samedi 24 septembre 2022

DEBAIXO DA FACIANA EDULCORADA, O INFERNO DE DANTE!

 PREOCUPANTE!!!!

Agora que xa se achega o voto en urna en Italia, confírmase na prensa española -en diversos momentos en La Voz e en El País-  a tendencia insana e perigosa de edulcorar e branquear o perfil de Giorgia Meloni, a líder de Fratelli d'Italia (Irmáns de Italia), á que dan como futura vencedora o domingo e, xa que logo, reitora do destino de Italia.

Salvini-Berlusconi-Meloni...alcumado 'tripartito de dereitas'...de novo nun artigo de Valentina Saini, que debe ser o brazo propagandístico de Meloni para La Voz.

Ao longo do verán xa tivemos ocasión de alertar da nociva estratexia do xornal galaico: o 22 de xullo, cando definían a Meloni e os seus como simple 'ultranacionalismo', nun exercicio máis de banalización; igualmente, o 24 de xullo, onde se daba un pulo máis na normalización da presenza do neofascismo en Italia. 

A Meloni é a herdeira de Benito Mussolini, o pai do fascismo, un ditador en toda regra, e de cuxo legado a de Fratelli d'Iatalia nunca renegou.  Podemos esquecer que admira a Abascal e a Vox, aos que considera compañeiros? Podemos ignorar que vai da man do déspota e antidemócrata Viktor Orban? Podemos prescindir do feito de que esa coalición pon en relación un esperpento político como Berlusconi, un xenófobo e racista como Salvini? Como soportar a etiqueta morna de 'coalición de dereitas'? 

Non por ser muller se salvará ninguén da desfeita ética e política. A mágoa é que, tal coma en España,  a esquerda está totalmente perdida, desorientada, vendeu a súa vertente anticapitalista ao capital, e ten a súa alma tinguida do máis reaccionario posmodernismo (en España, por riba, cómpre sumarlle a traizón perpetrada ao pobo saharauí). 

O discurso da esquerda é pobre, evidente, de simple eslógan: din en Italia que defenden a Constitución, a sanidade pública e que actuarán contra o cambio climático...e Putin, de tal forma que o único malo da coalición neofascista é que Berlusconi é 'amigo' de Putin....e deixan de lado todo o que implica o seu programa político, pensado desde un ADN neofascista, xenófobo e populista rancio.

Así, non é de abraiar que a clase traballadora se sinta orfa e que adhira ao discurso dos que (supostamente) din defendelos.  

Pobres xeracións do futuro...porque máis aló do baleiro non hai nada. Que o pensen ben o domingo!!!

Los italianos, en peligro de extinción | El Correo

vendredi 29 avril 2022

CERTO...NIN DE ESQUERDAS...NIN SOLIDARIO...SI VIOLENTO, COMO DICÍA MAX WEBER

Gramsci dixo en marzo de 1924 que 'Todo Estado é ditadura'. Pode semellar excesivo. Mais non o é para quen sofre as consecuencias do poder e da violencia, inherentes ao propio Estado. Xa o vira Trotsky, en Brest-Litowsk cando afirmara que 'Todo Estado fúndase na violencia'. 

Certamente, hoxe, o binomio poder-violencia están espallados. Os Estados foxen da súa obriga de garantir dereitos, ocupados como están en servir os intereses do gran capital, onde reside o verdadeiro poder na sombra, o que non se elixe, o antidemocrático.

Xa amosamos a nosa indignación co resultado do goberno dun executivo que se autoidentifica como 'progresista' -así figura no acordo da coalición, xa que 'esquerda', certo é, quedáballe moi lonxe- con respecto a cuestións como a do Sáhara e outras que deixamos reflectidas nunha entrada anterior. 

Non obstante, o acontecido con María Salmerón supera xa os límites. As escusas do executivo para non concederlle o indulto son todas peregrinas e falaces. Se non fose pouco, a concesión do indulto repousa nunha lei que data de 1870, certo é que modificada nalgúns artigos pola lei do 18 de xuño de 1988 (Ley de 18 de junio de 1870 por la que se establecen las reglas para el EJERCICIO DE LA GRACIA DE INDULTO, modificada por Ley 1/1988, de 14 de enero por la que se modifica la Ley de 18 de junio de 1870, estableciendo reglas para el ejercicio de la Gracia de Indulto. Artículos afectados: 2, 3, 10, 11, 15, 20, 22, 23, 24, 26, 28, 29 y 30), pero que merece unha nova lei actualizada en función das casuísticas actuais. 

Unha nai que protexe á súa filla dun pai maltratador, que, por riba, nunca ingresou no cárcere, pode acabar no cárcere por facer o que faría calquera persoa no seu lugar.

O Estado pode actuar. A modificación de 1988 eliminou do artigo 3 capitulo I a posibilidade de que o Consello de Estado conceda o indulto total por 'razóns suficientes de xustiza, equidade, ou conveniencia pública'. Pero non é menos certo que a modificación da Lei de 1988 recolle que pode conceder o indulto parcial cando existan méritos para iso e mudar o tipo de pena imposto (artigo 12, capitulo II, Lei 1/1988). 



En calquera caso, estamos ante un feito grave que pretende servir de 'exemplo' para as nais que deciden exercer a lexítima defensa dos fillos e fillas ante un proxenitor do que se ten demostrado a súa violencia. Realmente pensan xuízas e xuíces que unha nai vai permitir e aceptar a violencia sen actuar? 

O Estado pode e debe actuar. De feito, coa denegación do indulto fíxoo. Confírmase que o Estado é un conglomerado de poder e violencia. 

Cando as leis e as sentenzas non protexen ás persoas menores de idade, só cómpre actuar en lexítima defensa, iso foi o que fixo unha nai, nada máis e nada menos. O que faría eu. 



dimanche 24 avril 2022

CON PINZAS E ARRASTRANDO OS PÉS?

 Resulta curioso que agora se preocupen, só cando a extrema dereita ameaza con facer saltar polos aires as súas contas. Claro, é unha ameaza real. Pero, provocada por que e por quen? 

Non ter en conta que Macron é presidente das contas dos máis poderosos, que aplica políticas ultraliberais é ignorar por que a xente está farta dun presidente egocentrista, elitista, e distanciado da xente. 

De novo, só hai que ler algún xornal español para darse conta de que non coñecen o escenario político francés. Marine Le Pen non xirou cara a esquerda, como se escoitou nalgunha absurda análise española o 10 de abril. Certo que é máis sibilina, pero non pode agochar de onde vén e, sobre todo, que quere. 

O problema é todo o que non fan as organizacións que están á súa esquerda. O primeiro esquecido: aplicar políticas sociais que defendan e garantan os dereitos para reducir a fenda da desigualdade que instaura o ultraliberalismo.  As persoas de ingresos medios teñen a percepción de que son as grandes relegadas das políticas. Que só teñen máis cargas e menos garantías de igualdade. Non digamos xa as persoas máis empobrecidas!

Inflúe o territorio: vivir nunha cidade non é o mesmo ca vivir no campo. Inflúe e moito, como xa se dixo, a percepción, sexa esta real ou non. Ese subxectivismo só se pode contrarrestar con política e pedagoxía. Para iso, hai que estar nos centros e nas rúas, non ir cando toca a melodía electoral. 

A xente quere sentir que a súa vida ten sentido.

Por iso, na primeira volta, Mélenchon case entra na segunda volta. Había un forte desexo de esquerda nas políticas reais do país. Políticas que agardamos se manteñan estables e crecentes nas lexislativas de xuño.


Présidentielle 2022 : les intentions de vote au second tour • FRANCE 24 -  YouTube

 

Por iso, esta noite perderá a esquerda. No fondo, gañará o sistema establecido: o das políticas neo ou ultraliberais. As que desposúen á xente. As que privatizan recursos e servizos públicos. As que practican o racismo selectivo e fomentan a aporofobia.  As que se distancian cada vez máis das necesidades reais das xentes. Macron representa iso. Marine Le Pen, no fondo, e a pesar da súa estratexia, tamén.

Por iso, non semella serio que Macron, que fixo todo o posible nestes cinco anos para cargarse a esquerda -insultando mesmo a Mélenchon- lle pida ao votante da France Insoumise que vote cunha pinza no nariz e arrastre os pés para ir as urnas...

On verra bien ce qu'il en est ce soir, après 20 heures.

samedi 23 avril 2022

'VOLVEUSE, POUCO A POUCO, CADA VEZ MENOS ESQUERDA'

la historia falsa-luciano canfora-9788494169045

0. Acontece. Simplemente. Como unha labazada máis. Pero xa non é unha máis. É a que fai que o vaso verta e enchoupe de anoxo. Todos os días, nestes dous anos de pandemia. Pero sobre todo desde que entramos no ano 2022. Un desastre auténtico para as persoas que somos ideoloxicamente de esquerdas. Certo é que non foi un silencio completo. Ante as aberracións ou as idioteces un pequeno comentario iluminado ía aparecendo no instagram. Pero nada como argumentar, criticar con pausa e sabendo o alcance que posuirán as palabras. Conciencia editorial.

1. A labazada veu hoxe en dobre sentido, á procura das dúas meixelas, e fala da mediocridade xeralizada que domina os discursos político e xornalístico, amplamente interrelacionados para desgraza da boa información, que desaparece ante a adulación mercenaria. 

2. Comezaremos pola xornalística. Nunha entrevista a Laurent Cantet, director de cine ideoloxicamente comprometido coa esquerda, a xornalista tivo a fachenda de querer poñer en rango de igualdade a Marine LePen, candidata de extrema dereita á presidencia de Francia, co escritor Michel Houellebecq para determinar quen ten máis responsabilidade á "hora de lexitimar o discurso do odio". Obviando o alcance mediocre da pregunta, a resposta de Laurent Cantet foi sinxelamente admirable: "Es que para mí no existe esa dicotomía. LePen quiere tomar el control del país, cosa que no ocurre con Michel Houellebecq en absoluto. No tiene nada que ver defender un proyecto político con ejercer la libertad de expresión". Que formación ten a xornalista en política ou en cultura para formular unha pregunta que só repousa no sensacionalismo mediático? Unha pregunta que, no fondo, ousa atacar o dereito á liberdade de expresión como moi ben argumenta Cantet.

3. Seguiremos coas declaracións da voceira do actual goberno de coalición progresista (sic) sobre a suposta insostibilidade de que os pensionistas teñan máis ingresos ca os seus fillos traballadores. De traca! De novo, a culpa dos pensionistas! Por riba, trátase dunha acusación que os confronta cos seus fillos. Unha indecencia. Sempre actúan así cando lle queren meter a tesoira ao sistema de pensións. Unha cantinela que provén da moi pouco social Unión Europea. Ademais, a declaración deixa en evidencia a súa capacidade de acción, coma se fosen simples espectadores da degradación salarial da xente nova. Quizais o sexan. 

4. Estes feitos e toda a acumulación de desastres procedentes, supostamente, das 'nosas e dos nosos' -déixenme rir por non chorar cando escoito este argumento infantil en boca de activistas e aduladores- provocan un permanente estado de anoxo e decepción ante o que son políticas de renuncia, resignación ou mesmo de adhesión ao imperante gran capital:

-- traizón ao pobo saharauí someténdose ao binomio EE.UU-Marrocos e desestabilizando Arxelia...todo un exemplo das políticas perigosas de Albares/Sánchez; 

-- belicismo e renuncia á diplomacia, que se engade ao canto de sereas da suposta bondade das políticas económicas da UE;

-- racismo en materia de concesión de asilo e refuxio; 

-- inoperancia fronte ao poder enerxético e o seu roubo; 

-- improvisación á hora de equilibrar os prezos da gasolina; 

-- ataque ao ecosistema co deixar facer ao poder eólico; 

-- desfeitas varias no feminismo á hora de asimilar as teses queer e woke que instauran censura, polarización emocional, así como causan unha incapacidade mental para a confrontación argumentada de ideas e a dialéctica; 

-- unha lei da infancia que deixa vivo o anticientífico síndrome de alienación parental (SAP)

-- unha lei de educación que empeora en varios treitos a que levara a cabo Wert;

-- abandono da pedagoxía política nos centros de traballo e nas rúas como forma de activar, sacudir e engraxar as políticas -hoxe claramente erráticas e contrarias ao recto sentido da esquerda- do executivo;

- penetración das prácticas corruptas que tanto se critican cando gobernan 'os demais'; 

- aplicación de leis que antes eran criticadas, cando lucía o sol da oposición; 

- contribuír ao 'branqueo' e banalización de VOX como organización de extrema dereita; 

- etc., etc....


5. De forma inmediata, a medida que reflexionamos sobre os feitos comentados no inicio, viña á nosa mente a lectura de Luciano Canfora e dos seus escritos reunidos en La historia falsa y otros escritos, editado por Capitán Swing. Varios dos artigos foron escritos ao redor da resaca da crise do 2007-2008 e das consecuencias das políticas austericidas postas en marcha...: hoxe, as persoas que contestaban as prácticas financeiras da UE e dos voitres de negro, demostran un perfecto comportamento amigo e nada rebelde...


6. Vivimos tempos mediocres e con pouca esperanza política, onde todo está impregnado da absoluta ausencia de pensamento crítico, ateigado de aduladores interesados e de comportamentos ególatras. Se a suposta 'nova' esquerda ten que vir da man da adoración a lideresas ou líderes, creados ad hoc, para festa do gran capital, mal imos. As fotos, as imaxes e os relatos poden enganar momentaneamente, pero non sosteñen proxectos emancipadores de verdade. 


7. Rescato diversas reflexións de Canfora sobre a esquerda que servirán, por hoxe, de peche a este reinicio: 

"se resignan -para sobrevivir- en hacer la política de los conservadores" (p. 13)

"se ha reducido a la izquierda a una caricatura de sí misma, a un fantoche especular de la derecha, empeñada en 'disputar el centro a la derecha' con las mismas armas léxicas y conceptuales de su antagonista. (...) se ha vuelto, poco a poco, cada vez menos izquierda" (p. 15)

 Cierre De La Presentación De Una Carta De Renuncia A Su Jefe Fotos,  Retratos, Imágenes Y Fotografía De Archivo Libres De Derecho. Image  62816771.