PREOCUPANTE!!!!
Agora que xa se achega o voto en urna en Italia, confírmase na prensa española -en diversos momentos en La Voz e en El País- a tendencia insana e perigosa de edulcorar e branquear o perfil de Giorgia Meloni, a líder de Fratelli d'Italia (Irmáns de Italia), á que dan como futura vencedora o domingo e, xa que logo, reitora do destino de Italia.
Salvini-Berlusconi-Meloni...alcumado 'tripartito de dereitas'...de novo nun artigo de Valentina Saini, que debe ser o brazo propagandístico de Meloni para La Voz.
Ao longo do verán xa tivemos ocasión de alertar da nociva estratexia do xornal galaico: o 22 de xullo, cando definían a Meloni e os seus como simple 'ultranacionalismo', nun exercicio máis de banalización; igualmente, o 24 de xullo, onde se daba un pulo máis na normalización da presenza do neofascismo en Italia.
A Meloni é a herdeira de Benito Mussolini, o pai do fascismo, un ditador en toda regra, e de cuxo legado a de Fratelli d'Iatalia nunca renegou. Podemos esquecer que admira a Abascal e a Vox, aos que considera compañeiros? Podemos ignorar que vai da man do déspota e antidemócrata Viktor Orban? Podemos prescindir do feito de que esa coalición pon en relación un esperpento político como Berlusconi, un xenófobo e racista como Salvini? Como soportar a etiqueta morna de 'coalición de dereitas'?
Non por ser muller se salvará ninguén da desfeita ética e política. A mágoa é que, tal coma en España, a esquerda está totalmente perdida, desorientada, vendeu a súa vertente anticapitalista ao capital, e ten a súa alma tinguida do máis reaccionario posmodernismo (en España, por riba, cómpre sumarlle a traizón perpetrada ao pobo saharauí).
O discurso da esquerda é pobre, evidente, de simple eslógan: din en Italia que defenden a Constitución, a sanidade pública e que actuarán contra o cambio climático...e Putin, de tal forma que o único malo da coalición neofascista é que Berlusconi é 'amigo' de Putin....e deixan de lado todo o que implica o seu programa político, pensado desde un ADN neofascista, xenófobo e populista rancio.
Así, non é de abraiar que a clase traballadora se sinta orfa e que adhira ao discurso dos que (supostamente) din defendelos.
Pobres xeracións do futuro...porque máis aló do baleiro non hai nada. Que o pensen ben o domingo!!!
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire