Este artigo parte da lectura do
libriño de Albert Sales i Campos, El delito de ser pobre. Una
gestión neoliberal de la marginalidad, ICARIA / ASACO, 2014. E
mestúrase coa miña ollada e reflexión a raíz das reaccións que
se sucederon sobre unha iniciativa impulsada por Alternativa Galega
de Esquerda para que se adopten todas as medidas precisas para
rematar coa malnutrición de nenos e nenas en idade escolar.
Houbo argumentacións que
considero erradas. E, algunha delas, sectaristas, emanadas, vou
deixar o termo supostamente, dos gabinetes de ideas dalgún partido
político.
Estase apoderando de amplos
sectores da sociedade, mesmo daqueles que deberan combatila, a
idea de que a exclusión social e a pobreza son unha cuestión que
responde a factores individuais. Descargando así de culpa e
responsabilidade á sociedade maioritaria e ignorando as
condicionantes estruturais. Isto é perigosísimo para a Democracia.
Como di Albert Sales existe un
esforzo persistente por converter ás persoas que perciben subsidios
públicos en parásitos. E no fondo, cando alguén di que ir ao
comedor escolar do seu centro educativo a xantar no verán significa
"estigmatizar", o que fai precisamente é converter a esa
persoa en diana, en problema. Cando non son o problema. Ser pobre
non é un delito.
O problema vén dado polas
condicións socioeconómicas que impón o neoliberalismo que rouba
dereitos. E, ao mesmo tempo que rouba dereitos, os xestores do
sistema queren que esas persoas, de forma invisibilizada (moitos
aínda pensan que a pobreza aparece desde o 2008, cando neste país
xa había coas "vacas gordas" un 15% de persoas
empobrecidas totalmente ignoradas e invisibilizadas), se
dirixan aos centros de caridade asistencial a acadar algo para
sobrevivir. Os dereitos convertidos en caridade.
É triste escoitar que un
centro educativo estigmatiza porque visibiliza unha realidade social
negativa. Isto é atentar contra os piares do que significa educar en
valores como solidariedade, fraternidade, cooperación, necesarios
para entender as diferenzas. Cando un neno ou nena comparte a súa
merenda con quen non pode traela, pon en práctica os valores
aprendidos, e actúa de forma solidaria ante unha realidade social
negativa que a administración pública prefire silenciar, agochar e
invisibilizar. Mais os nenos e nenas non deben ser os que solventen a
inacción da administración pública.
Por iso, cómpre actuar. E nese
actuar hai que facer visible unha realidade social negativa.
Non caben contos de fadas. Non podemos eliminar a negatividade da
vida. Hai que achegar os instrumentos para superala. Os nenos e nenas
que viven en situación de vulnerabilidade requiren de políticas
públicas que atendan ao seu dereito a unha correcta alimentación.
Cando escoitei algunha reacción
sobre o alcance do termo "estigma" e "visibilizar",
dinme conta de que Albert Sales ten razón: a visibilización
dana a imaxe que os xestores do sistema proxectan sobre os seus
logros. Saberíamos que o neoliberalismo e os gobernos-títere
que os secundan son xestores da fábrica da desigualdade, do
empobrecemento, da perda de dereitos, da ruína da democracia.
A iniciativa aprobada a
instancias de AGE é clara: a Xunta de Galicia debe levar a cabo
todas as medidas necesarias para impedir que ningún neno ou
nena en situación de vulnerabilidade quede sen ver garantido o seu
dereito a unha correcta alimentación, puidendo abrirse os comedores
escolares e sendo precisa a cooperación de concellos e dos servizos
públicos de benestar.
"Todas as
medidas" implica accións que poden e debe ser
complementarias, xunto coa da apertura dos comedores, para que o
dereito á alimentación sexa garantido pola administración pública.
Non por unha ONG. Non por caridade, senón porque é dereito básico.
Desde logo, nós preferimos que se actúe, a que non se actúe.
Entre esas medidas está
arbitrar, por exemplo, un programa que ofreza ao mesmo tempo
actividades para a conciliación laboral e familiar, anterior e
complementario ao da alimentación. Ou complementar o xantar no
comedor escolar cunha cea que debe realizarse na casa. Ou cun bono
que permita cubrir de forma axeitada o almorzo. Pero, desde logo,
todo é complementario.
Só é cuestión de vontade
política. En setembro seremos os primeiros en solicitar un informe
sobre o grao de consecución do obxectivo principal da iniciativa.
Compostela, 20 de xuño e
2014
Xabier Ron
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire