Affichage des articles dont le libellé est SOBRE A ESQUERDA. Afficher tous les articles
Affichage des articles dont le libellé est SOBRE A ESQUERDA. Afficher tous les articles

samedi 24 septembre 2022

DEBAIXO DA FACIANA EDULCORADA, O INFERNO DE DANTE!

 PREOCUPANTE!!!!

Agora que xa se achega o voto en urna en Italia, confírmase na prensa española -en diversos momentos en La Voz e en El País-  a tendencia insana e perigosa de edulcorar e branquear o perfil de Giorgia Meloni, a líder de Fratelli d'Italia (Irmáns de Italia), á que dan como futura vencedora o domingo e, xa que logo, reitora do destino de Italia.

Salvini-Berlusconi-Meloni...alcumado 'tripartito de dereitas'...de novo nun artigo de Valentina Saini, que debe ser o brazo propagandístico de Meloni para La Voz.

Ao longo do verán xa tivemos ocasión de alertar da nociva estratexia do xornal galaico: o 22 de xullo, cando definían a Meloni e os seus como simple 'ultranacionalismo', nun exercicio máis de banalización; igualmente, o 24 de xullo, onde se daba un pulo máis na normalización da presenza do neofascismo en Italia. 

A Meloni é a herdeira de Benito Mussolini, o pai do fascismo, un ditador en toda regra, e de cuxo legado a de Fratelli d'Iatalia nunca renegou.  Podemos esquecer que admira a Abascal e a Vox, aos que considera compañeiros? Podemos ignorar que vai da man do déspota e antidemócrata Viktor Orban? Podemos prescindir do feito de que esa coalición pon en relación un esperpento político como Berlusconi, un xenófobo e racista como Salvini? Como soportar a etiqueta morna de 'coalición de dereitas'? 

Non por ser muller se salvará ninguén da desfeita ética e política. A mágoa é que, tal coma en España,  a esquerda está totalmente perdida, desorientada, vendeu a súa vertente anticapitalista ao capital, e ten a súa alma tinguida do máis reaccionario posmodernismo (en España, por riba, cómpre sumarlle a traizón perpetrada ao pobo saharauí). 

O discurso da esquerda é pobre, evidente, de simple eslógan: din en Italia que defenden a Constitución, a sanidade pública e que actuarán contra o cambio climático...e Putin, de tal forma que o único malo da coalición neofascista é que Berlusconi é 'amigo' de Putin....e deixan de lado todo o que implica o seu programa político, pensado desde un ADN neofascista, xenófobo e populista rancio.

Así, non é de abraiar que a clase traballadora se sinta orfa e que adhira ao discurso dos que (supostamente) din defendelos.  

Pobres xeracións do futuro...porque máis aló do baleiro non hai nada. Que o pensen ben o domingo!!!

Los italianos, en peligro de extinción | El Correo

dimanche 24 avril 2022

CON PINZAS E ARRASTRANDO OS PÉS?

 Resulta curioso que agora se preocupen, só cando a extrema dereita ameaza con facer saltar polos aires as súas contas. Claro, é unha ameaza real. Pero, provocada por que e por quen? 

Non ter en conta que Macron é presidente das contas dos máis poderosos, que aplica políticas ultraliberais é ignorar por que a xente está farta dun presidente egocentrista, elitista, e distanciado da xente. 

De novo, só hai que ler algún xornal español para darse conta de que non coñecen o escenario político francés. Marine Le Pen non xirou cara a esquerda, como se escoitou nalgunha absurda análise española o 10 de abril. Certo que é máis sibilina, pero non pode agochar de onde vén e, sobre todo, que quere. 

O problema é todo o que non fan as organizacións que están á súa esquerda. O primeiro esquecido: aplicar políticas sociais que defendan e garantan os dereitos para reducir a fenda da desigualdade que instaura o ultraliberalismo.  As persoas de ingresos medios teñen a percepción de que son as grandes relegadas das políticas. Que só teñen máis cargas e menos garantías de igualdade. Non digamos xa as persoas máis empobrecidas!

Inflúe o territorio: vivir nunha cidade non é o mesmo ca vivir no campo. Inflúe e moito, como xa se dixo, a percepción, sexa esta real ou non. Ese subxectivismo só se pode contrarrestar con política e pedagoxía. Para iso, hai que estar nos centros e nas rúas, non ir cando toca a melodía electoral. 

A xente quere sentir que a súa vida ten sentido.

Por iso, na primeira volta, Mélenchon case entra na segunda volta. Había un forte desexo de esquerda nas políticas reais do país. Políticas que agardamos se manteñan estables e crecentes nas lexislativas de xuño.


Présidentielle 2022 : les intentions de vote au second tour • FRANCE 24 -  YouTube

 

Por iso, esta noite perderá a esquerda. No fondo, gañará o sistema establecido: o das políticas neo ou ultraliberais. As que desposúen á xente. As que privatizan recursos e servizos públicos. As que practican o racismo selectivo e fomentan a aporofobia.  As que se distancian cada vez máis das necesidades reais das xentes. Macron representa iso. Marine Le Pen, no fondo, e a pesar da súa estratexia, tamén.

Por iso, non semella serio que Macron, que fixo todo o posible nestes cinco anos para cargarse a esquerda -insultando mesmo a Mélenchon- lle pida ao votante da France Insoumise que vote cunha pinza no nariz e arrastre os pés para ir as urnas...

On verra bien ce qu'il en est ce soir, après 20 heures.

samedi 23 avril 2022

'VOLVEUSE, POUCO A POUCO, CADA VEZ MENOS ESQUERDA'

la historia falsa-luciano canfora-9788494169045

0. Acontece. Simplemente. Como unha labazada máis. Pero xa non é unha máis. É a que fai que o vaso verta e enchoupe de anoxo. Todos os días, nestes dous anos de pandemia. Pero sobre todo desde que entramos no ano 2022. Un desastre auténtico para as persoas que somos ideoloxicamente de esquerdas. Certo é que non foi un silencio completo. Ante as aberracións ou as idioteces un pequeno comentario iluminado ía aparecendo no instagram. Pero nada como argumentar, criticar con pausa e sabendo o alcance que posuirán as palabras. Conciencia editorial.

1. A labazada veu hoxe en dobre sentido, á procura das dúas meixelas, e fala da mediocridade xeralizada que domina os discursos político e xornalístico, amplamente interrelacionados para desgraza da boa información, que desaparece ante a adulación mercenaria. 

2. Comezaremos pola xornalística. Nunha entrevista a Laurent Cantet, director de cine ideoloxicamente comprometido coa esquerda, a xornalista tivo a fachenda de querer poñer en rango de igualdade a Marine LePen, candidata de extrema dereita á presidencia de Francia, co escritor Michel Houellebecq para determinar quen ten máis responsabilidade á "hora de lexitimar o discurso do odio". Obviando o alcance mediocre da pregunta, a resposta de Laurent Cantet foi sinxelamente admirable: "Es que para mí no existe esa dicotomía. LePen quiere tomar el control del país, cosa que no ocurre con Michel Houellebecq en absoluto. No tiene nada que ver defender un proyecto político con ejercer la libertad de expresión". Que formación ten a xornalista en política ou en cultura para formular unha pregunta que só repousa no sensacionalismo mediático? Unha pregunta que, no fondo, ousa atacar o dereito á liberdade de expresión como moi ben argumenta Cantet.

3. Seguiremos coas declaracións da voceira do actual goberno de coalición progresista (sic) sobre a suposta insostibilidade de que os pensionistas teñan máis ingresos ca os seus fillos traballadores. De traca! De novo, a culpa dos pensionistas! Por riba, trátase dunha acusación que os confronta cos seus fillos. Unha indecencia. Sempre actúan así cando lle queren meter a tesoira ao sistema de pensións. Unha cantinela que provén da moi pouco social Unión Europea. Ademais, a declaración deixa en evidencia a súa capacidade de acción, coma se fosen simples espectadores da degradación salarial da xente nova. Quizais o sexan. 

4. Estes feitos e toda a acumulación de desastres procedentes, supostamente, das 'nosas e dos nosos' -déixenme rir por non chorar cando escoito este argumento infantil en boca de activistas e aduladores- provocan un permanente estado de anoxo e decepción ante o que son políticas de renuncia, resignación ou mesmo de adhesión ao imperante gran capital:

-- traizón ao pobo saharauí someténdose ao binomio EE.UU-Marrocos e desestabilizando Arxelia...todo un exemplo das políticas perigosas de Albares/Sánchez; 

-- belicismo e renuncia á diplomacia, que se engade ao canto de sereas da suposta bondade das políticas económicas da UE;

-- racismo en materia de concesión de asilo e refuxio; 

-- inoperancia fronte ao poder enerxético e o seu roubo; 

-- improvisación á hora de equilibrar os prezos da gasolina; 

-- ataque ao ecosistema co deixar facer ao poder eólico; 

-- desfeitas varias no feminismo á hora de asimilar as teses queer e woke que instauran censura, polarización emocional, así como causan unha incapacidade mental para a confrontación argumentada de ideas e a dialéctica; 

-- unha lei da infancia que deixa vivo o anticientífico síndrome de alienación parental (SAP)

-- unha lei de educación que empeora en varios treitos a que levara a cabo Wert;

-- abandono da pedagoxía política nos centros de traballo e nas rúas como forma de activar, sacudir e engraxar as políticas -hoxe claramente erráticas e contrarias ao recto sentido da esquerda- do executivo;

- penetración das prácticas corruptas que tanto se critican cando gobernan 'os demais'; 

- aplicación de leis que antes eran criticadas, cando lucía o sol da oposición; 

- contribuír ao 'branqueo' e banalización de VOX como organización de extrema dereita; 

- etc., etc....


5. De forma inmediata, a medida que reflexionamos sobre os feitos comentados no inicio, viña á nosa mente a lectura de Luciano Canfora e dos seus escritos reunidos en La historia falsa y otros escritos, editado por Capitán Swing. Varios dos artigos foron escritos ao redor da resaca da crise do 2007-2008 e das consecuencias das políticas austericidas postas en marcha...: hoxe, as persoas que contestaban as prácticas financeiras da UE e dos voitres de negro, demostran un perfecto comportamento amigo e nada rebelde...


6. Vivimos tempos mediocres e con pouca esperanza política, onde todo está impregnado da absoluta ausencia de pensamento crítico, ateigado de aduladores interesados e de comportamentos ególatras. Se a suposta 'nova' esquerda ten que vir da man da adoración a lideresas ou líderes, creados ad hoc, para festa do gran capital, mal imos. As fotos, as imaxes e os relatos poden enganar momentaneamente, pero non sosteñen proxectos emancipadores de verdade. 


