dimanche 24 avril 2022

CON PINZAS E ARRASTRANDO OS PÉS?

 Resulta curioso que agora se preocupen, só cando a extrema dereita ameaza con facer saltar polos aires as súas contas. Claro, é unha ameaza real. Pero, provocada por que e por quen? 

Non ter en conta que Macron é presidente das contas dos máis poderosos, que aplica políticas ultraliberais é ignorar por que a xente está farta dun presidente egocentrista, elitista, e distanciado da xente. 

De novo, só hai que ler algún xornal español para darse conta de que non coñecen o escenario político francés. Marine Le Pen non xirou cara a esquerda, como se escoitou nalgunha absurda análise española o 10 de abril. Certo que é máis sibilina, pero non pode agochar de onde vén e, sobre todo, que quere. 

O problema é todo o que non fan as organizacións que están á súa esquerda. O primeiro esquecido: aplicar políticas sociais que defendan e garantan os dereitos para reducir a fenda da desigualdade que instaura o ultraliberalismo.  As persoas de ingresos medios teñen a percepción de que son as grandes relegadas das políticas. Que só teñen máis cargas e menos garantías de igualdade. Non digamos xa as persoas máis empobrecidas!

Inflúe o territorio: vivir nunha cidade non é o mesmo ca vivir no campo. Inflúe e moito, como xa se dixo, a percepción, sexa esta real ou non. Ese subxectivismo só se pode contrarrestar con política e pedagoxía. Para iso, hai que estar nos centros e nas rúas, non ir cando toca a melodía electoral. 

A xente quere sentir que a súa vida ten sentido.

Por iso, na primeira volta, Mélenchon case entra na segunda volta. Había un forte desexo de esquerda nas políticas reais do país. Políticas que agardamos se manteñan estables e crecentes nas lexislativas de xuño.


Présidentielle 2022 : les intentions de vote au second tour • FRANCE 24 -  YouTube

 

Por iso, esta noite perderá a esquerda. No fondo, gañará o sistema establecido: o das políticas neo ou ultraliberais. As que desposúen á xente. As que privatizan recursos e servizos públicos. As que practican o racismo selectivo e fomentan a aporofobia.  As que se distancian cada vez máis das necesidades reais das xentes. Macron representa iso. Marine Le Pen, no fondo, e a pesar da súa estratexia, tamén.

Por iso, non semella serio que Macron, que fixo todo o posible nestes cinco anos para cargarse a esquerda -insultando mesmo a Mélenchon- lle pida ao votante da France Insoumise que vote cunha pinza no nariz e arrastre os pés para ir as urnas...

On verra bien ce qu'il en est ce soir, après 20 heures.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire