Affichage des articles dont le libellé est LÍRICA TROBADORESCA-XERAL. Afficher tous les articles
Affichage des articles dont le libellé est LÍRICA TROBADORESCA-XERAL. Afficher tous les articles

vendredi 20 mars 2020

MARTIN DE PADROZELOS NON É O PRIMEIRO TROBADOR DA NOSA LÍRICA MEDIEVAL

Captatio benevolentiae
Hai días en que un se pode alterar por calquera cousa, certo. Máis, se cabe, cando vivimos separados da familia, das amizades e da natureza e podemos comprobar a natureza inconsciente -por ser suave- dalgunhas persoas durante este confinamento forzoso. Por iso, quizais, cando unha amizade me mandou a través de telegram o que parecía un documental sobre a nosa lírica medieval sentinme, de primeiras, contento. Mais, en canto comecei a escoitar o que se dicía sobre Martin de Padrozelos, anoxeime e, en canto avanzaba no seu visionado, o anoxo multiplicábase, tanto ía contra os piares das evidencias científicas ao erguer a condición de ciencia o que son simples desexos e teimas un tanto oportunistas. En efecto, digo oportunistas porque o produto faise coa achega de diñeiro público do programa dedicado a publicitar o Xacobeo 2021. Tentarei explicalo con moderación, rexistrando as incongruencias científicas e deixando de lado as fermosas evocacións paisaxísticas do documental. 

Os inicios da nosa lírica
A lírica medieval galega e portuguesa ten unhas datas imprecisas de inicio, mais despois dos minuciosos e científicos estudos de José Antonio Souto Cabo (2012), de Antonio Resende de Oliveira (1994), Henrique Monteagudo (2009) ou mesmo de quen escribe (2003, 2015), coñecedores da documentación e das datacións dos trobadores da nosa lírica, podemos establecer -coa lóxica prevención en estudos asentados en documentación medieval- uns inicios a partir da década de 1175, se atendemos á produción conservada nos nosos cancioneiros. E se consideramos os autores que figuran na Tavola Colocciana e dos que non se nos conservou a produción por accidentes (mutilacións) nos cancioneiros, na década de 1165, con certa probabilidade a través da figura de Johan Velaz, peza chave como describe Souto Cabo (2012: 17-21, 31-41).

Johan Velaz era fillo de Vela Goterrez e Sancha Ponce de Cabrera e, en consecuencia, descendía por liña paterna dunha Trava, Toda Perez, que casou con Guterre Vermudez, pai do posible trobador. Johan Velaz tivo cando menos 5 irmáns e 1 irmá, tal como recolle a documentación. Dos datos despréndese que debeu nacer ao redor da década de 1145-1155 e que morreu entre o 5 de xullo e o 7 de decembro de 1181. A reconstrución prosopográfica e xenealóxica permite relacionalo con varios dos trobadores dos inicios: Osoir'Eanes, Roi Diaz dos Cameiros, Pero Rodriguez da Palmeira, Garcia Mendiz d'Eixo, Johan Soarez Somesso, Fernan Paez de Talamancos. Polo tanto, se naceu en 1145, ao redor de 1160 xa podia estar en idade de crear ou 1170, se collemos a data de 1155 como nacemento.

En todo caso, unindo a produción conservada e a perdida, podemos establecer o eixo 1165-1175 como momento inicial da nosa lírica, algo que vén corroborar o que establecéramos nun traballo do ano 2003 e que se asentaba nun máis antigo do ano 1998.
  
Estes datos non se dan á lixeira, responden a un duro traballo de pesquisa documental, de análise e reflexión para poder reconstruír as prosopografías e as árbores xenealóxicas. Sempre existirán, loxicamente, novas posibilidades, pero derivadas do que nos ofrezan novos achados ou novas lecturas do xa existente que reparen en eivas realizadas.

Por iso, non se pode dicir, de forma taxativa, para maior gloria dun produto audiovisual -supoñendo que así se divulgará máis pola sorpresa que representaría- que Martin de Padrozelos é o primeiro trobador da nosa lírica. 

