Affichage des articles dont le libellé est camiños que matan. Afficher tous les articles
Affichage des articles dont le libellé est camiños que matan. Afficher tous les articles

jeudi 1 novembre 2018

MALDITO CONTRABANDO!! POLÍTICA DE FAVORES PARA SEGUIR PERXUDICANDO ÁS DE SEMPRE...ÁS PERSOAS MIGRANTES, REFUXIADAS E AO POBO SAHARAUÍ

Información diversa sobre os movementos curiosos do Ministerio de Interior...que de tanto moverse, paradoxo da enxeñería bélica e lingüística, queda no máis puro inmobilismo e continuismo con respecto ao anterior ministerio en mans do PP.

Información que non deixa de anoxar, non sorprender, xa que, como ben saben as persoas que me coñecen fun dos escasos incapaz de amosar algún tipo de emocionalidade positiva cando chegaron os de Pedro Sánchez ao goberno...a razón obrigaba!!

Nesta cerimonia permanente da confusión, onde son máis importantes as imaxes e as supostas teses realizadas ou non, onde existe toda unha mercadotecnia informativa sobre procesos de primarias (supostamente) democráticos e onde, desde calquera dos medios de comunicación masiva, se dá unha desaforada persecución do logro ou non dos Orzamentos Xerais do Estado, destacando así quen o fixo posible ou non...a conclusión que extraemos e que seguen perdendo as persoas de sempre.

Pouca ou escasa belixerancia existe por parte de medios e politica sobre a persistencia das mesmas prácticas –a efectos reais- con respecto ás persoas migrantes, dentro e fóra das nosas fronteiras. Porque non debemos esquecer que hai anos que se externalizaron as prácticas securitarias das nosas fronteiras aos países do norte africano.

A nova de onte, aparecida en El País, leva un título ben rechamante: “Interior dona 75 vehículos a Rabat para frenar la inmigración irregular”. Unha doazón ao goberno tirano do alauita. Ao goberno que usurpa un territorio e vulnera os dereitos de todo un pobo: o saharauí.

A perversión é que isto, por riba, se entenda como cooperación: para nós é un contrabando, unha noxenta política de favores que sempre recibe contrapartidas opacas. Non se pensen que é unha doazón lixeira, non: os 75 vehículos doados a Marrocos teñen un valor de 2M250mil euros, a isto cómpre engadirlle os que se regalan a Mauritania (292mil euros) e Senegal (9 vehículos todo terreo e trece quad, 295mil euros), para un total de 3M200mil euros, segundo El País, que recolle a información da memoria que elaborou o Ministerio de Interior. En 12 anos, só Mauritania e Senegal acumularon preto de 170 M€ grazas a esta política de contrabando...

O que para o(s) ministerio(s) é Cooperación, cínguese a compra de material policial e outros recursos securitarios que se emprega como ferramenta de persecución das persoas migrantes, das refuxiadas e tamén como instrumento de represión do pobo saharauí por parte do ocupante marroquí. Esquécese que os conflitos que teñen lugar en Siria, en Sudán do Sur, República Centroafricana, na República Democrátrica do Congo, no Sáhara, e noutras zonas de África e Asia son debidas ao mantemento das políticas coloniais de desbaldimento de recursos primarios. A nosa responsabilidade é dobre...provocamos e convocamos os demos da violencia bélica...e logo esquecemos os dereitos asociados á palabra asilo e refuxio.

Somos unha vergoña. Cómpre que a esquerda redefina cales deben ser os principios inexorables polos que debe transitar un acordo político. A existencia dos Centros de Internamento para Estranxeiros (CIE’s), a persistencia na práctica das devolucións en quente, isto é, os dereitos das persoas migrantes e refuxiadas non poden ser, en ningún caso, a parte esquecida ou minorizada dos acordos dunha (suposta e...esvaída?) esquerda. Ogallá que os tempos me quiten a razón!

Ademais, a insistencia en converter ao norte de África nos nosos xendarmes só serve para que o Mar Mediterráneo siga sendo un mar de mortes perfectamente evitables. Milleiros de mortes entre 3.000 e 4.000 en cada ano.

Esta perversa política de fronteiras, xunto coa Lei Mordaza e coa Lei de Estranxeiría deben formar parte xa dun programa de acción claro da esquerda e seren parte importante de calquera negociación.

