vendredi 27 décembre 2013

ÊTRE NEIGE QUI RÊVE

Je rêve 
sous la neige
de tes mains
qui frémissent
au son des promesses 

Une quête
de sens et de retours
qui caressent le rouge
de nos sens et sans
que personne nous puisse
empêcher
d'être neige qui rêve

Toi et moi
fondus sous les larmes 
d'un temps qui s'étire 
et enmène la force
de la beauté
nous sommes déjà mémoire
attrapée dans la rigueur
de l'eau qui ne cesse de couler

Demain
quelle mélodie nous énivrera?
Et déjà nous souffrons 
les regards silencieux des amoureux
qui auront trop de temps sur eux


En pensant à l'amour partagé, 27 décembre 2013


lundi 9 décembre 2013

SOBRE RUÍNAS, POESÍA INDIGNADA PARA ALUMEAR TODO...O QUE QUEDA POR FACER

En tempos de miseria humana, en que o cálculo egoísta vén suplir a solidariedade, ler o poemario de Xesús Rábade Paredes, Sobre ruínas (Alvarellos, 2013), poemas que naceron entre 2007 e 2013 ao frío dos recortes e da estafa das oligarquías e da inopia/connivencia dos partidos que nos desgobernaron, un reconcíliase...sobre todo coa poesía.

O poemario contén catro fiestras poéticas (Poética(s), Soñar no exilio, Recadeiros de luces e de sombras, Sobre ruínas)

Como vivo con liberdade falar da poesia que me ata ao máis fondo da esencia que debe posuír esta necesidade de escribir, vou relatar brevemente algúns poemas que atacan emocións para abrir preguntas sobre o presente ruínoso que nos queren deixar os poderosos. Só abro as dúas primeiras fiestras. Agardo, aínda así, que a lectora e o lector curioso teñan os desexos de afondar nos versos do poeta Xesús Rábade Paredes. 

Primeira fiestra

Nove poemas. Se ben eu son do ritmo liberado da rima, recoñezo que o poema que abre esta fiestra, Cor mate, e Da razón do cantor, que a pecha, sonetos en toda regra, teñen unha feitura que non deixa de atrapar. Desde o punto de vista da emoción quédome con Tenzón, un berro contra "a ditadura da moral do correcto", e con O poeta pallaso, onde o verso "o tempo que non fomos é acaso o que máis dura", lévame a considerar todo aquilo que proxectamos e deixamos no caixón da velocidade, máis morrendo lentamente, como se esvae o noso tempo.  

Segunda fiestra

Dezasete poemas.

Sen dúbida, a fiestra da indignación, alumeada por ese sol de inverno que deixa un frío inmenso nos corazóns de milleiros e milleiros de persoas, sen que a alienación, desapareza, tanto peso ten ese Cuarto Poder vendido por partes.

Palabra alzada en armas

"á cúpula blindada dos ladróns das finanzas,
ministros disfrazados
de lacaios de banca vergonzantes,
aos gobernos rendidos que protexen aos capos
e poñen na indixencia a quen lles paga,
a quen tan ben lles paga, aplaude e vota." 


Nada que celebrar, acaso o poema que resume a sensación que hoxe teño. Non hai nada, nada que celebrar. Cada día que pasa representa a retirada dun ladrillo máis da casa común:

"Arrenegados sexan os tolleitos de espírito,
os tatexos e mudos porque si, 
os áfonos na fala de noso que falamos.
Sexan eternamente amén malditos 
os ruíns de abxurar,
falsos de traizoar e perxurar.
Maldita sexa a casta ruín dos malnacidos."

Moi intenso tamén o poema Partir o pan...."no reino da mentira"....

