lundi 23 juin 2014

UN POEMA DE ZBIGNIEW HERBERT

Desde a Galitzia dos austrohúngaros, Lemberg, na soviética L'vov, ou na ucraína L'viv, xorde a orixe dos versos do poeta Zbgniew Herbert, que despois fixo de Cracovia e París, espazos creacionais e existenciais prvilexiados. 

Viviu nos tempos da barbarie nazi, do Ósviecim (Auschwitz), verdadeiro inferno na terra, de existir esa imaxe bíblica, coma todos os campos de concentración; coñeceu a censura estalinista e os seus perigos; en fin, viviu a tensión que precisa un creador para emanciparse e elevarse para poetizar e cantar os rigores da vida. 

Todo fixo del un escéptico natural, mais firme defensor da ética. Leo a súa poesía completa na segunda edición, a cargo de Lumen, preparada por Xaverio Ballester, e que se publicou no 2012. 

Por forza, xa sabedes que só fago convites, e que cada quen se forme a súa consideración, hoxe que a cidadanía reclama máis participación, pode que sexa unha forma de facer partícipes a lectores e lectoras da emoción da poesía. 

Déixovos co primeiro poema, "Dos gotas", do poemario Cuerda de Luz de 1956: 

Los bosques ardían -
mas ellos
en sus cuellos enredaban los brazos
como ramos de rosas

la gente corría a los refugios -
él decía que su esposa tenía cabellos
en los que uno podía esconderse

cubiertos con una sola manta
musitaban impúdicas palabras 
la letanía de los amantes

Si la cosa se ponía muy fea
saltaban en los ojos del otro
y los cerraban con fuerza

con tanta fuerza que no sintieron el fuego
que alcanzaba sus pestañas

hasta el final fueron audaces
hasta el final fueron fieles
hasta el final fueron parecidos 
como dos gotas 
detenidas al borde de la cara.


AO REDOR DA XESTIÓN NEOLIBERAL DA POBREZA

Este artigo parte da lectura do libriño de Albert Sales i Campos, El delito de ser pobre. Una gestión neoliberal de la marginalidad, ICARIA / ASACO, 2014. E mestúrase coa miña ollada e reflexión a raíz das reaccións que se sucederon sobre unha iniciativa impulsada por Alternativa Galega de Esquerda para que se adopten todas as medidas precisas para rematar coa malnutrición de nenos e nenas en idade escolar.

Houbo argumentacións que considero erradas. E, algunha delas, sectaristas, emanadas, vou deixar o termo supostamente, dos gabinetes de ideas dalgún partido político.

Estase apoderando de amplos sectores da sociedade, mesmo daqueles que deberan combatila, a idea de que a exclusión social e a pobreza son unha cuestión que responde a factores individuais. Descargando así de culpa e responsabilidade á sociedade maioritaria e ignorando as condicionantes estruturais. Isto é perigosísimo para a Democracia.

Como di Albert Sales existe un esforzo persistente por converter ás persoas que perciben subsidios públicos en parásitos. E no fondo, cando alguén di que ir ao comedor escolar do seu centro educativo a xantar no verán significa "estigmatizar", o que fai precisamente é converter a esa persoa en diana, en problema. Cando non son o problema. Ser pobre non é un delito.

O problema vén dado polas condicións socioeconómicas que impón o neoliberalismo que rouba dereitos. E, ao mesmo tempo que rouba dereitos, os xestores do sistema queren que esas persoas, de forma invisibilizada (moitos aínda pensan que a pobreza aparece desde o 2008, cando neste país xa había coas "vacas gordas" un 15% de persoas empobrecidas totalmente ignoradas e invisibilizadas), se dirixan aos centros de caridade asistencial a acadar algo para sobrevivir. Os dereitos convertidos en caridade.

