súa natural covardía e así poder espallar unha violencia insana que os invade por completo e que os leva ao nihilismo ético. A mesma violencia e o mesmo carácter vandálico explica que un mozo menor de idade entre outros mozos roube un auto, vaia a un centro educativo, roube ordenadores e lle prenda lume ao centro (nada de gamberrada, por favor! acto delictivo, simplemente). Máis racismo que vai e vén de Francia, de Italia e outros países da UE.

Supoño que estaremos de acordo en que isto non vai nada ben. Que o sendeiro actual non conduce a ningún lugar pacífico. Machismo, homofobia, delincuencia, racismo...todo caldo da cultura da violencia que se respira...Militancia en Dereitos Humanos e nunha Cultura de Paz no sistema educativo, de arriba a abaixo, desde o currículo ata as programacións de aula. Non queda outro camiño.

samedi 11 septembre 2010

UNHA INDIFERENZA PERIGOSA

Onte no reparto de octavillas informando sobre a manifestación en Compostela tiven a sensación de que a mocidade camiña sobre o gume. Poucos tiñan curiosidade por ler o anuncio dunha manifestación que procura unha oportunidade para loitar polo mantemento da nosa dignidade.

Lembro esa mesma apatía co Plan Boloña. Agora moitos deses mozos e mozas laian porque as portas dos graos estanse pechando con máis celeridade que as lienciaturas. Laian porque o máster para o acceso á función docente desde a pública é limitado e obrigan a un gasto de diñeiro nunha empresa privada para facelo.

Laian agora. Antes -falo da maioría- ollaban como repartíamos os folletos coa mesma pasiva indiferenza que onte collían e logo tiraban ao lixo, sen ler, as octavillas en contra dunha reforma laboral que precarizará aínda máis o traballo o noso, mais tamén o do exército de graduados universitarios.

samedi 4 septembre 2010

O VALOR DE SETARA, DA ETNIA PASHTUN

Gocei co visionado dun documental chamado Afghan Star, o nome dun programa de Tolo TV, que consiste nunha especie de homólogo de Operación Triunfo. Non pola calidade dos que aí se cantaba, senón polo valor que ten a música e o valor para mudar aspectos sociais.

Setara, unha das cantantes, foi expulsada do programa por ousar bailar, libre do veo. Valor e coraxe dunha muller que sentía como cantando se sentía libre. Cantou e bailou sentíndose libre e iso, non hai doutrina ideolóxica, nin relixiosa, que nolo poda quitar.

Detrás, a presión do Consello de Sabios (Ulema) e dos talibáns para impedir no programa que se baile, e menos mulleres, e menos sen veo. Democracia dicides? Si, vale, xa sei que saíredes os relativistas a criticarme, pero tanto me ten. Considero que a relixión, interpretada e imposta desde o prisma machista e patriarcal, nunca debe interferir na vida pública e organizativa dun Estado e da súa sociedade. Cada persoa que crea no que queira crer, e que actúe en consonancia, se quere. Pero no eido do privado. Nos seus propios espazos de crenza e devoción.

Setara ten un mérito terrible, unha valentía decidida, sabedora dos seus propios medos (medo a morrer), o que invalidaría a máis dunha a seguir co seu soño de liberdade e igualdade.

Un bo documental. Recomendable.

jeudi 2 septembre 2010

O TEMPO / EN SUSPENSIÓN

1 DE SETEMBRO
inicio / o tempo / en suspensión reanúdase prosaico
mentres ollo as portas da desilusión abrirse
e / penso / se non será antes un volver cara atrás

E / falamos / repetimos as permanentes incógnitas
sobre viaxes soñadas ou non realizadas
sobre emocións sen límites
na quebra dos espazos habituais

E reseteo de novo un cerebro
enquistado na soleira dos soños
e pouco a pouco
algún bico sinceiro
algunha aperta verdadeira
alumea sorrisos

Novas mans / descoñecidas/ ilusionan
a rutina do que empeza tendo acabado

E o destino dun horario caduco
leva a un teclado administrativo
sen nada que ensinar
e moito que perder
paciencia / horas / ánimos

E / veloz/ sen avisar / abafantes
os permanentes desatinos
en contra da racionalidade económica
administrativa / e sobre todo / cultural
desbalden a lingua baixo o xugo do centro

Si / o tempo / en suspensión
e / din as voces / deamos grazas
por traballar
como sexa?

Non agardo respostas
e camiño / de novo /
coas follas da árbore do tempo
gardadas na miña esperanzada desilusión
para non caer

E eles e elas
coa cabeza case invisible
nun rumor de desexos
aínda están no cárcere
dos suspensos

E piden / nunha ofrenda á caridade
que lles abras camiños no gume
pra evitar o baleiro
pra evitar que saben inevitable

E nas casas / en moitas casas
a preocupación é outra
e leva nome de oficio

si / 1 DE SETEMBRO
o tempo / en suspensión