7. Rescato diversas reflexións de Canfora sobre a esquerda que servirán, por hoxe, de peche a este reinicio: 

"se resignan -para sobrevivir- en hacer la política de los conservadores" (p. 13)

"se ha reducido a la izquierda a una caricatura de sí misma, a un fantoche especular de la derecha, empeñada en 'disputar el centro a la derecha' con las mismas armas léxicas y conceptuales de su antagonista. (...) se ha vuelto, poco a poco, cada vez menos izquierda" (p. 15)

 Cierre De La Presentación De Una Carta De Renuncia A Su Jefe Fotos,  Retratos, Imágenes Y Fotografía De Archivo Libres De Derecho. Image  62816771.

 

dimanche 19 juillet 2020

A FÁBULA DO CADRO

O cadro ofrecía unha perspectiva un tanto inaudita, insólita. E non era a primeira vez que o mestre o ollaba.

Só afastándote del, a bastantes pasos de distancia, podías outorgarlle, con moitas dificultades, un certo sentido unitario. Percibíase un intento de condución de liñas que partían de diversos puntos, mais o resultado semellaba un tanto inconexo, coma se se forzase de xeito antinatural a converxencia das liñas.

As razóns de tal feito percibíanse moi ben cando te achegabas ao cadro. Podíase sentir mesmo a dor que expresaba unha mestura de cores non ben asonada. A discordancia lumínica era evidente. A imaxe semellaba chorar de impotencia ante o desastroso traballo das mans que, recentemente, se aplicaran a darlle un ‘novo relato’.

De preto, víanse as torsións das liñas, coma se o seu programa pictórico non correspondese coas intencións iniciais. Había mesmo, no intento absurdo de restaurar, un borrado de liñas vellas ben definidas. De xeito tosco, case coma con ese Ecce Homo, o trazo brusco mergullaba vitorioso sobre toda harmonía.

O mestre optou por sentar e pensar sobre o futuro.

Tiña sentido desfacer as novas restauracións para recuperar o deseño orixinal? Sabía moi ben o mestre que xurdirían, desde as turbas dixitais de linchamento anónimo, insultos e outras desconsideracións. Sabía tamén que toda consideración contraria á nova restauración sería marxinada.

O poder aliméntase da adulación dos adeptos interesados. Por iso, as declaracións públicas de defensa do traballo realizado eran todas centrífugas con respecto á asunción de responsabilidades: ninguén quería asumir e admitir que se equivocaron coa restauración do cadro e que a pretendida visión unitaria só obedecía a unha sinrazón lóxica. A culpa sempre estaba noutros.

Ou sería mellor renunciar a toda restauración e comezar a preparar un novo lenzo, acollendo os acertos do deseño do programa inicial, e pintar un novo cadro?

O mestre tiña os suficientes anos para saber que a perspectiva tiña a súa importancia, pero que a verdade e a mentira non dependen dela. Que os modos de ver non poden ser un pretexto para anular a existencia obxectiva da verdade.

Brión, 19 de xullo de 2020


vendredi 12 juin 2020

DA VIDA PARA UNHA EXISTENCIA DIGNA A UNHA VIDA PARA A MERA SUBSISTENCIA



Dire ce que l’on doit  
Ne dire que ce que l’on fait
Ne rien dire que nous n’ayons fait”
(Dicir o que debemos dicir,
Dicir só o que facemos,
Non dicir nada que non fixéramos)
(Philippe Meirieu)
  1. O imprescindible Pessoa escribía que amar é pensar. Quizais sexa mellor xirar a chave da interpretación dos soños e dicir que pensar é amar...amar o que pensamos e o que escribimos. E se queremos ser xustos, se queremos amar ben, convén entón sermos respectuosos con ese pensamento e con esa escritura. Liberar toda escritura do cortexo da inmediatez, da produtividade obsesiva dos tempos actuais. E non desexar outra cousa que escribir para seguir cuestionándonos o mundo existente e non para contentar.


  1. Hai uns 10 días este escrito nacera despois de ler e escoitar ocorrencias sobre o futuro da educación. Un futuro que é enunciado e xulgado desde os parámetros reducionistas do COVID-19. Para non sermos orfos, deixamos que nos acompañen as últimas reflexións de Byung-Chul Han, de Hartmut Rosa, de Alain Accardo, así como os autores cos que dialogamos cando reflexionamos sobre a nosa práctica educativa.


  1. Vivimos baixo o imperio das emocións e das paixóns. Por iso, a unha lei reactiva como é a Lei Wert (LOMCE) sucédelle unha contrarreacción lexislativa. O seu impulso é, por tanto, emocional, e abafa baixo unha lousa toda razón argumentativa e crítica. De feito, a tramitación dalgunhas leis baixo o parón que supuxo o confinamento...non merece outra cousa que a nosa desaprobación. A claridade debe alumear todo proceso democrático de deliberación. Deliberación que, nos consta, non se deu coa Lei de Protección Integral da Infancia, chea de incongruencias.

  2. En todo este sin-proceso latexa o mal destes tempos: a mediocracia, o alimento necesario do capitalismo para someter as institucións e as leis ao seu imperio. Sobre isto escribiremos na próxima reflexión, ao calor das últimas noticias sobre o incontestable triunfo de Feijóo nas Eleccións do 12 de xullo.

  3. Asumamos o principio básico de que calquera lei educativa debe ser contrasistémica, senón asistiremos, de novo, a unha lei que favorecería as intencións produtivas do sistema económico e social dominante e hexemónico: o capitalismo. Se iso non se fai, de nada serve unha lei que remata por aliñarse co sistema. En efecto, hoxe a cosmovisión aliméntase do capitalismo, que crea un ‘sentido común’ sociohistórico que, ao mesmo tempo, marxina calquera alternativa posible. Como criterio cum auctoritas podo citar a Alain Accardo (traduzo do francés):

“a función principal do sistema escolar e universitario, que é seleccionar e formas as elites dirixentes, beneficia de forma esencial ás clases dominantes. (...). Se o ensino escolar e universitario conserva unha parte da súa función de espertar e manter o pensamento crítico, esta non chega até o cuestionamento da orde establecida” (p. 45)

  1. Ese sentido común alicerzou a Lei Wert. De maneira estratéxica usaron unha linguaxe técnica, en apariencia neutra, mais que provén directamente dos caladoiros conceptuais e terminolóxicos do universo da empresa: excelencia, efiacia, competencia, estándares de rendemento, avaliacións externas, empresarios de si mesmo, innovadores,....Todo debe ser medible e cuantificado, até os valores. 

  2. . Toda lei educativa incorpora unha ‘folla de ruta’ que é aplicada nas aulas a través das concrecións curriculares. A in-corporación de todas as formas de ser e estar no mundo en sociedade debe ser imperativo. Non obstante, hai formas que se vén segregadas e excluídas das follas de ruta deseñadas polas oligarquías: por exemplo, o mundo rural, o cooperativismo social, formas comunitarias de vida como a xitana...

  1. A cosmovisión do ser humano neoliberal está definida por:

  1. O interese propio ou o narcisismo ego-obsesivo

  2. Pola Competitividade

  3. Polo mercantilismo

  4. Pola burocratización

  5. Pola mensurabilidade: todo debe ser cuantificado e rendible

  6. Pola instrumentalización do OUTRO

  7. Pola autoexplotación e alienación

  8. Por ser empresario de si mesmo

  9. Pola anulación do pensamento crítico e a negatividade

  10. Pola etiquetaxe da diferenza e a desigualdade

  11. Pola interiorización do ‘fracaso’ como ‘culpa’ do propio individuo

  12. Pola medicalización das condutas

  13. Pola negación da ‘verdade’

  14. Pola exposición case pornográfica da emocionalidade e as paixóns

  15. Pola sobreprotección e ‘desnaturalización’ do que significa vivir


  1. Tendo en conta esa cosmovisión, ben incrustada na actual Lei Educativa, todo acto de educación -liberar dos marcos en que vive o alumnado, se temos en conta a etimoloxía- significa practicar un acto de ‘resistencia’, de ‘disidencia’ e construír a utopía emancipadora.

  2. Nada é doado. Toda aprendizaxe implica un esforzo, rigor e traballo. A virtualidade do dixital puxo de relevo a importancia do corpo, da súa presenza nas aulas, aí onde se dá un microcosmos da realidade social, onde o alumnado ten que aprender a convivir, a aceptar a existencia dos conflitos, a xestionalos e solucionalos. Onde aprende a re-construír os vínculos relacionais.

  3. A virtualidade encérranos en nós mesmos, por iso serve moi ben para os intereses da cosmovisión neoliberal. Todo acto educativo (tamén os virtuais, aínda que non son Educación para nós) que non se someta a crítica e reflexividade, é un acto condeado a alimentar a cosmovisión neoliberal. E a esquerda cae -e moito- nese erro. Nestes tempos consultamos traballos didácticos e pedagóxicos que falan da ‘escola democrática’ sen cuestionarse o sistema-mundo en que se incardina esa escola. Por iso, quédanse nunha mera declaración de boas intencións.

  4. Hoxe están en perigo algunha das fundamentais conquistas da clase traballadora. No que se refire á disolución do espazo-tempo que deben caracterizar aos ámbitos do repouso, do lecer e do traballo, os culpables da disolución, paradoxalmente, non son só a oligarquía e a dereita, senón a propia esquerda, seducida polo canto de sereas da dixitalizacion e do teletraballo, o maior dos enganos deste inicio do século XXI.

  5. Os rituais desaparecen e con eles a estabilidade, a pausa demorada e os símbolos que permiten o encontro dos que se recoñecen neles. O dixital liquida o ritual do corpo e da presenza, mata o encontro e desintegra os elos relacionais verdadeiros nunha falacia que só fai millonarios aos donos do capitalismo dixital. Nada peor que pensar que a educación pode vir desde unha pantalla.

  6. Hartmut Rosa afirma na primeira tese da Modernidade que as sociedades modernas só son capaces de se estabilizar de maneira dinámica. Non o cremos. É unha das falacias da aceleración e do crecemento constante. Non hai límites na lóxica da competición capitalista, se non hai límites, non hai pausas, non é posible a estabilidade que achega o demorarse. Acerta, no entanto, Rosa ao caracterizar a práctica educativa como colonizada pola lóxica da competición. Por iso, Accardo define a escola pública como 'escola conservadora' (p. 46) polo seu desexo, explicitamente compartido por familias e corpo docente, de 'adaptar', o máis estreitamente que se poda, ao corpo discente á orde establecida.

  7. Demorarse, con tranquilidade e sosego reflexivo, contribúe á estabilidade. Por iso, o primeiro erro da esquerda – acerto do capitalismo- foi aceptar os mantras da flexibilidade, da mobilidade, da inestabilidade. Modelaron un imaxinario onde nada semella durar, onde todo é obsolescente, mesmo os coñecementos e os saberes.