É triste escoitar que un centro educativo estigmatiza porque visibiliza unha realidade social negativa. Isto é atentar contra os piares do que significa educar en valores como solidariedade, fraternidade, cooperación, necesarios para entender as diferenzas. Cando un neno ou nena comparte a súa merenda con quen non pode traela, pon en práctica os valores aprendidos, e actúa de forma solidaria ante unha realidade social negativa que a administración pública prefire silenciar, agochar e invisibilizar. Mais os nenos e nenas non deben ser os que solventen a inacción da administración pública.

Por iso, cómpre actuar. E nese actuar hai que facer visible unha realidade social negativa. Non caben contos de fadas. Non podemos eliminar a negatividade da vida. Hai que achegar os instrumentos para superala. Os nenos e nenas que viven en situación de vulnerabilidade requiren de políticas públicas que atendan ao seu dereito a unha correcta alimentación.

Cando escoitei algunha reacción sobre o alcance do termo "estigma" e "visibilizar", dinme conta de que Albert Sales ten razón: a visibilización dana a imaxe que os xestores do sistema proxectan sobre os seus logros. Saberíamos que o neoliberalismo e os gobernos-títere que os secundan son xestores da fábrica da desigualdade, do empobrecemento, da perda de dereitos, da ruína da democracia.

A iniciativa aprobada a instancias de AGE é clara: a Xunta de Galicia debe levar a cabo todas as medidas necesarias para impedir que ningún neno ou nena en situación de vulnerabilidade quede sen ver garantido o seu dereito a unha correcta alimentación, puidendo abrirse os comedores escolares e sendo precisa a cooperación de concellos e dos servizos públicos de benestar.

"Todas as medidas" implica accións que poden e debe ser complementarias, xunto coa da apertura dos comedores, para que o dereito á alimentación sexa garantido pola administración pública. Non por unha ONG. Non por caridade, senón porque é dereito básico. Desde logo, nós preferimos que se actúe, a que non se actúe.

Entre esas medidas está arbitrar, por exemplo, un programa que ofreza ao mesmo tempo actividades para a conciliación laboral e familiar, anterior e complementario ao da alimentación. Ou complementar o xantar no comedor escolar cunha cea que debe realizarse na casa. Ou cun bono que permita cubrir de forma axeitada o almorzo. Pero, desde logo, todo é complementario.

Só é cuestión de vontade política. En setembro seremos os primeiros en solicitar un informe sobre o grao de consecución do obxectivo principal da iniciativa.

Compostela, 20 de xuño e 2014
Xabier Ron

mercredi 11 juin 2014

SOBRE A NECESIDADE DE CREAR NO PARLAMENTO UNHA COMISIÓN DE ESTUDO DA FRAUDE FISCAL

Eis a miña intervención, en nome de AGE, no Pleno do Parlamento, do día 11 de xuño de 2014, defendendo a creación dunha Comisión Non Permanente de Estudo da Fraude Fiscal en Galicia, iniciativa formulada polo BNG. 

Que acontece? Que acontece para que Galicia e o Estado se convirtan no sexto país de Europa en número de superricos, 1.625, ao mesmo tempo que somos os lugares onde máis medrou a pobreza infantil, por exemplo.

Esta desigualdade está sendo amparada, e mesmo provocada, por políticas que permiten todos os xogos de enxeñería fiscal, amais de amnistías que beneficiaron a ese club de enriquecidos, mentres que para a maioría social se receitaba recortes e autericidio.

Unha enxeñería fiscal que fai da elusión fiscal unha das pezas privilexiadas para enviar o diñeiro que se salva de pasar pola transparencia da fiscalidade pública a algún dos numerosos paraísos fiscais tolerados polo sistema capitalista.

Mais como non lles chega a elusión fiscal que, ao final, algo queda nas arcas públicas do inmenso caudalde diñeiro, operan á marxe da lei practicando a evasión fiscal. Un neoliberal e financieiro sálvese quen poda que rouba o diñeiro das arcas públicas onde debera ser reutilizado para beneficio da maioría social en dereitos e servizos públicos.

