Affichage des articles dont le libellé est AFORISMOS. Afficher tous les articles
Affichage des articles dont le libellé est AFORISMOS. Afficher tous les articles

mardi 14 avril 2020

UN AFORISMO PARA HOMENAXEAR A EDUARDO GALEANO




Cinco anos que nos deixou. Foi o 13 de abril de 2015. 
Hoxe, 14 de abril, Día da República, imaxinei uns versos en forma de aforismo, en castelán, para homenaxealo.

 En los aplausos reina
la confusión del silencio 

E deixo tamén os outros dous que me viñeron e que figuran no relato improvisado pero pensado que quedará pendurado en forma de video.

Perforo la mentira más cruel:
 soy la verdad de tu espejo

En donde tiemblan los párpados ofendidos
habita el latido de una lágrima

Aquí deixo a reflexión que xurdiu co aforismo en confrontación coa situación de cada día ás 20h:



dimanche 5 avril 2020

PAUL VALET (1905-1987) "Toda palabra é un refuxio do alento"


Paul Valet, seudónimo de Grzegorg Szwarc/Georges Schwartz, foi unha persoa extraordinaria que coñeceu o abafo do pensamento único, do pensamento dominante.

Exerceu a arte poética recortando o ruído das palabras até deixalas limpas, para que recreasen a esencia da vida. Sobre a súa vida só dicir que practicou a xenerosidade e a solidariedade até consecuencias que algúns definirán como tráxicas. Pero el era así, fuxía de privilexios e de egos, todo o contrario de hoxe. Desde a homeopatía non reparou en Don Diñeiro e sempre atendeu a aqueles que menos tiñan no reparto da tarta no barrio empobrecido de Vitry-sur-Seine, no Val du Marne.

Emile Cioran definíao coma o 'eremita de Vitry', "un dos homes máis realizados que coñeza. Non posúe nada, mais goza do esencial, da única vantaxe que xustifica o rexeitamento do suicidio: a soidade". Esta é a mellor forma de caracterizalo. O esencial tanto na arte poética como na arte de vivir e de estar no mundo.

En 1941, ao mesmo tempo que a súa irmá (Roma), o seu pai (Jakob) e a súa nai (Sara) eran asasinados no campo de concentración de Auschwitz, el loitaba nas ringleiras da Resistencia contra o inimigo nazi.

Sempre tivo ideas fraternas, moitas delas chegadas despois de escoitar a personalidades comunistas logo dos procesos revolucionarios de Febreiro (con Kerensky) e Outubro de 1917. Personalidades como Trotsky, Zinoniev ou Kamenev, aos que Stalin eliminou. Cómpre dicir que o noso autor naceu en Lodz (Poloña), mais que medrou en Moscova, o que lle permitiu ser un auténtico políglota ao coñecer o ruso, o polonés, o alemán e o francés.

En 1919 tivo que exiliarse, o bolxevismo tomáraa co seu pai, ao que lle expropiaron os seus bens, en tanto que comerciante e industrial, e a fame era a compañeira inevitable dos seus días. O
30 de decembro de 1930, casa con Chaïa Tenenbaum, a súa compañeira, que tamén loitaría na Resistencia co nome de Alinecoa e coa que viviu máis de medio século na casa de Vitry-sur-Seine.

Cando remata a guerra en 1945, coñecedores da súa valía, membros do PCF convídano a unirse ao partido. El, de ideas fraternas, sempre declinou o convite, tal como deixa constancia esta Reposta a Paul Éluard (outras das marabillosas voces da poesía francesa do século XX) da que recollemos só estes versos que traducimos:

"E cando di vostede
que só temos razón de ser
con respecto aos demais seres
ten vostede razón
(...)
Pero sei
que unha aperta fraterna sen patria nin partido
é máis forte que todas as doutrinas dos Doutores"

En 1946 comeza a exercer a medicina homeópata e dous anos despois, en 1948, publícase o seu primeiro poemario Pointes de feu (Puntas de lume), o que non significa, loxicamente, que se iniciase daquela, ao igual que na pintura, xa que Valet tamén nos deixou centos de cadros (uns 400). A primeira vez que se espuxeron cadros seus foi en 1955 grazas a Yvonne Zervos, amiga de René Char, gran poeta tamén.

Entre a súa forma de ser, o seu estilo vital e social, os seus problemas de equilibrio, deseguida foi considerado un 'tolo', aínda que era o 'mal de Charcot', unha serie de trastornos hereditarios que afectan aos nervios periféricos, o que aceleraba a percepción negativa que se tiña del.

Loxicamente, tampouco se lle perdoaba que fose o fustrigador das Usines du Rhône, conxunto industrial contaminante. Ecoloxista cando ninguén usaba ese vocablo que hoxe visten algúns como visten roupa de moda, dennunciou o veleno que saía dun produtivismo voraz que enchoupaba a terra e os pulmóns das persoas. Produtivismo eloxiado daquela por partidos e organizacións que hoxe están destoutro lado da barreira. Rectificar é de sabios din, pero tamén non crucificar a ninguén por ir en contra do pensamento único. 
 
Viviu con austeridade, coma un pobre din uns, e loitou só. Paul Valet estivo só co seu NON a ese modo de vida, tal como hai que dicir NON a este modo de vida -herdeiro acelerado do que denunciara Valet-, que nos conduciu a este cárcere social, que merma dereitos e calidade de vida...paradoxalmente para salvarnos a vida.

Louco ou non, frecuentou hospitais psiquiátricos e morreu en febreiro de 1987.

Recoñecemos que a súa personalidade nos atrapa. E quizais por iso, en pleno confinamento, comezamos o proceso de traducir ao galego parte da súa produción poética. Hoxe, comezamos por ofrecer aquí o inicio do poemario Lacunes (Lagoas) contido no libro: La parole qui me porte et autres poèmes (2020). 


ESPAZOS VAGABUNDOS   ESPACES VAGABONDS

Sortir de sa peau
comme une vaine parole
Saír da propia pel
como palabra baldía


Être pauvre en leçons
enseigner les lacunes
Ser pobre en leccións
ensinar as lagoas


Pensées infaillibles
oiseaux migrateurs
Pensamentos infalibles
paxaros migradores

La naissance et la mort
deux portes siamoises
Nacemento e morte
dúas portas siamesas


Un cercle vicieux
est un cercle parfait
Un círculo vicioso
é un círculo perfecto


Le serpent se mord la queue
l'homme se mord les doigts
A serpe mórdese a cola
o home mórdese os dedos


Le libre choix
méconnaît son arbitre
A libre elección
descoñece o seu albedrío


Chaque homme
est toujours à sa place de choix
Todo ser
está no lugar elixido sempre


D'échec en échec
la route est sûre
De fracaso en fracaso
o camiño é seguro
(Et cela suivra dans un livre...si le hasard habite en nous)

dimanche 13 novembre 2016

AFORISMOS (VII)

Xa pasaron os días. Non me esquecín. Non. Mais unha bronquite crónica que sempre asoma entre outubro e novembro está sacudindo o meu peito e baléirao de enerxías. Aguantar as clases xa supón un desgaste supremo e recoñezo que me entrou a pereza dixital. Non así a 'manuscrituraria'. A escrita a man reconfórtame. As pantallas dixitais prodúcenme, por norma, rexeitamento e cansancio. Mais sei que é unha poldra necesaria para conectar o río de creación co da recepción. 

Os días que transcorren entre o 24 de outubro e este 13 de novembro foron certamente ricos en emocións...a pesar da bronquite crónica que chegou o día 1 para non deixarme 13 días despois. 

Visita a Muros en bici, para ver ao meu amigo Ramón Vázquez (100 km de ida e volta o fin do 29 ao 30 de outubro). A asistencia ao acto que recorda o asasinato dos guerrilleiros Gayoso e Seoane na Coruña o domingo 6 de novembro, onde tiven ocasión de coñecer a persoas cunha historia aínda por recoller como a de Encarna Díaz. 

E mentres, o novo Parlamento de Galicia camiña...xunto co do Estado....en boa sintonía cara a unha nova vaga de recortes. Aínda estou agardando unha máis férrea batalla desde os escanos e desde as rúas. E se tivesen algo de sentido...recuperarían as liñas de traballo que afortalaron o discurso e a acción parlamentaria de AGE. 

E o mundo vístese de máis nacionalismo populista, de corte fascistoide, con ropaxes rancias de racismo, machismo e fobias de todo tipo co triunfo -nada sorprendente- de Donald Trump...

E, ao mesmo tempo, perdín ao meu último referente, o enorme Leonard Cohen, a quen homenaxearei neste texto. Si, o mundo é máis feo, mais só a beleza dos versos de Cohen pode servir de conxuro contra a brutal fealdade de Trump e dos seus adeptos. 


Luns 24 de outubro de 2016

A creación poética para min?
Inspirarme nos acontecementos máis humildes e devolver versos que tremen ante o reto de saberse mortais e sempre imperfectos.
 

Martes 25 de outubro de 2016

Si. Pode ser que no día a día sintamos que non estamos sós, que nos acompaña o aroma do vivido. E pode reconfortar e dar sentido. Mais...quen alivia o tremor da pel sen o niño do amor?

 
Mércores 26 de outubro de 2016

A crise dos 50 existe. Sobre todo se nos abandonamos e deixamos que os lugares comúns da sociedade nos modelen para atarnos. Vivir é vivir cada ano con plena intensidade todos os momentos, os bos e os malos, e saber compartir iso tamén...se temos con quen.



Xoves 27 de outubro de 2016

Observo unha soa diferencia na creación poética de onte e a de hoxe: antes proxectaba versos que latexaban por un desexo de amar como sentía que se debía amar; hoxe proxecto versos que viven con forza ese desexo nun amor que sempre é -e so pode ser- presente, porque non existe o futuro. 


Venres 28 de outubro de 2016

O ensino non pode facerse desde a aceptación resignada do escenario da competitividade; debe facerse desde a crítica a un sistema inxusto e desigual. O alumnado prefire cooperar e ser solidario, sobre todo cando actúa dentro da escola. O reto é animar ese proceso fóra das aulas. 



Sábado 29 de outubro de 2016

O esforzo debe ser sempre medido conforme ás nosas propias enerxías, aceptando os límites naturais que a idade nos marca, sen deixarse dominar polos mesmos. 



Domingo 30 de outubro de 2016

Acepto a miña condición de zombi: aliméntome cada vez máis de ideas e versos. E camiño durante o día coa esperanza de dixerilos amando cada día máis e mellor. 


Luns 31 de outubro de 2016

Pensando no meu progresivo envellecemento: non quero esquecerme do nome máis fremoso que pronunciei e escoitei xamais. Non quero verte cos meus ollos cansos e non recoñecerte. Non. Non quero iso.


Martes 1 de novembro de 2016

 A investigación en temas como os da Idade Media non permite a comunicación fluída, a non ser entre os membros da secta. Prodúcese unha curiosa sensación de soidade intelectual. Descubrimos aspectos que tardarán en formar parte dos manuais, xa que estes viven do lugar común e da tradición que impuxo un canon que se resiste a mudar de faciana.



Mércores 2 de novembro de 2016

 Abrir os ollos para tremer ante o asalto dos sentidos: demasiados impactos poden ter un efecto adverso. Mellor ir pouco a pouco, alimentando as raices, e agardar, con paciencia, a recoller os froitos.


Xoves 3 de novembro de 2016

Receitario contra os estúpidos que atacan a experiencia. Que pasen unha tarde nunha residencia de maiores, acompañándoos, escoitándoos, dialogando con eles, desfacéndose dos prexuízos. A ver si así se esquecen da absurda idea de que o saben todo e aprenden a escoitar comprendendo...
 

Venres 4 de novembro de 2016

Mentres sigamos negando que o noso ser é plural, viviremos cegados polos noso egoísmo hiperindividualista. A identidade hoxe é como un río que vive e alimenta (sendo alimentado tamén) terras de varias culturas. 


Sábado 5 de novembro de 2016

O terrible paradoxo da era da tecnoloxía: a canta máis tecnoloxía, dixitalización e robotización da vida, máis persoas se verán expulsadas do mercado laboral e relegadas ás marxes e en risco de exclusión social. 


Domingo 6 de novembro de 2016

A dignidade vístese de palabra que conta, de memoria que vive no presente os pasados duros que crearon a identidade destes nosos maiores. Non escoitalos. Non comprendelos. Non aprender da súa experiencia. Pensar que non lles debemos nada...fainos ser unha sociedade insolidaria e escasamente democrática. E mañá pode ser tarde...


Luns 7 de novembro de 2016

Non soporto os comportamentos enrevesados e que non achegan nada. Non é doado ser sinceros de forma permanente. Aínda así, prefiro a miña insolente sinceridade a ter que soportar eses comportamentos. 


Martes 8 de novembro de 2016

Todos vivimos situacións que nos incomodan. E aceptamos as cargas. Non obstante, a peaxe ten sempre un custe límite. A nosa felicidade non pode ser troceada polas convencións e por rutinas que son alienantes. Cómpre sempre veracidade e actuar conforme aos nosos desexos. Xantar debe ser sempre un momento de pracer.   


Mércores 9 de novembro de 2016

Os entusiastas gozan da dixitalización global. Ignorantes e imbéciles están asasinando toda posibilidade de emancipación humana e seguirán axudando a que sigan medrando as dúas burbullas sociais: a das persoas empobrecidas e a das persoas 'inhabilitadas' por seren 'maiores' (+45 et alii). Ignoran os imbéciles que as mans témolas non só para activar un pulsómetro, senón que modelan, constrúen, crean, agariman, escriben e son a proba do amor e da paixón. 



Xoves 10 de novembro de 2016

Optas polo silencio: deliberado intento por anoar os desexos ou fuxida incerta e agochada? Mañá, pode. Hoxe non quero saber a resposta e só pensar que todo é posible. 


Venres 11 de novembro de 2016

Leonard Cohen morreu. Con el vaise un referente poético e filosófico. Deixo uns versos froito do meu diálogo cos seus poemas:

Non chores 
os vasos comunicantes
 serven para os novos eidos
nun Caurel ermo

Aí   só o espello 
dun ceo liberado
encadea os meus laios
ás pernas das cerdeiras impúdicas
amor fitófilo
entregado á negrura do ermo
carne con cortiza
reverencia do mel 
entre os xadeos do noso amor



Sábado 12 de novembro de 2016

Manuel Gerena ten toda a razón: seguen existindo razóns para cantar pola liberdade. Cantar e crear rompen as gaiolas que impiden que voemos. Mentres o fagamos seguirán teméndonos.  

 

dimanche 23 octobre 2016

AFORISMOS (VI)

Demostrado e asumido: as intencións deben loitar contra o paso do tempo grazas á vontade e ao exercicio interior da constancia. 

Dous domingos xa e sucederon cousas...que procurei condensar nos aforismos...Desde o encontro coa amizade...ate a observación reflexiva dos incertos pasos que dan algúns que se autoproclaman da "nova política", pasando por asumir con serenidade os acontecementos da miña existencia. 

Hoxe, o regalo que fago ten que ver con algúns fermosos versos de Mariano Sánchez Soler, Desprendimiento.

Iniciemos, pois, o sendeiro dos aforismos. O certo é que tiven a necesidade, para non estenderme na soleira explicativa do seu contexto, de alongar a forza do que quería contar...

E hoxe en que saían absurdas teorías educativas sobre o feito de non escribir a man, deixo unha imaxe do caderno en que vou anotando día a día, despois de ollar a miña axenda, os aforismos que logo deixoa aquí. Homenaxe á miña resistencia manuscrita e libraria. Son o que son grazas a iso. E que os tempos da tecnoloxía sexan só un bo complemento, nunca o único argumento. 


Luns 10 de outubro de 2016

Eu, que fuxo de min mesmo
mentres protexo os silencios
de todo este brutal ruído:
por que esa necesidade de violar
as intimidades auditivas?


Martes 11 de outubro de 2016
 
Regalar. Dar. Estar.
Tres accións que, se son xenerosas,
nos devolven a felicidade e a esperanza.