  8. A razón vive con tristura o protagonismo absoluto do elemento emoción/paixón. Vive no retiro da morada reflexiva: agarda por un rescate. Mantén a esencia que converte o estético nalgo fermoso, mentres que o emocional fai da arte mera mercadoría, mero produto.

  9. O curtopracismo é ante todo emocional, fundamento mesmo de certos medios dixitais como twitter. A razón require tempo e reflexión. O emocional non. Debe ser por iso que se xustifican comportamentos intolerables (nos dous extremos do eixo esquerda-dereita). O emocional sobreprotexe e infantiliza a sociedade. O emocional convértenos en presa do paternalismo obsesivo e controlador do Estado. Algo diso aconteceu coa xestión do COVID-19, e segue acontecendo.

  10. Aprender é tamén repetir. Para repetir algo hai que aprender de memoria. Hoxe isto, nun ensino dominado polo emocional líquido e pola anulación do esforzo que esixe e require toda aprendizaxe, é imposible. Os adoradores do líquido emocional din que memorizar mata a ‘creatividade’, a ‘innovación’. Mais, os contacontos africanos teñen fermosas historias que transmiten a exemplaridade a través da repetición, de como esa aprendizaxe até salva vidas.

  11. Aprender é tamén alimentar a memoria. Por iso, hoxe, seméllanos impensable unha sociedade estruturada ao redor da ritualización que establecía a memoria. Hoxe non memorizamos teléfonos. Non queremos sequera saber onde están as nosas referencias espazo-temporais elementais: queremos que un motor de procura dixital nolo diga.

  12. O coñecemento necesita repetición para estabilizarse. O fundamento da experiencia da vida é a repetición. Debe ser por iso que a experiencia é expurgada dos ‘relatos’ posmodernistas. Debe ser por iso que apelan só a un constante ensaio-erro, negándose a posibilidade de aprender dos erros e quedan a mercede da súa repetición estéril.

  13. A comunicación dixital é unha 'comunicación sen comunidade'. O réxime neoliberal illa a cada persoa e convértea en ‘produtora de si mesma’, como di Byung-Chul Han.

  14. A inestabilidade, o inacabamento, a provisionalidade, connotan o devir actual das cousas. A sensación de ‘queime’ deriva da alienación de autoexplotarse, de entregar ao capital todo o noso tempo libre e tamén o noso lugar de amar e xogar. Nada ten final na roda do capital. Rosa define o ‘queime’ (burnout) como unha forma extrema de alienación. E ten razón, agás nos casos en que ese ‘queime’ responde a unha deliberada explotación da patronal.


  1. O ser humano precisa ritos de paso (Van Gennep) e zonas en que sexa posible demorarse para adoptar unha decisión e poder avanzar. O neoliberalismo non quere iso, xa que denuncia o seu desexo de producir sen límites e de acapararnos por completo. Por iso, defendemos que cada etapa da vida ten os seus ritos de paso educativos e debe ter as súas zonas de reflexión para adoptar decisións tranquilas. Hoxe, non é posible. Someten ao alumnado a permanentes cortocircuitos neuronais obrigándoos a escoller sen poder demorarse, sen reflexionar, sen saber, mais aló do que lle podan dicir benintencionados departamentos de orientación ou calquera que tivese a experiencia previa.

  2. O único que tería sentido é a experiencia do coñecemento propio. Non poden. Itinerarios, escollas, optatividade desenfreada impiden un demorarse, un tranquilizarse. Todo xorde sempre ‘antes do propio tempo’ que tiñan as cousas antes. As consultas dispáranse e a resposta ten que ver con ‘e a ti que che gusta?’ Como vai sabelo aos 12, aos 13 ou 14 anos? A esa idade, agás experiencias desagradables, o lóxico é que che guste un pouco de todo.

  3. Por iso, toda resposta que tente alimentar unha experiencia que non ten o alumnado, non deixa de ser unha mostra máis do paternalismo, da infantilización. No fondo, unha pequena estafa. As leis educativas fomentan esta estafa. O capitalismo necesita esa estafa para dispoñer canto antes dunha man de obra pouco formada e xa ‘sometida’ á lei non escrita de que sempre son outros ‘os que saben que necesitas’.

  4. O repouso e o traballo son formas distintas da existencia. O repouso in-corpora a festa e o lecer: celébrase. O traballo remunerado non é ningunha festa. Cada forma require do seu espazo e do seu tempo. Hoxe, practicando a disolución queren que naviguemos dunha existencia digna a unha mera subsistencia. Curioso que sexa a suposta esquerda a que acelere os procesos de disolución dos espazo-tempo do repouso e do traballo.

  5. A escola deixou de ser ‘scholé’, é dicir, ociosidade. Non se permite xogar por xogar. Todo debe conducir a algo cuantificado, rendible. A avaliación da formación confúndese co número dunha proba elevada a obxectiva. Hoxe, por mor do sistema dominante, a escola non cultiva, instrúe.

  6. A formación vólvese un mero medio para ‘algo’, para lanzarnos ao mundo da competitividade. Non obstante, a formación debera ser a finalidade da educación. Pero, loxicamente, nun mundo hexemonizado pola cosmovisión neoliberal iso é imposible.

  7. Polo tanto, ese ‘algo’ debe ser o mellor posible para o alumnado. O neoliberalismo necesita que esa formación non sexa un atranco para os seus plans de perpetuación e reproducibilidade.


  1. En consecuencia, a ocorrencia da supresión do título da ESO non é en si mesmo un problema, se a formación se volve finalidade da educación. Non sería un problema se no sistema-mundo desaparecese a competitividade do horizonte. Mais, desde o momento en que acceder á vida en sociedade, a unha vida profesional ou laboral é unha competición, todo o alumnado debe ter a mesma igualdade á hora de poder competir (sabendo que isto é falaz e ilusorio por como se reparten as cartas).

  2. Mentres vivamos nunha sociedade hexemonizada polo capitalismo, que somete a unha carreira competitiva aos seres humanos, non podemos deixar que sexa dito sistema o que escolla directamente ao alumnado en función das súas necesidades. Lémbrame esta ocorrencia a cando se dicía que o mellor sería que os equipos directivos escollesen directamente ao profesorado, sen necesidade de oposición, tal como acontece nalgún país de clara doutrina neoliberal.

  3. O problema é a ausencia dunha educación verdadeiramente inclusiva, que permita que a formación sexa o fin da educación, para emanciparse, para poder demorarse, sen someterse a unha carreira de escollas e ser un cidadán ou unha cidadá que practica o pensamento crítico e reflexivo. Mais, non sexamos inxenuos ou hipócritas: o imaxinario capitalista colonizou o ensino e o alumnado sabe que o que estudan ten que 'servir para algo'.

  4. O esforzo de hoxe explícase en función da consecución dese ‘algo’ que serve para seguir. En consecuencia, se a formación é un servir para ‘algo’, e ese ‘algo’ é sentido coma un regalo, o desexo de esforzarse para formarse, nun imaxinario dominado pola rendibilidade capitalista, simplemente desaparece da ecuación. E xa veremos a eses mesmos que ‘regalan’ laiarse e inventar un novo relato sobre o ‘marabilloso’ que é formarse...

  5. No entanto, difícil é enganalos. O sistema capitalista é unha selva salvaxe e coñecen numerosos casos próximos do difícil que é todo, a pesar de estudar. Saben que os títulos non impiden a precariedade, os malos salarios, a emigración.

  6. Agás para as persoas alienadas e obnubiladas, o remate deste accidentado curso foi caótico e quedou ben evidente que o alumnado, en canto ministra e conselleira comunicaron que a nota final non podía empeorar con respecto á das dúas primeiras avaliacións, desconectou nunha porcentaxe non pequena da falacia dixital. En conversas persoais, entre risas, algúns manifestaban que estaban xa de vacacións.

  7. O problema é que nunha sociedade capitalista sempre existe un ‘filtro’ segregador. Que ferramentas tería un alumno ou alumna que presente un certificado con 5 ou 6 suspensas para acceder a un posto de traballo? Como podería esixir un salario digno ante o ‘favor’ que lle fan? (hoxe escoitamos isto tamén).

  8. A eliminación do conflito, da discrepancia argumentada nesta sociedade neoliberal do politicamente correcto vai da man da existencia da sobreprotección, dun paternalismo/maternalismo mal entendido e dunha perigosa infantilización da sociedade. A supresión das engurras só pode ser unha mala nova para unha democracia sana. Pero o capitalismo non quere unha Democracia digna dese nome: son incompatibles.

  9. Polo tanto, as ocorrencias en tempos de capitalismo só poden ser unha escusa para establecer maneiras diferentes e diferidas de segregar. Todo dependerá de en que momento se establece esa segregación e diferenciación que conduce e subxace á desigualdade estrutural que naturaliza o capitalismo.


Referencias bibliográficas

Accardo, A. (2020), Le petit-bourgeois gentilhomme. Sur les prétentions hégémoniques des classes moyennes, Agone: Marseille [1ª edición 2003].

Deneault, A. (2919), Mediocracia. Cuando los mediocres toman el poder, Turner: Madrid [1ª edición francesa de 2015]

Han, B.-Ch. (2020), La desaparición de los rituales. Una topología del presente, Herder: Barcelona.

Ron Fernández, X. (2020), “La desaceleración como práctica educativa”, Educación para el Bien Común. Hacia una práctica crítica, inclusiva y comprometida socialmente, Enrique Javier Díez Gutiérrez y Juan Ramón Rodríguez Fernández (Dirs.), Octaedro: Barcelona, pp. 273-285.

Rosa, H. (2019), “Diez tesis para comprender la Modernidad”, Remedio a la aceleración. Ensayos sobre la resonancia, Ned Ediciones: Barcelona, pp. 25-42.


Xabier Ron Fernández

Brión, 12 de xuño de 2020


samedi 2 mai 2020

A 'SAÍDA DO TÚNEL'...SERÁ OU NON A EXPRESIÓN DE PODER DO GRAN CAPITAL?

Os datos do goberno enviados á Unión Europea son unha máscara para calmar os ánimos dos máis recalcitrantes ortodoxos. Non pode ser que ninguén crea que, cunha contraccion do PIB nun 9,2%, só chegaremos a un 19% de desemprego e que o 2021 medraremos un 6,8% do PIB. Dáme que non será así e ogallá que nos equivoquemos. 