A fraude fiscal amputa a democracia, lesiona gravemente os dereitos das persoas. É un buraco negro que devora dereitos, e é o argumento que empregan as oligarquias, as mesmas que rouban, para degradar os nosos servizos públicos, dicindo que non hai diñeiro. 9,5 billóns de euros están en paraísos fiscais relacionados coa UE. Insistimos, a fraude é a coartada para atacar as nosas pensións, os nosos salarios e todas as axudas sociais.

O último informe de Gestha, realizado en colaboración coa Universitat Rovira i Virgili, A economía mergullada pasa factura. O avance da fraude en España durante a crise, é demoledor. Produce vergoña e noxo ver como se amparan estas condutas fraudulentas. Prácticas que matan o porvir das persoas máis desfavorecidos. A esas que se mira con lupa por se non fan bo uso dunhas axudas sociais cada vez máis rídículas. Mentres esas 1625 persoas rin a conta dos seus dereitos. De feito, as grandes fortunas e grandes empresas defraudaron 42.711 millóns no 2010, un 71,8% do total.

No estado español un 25,6% do diñeiro escapa ao control do fisco. Durante a crise 15.000 millóns de euros por ano, para un total de 60.000 millóns entre 2008 e 2012.

63 % da cidadania considera que a fraude afecta á súa vida;
66,9% pensa que o goberno fai pouco ou moi pouco para atallar a fraude;
95% cre que a corrupción está xeralizada;
a corrupción e a fraude segundo o CIS son o primeiro problema

Concordamos coa análise que realiza Gestha: son 4 piares son que sustentan o edificio da fraude fiscal e da economía mergullada:

1) que aínda vivimos as consecuencias do boom inmobiliario;
2) que existe un paro desorbitado (26%); canto máis paro, máis economía mergullada;
3) que existe unha suba de impostos sen control tributario eficiente que permite os xogos perversos e malvados, nada éticos e inmorais, da enxeñería financieira;
4) unha moral fiscal relaxada que se asenta no comportamento nada exemplarizante das elites e dos cargos políticos.

1 millón de empresas actúa en B
competencia desleal e sobreesforzo fiscal para máis de 3 millóns de persoas autónomas que si pagan os seus impostos.

E tamén concordamos en que a administración pública non actúa por diversos motivos:
1) a economía mergullada é un colchón social que impide o estourido social e o subseguinte cambio de políticas en Galicia e no Estado;
2) porque prefiren continuar co marquetin de cifras e dar como grandes resultados os feitos parciais de cada ano, sen que se trate unha estratexia global

Gestha propón como medida necesaria que se coñeza a verdadeira dimensión da fraude a través de estudos oficiais. Temos a oportunidade, desde o Parlamento de Galicia, de responder a ese reto, e estudar con detalle todo o que significa a fraude fiscal en Galicia, onde 14.100 M€ non pasan polos controis fiscais pertinentes (25,6% do PIB, un punto máis ca no Estado).

Sexamos quen de aqui ser vangarda e actuar coa ética e transparencia necesarias. Constitúamos esta Comisión de Estudo e conduzamos os traballos cara a un ditame que implique ao executivo. Sen coñecer a dimensión da fraude, sen estudos sobre a economía mergullada non se pode loitar de forma eficaz contra ela.

Sería a ocasión perfecta para que o executivo cumpra coas súas obrigas. Temos que lembrar que o 12 de novembro de 2013 o Pleno do Parlamento de Galicia acordou por unanimidade introducir no Plan Xeral de Control Tributario un plan específico para controlar fiscalmente as operacións mercantís e transmisións patrioniais realizadas polos grandes patrimonios para evitar a fraude fiscal. Pois ben no DOG deste 28 de maio, que daba conta da reslución do 16 demaio, a Dirección da Axencia Tributaria de Galicia emite os Criterios Xerais do Plan Xeral de Control Tributario 2014 e nel non se inclúe o mandatado polo Pleno do Parlamento, onde reside a soberanía do pobo para lexislar. Denunciamos este feito e pedimos que se rectifique xa.

Como dicía Albert Einstein: "Dar exemplo non é a principal maneira de influír nos demais, é a única". Ser exemplarizantes. Actuar. Ser éticos. Ser democráticos...serán as mellores ferramentas sensibilizadoras para que a sociedade se implique na tarefa de reducir canto máis mellor a economía mergullada e a fraude fiscal.

mardi 10 juin 2014

SEGUE A VULNERACIÓN DE DEREITOS HUMANOS NO SAHARA OCUPADO POR MARROCOS


Mais unha vez, recibo un comunicado do Equipe Media, valerosa equipa de xornalistas que realiza o duro traballo de informar sobre a vulneración de dereitos humanos no Sahara Ocupado por Marrocos, Son a testemuña audiovisual e escrita do que acntece alí. E realizan o seu traballo nunhas condicións duras, realmente duras e non por is renuncian á tarefa  de informar. Que lonxe queda esa actitude valerosa do que acontece co xornalismo nen Galicia!!
O Equipe Media trasládame un comunicado en que deixa constancia de que o venres 6 de xuño de 2014, a coordinadora de Gdeim Izik para o activismo pacífico, cuxos membros tiven ocasión de coñecer logo da misión realizada con Intergrupo Parlamentar "Paz co Sahara", organizou unha manifestación para reivindicar a liberación dos presos políticos saharauis. 
A manifestación aconteceu ás 18h GMT o 6 de xuño, na rúa Smara, preto do barrio Ma'atala, unha zona onde a maior parte dos habitantes son saharauis.
Máis de 15 saharauis foron feridos por mor da intervención das forzas de ocupación marroquís para dispersar a manifestación: "Entre as persoas feridas están Yehdiha Haimouda, Touailia Belgasem, Hadhoum Karkoub, Hamadi Lfakhar, Lkouara Lamina, Lafkir Mahfouda, Chtouki Zainan Lehbib Essalhi, Essadouni Ali, Hamza El Filali, Salama Baha, Dahane Lhouij, Lkhfaouni Louali, Abdala Bourga'a, e Said Haddad "que ten diversidade funcional, e que recibiu patadas na cabeza e nas costas.
Resulta evidente que Marrocos volve con forza ao seu comportamento criminal, animado pola resolución continuista do Consello de Seguridade da ONU que decidiu prorrogar a presenza da MINURSO un ano máis no Sahara Occidental, mais sen incorporar o que demandaba todo o pobo saharaui e toda a comunidade internacional que se solidariza de forma honesta coas demandas históricas do pobo saharaui, isto é, un mecanismo de garantía do mantemento dos Dereitos Humanos por parte das forzas ocupantes marroquís. 
 Mais temos un ano por diante para que iso mude. E por iso, canto comunicado me sexa remitido por Equipe Media, será adaptado e trasladado para que Galicia saiba o que acontece. 

lundi 9 juin 2014

DEVÓRAME...."EL FUEGO DE CADA DÍA"

En tempos de naufraxio, a poesía. Sempre a poesía. Os meus ollos foron directos sobre a súa faciana, a dun Octavio Paz inda novo que alumea a portada do libro de Seix Barral, Lo mejor de Octavio Paz. El fuego de cada día, selección, prólogo y comentarios del autor, 2014.

Non sei se sodes, lectores fugaces ou estables deste meu blog, coñecedores da obra poética de Octavio Paz. Por iso, para aquelas persoas que teñan, pode, un poemario do escritor mexicano, é preciso saber que nos ofrece esta selección do mellor da súa obra.

A edición primeira da antoloxía é de 1989, onde Octavio Paz ofrece unha escolla comentada do que el consideraba mellor segundo o seu criterio poético. 

Organízase a colectánea en forma de varias coleccións poéticas: 

1) Libertad bajo palabra [1935-1957]
1.1.) Bajo tu clara sombra [1935-1944]
1.2.) Calamidades y milagros [1937-1947]
1.3.) Semillas para un himno [1943-1955]
1.4.) La estación violenta [1948-1957]
2.) Salamandra [1958-1961]
2.1.) Días hábiles [1958-1961]
2.2.) Homenaje y profanaciones [1960]
2.3.) Salamandra [1958-1961]
2.4.) Solo a dos voces [1961]
3.) Ladera este [1962-1968]
3.1.) Ladera este [1962-1968]
3.2.) Hacia el comienzo [1964-1968]
3.3.) Blanco [1966]
4.) Vuelta [1969-1975]
4.1.) Configuraciones
4.2.) Ciudad de México
4.3) Confluencias
4.4.) Nocturno de San Ildefonso
5.) Pasado en claro [1974]
6.) Árbol adentro [1976-1978]
7.) Complemento
8.) Apéndice
8.1.) Discurso del remio nobel: la búsqueda del presente
8.2.) Brindis del premio nobel

 Xa sabedes que non acostumo a destripar as obras, só a deixar un convite. A min a lectura de Octavio achegoume moito en tempos en que a miña ialma naufragaba entre o desexo de parecer e o ser. Grazas a lecturas como Vuelta, na primeira metade dos 90, aprendín a quedarme no ser. A rexeitar o parecer. Ate hoxe. 

Encántame este soneto, de 1935, do poemario Primer Día
El mar, el mar y tú, plural espejo,
el mar de torso perezoso y lento
nadando por el mar, del mar sediento:
el mar que muere y nace en un reflejo.

El mar y tú, su mar, el mar espejo:
roca que escala el mar con paso lento,
pilar de sal que abate el mar sediento,
sed y vaivén y apenas un reflejo.

De la suma de instantes en que creces,
del círculo de imágenes del año,
retengo un mes de espumas y de peces,

y bajo cielos líquidos de estaño
tu cuerpo que en la luz abre bahías
al obscuro oleaje de los días.


E agora simplemente algúns versos illados que, se ledes o libro serán un eco desta lectura, coma una illa de resonancias que ate esa interpretación a este convite poético, inmaterial, hoxe que tanto valor perdeu esta noción...

"Día hecho de tiempo y de vacío:
me deshabitas, borras
mi nombre y lo que soy,
llenándome de ti:luz, nada"

"En mi párpado late, traspasado, 
el resplandor del mundo y sus espinas
me ciegan, paraíso clausurado"

"Dos cuerpos frente a frente
son a veces dos olas 
y la noche es océano"

"La forma que se ajusta al movimiento
no es prisión sino piel del pensamiento"

"No tiene fin el tiempo: finge labios,
minutos, muerte, cielos, finge inviernos,
puertas que dan a nada y nadie cruza."

"Tus ojos son la patria del relámpago y de la lágrima,
silencio que habla,
tempestades sin viento, mar sin olas,
pájaros presos, doradas fieras adormecidas,
topacios impíos como la verdad"

"No hay 
ni un alma entre los árboles.
Y yo 
no sé adónde me he ido"

E remato este percorrido poético para unha vida sen opulencia, que saiba rescatar o valor do suficiente de entre as promesas de vida eterna e que conquiste o pracer das pequenas ledicias do día a día, rodeado dun café, sequera na soidade.

"EPITAFIO PARA UN POETA
Quiso cantar, cantar
para olvidar
su vida verdadera de mentiras
y recordar
su mentirosa vida de verdades."

vendredi 6 juin 2014

REFLEXIÓNS DESDE A CUNCHA DO CARACOL

Desde que remataron as Eleccións Europeas 2014 os acontecementos políticos e sociais aceleráronse. Ao mesmo ritmo que se encadean os feitos constitutivos de irreflexión. E vou tentar explicarme desde un único e puro enfoque persoal, mediante unha escrita propia desvencellada de consideracións de aparato político, e por suposto, para nada debedoras das decisións colectivas aí adoptadas. 

Eu xa escribín, e probas hai neste blog e nas miñas achegas do Diario de Ferrol e nas miñas intervencións en campaña electoral asi como na preparación colectiva do programa político e social, que estas Eleccións Europeas era fundamentais. Decisivas. 

Mais agora, desde que remataron, falta moita humildade nalgúns sectores. Moita autocrítica neses mesmos sectores. Humildade para o recoñecemento das consecuencias dunha campaña deliberadamente informada desde a óptica "de baixa intensidade" cuxas consecuencias foron amortiguar a caída do bipartidismo. E fixérono reducindo os enfoques mediáticos aos dous grandes partidos do sistema, ao que se quería e quere protexer como sexa, confrontados ás caixas esvaídas en que se introducían a todas as demais forzas. Ou mesmo silenciando de forma deliberada a algunha delas en Galicia (elocuente a indicación que recibiu un xornalista de La Voz en Lugo, para que deixara de recoller información visual pois ao día seguinte non se informaría para nada do acto central da terceira forza do Parlamento de Galicia). Ou incidindo, día sí e día tamén, na falaz idea de que o Parlamento Europeo é un maná económico e que por iso van as persoas a facer política aí. 

Humildade e autocrítica que tampouco aparece nas estruturas ríxidas dalgún partido político.

Dito isto, despois dun proceso electoral cómpre reflexionar sobre as causas e consecuencias. Mais, a min, desde o día seguinte, o que se debe facer é analizar como traballar e xestionar as consecuencias. Quero dicir con isto que prefiro ollar cara ao futuro e como incidir nel, que pararme no pasado, onde é habitual que se tenda ao fustrigamento (innecesario e esclerotizante), sexa cal sexa o resultado.

E esas reflexións fágoas desde a cuncha do caracol. Lonxe de redes sociais coma o twitter.

Insisto, o primeiro que chama a atención, dentro da carencia absoluta de humildade de amplos sectores da nosa sociedade política e social, é como eses sectores queren apropiarse de causas que proveñen da iniciativa da sociedade civil.

Mais é quizais preciso deterse en Podemos, a quen os medios denominan, como non, fenómeno, para denostalo de forma absolutamente deleznable e inxusta, menosprezando a todas as persoas que decidiron votar Podemos. 

Penso que aínda é cedo para dar conta, de forma verdadeira, do alcance de Podemos. E aínda debe analizarse ben desde un punto sociolóxico.

Mais hai un feito que quero enfatizar: o seu voceiro máis representativo, Pablo Iglesias, fala de que, despois dos estudos pertinentes, desenvolveron unha política de acción quen de chegar ao electoral de forma transversal. Pode ser certa esta transversalidade, mais véxoo manifestamente inclinado a defender un programa de dereitos de cidadanía en perigo polas políticas neoliberais. Dito doutro modo, unha cidadanía que votou un enfoque xeral de esquerdas, e tamén, hai que dicilo, anticapitalista ou cando menos contrario ao actual sistema. 

Se acollemos os resultados a nivel de Estado, 11 deputados e deputadas representarán ese enfoque. Iso é indiscutible. 

As leccións son claras: a loita de clases; a defensa das clases menos favorecidas fronte ás oligarquías e seus poderes de decisión; a reivindicación da dignidade; o afortalemento dos servizos públicos e a súa protección fronte a voracidade da privatización; recuperar a centralidade da persoa fronte aos mercados, dos dereitos fronte ao austericidio; a recuperación da democracia; etc; son aspectos que privilexian o enfoque de clase. Non outro. É por este espazo do electorado que cómpre explicar quizais o medre de Podemos.

E ese enfoque é o que debe terse en conta á hora de deseñar traballo colectivo e conxunto. Un traballo que debe asentarse na honestidade, na transparencia, na ética, na xenerosidade. 

As eleccións europeas que os partidarios do sistema querían de baixa intensidade reveláronse con fortes consecuencias. Perda de votos e deputados sen precedentes. Rubalcaba dimite. No PP hai movementos sísmicos. Os dous ven que periga o estatus adquirido. 

E agora a abdicación do Rei. Algúns afirman que é en clave de consecuencias -imprevistas do proceso electoral-. Eu, sinceramente, dubido moito desta relación. Antes penso nun cálculo interesado da Casa Real ante o que pode ser unha posible acusación formal e xuízo á princesa. 

No fondo, e nese xogo está o PP, quérese garantir a continuidade da Casa Real. E os medios de comunicación. Eses medios amigos do sistema que xogaron a unha campaña de baixa intensidade, agora xogan con enquisas -falazmente realizadas e cociñadas- (cando no CIS era un suspenso redondo nas últimas aparicións da Casa Real)-, con editoriais de liña, con artigos que demostrarían que somos un país monárquico. Tamén tenden a separar a cuestión da monarquía da cuestión de clase. Equivócanse. 

E é coa abdicación do Rei, onde xorden posturas pouco claras, pouco honestas, pouco transparentes e pouco xenerosas...que van en contra do clamor cidadá. Resulta curioso agora comprobar como quen defende o dereito a decidir...agora considera que iso é unha cuestión secundaria. 

Mais o clamor da cidadanía é claro: quere poder decidir, poder expresarse. Por iso o referendo é algo invocado nas manifestacións e concentracións. E digo cidadanía porque eu, que asistín como simple cidadán, á masiva concentración do Toural, comprobei como había unha maioría de persoas non connotadas por seren membros activos de ningún partido político. Era unha expresión cidadá e colectiva sobre unha necesidade democrática básica. 

Non se pode desvencellar a cuestión de clase e defensa de dereitos, da cuestión de modelo de estado, xa que esa mesma expresión cidadá é consciente da obriga dun novo proceso constituínte que dea conta das necesidades da cidadanía.

Non todo vale neste escenario. Debe prevalecer a ética, a honestidade, a transparencia e a xenerosidade. Algunhas persoas só procuran "sacar tallada". Pensar en termos de "rendibilidade" electoral ou partidista, antes que en termos de beneficio social, é unha acción cando menos absurda, pero que eu definiría de indigna.


mardi 3 juin 2014

UNHA LECTURA INTERESANTE...."EL DELITO DE SER POBRE. UNA GESTIÓN NEOLIBERAL DE LA MARGINALIDAD

O politólogo e sociólogo da Universidade de Pompeu i Fabra (en precario, e cada vez máis, como di na información da portada), Albert Sales i Campos, ofrécenos nun libriño de 84 páxinas o esencial e fundamental para a comprensión da pobreza nestes tempos de desfeita neoliberal. 

Escrito de forma áxil e sen ambaxes, podemos entender como o neoliberalismo establece un modelo para atender ás persoas empobrecidas: "un nuevo modelo de gestión de la marginalidad se está construyendo y justificando gracias a la recesión económica que padecemos" (p. 12)

Desmantelamento do social, degradación dos servizos públicos, sometidos á externalización-privatización. Acerta cando afirma que o cambio do rol do estado nesta cuestión non se debe a cuestións económica s, senón a unha cuestión de principio ideolóxico. 

E penso que tamén vai na boa dirección cando establece que existe unha dicotomía, interesada e falaz, entre "buenos pobres" y "malos pobres"...e digo que ten razón porque nas supostas épocas de vacas gordas xa existia un 15% de xente empobrecida, á que, lembro ter denunciado, ninguén lle daba unha posibilidade de vivir con dignidade. Mais agora, o tipo social de xente empobrecida xa non recae nos "marxinais" unicamente, senón que persoas que eran de clase media, agora, por mor das circunstancias políticas e económicas, están no limiar da pobreza. 

No capítulo II (Pobreza, exclusión social e underclass, pp. 16-23) explica, acollendo un enfoque diacrónico a incidencia e evolución semántica do concepto "pobreza", "exclusión social" (que xorde no eido académico universitario francés, co movemento ATD Cuarto Mundo) e o termo de matriz anglosaxona underclass (pobreza urbana...pero mantendo un sesgo que indiviualiza a pobreza, tal como hoxe quere o neolibrealismo).

No capítulo III (pp. 24-31) fai un rápido repaso sobre o que todos coñecemos como crise, en relación aos datos numéricos de pobreza no Estado español (unha auténtica aberración, 1 de cada 4 persoas, na soleira da pobreza e en risco de exclusión social) e á receita neoliberal da troika imposta na UE...a austeridade...un auténtico austericidio que se leva en masa dereitos e vidas. 

En fin, todo o libriño participa da mesma característica: análise e descrición exacta, sen xiros, indo ao que realmente importa, que a xente entenda que e por que acontece o que acontece.

Do resto, acollo o capítulo VI, que analiza a xestión neoliberal da pobreza e da marxinalidade (pp. 41-45), que é, en realidade, a esencia que explica os capítulos restantes. 

"Con la imposición ideológica del neoliberalismo, se ha roto el consenso en torno al término cohesión social" (p. 41). O autor insiste nalgo que considero importante: a individualización da pobreza. O neoliberalismo culpa ás persoas de seren pobres. E tal como di o título, ser pobre é un delito. E como interesa crear pobres de distinta categoría, para que se pelexen entre eles, os pobres de sempre, os que xa vivían na marxe da sociedade, agora son, mediante as técnicas da manipulación e do racismo, inda más estigmatizados e sinalados como "chibos expiatorios". Eis, sen dúbida, un dos granes triunfos ideolóxicos do capitalismo salvaxe: lograr atomizar tanto a sociedade que as clases traballadoras pelexan entre si...cando os culpables rin e gañan máis diñeiro ca nunca coa receita austericida. 

En resumo, un libriño ben interesante e acaído para quen desexe reflexionar sobre como o noliberalismo impón a súa ideoloxía en cáseque todos os eidos da nosa vida en sociedade. Ler é coñecer. Coñecer é poder loitar contra unha situación que non é natural, senón que é un construto social. Mentres exista desigualdade. Mentres existan persoas empobrecidas e excluídas...non existirá democracia.








lundi 2 juin 2014

CANDO A XUSTIZA ACTÚA EN NOME DA DEMOCRACIA

Sae a condea por prevaricación dos 7 edís de Compostela por acordar, sen considerar os límites que impón a lei, o pago da defensa doutro edil...que dimitiu só despois de que pasasen polo banco dos acusados os seus compañeiros e compañeiras de corporación. 

A Pokemon aínda non furou con todo o seu poder de xustiza. Mais comezan a saír as primeiras poldras.A sentenza dos 7 edís implica o remate do goberno municipal de Compostela. Dáse un golpe brutal sobre o corpo da democracia, que morre. E a cidadanía terá que agardar ate o maio do 2015 para poder erguer a súa voz. Se non interpreto mal a Lei, o pobo ten que agardar ate o ano que vén para pronunciarse, pois o tempo entre esta sentenza e a data de eleccións non permite a convocatoria de eleccións anticipadas. Polo quetodo apunta a que será unha xestora a que manteña respirando con dificultades a vida do concello ate as eleccións. 

Mais, agora haberá que esixir responsabilidades a quen permitiu que isto chegase ate este punto. A quen non nos fixo caso a AGE para que hai xa máis de un ano se convocasen esas eleccións nunha corporación sacudida pola Pokemon e polo caso que hoxe estoura. 

E aí o PSOE e o PP xogaron coas cartas da democracia. Comezarona debuxar ese pacto que tanto abroiou en campaña electoral das pasadas europeas.

Eles, e mais o presidente da Xunta, como máximo responsable, e con esa cantinela de non asumir responsabilidade políticas, antes de que se depuren as xudiciais, foron os culpables de que a cidadanía de Compostela se vexa sen goberno...(sendo correctos, xa leva desde os inicios desta lexislatura sen goberno), se vexa vulnerada nos seus dereitos de representación. 

Eles permitiron que a ética, a honestidade, a transparencia, se difuminaran e acabaran por lesionar a democracia.

Eles permitiron a porta xiratoria entre o público e o privado. 

Eles optaron por non actuar para non ferirse en feudos que consideran como propios: son só cargos electos, mais isto esquéceno.

Agardemos que a cidadanía ben avisada e crítica tome nota...