dimanche 30 septembre 2018

"LOS MÁS RICOS, LOS MÁS POBRES Y OTROS"

A verdade é que non hai fin de semana que a prensa dominical me provoque un punto de anoxo. Hoxe, non ía ser menos. O anoxo ten que ver co emprego da lenda que figura como título para definir a 'pornografía fiscal' dos representantes do PP e PSOE e altos cargos nun suposto exercicio de transparencia. E digo suposto, porque sempre existen auténticas enxeñerías fiscais capaces de agochar inxentes contías de diñeiro e estratexias inmorais e nada éticas de evasión e elusión fiscais. 

De todos os xeitos, con independencia desta pouco útil pornografía, a min o que me anoxa é que se use o termo "más pobre" para definir a situación económica de quen forma parte de postos de responsabilidade política. 
O vindeiro 17 de outubro será o Día Internacional da Erradicación da Pobreza, momento en que normalmente coñecemos o informe que prepara A Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galicia). No Informe do curso pasado, con datos do 2016, constaba que 700.000 persoas, o 25,4% da poboación galega, vivían en risco de pobreza ou inclusión social, e delas, 111.460 con carencia material severa. E informaban dun 14,1% de persoas que traballaban mais que eran consideradas pobres. 

Dubido que algunha das persoas que figuran na listaxe da 'pornografía fiscal' de La Voz de Galicia forme parte das persoas que, por desgraza e obra das normas do sistema capitalista, engrosa as ringleiras das persoas máis empobrecidas. 

Demandaríamos un pouco máis de empatía, precisamente, cara ás persoas realmente empobrecidas e non banalizar o termo 'pobre' en exercicios de estilo ao servizo dunha burguesía titulada, moi ben definida por Serge Halimi e Pierre Rimbert en Le Monde Diplomatique de setembro de 2018 (pp. 24-25).

dimanche 23 septembre 2018

DÉIXENSE DE PAXARADAS...A VER SE MELLORADES AS LIÑAS DE AUTOBUS

Cando vexo que Arriva anuncia un tren que realizará a conexión entre Santiago e A Coruña en 18 minutos....penso na inevitable idiotez que asolaga os nosos días. A liña Santiago-A Coruña está perfectamente conectada e a un tempo moi razonable. Non é precisa máis aceleración. Non. O que debe facer Arriva, que posúe as licencias de transporte por estrada entre varias das vilas galegas é mellorar o que, polo de agora, é unha oferta cativa. 

Podemos poñer o exemplo da conexión de Santiago con Vilalba...un par de autobuses para ir e voltar no día...se non é festivo. Conexións insuficientes, desde logo, e que non responden aos horarios habituais da cidadanía galega. Por riba, a viaxe pode chegar de forma doada á 1h45 minutos...unha barbaridade! 

Que se deixen de paxaradas xa! Que melloren as concesións xa existentes e que doten de frecuencias e melloren os tempos. E se queren realmente revolucionar o transporte...que se atrevan a propoñer un tren de cercanías nas tres grandes cidades galegas. 

vendredi 21 septembre 2018

SEN PORTADAS

Pechouse a porta con violencia
o ruído envolvéuno mesmo con xenreira
coma se fose un intruso

Aqueles homes uniformados con porras
agochaban a súa humanidade
baixo voces e ordes sempre distantes

Miran para outro lado os ollos todos
mentres unhas gadoupas feras
erguen un novo muro entre a vida e a dignidade

Os xornais celebran hoxe os 10 anos
dun Lehman Brothers cobizoso e enfermo de sí
e adornan os comentarios sobre o fin da crise

Entregados á precariedade e ao desemprego
toda esa falsidade resoa cruel no anuncio
-D E S A F I U Z A M E N T O-

Sempre no gume do malabar
esa nai e ese pai tentárono todo
ao longo destes dez anos

Hoxe cando os xornais seguen
a diversión con teses e plaxios
unha porta péchase con violencia

Sentado coas mans abrazadas
ao silencio aterrador de papá e mamá
o neno perde o sorriso



dimanche 16 septembre 2018

O NAUFRAXIO ACTUAL DO DIÁLOGO: O TRIUNFO DA MONOLOCUCIÓN IMPOSITIVA E DA MANIPULACIÓN INFORMATIVA

Malos tempos para a existencia do diálogo e para as accións a el vinculadas debido a un emprego espúreo das capacidades da palabra, ao seu secuestro en discursos que manipulan a conciencia social. 