O 18 de decembro de 2018, no Día das Persoas Migrantes veremos como moitos dos que hoxe apoian as políticas do goberno sairán con toda a súa fachenda talentosa a facerse fotos de sorrisos-colgate e berrarán que son moi tolerantes e que defenden os dereitos das persoas migrantes...

Pero claro, unha imaxe, hoxe, vale máis que mil palabras, pero non vale máis que a coherencia dunha conciencia liberada das mentiras e das conveniencias...entón estourará a forza da responsabilidade, sinalando a quen, hoxe, xoves 1 de novembro de 2018, apoia co seu silencio ou coa súa indiferenza, a política de contrabando que, a cambio de fronteiras, apoia a vulneración de dereitos.

mercredi 25 mars 2015

NO LAIO DA VIDA

Entre onte e hoxe, no laio da vida, asistimos a chamadas duras e severas de que temos que salvar a vida mentres vivimos. E que, por desgraza, perdemos eses minutos que son a vida en feitos que nola reducen. 

Onte un avión que se leva ate 150 proxectos de vida, algúns deles inda incipientes, inda por crear. E doe moito. Será por esta innata capacidade que teño de empatizar que padezo as dores todas. Como se fosen miñas. 

Mariñeiros de Laxe. Traballador de Navantia. Morrer traballando, cando o traballo xa nos vai demoucando as esperanzas de vivir con plenitude, é algo que non desexo. De verdade. 

Pode que sexa un escéptico epicúreo. Mais desexo percibir ese momento fuxidío. E si. Tamén o digo, quero que sexa canto máis tarde mellor...sempre e cando o meu pensamento me siga aturando. 

Non soporto a traxedia da inmediatez. Como a de Pedro Reyes, o cómico amigo, que inda novo quere amolar co seu humor do absurdo nalgunha reencarnación...de existires.

E mentres, no laio da vida, deixamos escapar os minutos que a farían chea, feliz, esperanzada. 

Loitemos por reclamar unha nova forma de sentir a vida. De que o traballo non sexa a hipoteca do noso tempo e das nosas relacións. 

No día a día vexo vidas que non poden vivir o seu tempo, atrapadas entre débedas, obrigas e cadeas. 

Vidas que se afastan dos seus seres queridos porque o seu tempo non lles pertence nesta filosofía capitalista que obriga a que o home e a muller sexan lobos para a muller e o home. 

En tempos de crise, vexo que as solucións todas pasan, non por elevar as nosas aspiracións para termos o suficiente para sermos felices, senón por seguirmos no sendeiro que con anterioridade nos conduciu a esta situación de crise. 

samedi 29 septembre 2012

EXEMPLOS DA MALÉVOLA CONCENTRACIÓN DE CAPITAL

Recollo os datos do libro Los amos del mundo, do que xa figuran os datos nunha entrada anterior deste blog. Son elocuentes e demostran por onde temos que encamiñar o traballo democrático de derrubar o poder financeiro: 

  • Nun estudo que citan analizáronse 43.060 transnacionais e os autores do mesmo demostran que 737 delas controla o 80% do valor accionarial total.
  • Seis grandes compañías discográficas controlan a industria a nivel mundial.
  • 10 grandes transnacionais controlan:
    • o 53% do mercado farmacéutico mundial,
    •  o 54% da biotecnoloxía,
    • o 62% da farmaceútica veterinaria,
    • o 80% do mercado global de pesticidas e comercio mundial de alimentos
    • o 95% do mercado mundial de sementes comerciais,
    • case o 100% do mercado internacional do petróleo.
  • Lladró: controla o 70% da porcelana de luxo,
  • Apple: o 60% do mercado táctil a nivel mundial,
  • Beers: o 75% do comercio mundial de diamantes.
  • En España: 4 empresas controlan o mercado español de café; 7, o 75% dos alimentos que compramos, e Carrefour, 1 de cada 4 alimentos. 
  • As 15 empresas máis grandes do mundo teñen un PIB equivalente ao dos 27 países da UE.
Os voitres financeiros queren controlar as democracias e as leis que aí se elaboran. Con ese motivo, 15.000 lobbies financeiros e empresariais pululan pola Comisión Europea e gastan 3.000 millóns co fin de influir e determinar decisións que vaian no se beneficio. De feito, varios destes lobbies son os autores directos das leis que procuran facer aprobar...en detrimento das clases traballadoras.

dimanche 15 avril 2012

MATAR UN ELEFANTE É ASASINAR A SABEDORÍA

Ganesch, fillo de Shiva e Parvati, é identificado pola tradición hindú co elefante. É un dos 7 tesouros do budismo. Atribúenselle a forza mental e físical, a potencia e a fortaleza para ser o soporte do mundo. É tamén fonte de sorte. E é moi frecuente ver a compañeiros senegaleses vender pequenas figuras de elefante (como a que eu lles adquirín).

Animal lonxevo, na cidade peruana de Pereira, o elefante Chava viviu no seu zoo até os 60 anos de idade, sendo, para as persoas da localidade, un ser que os acompañou desde a primeira infancia até a madurez.

Na cidade italiana de Catania, a Fonte do Elefante domina a súa preciosa Praza do Duomo, e esperta a curiosidade do viaxeiro.

O elefante africano é o animal terrestre máis grande. E padeceron, como padecen as persoas que viven en África o asoballamento das potencias occidentais. África é unha enorme tarta dividida en porcións que todo o mundo (pero sobre todo Europa, EE.UU. e China) se está repartindo.

Algunhas fontes estiman que entre 1979 e 1989, o tráfico noxento do marfil provocou o exterminio duns 600.000 elefantes, pasando a súa poboación de 1.200.000 a 600.000. En 1989 prohibiuse o comercio co marfil, pero seguiron e seguen expostos á caza furtiva.

O elefante africano está en perigo de extinción, segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e os Recursos Naturais (UICN). Existen na Convención sobre o Comercio de Especies Ameazadas Fauna e Flora (CITES) dous apéndices: o Apéndice I incorpora a todos os países africanos onde o elefante é unha especie a protexer; e o Apéndice II onde figuran países como Zimbabwe, Bostwana e Namibia. Isto é debido a que estes países figuraban no Apéndice I pero lograran, segundo semella, manter estable a poboación elefante e, como perderan ingresos debido ao cese da caza e do comercio de marfil, protestaron e acadaron que se creara un apéndice II. Por iso estes países seguen comercializando -de forma legal- aos pobres elefantes. E vése que unha das formas é organizar safaris para nostálxicos do colonialismo e amantes das armas.

Os elefantes non naceron en cautiverio, claro. O feito de vivir en áreas restrinxidas, fai que os grupos se reproduzan e medren en espazos reducidos. Por iso é un criterio reducionista pensar que non están en perigo.

Os hábitos colonialistas de safari e caza son, para min que son antimilitarista e pacifista, sinxelamente noxentos. Pagar para matar unha peza é vomitivo. Son 37.000 euros, segundo parece. É repugnante polo feito en si, máis aló de que o paisano en cuestión sexa un monarca e que nos custe ao pobo máis de 8 millóns de euros ao ano manter o seu ritmo de vida.

Que move a unha persoa coller un fusil para matar?  Que repulsiva emoción percorre o seu corpo cando apunta a un animal "preparado" para morrer?

Matar un elefante, así, por deporte, é asasinar a sabedoría.

samedi 6 juin 2009

NOVAS IDEAS PARA ENQUISAS

Como queremos ser civilizados e non maldicir nin á nai nin ao pai de ninguén, ofrecemos ideas para enquisas e xulguen os lectores que queiran se poden ter máis peso ou non ca a enquisa que ofrecen os novos xestores da res publica:

A) QUERE QUE O SEU FILLO PADEZA NUN SISTEMA CAPITALISTA OU QUE VIVA NUN SISTEMA SOCIALISTA? (como vedes nada capciosa a pregunta)

B) QUERE QUE O SEU FILLO RECIBA CLASES DE BIOLOXÍA EVOLUTIVA OU QUERE QUE SE SUPRIMAN E SE LLE ENSINE QUE ADÁN E EVA SON A ORIXE DA VIDA HUMANA NO PLANETA? (pregunta, de novo, totalmente inocente, e que debera tramitarse tamén á curia eclesiástica para coñecer a súa fonda opinión democrática sobre o tema)

C) PREFIRE QUE O SEU FILLO POIDA ELIXIR AO XEFE DO ESTADO (REPÚBLICA) OU PREFIRE QUE SE LLO IMPOÑA UNHA LEI DIVINA ALLEA AO ENTENDEMENTO DO SER HUMANO ONDE O XEFE DO ESTADO É INELIXIBLE E O ROL É HEREDITARIO (REI: MONARQUÍA)? (a pregunta explícase en si mesma)

D) QUERE QUE O SEU FILLO RECIBA EDUCACIÓN SEXUAL OU PREFIRE QUE SIGA PENSANDO QUE MASTURBARSE PROVOCA CEGUEIRA? PARA EVITAR UN EMBARAZO (IN)DESEXADO QUERE QUE SE LLE DEA A PILULA DO DÍA DESPOIS OU PREFIRE QUE APANDE COA SÚA RESPONSABILIDADE DE POR VIDA? QUERE, ADEMAIS, QUE SEGREGUEMOS POR SEXO E QUE OS NENOS E NENAS ESTUDEN NON XA EN AULAS DISTINTAS SENÓN ENCENTROS DISTANCIADOS E RODEADOS DE VALOS CON PÚAS? (aquí, por simple cortesía, deixamos de engadir: se queren voltar aos tempos de Franco, porque, claro, aínda os haberá que digan que con ese gran personaxe "se vivia mellor")

E) EN CASO DE QUE VEÑAN ALUMNOS E ALUMNAS INMIGRANTES OU QUE VEÑAN ALUMNOS E ALUMNAS DE ETNIA XITANA, QUE PREFIRE: QUE ESTUDEN COS SEUS FILLOS E FILLAS OU QUE ESTUDEN APARTE TODOS ELES REUNIDOS NUNHA MESMA AULA? (aquí, respectuosamente, xa que ao estaren todos nunha mesma aula será máis doado ensinar a nosa superior ciencia, a nosa superior sabedoría...de todos e sabido que Occidente e a etnia caucásca son as máis evolucionadas e que, por iso, viven en perpétua paz, descoñecen a violencia, non desbalden recursos primarios, son austeros e fondamente solidarios co padecemento alleo)

F) AGORA CUESTIÓNS INSENSATAS:

- dispón o seu fillo/filla dos medios económicos axeitados para facer fronte a un curso escolar e aos gastos que xera?

- dispón o seu fillo / filla, en caso de que pai e nai traballen, dun comedor escolar no centro educativo?

- dispón o centro onde estuda o seu fillo das instalacións pertinentes e desexables para a súa formación?

e un longo etcétera de cuestións todas elas absurdas.

Tal como van facer a partir do luns coa súa gran enquisa -tan necesaria para superar a crise do sistema capitalista- como é a da lingua galega.....insistimos en que, xa postos, e ao mesmo tempo que gastan os 200 000 euros, que introduzan no cuestionario as inocentes preguntas.....

AH! SI SEULEMENT LA RAISON LEUR ÉTAIT DONNÉE!!
AUPRÈS DE LEUR ÂME SANS LUMIERE
RIEN QUE DU BRUIT DE PIERRES
BARRANT TOUT PASSAGE
AUX CARESSES
LA DOUCEUR DU PRINTEMPS LANGUISSANT


apertas dun verdadeiro bilingüe (plurilingüe; polisexual;....) a quen lea este xogo de tristezas como coitelos

mardi 23 décembre 2008

O VOITRE DE XEO

No escuro
fríos que louvan carnes mortas
entregadas aos recunchos da indiferenza

Os cartóns
con nomes escritos en inestables formas
aínda ignoran a sorte de ser memoria

Como cada noite
o voitre de xeo baixa e vixía

Como cada noite
á procura de esquecidas mans

Como cada noite
nas súas ás morren almas cansas

mercredi 12 décembre 2007

Baixo as rodas

Unha meniña
no comezo dos soños

un cruce de peóns
nunha avenida infernal

Hoxe
de forma simbólica
pero poderosa
unimos a nosa dor
para facer máis asumible
o inasumible

Unha meniña
no comezo dos soños

Anacos de corazón
precisan amores
para sobrevivir

Unha meniña
no comezo dos soños