 Iso é o que acontece co documental de menos de media hora que coñecín divulgado a través da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), que ten por nome Trobador no camiño: andares pola lírica de Martín de Padrozelos (https://www.youtube.com/watch?v=nm3bwdWrQ4Q). O documental, xunto cunha recreación musical das cantigas de Martin de Padrozelos a cargo do grupo musical A Quenlla, forma parte do proxecto que dita APECSA leva a cabo cunha axuda da Xunta de Galicia a través do programa 'O teu xacobeo'. 

 
A interpretación musical das cantigas: controversia entre ciencia, divulgación e recreación libre
Nada temos con que se musiquen con criterio divulgativo as cantigas de calquera trobador e, neste caso, as de Martin de Padrozelos. Cómpre lembrar, iso si, que estas cantigas non contan con notación musical nos cancioneiros e que o seu rexistro é obrigadamente o da monodia e que non se anotaba o acompañamento instrumental.

Existen entre os investigadores aínda moitas discordancias musicolóxicas e filolóxicas sobre a execución musical das cantigas e como interviñan nela os instrumentos. Por iso, a interpretación actual dun repertorio medieval coma o das nosas cantigas debe ser algo moi ben explicado para sabermos se o que se ofrece é un intento máis ou menos arqueolóxico de recuperación do noso patrimonio musical ou se, pola contra é unha divulgación asentada na recreación libre dos nosos textos medievais ou mesmo unha deliberada e arriscada experimentación. Só cómpre dicilo, informar e non pretender nada que non sexa o que se vai ofrecer. Por iso, cando Martinho Santalha ou Dulce Fdez Graña, dúas das voces expertas que falan, din que o de Padriozelos era 'poesía cantada' (35ss, Martinho Santalha) non din nada, xa que non se sabe realmente como se cantaban. Entón, que se nos ofrece musicalmente das cantigas de Martin de Padrozelos? Unha interpretación arqueolóxica? Unha recreación libre?

Non se afirma no documental, mais partamos da seguinte afirmación do filólogo-musicólogo Antòni Rossell (2013: 353): "No olvidemos que cualquier interpretación del repertorio monódico medieval con pretensiones arqueológicas es pura hipótesis, y expresiones como “música medieval revidiva” son pura entelequia".

No documental, non obstante, Yaiza Seijo, unha das músicas que participa no proxecto chega a dicir que o seu traballo musicolóxico é fermoso porque consiste en "recuperar as orixes da música galega" (17m). Esta afirmación fálanos de arqueoloxía e é ousada de máis, sobre todo cando ela mesma di que o seu labor consistiu en arranxar violonchelo e coros.

Que hai gusto e estética na interpretación que realiza a Quenlla, iso é indubidable, mesmo diremos que hai ideoloxía. Como lembra Rossell (Ibid.: 353): "Mientras algunas de las interpretacions/grabaciones comercializadas responden a la intuición de los intérpretes, otras están respaldadas por minuciosos estudios musicológicos y filológicos y llevan detrás largas investigaciones y a ninguna de ellas les podremos negar un valor estético".

Desde logo, hai unha discordancia entre o que se ofrece e o que se pretende. Consultada unha compañeira musicóloga, Estrela Gómez, sobre a natureza da interpretación do repertorio de Padrozelos, deseguida xorde que a interpretación é tonal, cunha organización acórdica e que no plano rítimico non se acolle aos modos nin ao ritmo prosódico. Resulta evidente que é unha recreación libre de textos medievais e que non pode pretender ter ningunha intención historicista desde o punto de vista musical. Aparecen varios instrumentos ao mesmo tempo -imaxinade ao bo de Martin de Pradozelos a cabalo e levando todos os instrumentos- e de forma frecuente varias voces. No fondo, trátase dunha estética romántica ancorada no suposto tradicionalismo das cantigas de amigo que nos levaría nunha liña do tempo artificiosa de forma directa a Rosalía de Castro e ao noso cancioneiro popular actual. Unha liña que esquece que o repertorio monódico medieval era litúrxico e aristócrata. E que a austeridade na interpretación debe ser a norma e non unha excepción.