Como dixemos noutras entradas do blog, o gran problema era a 'saída do túnel' e xa albiscamos a treboada que se achega para desolación da clase traballadora. E ollo! Non é cuestión de pesimismo, senón de análise, tal como o permite constatar a recolección de artigos de Juan Torres López, Coronavirus y economía (terceira edición de 26 de abril de 2020, accesible a través de Rebelión). Interesantes, de saída, os artigos publicados no último trimestre do 2019, onde xa alertaba da chegada dunha nova crise apoiada na suposta saída da anterior, iniciada unha década antes. O virus só acelerou, segundo estas previsións, o que xa se estaba cociñando nas xuntanzas do gran capital: 

"Su problema es que ha garantizado la apropiación masiva del beneficio pero a costa de llegar a la exageración e incluso a la aberración, monopolizando la toma de decisiones y convirtiendo al uso del poder y de la información en la fuente de la ganancia en detrimento de la actividad productiva. Sin embargo, al concentrar en extremo el poder ha generado una correlación de fuerzas tan favorable a las grandes corporaciones que ha terminado destruyendo los equilibrios básicos e imprescindibles que precisa tener cualquier sociedad si no quiere arder en la hoguera que antes o después prenden quienes se quedan sin nada" (p. 21).

Mocidade.-
Hedelberto López Blanch recolle o informe da OIT que alerta sobre as consecuencias que terá o futuro nos máis mozos, por varias razóns: "la recesión, el cumplimiento de tareas en la economía informal, las formas atípicas de empleos, las industrias especialmente afectadas por la pandemia y la automatización" ("Desempleo y hambre sobrevuelan el orbe", Rebelión, 2-maio-2020). 

Ademais, se temos en conta o que acontece en espazos urbanos onde se asiste a procesos de guetización social, dá a impresión de que o ascensor social só funciona para uns poucos afortunados da clase traballadora. Antes funcionaba moito mellor porque era a maneira en que o capital edulcoraba -froito das demandas e reivindicacións obreiras e sindicais, certo é- as súas prácticas de espolio e acumulación. Iso co neoliberalismo mudou. Case non hai ascensor social e impide a emancipación e progresión da mocidade. 

Pobreza e desigualdade.- 
Na famosa 'saída da crise' do 2008, que nunca foi tal, a non ser para o gran capital, incrementouse o número de traballadores e traballadoras pobres, entre un 13 e un 15%. A reivindicación dun salario 'mileurista', ante as realidades salariais existentes, semella unha lonxana utopía. 

O tecido laboral empresarial exprésase con estes números: 
  • "1 millón son microempresas (1-9 empleos) que ocupan en total a 3,5 millones de trabajadores.
  • 160.000 son medianas empresas (10-49) que emplean a 3 millones de trabajadores.
  • 26.000 son medianas empresas (50-249) que proporcionan empleo a 2,5 millones de trabajadores.
  • Algo menos de 5.000 son grandes empresas (más de 250) que ocupan a 5,6 millones de trabajadores.
  • Y, en total, en España hay unos 3,2 millones de personas que trabajan como autónomos" (Torres López, p. 85). 
O regreso da clase traballadora aos seus postos anteriores non se vai facer coas mesmas condicións. Pensemos senón collendo o exemplo da restauración: dinlles que terán que ofertar un 30% (inicio) e un 50% do aforo, se supón que até que non se comece a dispoñer dunha vacina. Con esa condición poderán pagar o 100% do que había tanto en persoal coma en salarios? Obviamente non, non hai tanto remanente na caixa dun negocio. Vai garantir o Estado durante todo ese tempo o 70%-50% restante e durante tempo que aínda é indefinido? 

E isto vale, loxicamente, para todo tipo de pequeno comercio que verá como as condicións de acceso e aforo que ten que arbitrar impedirán a facturación do 100% prevista antes do confinamento. Existirá un problema na correlación entre a oferta e a demanda, en ambos extremos. Moitos destes postos de traballos no sector servizos exercíanos mozos e mozas. Con estas condicións, mesmo aventurando axudas por parte do Estado, cantos postos hoxe 'protexidos' por un ERTE deixarán de selo e serán paro puro e duro? 

Desde o mesmo inicio do confinamento, e sabendo que estamos nun mundo gobernado polas leis do capitalismo neoliberal, advertíamos neste mesmo blog que era imperativo que a clase traballadora sentise que a inxección económica que posibilitase afrontar o peche forzoso de actividade fose directa. Niso mesmo insiste Torres López cando afirma que o Estado debía: "garantizar directamente el ingreso de empresas y personas que lo están perdiendo." O problema, claro, era aceptar o endebedamento automático, mais pode que o beneficio social e ao mesmo tempo económico permitise unha mellor saída do túnel pandémico. 

A pandemia permitiu comprobar as diferentes capas de desigualdade coa que convive o gran capital e o estado en que estaban os servizos públicos despois de décadas de voracidade capitalista e, sobre todo, grazas aos recortes e ás privatizacións auspiciadas como solución á crise do 2007-08. 

Antes da pandemia xa denunciamos a insistencia falaz en denominar certas empresas como colaborativas cando son xeradoras dun novo modelo de neoescravitude laboral. E durante a pandemia eses modelos non deixaron de aplicar e 'mellorar' os seus mecanismos de asuxeitamento.




Macroeconomía vs. microeconomía.-
Asistimos desde xa ao xogo de confrontación entre os datos macroeconómicos e a realidade microeconómica das persoas correntes. Por iso penso que os datos enviados a Europa son como unha especie de duro analxésico para convencer de que é recuperable a axuda. O economista Santiago Niño Becerra di que os intereses da axuda ascenden a uns 40 mil millóns de euros. 

Na UE seguen facendo malabares e xogos de maxia financeiros, tal como os facía Juncker, e que xa denunciáramos na Comisión de Asuntos Europeos do Parlamento de Galicia entre o 2012 e o 2016, por seren unha falacia, unha entelequia.: Que 1 euro de diñeiro público atrae 5 de investimento privado!! O único que se garante é que o sector privado vai zugar ese euro e os beneficios correspondentes. 