Algúns estudosos mesmo reducen xa a cinzas a utopía habermasiana sobre a posibilidade dunha democracia deliberativa, cando non se comezou sequera a poñer en pé os seus piares fundacionais (véxase a análise de Juan Fernando Segovia, Habermas y la democracia deliberativa. Una «utopía» tardomoderna, Marcial Pons, Madrid, 2008; ou, en termos máis confrontativos e críticos, Maxime Ouellet, La revolución cultural del capital. El capitalismo cibernético en la sociedad global de la información, Editorial Popular, Madrid, 2018, pp. 76-92).

Sabémolo ben: o diálogo naufragou no océano que mediou entre os monólogos independentistas cataláns e os nacionalistas españois. No medio, debido a unha incapacidade real de facer valer os valores da construción federalista, morreu afogada a opción realmente republicana. A polarización da monolocución, ben enfatizada polos medios adeptos a cada un dos extremos, conlevou a que as posicións de equilibrio fosen consideradas pouco máis que unha aldraxe e unha traición a non se sabe moi ben que ideais. E ollo, non apelamos con diálogo ao tan manido 'consenso', xa que pensamos que hoxe o que existe é unha monolocución impositiva, de tal forma que nos executivos a participación é reducida a un marco de negociación imposto, onde o diálogo real non pode existir nin construír nada.

Neste sentido, desde un punto de vista dialéctico, concedémoslle a razón a Salvador López Arnal, entrevistado no último El viejo topo ("Desde una izquierda sin complejos. Entrevista a Salvador López Arnal, nº 368, setembro 2018, pp. 27-35), onde expresa a súa raiba ante a circunstancia de que fosen escasísimas e de pouca forza as protestas ante o feito de que unha persoa practicante cando menos do racismo discursivo sexa o Presidente nº 131 da Generalitat. A pregunta que se fai o entrevistado non deixa de ser altamente punxente: "Que non teríamos feito [a esquerda], como teríamos intervido se un ultranacionalista español tivese sido elixido presidente do goberno de España?" (p. 33, col.a).

Por iso, a banalización non provén, ao revés do que dixo SOS RACISMO, da definición de Torra como racista, senón que o concepto se dilúa en función das supostas simpatías ideolóxicas. Iso sí que é perigoso. Ou de que a reacción política -que debera ter sido contundente na esquerda- sexa obra de grupos políticos que practican o racismo institucional e apoian as devolucións en quente de persoas que escapan de países en conflito ou de situacións altamente perigosas para a vida humana. Iso si que representa un uso perverso do concepto "racista" en función do obxectivo electoral a acadar.

Hannah Arendt sabíao ben: non se poden empregar eufemismos nin tabús cando se trata de definir os comportamentos 'bárbaros'. A referencia nos artigos de Quim Torra ao ADN e á confrontación que deshumaniza ao OUTRO é algo moi compartido polo esencialismo franquista do psiquiatra Antonio Vallejo Nágera. O esaxerado eloxio cohesivo do nós (desde unha óptica distorsionada dun nacionalismo excluínte) fronte ao trazo negativo do eles (o outro) é propio de todos os discursos manipulativos de ideoloxías excluíntes, tal como a dos grupos de extrema dereita.

A nova de hoxe de La Voz ("La debilidad política lleva a Sánchez al abismo", asinada por Fran Balado na páxina 18) contén algunhas manifestacións da lousa que soporta o diálogo sobre sí. Primeiro, o titular é, ao noso entender, enganoso e reducionista, xa que non é causa da debilidade política -identificada no artigo polos 84 deputados e deputadas que posúe o PSOE- a situación agonística en que se atopa o executivo de Sánchez, senón que é provocada pola propia natureza acelerada da súa chegada á Presidencia. Aceleración que se viu acompañada dos axiomas relativistas e fluídos do posmodernismo. Fronte ao corrupto sistémico que representaba o goberno de Rajoy, erguéuse o 'todo vale' relativista. Por iso, as demostracións de inoperancia e confusión que caracterizaron estes 100 primeiros días de goberno obedecen antes, para nós, á natureza inconsistente do que significa hoxe ser en política. É baixo esta inconsistencia que temos que situar as dimisións de membros do Goberno, as vacilacións ao redor de Catalunya, a (aparente) mudanza radical de actitude ante certos feitos como a inmigración, o asunto das bombas que non matan, etc. Todo iso non é debido á súa fraxilidade parlamentaria. Non. Dicir iso é enganar...ou enganarse.

En segundo lugar, as verbalizacións e reaccións ante teses supostamente plaxiadas, traballos de fin de máster supostamente realizados, etc...raian a estupidez máis absoluta e cun desprezo enorme cara ás clases traballadoras. As saídas de ton para defender a un presidente 'doutor' son snobistas e elitistas. Ser Doutor non faculta para ser unha persoa que exerce a política con ética e responsabilidade. Esta indecorosa exaltación dos títulos serve para agochar as eivas reais dunha clase política empoleirada e distanciada cada vez máis das rúas e das necesidades reais da xente.

En terceiro lugar, non se pode confundir necesidade de chegar a acordos con 'vasalaxe política' como fai o articulista. Para concordar nalgo, claro, hai que ter un programa de acción definido e concreto. Cada parte interlocutora debe expoñer os seus argumentos e, mediante o diálogo, acadar un acordo programático que represente no esencial ás diferentes partes implicadas. Temos cada vez máis claro que non se pode chegar a acordo naqueles aspectos que representan a disrupción ideolóxica das partes ou unha disolución programática das súas identidades. Iso hai que asumilo desde a dialéctica e a negatividade. O diálogo debe considerar esta circunstancia con naturalidade e, unha vez que se chegue a acordo sobre programa e persoas para levar a cabo o programa, debe ser coñecido e debatido polas bases e refrendado polas mesmas. Resulta evidente que no caso da Presidencia de Pedro Sánchez todo isto non se fixo. Comezouse a casa polo tellado. E hai que asumilo. E a única vía para ir remedando é a través do diálogo e o acordo programático.

O articulista semella identificar a Pedro Sánchez coma un vasalo ante os señores independentistas, nacionalistas e os de esquerdas. Trátase dunha metáfora descontextualizada. Sería todo un paradoxo que alteraría a natureza real dunha relación de vasalaxe, tal como se conceptualizaba na Idade Media. En efecto, nunha relación de vasalaxe o Señor ofrecía protección e mantemento ao vasalo, que xuraba fidelidade e ofrecía o seu servizo connotado entroutros aspectos polo Auxilium (axuda) e o Consilium (consello). Era unha relación asentada no don, na contraprestación de favores, con característica dunha reciprocidade desigual. O feito de que Sánchez precise do acordo daqueles que facultaron a súa chegada á Presidencia non o converte en vasalo, tal como demostra a posesión da ferramenta do BOE e as prerrogativas que posúe o Goberno.

As olladas do articulista póusanse en Pablo Iglesias, que se converte en quen "marca o ritmo" a Sánchez para "hacer bailar [al presidente]". Outra metáfora sen lóxica, fortemente ideoloxizada, xa que subliña, de novo, a suposta submisión do PSOE a Unidos-Podemos [ademais de prescindir mais unha vez da parte que Esquerda Unida achega á coalición de esquerdas ao individualizar toda a política en Pablo Iglesias]. Unha forma sibilina de facer entender ás persoas que lean que as accións políticas do PSOE obedecen ao ritmo que impón Unidos-Podemos. Unha clara manipulación do discurso para incidir no trazo negativo desa "asociación".

Detrás da aparente información latexa a manipulación que, con trazos grossos e con metáforas descontextualizadas, quere incidir no imaxinario social insistindo no carácter negativo de Unidos-Podemos en tanto que socio de goberno do PSOE. E para iso, ademais, destrúe a validez do diálogo como ferramenta de construción ao converter os acordos en simple relación de vasalaxe (de forma errada como vimos). 

Finalizamos esta reflexión co pensamento de Emilio Lledó sobre a importancia do diálogo na conformación dunha sociedade: "se piensa discutiendo, haciendo enredar el hilo del pensamiento en las argumentaciones de los otros para, así, afinarlo y contrastarlo" (El origen del diálogo y la ética, Gredos, Madrid, 2011, p. 44).

Xabier Ron
16 de setembro de 2018