Poderíamos concluír con Rossell que "aún hoy continuamos debatiéndonos entre lo que nos gusta y lo que la investigación musicológica y filológica nos indica para una interpretación lo más próxima posible a la música medieval". No entanto, cómpre coherencia e mesura para non dicir que esta musicalización significa recuperar as orixes da nosa música medieval ou que a música 'recuperada' conduce á nosa identidade (27m).


 
O desexo como ciencia
Danse afirmacións que son abraiantes e que repousan nun mero desexo ou, no caso de Xulio Pardo de Neyra, nunha teima, pois así podemos definir a evolución que se deu entre a publicación de seu libro en 2005, onde un interrogante acompañaba o título da obra (Martín de Padrozelos, o primeiro trobador da lírica galego-portuguesa?) e a declaración coa que abre o documental: "Martin é o primeiro trobador da lírica galega"(Julio Pardo de Neyra, 57''). Teima que se converte xa en obsesión evidente na reelaboración en forma de artigo da súa teoría no ano 2015.

Que hai da súa colocación nos cancioneiros? Como entrou na nosa tradición manuscrita? Podemos falar de cronoloxía sen ter en conta estes datos codicolóxicos? Sen considerar a documentación medieval? Apoiándonos só na existencia dunha inscrición nun bordo de madeira nunha casa , si centenaria, pero que probablemente non sexa de finais do século XI-inicios do XII como queren os autores do documental?

Apoiándose nun Martinus Petri presente na documentación de Samos durante a segunda metade do século XI, nado ao redor de 1075 e aínda vivo en 1149, fillo dun Pero Peláez, posuidor de bens en Lóuzara e do que, Pardo de Neyra (2005: 115), con absoluta forza taxativa afirma: "calquera pregunta que nos fagamos ao respecto apunta a que se trata do poeta aludido, quen por iso queda convertido en trobador". Semella un dogma de fe, xa que non se poden levar os inicios da nosa lírica sen probas a finais do século XI. No documental di  que sería "un nobre, un fidalgo, non un cabaleiro especialmente ben posicionado na sociedade daquel momento [...] senón un nobre achegado [..] ao mosteiro de Samos" (Pardo de Neyra, 3m20s). De novo, son meras especulacións. Despois, o relato deixa caer preguntas -que só a ciencia documentalista podería responder- sobre a posibilidade de que Martin de Padrozelos fose monxe no mosteiro, lugar en que mesmo podería ter vivido (18m). Sen dúbida, na formulación destas preguntas pesou o artigo que o propio Pardo de Neyra publicou no 2015, onde introduce como novidade ao que xa recollera na obra de 2005, o feito de que "Quizás hubiese sido monje y, tras exclaustrarse, decidiese vivir y cultivar sus bienes de Praducelo, hipótesis que muy bien se adaptan a los datos ofrecidos en su única cantiga de amor, por la que, además, constata la temprana asunción de los moldes provenzales por parte de las esferas intelectuales de Galiza".

Estas afirmacións de Pardo de Neyra son perigosas, xa que divulga o que é un desexo/teima/obsesión como evidencia científica cando non existe ningunha base minimamente científica que permita mantela.

As voces femininas que interveñen como expertas, como Dulce Fernández Graña, usan o estereotipo para definir a textualidade das cantigas de Martin de Padrozelos, e eloxiando, quizais en exceso, o que é retórica e uso axeitado de motivos poeticos propios da cantiga de amigo e de santuario. Entendemos todo isto dentro do mecanismo de gap que manifesta o documental, xa que se escoitan moitos lugares comúns anacrónicos sobre a muller cantada nas cantigas de amigo ('sensibilidade feminina'?).

Outros dos estereotipos éo o de considerar que os xograres eran simples executantes das composicións dos trobadores (Dulce Fdz-Graña, 15m). Mais poderiamos sinalar outras delicadezas (sic) como dicir que a consolidación da nosa lírica provén do tradicionalismo das cantigas de santuario. Unha mostra máis que vincula unha certa deriva romántica asentada nos atributos que conformarían a identidade galega.

 
Samos e o Camiño de Santiago
Resulta evidente que existe un gran desexo de vincular -e xustificar?- o proxecto coa promoción do Camiño de Santiago. Mais, para iso, non era preciso alterar os avances que se produciron en investigación da nosa lírica medieval. Ninguén con criterio pode ignorar que o Camiño de Santiago artella como nó de comunicación esa zona, entrando polo Cebreiro, e baixando por Triacastela e Samos. Ou que nesa zona conservamos un dos xacementos arqueolóxico máis importantes de Galicia, a Cova de Eirós, e que require de especial protección (tal como solicitamos nós no Parlamento de Galicia entre 2012 e 2016). A fermosura das imaxes é evidente. Iso non está en discusión aquí, senón as pretensións que adquire o envoltorio coa recreación da vida e música de Martin de Padrozelos.

Insistimos en que un desexo ou teima non substitúe -ou non debe facelo- a evidencia asentada en datos científicos de tipo documental ou codicolóxico. Desexo érao o de Uxío Novoneyra, que xa relacionara nun artigo en El Progreso (10-10-1954) a Martin de Padrozelos con esa casa centenaria e con San Xoan de Lóuzara, alentado en que nunha aldea de Lóuzara se celebraba a San Salvador, o santo aludido nas cantigas de santuario de Padrozelos. Mais iso pode ser tanto certo...como non. O que non dixo, porque non se podía dicir era que o de Padrozelos era o primeiro trobador.

Recompilemos o que sabemos de maneira máis científica

Que di a súa colocación nos cancioneiros?
Segundo os estudos de Resende de Oliveira, Martin de Padrozelos foi inserido na nosa tradición manuscrita en tanto que parte integrante dun probable Cancioneiro de Xograres Galegos (CXG). Todos os autores deste CXG, previsiblemente, desenvolveron a súa actividade poética e musical grosso modo entre 1240 e 1290.

Que di a toponimia presente en dúas das súas cantigas?
Hai anos (en 1996) en LPGP rexistramos sobre a posibilidade de que fose natural da parroquia lucense de San Xoán de Lóuzara, onde existe un Padrucelo e a famosa casa centenaria chamada Martin á que se refería Uxío Novoneyra en 1954, mais, como este mesmo manifestara non existe o topónimo Valongo, que debería dar nome á parroquia que se situaría baixo a advocación de San Salvador. 

No documental, no entanto, maniféstase claramente que Valongo sería un monte da zona...raro que o poeta do Courel non o coñecese. Pardo de Neyra insiste en que debe identificarse co regato de Valelongo que daría nome a unha localidade homónima no Cebreiro. Esta hipótese non nos semella acaída, xa que, por norma, os santuarios invocados exercen de polo de atracción do espazo en que se situan e pouco sentido tería separar o santo invocado (San Salvador) do territorio (Valongo). Todo apela a que cómpre situar o santo advocado nunha igrexa parroquial.

Anos despois, Oliveira (2001) quédase coa existencia, na contorna do mosteiro de Montederramo, dos topónimos Padrozelos e Valongo, “sinalizando, talvez, a região onde nasceu”. No traballo que presentamos no ano 2019 na homenaxe a Antón Fraguas analizamos esta afirmación e concluimos que non existe o topónimo Valongo no concello de Montederramo, mais nada impide que o autor sexa orixinario dunha localidade e que, por circunstancias que se nos escapan, estivese vinculado a outra zona, como por exemplo San Martiño de Valongo no concello ourensán de Cortegada.

En datas máis recentes, Souto Cabo (2018) pensa que o topónimo que designa a orixe do autor é o actual Peroselo, aldea de San Miguel de Augasantas no concello pontevedrés de Cotobade, preto do lugar de Martin e a 400 metros do lugar de Santo André de Valongo, no mesmo concello.

Que evidencias documentais posuímos?
De forma fidedigna quizais ningunha. A única que podemos achegar, froito dos nosos traballos na documentación medieval (Ron Fernández, 2019: 333, n. 22), é a dun Martin Perez Pradoçellos, rexistrado en 1281 no mosteiro de Montederramo en tanto que beneficiado no testamento de dona Maria Meendez e que analizamos con fondura nun traballo exhaustivo que estamos realizando sobre a documentación de Montederramo e as parentelas aristocráticas (Montederramo I, doc. 413, 1281-setembro-04. Torbeo), dato que non descoñece Pardo de Neyra, mais que desbota para manter a súa hipótese "impossível e inverosímil” como di Souto Cabo (2018).