Mércores 12 de outubro de 2016
 
Amicitia veritas est animam
ou como o encontro supera
as distancias todas da vida:
aí vencemos e somos eternidade


Xoves 13 de outubro de 2016 

Escribir compartindo versos
é o sendeiro máis intenso
se queremos ser quizais
un significado con vocación...



Venres 14 de outubro de 2016

Poden as pontes das nosas illas
esfarelarse que unha folla
tremendo no outono ha ser
quen nos lance á rede de novo
sempre          porque somos en nós



Sábado 15 de outubro de 2016

Coherencia. Ética. Honestidade
Integridade dos actos e das palabras:
non se pode estar cos verdugos e coas vítimas.
O Sahara merece iso de nós. 


Domingo 16 de outubro de 2016

O Posmodernismo liquida a resistencia
e mata a radicalidade democrática
que precisa a esquerda. 
Renunciar a visibilizar o conflito social
na rúa é un suicidio e significa deixar
ese espazo ao imperio da indiferenza:
o caldo que alimenta á dereita.



Luns 17 de outubro de 2016

As malas noticias, sabidas ou intuidas de antemán,
que afecten a persoas amigas, deben ser comunicadas, 
ao igual que con toda traballadora, coa suficiente
antelación para que a adaptación á incerteza futura sexa o menos traumática posible. En caso contrario, a esquerda actuaría como fan a dereita e a patronal.  


Martes 18 de outubro de 2016

Non existen libros perdidos mentres a nosa memoria
dea vida a unha lectura interior...é como a cinza que arrefría baixo a cortiza volcánica. Os únicos libros perdidos son os que deixamos de escribir.


Mércores 19 de outubro de 2016

Despois do proceso en que abrimos os ollos
ante a dureza da vida, sucede que preferimos
non sabelo todo. Din que non saber equivale a vivir
con máis tranquilidade. Dubídoo. En todo caso eu son incapaz de vivir así.

 
Xoves 20 de outubro de 2016

Non podemos fuxir de nós mesmos. Despois do esforzo da razón e de toda a nosa abnegada vontade, rematamos por voltar á nosa condición e esencia, por dura, rara ou insoportable que nos semelle.



Venres 21 de outubro de 2016

Amar. Abrir as mans e sentir o aroma do vivido como unha segunda pel. Mais, terrible anguria, con cada segundo percibimos como se esvae ese aroma...como se sangrase esa pel que cae desfeita en anacos...e quedamos espidos á espera dun novo encontro.


Sábado 22 de outubro de 2016

"En la hoguera de las almas muertas quizá venció el arte", Tzvetáyeva dixit...Entón, pode que a arte sexa unha porta para renacementos....mais mellor se estamos vivos: o recoñecemento póstumo debe ser silencioso e non público. 


Domingo 23 de outubro de 2016

Por que e para que serve renunciar ao que nos fai ser humanos?
Tres de cada catro non escriben nada a man....e case ninguén le os libros que se editan...
Entón, brindo pola resistencia revolucionaria de usar a man para inscribir o meu pensamento na folla de papel coma o fixen para inscribir os nomes nas cortizas das árbores.



Regalo desta entrega...Desprendimiento, de Mariano Sánchez Soler. Escollo versos dos distintos poemas que contén...unha especie de percorrido-río...

"Para no traicionarme
en una lucha absurda
he tejido el fracaso
como defensa propia"

"Ya no soy el pirata de la vida optimista
que combatió sin miedo"

"Cada surco me dice 
la verdad de mi vida,
une herida profunda
que no se borra nunca"

"Solo tengo el presente
fugaz como un recuerdo
que se va de mi vida
llevándola consigo"

"luchando contra el tiempo,
¡vine con tanto amor
y recibí tan poco!"

"Demasiada tristeza 
cuando la luz se rompe
y sientes la nostalgia
de lo que nunca fue.
(...)
Ya no eres necesario,
has pasado, prescrito
como el delito terco
de querer sin enmienda.
(...)
Y piensas en la muerte
como estación cercana,
próxima, decidida
a borrar tu tristeza"
 






 

dimanche 9 octobre 2016

AFORISMOS (V)

Unha semana máis e aquí estou, ante a miña cita cos aforismos, eses pequenos textos que procuran abrazar un mundo de emocións. 