A acumulación de capital dalgúns xigantes do sector da tecnoloxía durante a pandemia son enormes. As outras que paran pola falta de consumo, teñen moito remanente e farán repousar sobre a clase traballadora os custos do futuro en forma de salarios, tipos de xornada e contratos.  

Precisamente, en xogo estará a resposta a outra contradición, a necesidade de afortalar a soberanía do Estado e dos seus servizos públicos fronte á cesión que implica a creación da oficina orzamentaria e a homologación das políticas fiscais na UE. A contradición entre obedecer unicamente ao BCE ou termos unha banca pública que sexa realmente a garante da supervivencia das persoas e do ben común. Pois a UE, polo que vimos, "se está disparando en el pie. Se está condenando a muerte ella misma" (p. 59). 

Mais a microeconomía require de que o diñeiro sexa en efectivo e non a través de débedas bancarias. 

Ego vs. alter
Noutra dimensión...toda a problemática que está xerando a pandemia a EGO...permitirá que atendemos aos problemas que ten ALTER? 

Referímonos con isto, tanto á dimensión migratoria como aos procesos que o Estado ten que abordar, se realmente merece o nome de esquerdas -categoría á que, por certo, renunciaron no programa de coalición, adoptando un termo como 'progresista'-ou, como mínimo, permitiría saber que é 'progresista', segundo a neolinguaxe que impera hoxe en día. 

Referímonos, cando menos, aos seguintes aspectos: 

a) Derrogar a Lei de Estranxeiría e procurar unha regularización ordinaria [que se fixo durante o proceso de confinamento para que as persoas migrantes en situación irregular sobrevivisen?]; 

b) Rematar coa existencia dos CIE's e dos voos de deportación;

c) Asumir a nosa responsabilidade como potencia administradora para culminar o proceso de descolonización do Sahara Occidental e que o pobo saharaui poda vivir no seu país en liberdade; 

d) Promover unha nova política de cooperación cos países empobrecidos e mudar a política de asilo e refuxiado, rachar co tratado antipersoas con Turquía e outros países como Marrocos.

A Covid-19 e a fame.-
O anterior vai vinculado ao que segue, xa que non podemos esquecer que os sistemas sanitarios de moitos dos países emisores non son quen de resistir -non o fomos case nós- as consecuencias do virus e que haberá, posiblemente un incremento de persoas migrantes que fuxan de seus países...non tanto pola COVID-19, senón, principalmente, polo desexo de fuxir das guerras, dos problemas interétnicos, da pobreza (moitas veces causada polas políticas neoliberais occidentais e tamén polas orientais, que atacaron a esencia da vida económica e social africana -asentada na reciprocidade, na redistribución e no intercambio-, coa complicidade das súas elites: véxase a este respecto o libro de Kako Nubukpo, L'urgence africaine. Changeons de modèle de croissance!, Odile Jacob, 2019)...e da fame

Recollamos con respecto á fame, o sentir de Hedelberto López Blanch, citado no inicio:

"El Programa Mundial de Alimentos (PMA) de las Naciones Unidas significó que el número de personas que se enfrentan a una inseguridad alimentaria aguda podría casi duplicarse este año hasta alcanzar los 265 millones debido a las consecuencias económicas del nuevo coronavirus. (...) la covid-19 es potencialmente catastrófica para millones de personas que ya están pendiendo de un hilo, y el PMA necesitará este año entre 10 000 y 12 000 millones de dólares para financiar sus programas de ayuda hacia las naciones y poblaciones más necesitadas"

Futuro? Como se pode falar de 'nova normalidade'?

De primeiras, a neolinguaxe non vai calmar a anguria, nin vai facer desaparecer o medo obsesivo que se inoculou por arte de maxia, nin vai calmar a desesperación ante a falta de traballo ou diñeiro, nin fará desaparecer a sensación furtiva do saúdo, do abrazo confiscado, da falta de contacto cos próximos, ....TODO ISO ESTÁ LONXE DE PODER SER UNHA NORMALIDADE...POR MOI NOVA QUE SE VENDA!!!!!

Se O Estado está máis atento ao que se dita desde arriba, a conxugar os receos da UE, hai moitas posibilidades de que a saída do túnel sexa un tormento para a clase traballadora: 

"Hace faltan ayudas directas, hace falta una banca pública que se encargue de proporcionar esa financiación extraordinaria en situaciones de emergencia y hace falta un estímulo fiscal y productivo gigantesco, de la misma proporción del desastre que se avecina". (Torres López, p. 53)
Se hai intermediación da banca, as axudas nunca chegarán de forma directa a pequenos comerciantes. Mediadas, imperará o lucro da banca privada. Se ben, como advirte Torres López, necesitamos a unha UE e a un BCE implicado:

"No nos engañemos: el esfuerzo financiero que realmente se necesitaría para evitar el colapso de nuestra economía o la quiebra no podemos hacerlo solos en el seno de la Unión Europea" (Ibid. p. 66).


Non obstante, como o propio Torres López recolle noutro artigo, será necesario que o Estado se endebede a fondo ('sin límites', p. 89) para salvar a economía e ás persoas. 

O Estado non pode fuxir da súa responsabilidade 'progresista' e poñer en marcha un plan de recuperación económica e social garantista. 

Xabier Ron
Brión, 2 de maio de 2020