Conclusión
Como se pode ver, estamos lonxe de poder afirmar cal é o concreto lugar de orixe de Martin de Padrozelos, pero o que si somos quen de aseverar é que non é un autor de finais do século XI e inicios do XII. Cómpre que insistamos, nun traballo xa vello (2003), nós recuabamos a data de inicio da nosa lírica cara a 1175, apoiándonos en evidencias tanto documentais como codicolóxicas. Moi probablemente, o primeiro dos nosos trobadores pode ser, como quere Souto Cabo, Johan Velaz, vinculado aos Trava, parentela na que repousan os inicios e a consolidación da lírica medieval.

En definitiva, Martin de Padrozelos non é o primeiro trobador da lírica medieval galega e portuguesa.


Bibliografía
  • Montederramo = Lorenzo, Ramón / Pérez, M (2016), Colección Documental do Mosteiro de Montederramo. Sécs. XII-XVI, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 3 vols [vol. I]
  • Monteagudo, Henrique (2009), Letras primeiras. O foral do Burgo de Caldelas, os primordios da lirica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito, A Coruña: Pedro Barrié de la Maza.
  • Oliveira, António Resende de (1994), Depois do espectáculo trovadoresco, Lisboa: Colibri.
  • Oliveira, António Resende de (2001), O trovador galego-português, Lisboa: Notícias.
  • Pardo de Neyra, Xulio (2005), Martín de Padrozelos, o primeiro trobador galego-portugués?, Noia: Toxosoutos.
  • Pardo de Neyra, Xulio (2015), "Literatura y proceso identitario: Martín de Padrozelos y los inicios de la Literatura Gallega. Proyecto didáctico y perspectiva filológica", URL:http://oceanide.netne.net/articulos/art7-5.php. Oceánide número 7, ISSN 1989-6328.
  • Ron Fernández, Xabier (2003), "Coordenadas históricas: tempo e espacio", in A lingua das cantigas. Congreso da Lingua Medieval Galego-portuguesa na rede, World Wide Web, http://www.vieiros.com/galego.org/lingua-dascantigas/relatorios/ron.html.
  • Ron Fernández, Xabier (2015), A fenomenoloxía do don na lírica románica das primeiras xeracións, tese de doutoramento inédita, Facultade de Filoloxía, USC.
  • Ron Fernández, Xabier (2019), "Reflexións críticas sobre o espazo nas cantigas de santuario da lírica medieval galega e portuguesa", Antonio Fragas: laboris causa. Trigo limpo candeal, edición ao coidado de Luís Cochón e Justo Beramendi, Cadernos Ramón Piñeiro, XXXIX, pp. 325-351.
  • Rossell, Antoni: review of: Vox Suavis, La voz del olvido. Música de tradición oral española - Cantigas de amigo, [France]: Harmonia Mundi, 2012, in: Medievalia. Revista d'Estudis Medievals, 16 (2013), p. 353-358, http://recensio.net/r/04ebbaf914e6471fac451a0d5ab31fe5
  • Souto Cabo, José António (2012), Os cavaleiros que fizeram as cantigas. Aproximação às origens socioculturais da lírica galego-portuguesa, Niteròi: Editora da Universidade Federal Fluminense.
  • Souto Cabo, José António (2018), "Martim Codax e o fenómeno jogralesco na Galiza sul-ocidental", in The Vindel Parchment and Martin Codax. The Golden Age of Medieval Galician Poetry, edited by Alexandre Rodríguez Guerra and Xosé Bieito Arias Freixedo, John Benjamins Publishing Company.


lundi 23 novembre 2015

RETORNOS E OUTRAS IMPRESIÓNS

Saín do inferno particular en que me mergullei desde maio, momento en que se deu a coñecer unha circular da USC que obrigaba aos doutorandos de plans anteriores ao Boloña a presentar a súa tese de doutoramento antes do 30 de setembro...momento en que se podería un acoller á prórroga ata o 13 de novembro de 2015 incluído. 

Momento difícil aquel. Decidir converter os meus escasos minutos libres nunha ofrenda ao devorado tempo da investigación, ou decidir pasar de todo, non pasar polo inferno, non renunciar aos escasos días libres dos que dispoño e gozar un chisco do que debe significar vivir. 

Momento difícil, mais optei por ese inferno. Diversas razóns. Quizais, orgullo: non deixar no baleiro o traballo realizado, con dificultades e sen bolsas de ningún tipo, durante estes anos e a inxente contía depositada, ano tras ano, para manter a matrícula da miña tese. Si, quizais, tamén, unha especie de resistencia contra esa imposición absurda, e demostrar que se equivocaron. Quizais, pode, saber que a miña directora de tese ía cumprir os 65 anos e, como homenaxe, esta tese non estaría mal. E tamén por unha encendida defensa do racionalismo metodolóxico -afastado de posmodernismos imperantes-, da filoloxía -cando xa non existe nin o título da miña licenciatura-, e da interdisciplinaridade -agora que todos viven mergullados nunha hiperespecialización.

Foron meses, ademais, en que houbo que afrontar traballos políticos complicados: o proceso de confección das Mareas Municipalistas de maio 2015; o proceso de construción do proceso de confluencia EN MAREA, a política parlamentaria cotiá, xuntanzas orgánicas,...e de noite, ou cando tiña un oco, redactar a miña tese. 

Descenso aos infernos. Agosto, o mes de parón parlamentar, derivou en 14 horas de traba
llo coa tese. E despois, sobre todo, de noite. Ata as 4 da mañá, moitas veces, ás 2 nas outras, para dedicarlle entre 4 ou 6 horas de tese, despois de ter traballado todo o día en materia política...

Descenso aos infernos. Si. E nunca pensei que o corpo e a mente ben incentivados puidesen aguantar tanto tempo unha situación extrema. 

Mais ese inferno abríame unha fiestra ao ceo da espeanza investigadora, ao detectar aspectos considero que novidosos sobre a esencia do trobar románico desde as dinámicas da fenomenoloxía do don. Historia e diplomática. Filoloxía e lírica. E antropoloxía. Eses mundos son os que me deron respiro ao longo destes anos, cando a política me saturaba, ou cando, na docencia de secundaria, precisaba atopar o fío do saber superior. E, o que devece sempre un investigador, atopar documentos que nos traen o nome dun trobador ata ese momento non documentado. Esa emoción é insuperable. Si, seino. Só os escasos frikis que seguimos investigando, mesmo cando sabemos que a Universidade é unha porta pechada, podemos entender esta emoción.

E foi posible. Grazas tamén ao dilixente traballo da miña directora de tese, Mercedes Brea.O 13 de novembro de 2015 ficou depositada. Agora segue esa máquina da burocracia incansable...ata que poda defendela en xaneiro de 2016. 

Nese inicio de ano agardo que xa se dera o 20D a mudanza de goberno en Madrid, e cun incuestionable éxito de EN MAREA, quen de animar o camiño de conformación da hexemonía que debemos construír nas rúas para conquistar as institucións nas nacionais do 2016 en Galicia.

mercredi 9 novembre 2011

UNHA PRIMEIRA VALORACIÓN DO PROJECTO LITTERA


Coloquei na columna dereita deste blog unha ligazón permanente ao Projecto Littera, definido como Edição, actualização e preservação do património literário medieval português, da que é investigadora principal Graça Videira Lopes, acompañada polos investigadores Nuno Júdice, Maria do Rosário Paixão e Manuel Pedro Ferreira, do Instituto de Estudos Medievais, da Universidade Nova de Lisboa.

A pretensión do enorme traballo que realizan estes investigadores é preservar o patrimonio portugués (e galego, claro), co fin de ofrecer ao gran público unha edición crítica das preto de 1680 cantigas, asi como unha visión global do trobar galego-portugués.

De primeiras, como especialista na materia, cómpre saudarmos que se ofrezan materiais coma este.

En segundo lugar, aínda que semella para persoas que queren coñecer pouco a pouco o que é o noso trobar, ofrece posibilidades de contraste para os que somos especialistas, sempre dispostos, certo é, a buscarlle as cóxegas a calquera.