Perdido entre "non sei" e "dame igual"
Esta semana tivo momentos de intensidade interior e, se ben a unha amiga dóelle ler momentos negativos, prefiro ser sincero conmigo mesmo e coas persoas que deciden ler -e nese sentido agradezo as 200 persoas que se animan a facelo, fai que non me sinta só neste compartir emocións. 

Son tempos, certo é, de exaltación da positividade, mais eu sempre opto por verter tamén negatividade, pois, como dicía Adorno, na beleza hai dor, hai un desgarro, un desmembramento, porque na beleza ten que existir unha certa dose de segredo. Se non nos convulsionamos, se non sentimos unha emoción intensa ante a beleza...non queda nada...só unha existencia líquida, que banaliza todo. 

Nesta semana -sóubose o xoves 6- morreu un poeta mozo pontevedrés, de 31 anos, Francisco Cortegoso e coa dor empática que experimentei deixarei unha creación-collage miña cos seus textos coma homenaxe. E regalarei, ademais, o epitafio que figura no sartego do gran filósofo Kant, que resume moi ben cara a onde me dirixo. 

Esta semana foi unha semana de sensación amarga de soidade interior. Por iso, como digo, penso que existe en min un fondo escuro, o inferno de Dante, onde repousa a fonda depresión. Xa comezo a pensar de verdade que a cuestión dos 50 anos...aínda que me queden 2 anos e uns meses...algo ten que ver, amais dos fustrigazos que recibín de quen non pensaba recibilos. E existe tamén unha capa superficial da depresión que é a que exerce de menciñeira...procurando rescatar do día a día pequenos praceres (por exemplo, andar en bici; conversar co amigo Moncho; ou pensar no cumpreanos dunha amiga; e tomar un Petroni lendo; o xantar do martes co amigo Pablo; ou o convite que me realizan para o martes 11 en Sigüeiro e contar a miña experiencia no Sahara ocupado; ou a inauguración da tenda de bici O'Rey, en Compostela, co amigo Vicente....).


Domingo 2 de outubro de 2016

Preciso da capacidade de 'abraio' ante a expresión da natureza e sentir a dor coa que re-crea os elos coa miña humanidade.


Luns 3 de outubro de 2016

Confianza: saber que pechas os ollos ante o baleiro e esas mans van guiar os teus pasos a lugar seguro.


Martes 4 de outubro de 2016

A política xoga a ser cidadá, a cidadanía a ser clase política e ninguén se detén a reflexionar sobre as regras dun xogo ideado por persoas que deixan xogar a quen asume as normas.


Mércores 5 de outubro de 2016

Hai diferenza entre perder e renunciar. Asumo a perda como algo inevitable, sobre todo se non está nas miñas mans impedilo. Non asumo a renuncia, pois implica o abandono de todo camiño, de todo horizonte. 


Xoves 6 de outubro de 2016

"do lugar a onde regresa a dor 
o espazo onde nós somos a nós:
a cereixa prometíase na túa pel"
(de tres poemas de Suicidas, de Francisco Cortegoso)


Venres 7 de outubro de 2016

A violencia só sabe de violencias e cando unha muller morre asasinada por un "namorado", cando unha nena é demoucada da súa propia dignidade por unha masa...perdemos a propia esencia da humanidade.


Sábado 8 de outubro de 2016

Non son como Pessoa, que se sinte expulsado do que foi. O vivido, por negativo que sexa nos forma. E cando amamos, sequera de forma desmesurada, "même trop, même mal", que diría Jacques Brel, amamos. E iso é o importante. 