Alento...que me acompaña ao mesmo tempo que leo a biografía de Marcos Ana, Vale la pena luchar. Aínda que sexa só por iso, pola compensación ética de facer o correcto, sempre paga a pena loitar.

jeudi 5 décembre 2013

INTERVENCIÓN NO PARLAMENTO PARA QUE O GOBERNO ALTERE A RUTA AUSTERICIDA

Quixera comezar describindo o ESCENARIO do que pode semellar unha longametraxe. Ródase nos exteriores das principais cidades e vilas galegas e do estado: en todas unha enorme ringleira de persoas agarda para entrar nun local chamado INEM, para demandar un futuro mellor, para atopar un emprego. As persoas agardan desde hai tempo. Todas as promesas incumpríronse e seguen a incumprirse. Nesta longametraxe só hai existe unha breve intervención a cargo dun señor con traxe e maletín que ao abrilo berra: "Mans arriba, isto é un atraco!".

Esta sentenza tivo un éxito incontestable. E xa é un berro unánime nas rúas en toda manifestación e acto de reivindicación social. E é que boa parte da sociedade percibe que o diñeiro só serviu para nutrir o peto dalgúns, mentres que os seus quedaban baleiros e mentres, aquilo que os podía protexer, os servizos públicos, cada día se ven recortados ao mesmo tempo que se lle esie á cidadanía pagar por acceder a un servizo polo que xa pagan. Para a maioría da sociedade, isto é, si un atraco en toda regra.

Non se trata dunha película catastrofista. Non. Por desgraza a iniciativa de AGE pertence ao xénero do realismo cru. O propio Comisario para os Dereitos Humanos do Consello de Europa, tras a súa visita do 3 ao 7 de xuño de 2013 comprobouno. E apelou á necesidade de que os autores do guión austericida muden as liñas dos recortes para que mellorar de forma substancial e significativa as condicións de vida de milleiros e milleiros de persoas.

Nils Muižnieks, o Comisario, laiábase de que "os nenos se visen desproporcionadamente afectados polos recortes nos orzamentos sociais, de saúde e educativos, e a diminución das prestacións familiares provocou que algúns nenos vivan na indixencia e teñan problemas de nutrición". (deproporcionadamente....mais non existe proporción, a experiencia da pobreza para un neno, para unha nena, é devastador).

Será demagogo o Comisario Nils? Estará equivocado por preocuparse do futuro dos nenos e nenas que viven a desgraza dos desafiuzamentos? Sufrirá algún tipo de alienación cando manifesta que lle preocupan os atrancos que teñen os nenos e nenas migrantes para acceder á sanidade pública...en contravención co establecido na Convención sobre os Dereitos do Neno das Nacións Unidas? Será insensato o Comisario cando afirma que lle preocupan os recortes en materia educativa, que no estado van entre un 14,4% e un 21,4% e que afectan á igualdade de oportunidades entre todas as persoas? Ou será, como define unha membra ultracatólica de Provida aos que ousan masturbarse, un "ateo e, polo tanto potencial xenocida" por recomendarlle ao goberno do estado que reconsidere a súa postura de eliminar Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos das escolas?

As persoas con discapacidade, nesta irracional competencia pola austeridade ultraliberal, forman parte dun dos colectivos máis afectados. Os febles pasos que se deran para que as persoas con diversidade funcional puidesen avanzar na súa autonomía persoal quedaron fosilizados no cemento dos recortes. Voltamos para atrás en todo. Voltamos a un estado de desprotección social, onde só a caridade, o asistencialismo, e a vontade de terceiros suple a inacción dun goberno que externaliza a pobreza.

Neste relato cruel a lacra da pobreza adquire un protagonismo desafortunado: unha pobreza provocada pola degradación das condicións laborais (xa se fala de traballadores pobres, que cobran salarios por debaixo do limiar da pobreza), polo continuado desemprego, pola perda de protección social, e pola degradación das condicións de acceso aos servizos públicos (que son o complemento ao salario das clases traballadoras) e que fan os gobernos do PP? Aplicar a ultranza as receitas austericidas.