En terceiro lugar, non desatende as posibilidades dixitais para ofrecer en mp3 a audición das cantigas de Don Denis e de Martin Codax, asi como outras reconstruibles mediante a técnica medieval do contrafactum. Certo é que non se discriminan as que son simples versións libres das que pretenden recrear a musicalidade que podería ter a cantiga na idade media. Mais, ainda así, meritorio.

Igualmente, alegrámonos de que se ofrezan de forma simultánea as imaxes dos manuscritos que conteñen a cantiga. Non obstante, reparamos en ausencias, por exemplo, en Martin de Guinzo (sic), en cuxa produción faltan as imaxes de V acompañando ás de B.

A consulta é áxil e rápida. As imaxes dixitalizadas soportan ben a ampliación. Os textos veñen acompañados con notas desplegables con información sucinta de diverso tipo (explicativas, de lectura, toponímicas, antroponímicas e léxicas). A biografía dos autores está actualizada en razón das últimas investigacións na materia.

Deixamos de lado certos erros de criterio e de método que xa localizamos nas primeiras consultas, algunha xa referida, agardando que sexan de forma paseniña emendados. Non obstante, non podemos deixar de mencionar unha ausencia de bulto, xa que, ignoramos as razóns, o proxecto prescinde da edición de conxunto das cantigas de amigo ofrecida por Rip Cohen, ao que, cónstanos, non obstante, semellan seguir nalgunhas decisións editoriais adoptadas. Hai outros aspectos menores, e que poden responder ao público a quen se dirixe o proxecto, xa que hai certas biografías que merecen máis matices en canto a súa nacionalidade.

Non obstante, o que se ofrece non é en si unha edición crítica, senón unha lectura, xa que a edición, para ser crítica, precisa duns elementos que os textos ofrecidos en pantalla non cumpren. A información en notas despregables, de forma sucesiva, non axuda a percibir en detalle a controversia que pode agochar o texto.

De feito, para avanzar nesa liña ecdótica, recomendamos a posibilidade de dispoñer, confrontada, a edición sinóptica das cantigas, tal como fai Ineke Hardy, do laboratorio de francés antigo da universidade de Ottawa, coa súa tese de doutoramento, que consiste nunha edición crítica das chansons de Raoul de Soissons. Tendo en conta o número limitado de testemuños manucritos, a transcrición sinóptica sería doada de realizar e facilitaría a tarefa contrastiva do estudoso que se achegue ao texto. [Recomendamos tamén a consulta do proxecto de transcrición de Ineke Hardy dos cancioneiros da lírica d'oïl]

Outra crítica que lle podemos facer é que non é, propiamente dito, unha base de datos; neste sentido, coidamos nós, é antes un proxecto de consulta actualizada que un motor de buscas diversas previamente marcadas polos investigadores, tal como é MedDB2 (só cómpre solicitar unha clave para poder traballar coa base de datos].

Polo de agora, xa que logo e a falta dunha análise máis rigorosa, saudamos a existencia do proxecto que, entendemos, está pensado para un público máis amplo que o dos reducidos entendedors que compoñemos a corte do trobar. Realizando un xogo retórico, nós seríamos os representantes do trobar clus, mentres que o proxecto en cuestión se ofrece aos que se introducen no trobar leu.

mardi 1 février 2011

POURQUOI EST-IL SI DIFFICILE DE FAIRE ENTENDRE LA VOIX DE LA LYRIQUE MÉDIÉVALE?

Je viens de lire le compte-rendu de Antoni Rossell à propos de l'édition d'un colloque guidée par Maria Lanutti et Massimiliano Locanto, Tracce di una tradizione sommersa: I primi testi lirici italiani tra poesia e musica, Edizione del Galluzo, Fondazione Ezio Franceschini, Firenze, 2005.

Et le résultat est satisfaisant. Le compte-rendu s'exerce au niveau de la description mais sans fuir, au contraire, l'interprétation et la critique des différents travaux contenus dans le livre.

Si la première finalité du colloque de Cremona était étudier deux manuscrits italiens du moyen-âge, la Carta Ravennate et le Frammento Piacentino, ce qui attire notre attention en fonction du compte-rendu de Rossell, c'est voir comment les philologues, dès qu'ils s'attachent à la musique, tombent dans le piège de la généralisation fautive et dans celui du dogme scriptocentriste, qui déplace ou même nie l'importance de la dimension musicale (et orale) des textes lyriques.

L'existence du manuscrit ne peut pas s'imposer sur la transmission orale et musicale. Et je suis avec Rossell losqu'il dit que l'absence de preuves écrites ne signifie pas inexistence du fait oral.

Gruber le disait en 1983, les troubadours avaient en vue, le mot, le so (aussi bien mélodie que structure métrique) et la razo pour créer leurs compositions. Si nous, interprètes et lecteurs du XXIe siècle, nous ignorons cette relation, l'interprétation qui en résulte de notre activité fait défaut.

Rossell s'inscrit de façon volontaire sur le champ des oralistes. Et aussi bien les concepts d'analyse que le regard définissent parfaitement pourquoi la "variabilité" n'est pas synonyme d'"irrégularité", comme le veulent les philologues dogmatiques.

Au lieu de repousser l'importance de la musique, il s'agit, comme le déclare Rossell dans ce compte rendu, de voir, lorsque les philologues parlent de texte et de musique, ce qu'on entend par ces deux termes.

Un autre aspect important mis en relief par Rossell: si on veut réaliser une analyse panromane de la lyrique médiévale, il ne faut pas oublier le corpus de la lyrique galégo-portugaise. Et pourtant, dans ce colloque cette lyrique est la grande absente. Les conclusions ne peuvent être panromanes si on méprise ce corpus.

mardi 9 juin 2009

PARA QUE AS TESES DE DOUTORAMENTO INCONSULTABLES?

Unha das paixóns/traballo é pasarme horas e horas nos arquivos universitarios e nas bibliotecas, aí onde latexa a Idade Media. Desde 1993, unha das paixóns é repertoriar homónimos de trobadores galego-portugueses presentes na documentación medieval édita e inédita. Algúns traballosxa foron saíndo e, de cara aos proxectos de investigacións de Xograres e o de Cabaleiros, algún máis sairá.

Unha das consultas dirixíase ás teses de doutoramento e as memorias de licenciatura lidas tanto hai uns anos como as máis recentes. Tiña un elenco dunhas 15 teses de douoramento e delas só 2, só 2, figuran na Facultade que as acolleu, a de Xeografía e Historia. Para qué se fan esas teses se logo non son de acceso doado para calquera investigación futura? Que avance real se produce con algo que existe pero é descoñecido? Por que hai que buscar amigos ou recomendacións para ter acceso de forma doada, insistimos, ás teses e memorias?

Lamentable! Quizais sexa un dos motivos que explique porque investigar neste país é unha tarefa mal pagada, precaria e destinada a entusiastas que entregan o seu tempo libre, unha vez rematada a súa xornada laboral remunerada. Así nos vai. Así

samedi 30 mai 2009

A DIALÉCTICA TROBADORESCA

Con ledicia recollo na columna da esquerda o enlace de Gruber, un blog no que irá sementando co seu enorme saber estudos sobre a lírica trobadoresca.

Coñecín a súa visión -á que me unín de forma convencida despois de facer un dos meus primeiros traballos en 1994, cando analicei o arte da cita en Airas Nunez. Para este erudito, ao igual que para o mestre filólogo-musicólo Antoni Rossell, a clave está en ollar de forma inevitablemente mesturada a melodía e o texto, ou noutras palabras, non esquecer que mot, so e razo son o artellado fundamentador da líricados trobadores. O seu libro, Die Dialektik des Trobar (1983, creo, xa que estou citando de memoria; cando menos si a inicios da década dos 80) representou para min, unidos aos estudos de Rossell, o lanzamento definitivo que me levaría a traballar a intertextualidade como obxecto da miña tese de doutoramento e dos meus traballos de investigación.

Por iso, esta circunstancia anímame a min tamén a introducir as miñas visións sobre o fenómeno trobadoresco. Irei pouco a pouco. Cada vez presinto máis necesario deixar neste blog as portas abertas das múliples moradas que conforman o meu ser.