Domingo 9 de outubro de 2016

Ter conciencia da miña finitude é saber recoller os avisos que o espello da mañá aloxa na faciana e nas fendas do meu ser para que me estremeza


Regalo: sentenza-epitafio de Kant:

"Dúas cousas enchen o ánimo de admiración e respecto, sempre novos e crecentes canto máis reiterada e con persistencia se ocupa delas a reflexión: o ceo estrelado que está sobre min e a lei moral que hai en min"

dimanche 2 octobre 2016

AFORISMOS (IV)

Si...poderían existir dúbidas sobre a empresa na que me mergullei, a de conxugar e conxurar as miñas emocións cotiás en aforismos. Son dúbidas lexítimas pois os días pasan -percepción que vén coa idade- a unha velocidade case infernal. Aínda así, cada día, cando se deita a luz, pausa e reflexión despois de dialogar conmigo mesmo e cos elementos que me envolven.

Deixei a anterior colección de aforismos xusto antes de que tivesen lugar os últimos días das Eleccións á Xunta 2016 e cuxo resultado por anticipado e intuído non é menos doroso para as clases traballadoras. Non fomos quen, no espectro da esquerda, de superar as disquisicións da atomización nin a potencialidade erosiva dos ego-personalismos e moito menos soubemos crear e achegar ao pobo a idea dunha alternativa sólida, cun  proxecto definido e estruturado en propostas de goberno de esquerdas, transformadoras, quen de reverter as consecuencias das políticas de recortes da dereita. E demostrouse que os edulcorantes non serven para nada. Mágoa que aínda se perciba un cheiro a antipolítica. Así será difícil e moito se terá que analizar para enderezar o rumbo dunha nave que fai augas e que non ten o destino ideolóxico definido. E, no inmediato, só vexo dúas posibilidades: a) ou as rochas da oposición permiten a afinación da ferramenta con intelixencia e xenerosidade para facer unha oposición política que se perciba como unitaria, con proxecto de país; b) ou as rochas verán a nave esfarelarse e multiplarse na súa fragmentación. 

Ademais diso, destacarei o enigmático misterio do "votante oculto" do PP: ao día seguinte ninguén votara á dereita....
 
Do resto, unha semana ben interesante, con derivacións emocionantes asentadas no triunfo da amizade verdadeira, tal coma o día de Santa Minia, onde os tres mosqueteiros e a raíña puidemos gozar do pulpo do Mambís e da festa da parola; ou tamén, tal coma o sábado 1 de outubro, onde a vendima foi un bo pretexto para afortalar aínda máis o elo existencial e humano entre Ramón e este que escribe. 

Como é de supoñer, a amizade e o amor, a política, a docencia, a investigación universitaria, a natureza do acto de crear arte, son temas recorrentes, que xorden cada día, salferindo doses que podo sentir como xustas ou inxustas...
 

Sábado 24 de setembro de 2016

'Porque amo, vivo'. É posible amar ignorándose? Non sería non vivir? A liberdade de amar libremente é a máis agurienta das liberdades porque, de forma inconsciente, proxectamos nas sombras do futuro os medos do pasado.


Domingo 25 de setembro de 2016

Humillación: a obriga de camiñar de pé sabendo que estamos de xeonllos.


Luns 26 de setembro de 2016

En silencio e de forma anónima, as olladas desta adolescencia acollen a luz dos soños que apagamos nós


Martes 27 de setembro de 2016

Os números non son simples formas aritméticas:
conteñen a maxia ou a obriga de que revivamos emocións que ninguén poderá roubarnos. En cada número hai vida.


Mércores 28 de setembro de 2016

A autonomía das mulleres, o seu empoderamento de emocións e razóns, son chanzos para crear condicións que eviten os golpes do machismo.


Xoves 29 de setembro de 2016

Só con serenidade podemos abrazar unha das maiores dificultades: explicar o fracaso sen considerar os danos sufridos na propia persoa e sen perder de vista o fin esencial que nos une en política.


Venres 30 de setembro de 2016

Amar é compartir. Entón, por lóxica, esa relación debe enriquecernos mutuamente. Co paso do tempo, quizais podamos entender as respostas a estas cuestións valorativas: queda algo en min (dela)? queda algo de min (nela)?


Sábado 1 de outubro de 2016

A tradición ben entendida require dun amor pola natureza das cousas que é incompatible co egoísmo e coa voracidade da rendibilidade. Respectar os tempos da terra é recoñecer o latexo e o osíxeno que nos define.