E nesas receitas non teñen cabida as medidas preventivas, que son as máis necesarias no contexto actual. Isto foi o que aconteceu na Comisión de Educación deste Parlamento, onde o PP se negou a crear plans que preveñan os problemas de nutrición en centros escolares galegos e a unificar os procedementos de resposta ante esta situación, en crecemento, por moito que se pretenda agochar esta realidade, remitíndoos aos comedores sociais ou aos bancos de alimentos. Mesmo, co inxusto e insolidario decreto de comedores posto en marcha, xa coñecemos a existencia de situacións dramáticas, onde nenos e nenas que están nunha situación de exclusión social....non teñen dereito a comedor. Esta é unha realidade constatada. Non é inventada por AGE.

Saben vostedes como afecta un desafiuzamento a un neno? Como se ve alterada a súa saúde? Como repercute na súa educación? O outro día, na semana pasada, mentres estabamos en pleno, unha nena coa súa nai eran desafiuzadas con 14 ou 15 grilleiras acompañando tal acto de lesa inhumanidade. Onde están as medidas de protección dos dereitos desta familia? Onde? No retrete dos recortes? No lixo? Os desafiuzamentos conlevan para os nenos e nenas condicións de vivenda máis desfavorables, e, mesmo, nalgún dos casos, quedan sen vivenda, xa que non se achega a solución dun aloxamento alternativo axeitado e asequible. Eis unha medida da que sempre se fala desde o goberno, mais que non coñece realidades efectivas, que respondan coa mesma urxencia coa que se mandan as grilleiras. Desde AGE xa reclamamos a través de diversas iniciativas a creación dun parque público de vivendas en réxime de aluguer social.

O propio Comisario Nils alertaba da impunidade coa que actúan as forzas de seguridade do estado, onde semella que a cidadanía, unha vez que exerce o seu dereito a manifestarse, perde, de facto, os seus dereitos para ser criminalizada. Cara a onde camiñamos? No sentido contrario desde logo ao que recomendaba este Comisario, tal como demostra o intolerable anteproxecto de Lei de Seguridade do goberno do estado. Algúns chámanlle democracia autoritaria. Mais, se é así, xa non será democracia. Será un enxendro. Todo, menos democracia.

Orzamento da Xunta
Unha medida de prevención vén dada polo propio Orzamento da Xunta. É o único instrumento real que ten a Xunta de Galicia para loitar contra a recesión, para saír da crise o antes posible. Neste quinquenio de austericidio aplicado por Feijóo, o Orzamento da Xunta padeceu un recorte do 26,6%, o que, unido á inflación, que medrou un 10%, nos dá un caída en valor real do 37,6%. Con esta porcentaxe, é impensable non pensar que no altar do austericidio, en nome do Deus Mercado, quedaron sacrificados os nosos dereitos.

Neste 2014, tal como acontecía no 2013, de forma consecutiva, os recortes afánanse en esfarelar a educación, a sanidade e os servizos de benestar social. Por moito que o queiran maquillar vostedes. Os números que presentan vostedes constatan a súa ineficacia para crear emprego e para afortalar o dereito a uns servizos públicos de calidade. De novo, hoxe coñecíamos que hai 2.629 persoas máis sen emprego e 4.572 cotizantes menos na seguridade social en tan só un mes. Galicia conta con 270.854 parados rexistrados. A todo isto engadámoslle a éxodo migratorio e veremos que nada fai presaxiar a luz ao final do túnel como presume o PP.

A finais de novembro o informe sobre as condicións de vida sinala que somos todos máis pobres. Cúmprese que o único que temos é dereito á desigualdade. O 38% das familias galegas non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos, e un 16,6% ten moitas dificultades para chegar a fin de mes. E en vez de facer todo o posible a Xunta emprega os Orzamentos para desmantelar as políticas activas de emprego (un 10% menos neste 2014). Dáse o paradoxo de que o goberno de Feijóo, con quen aumentou o desemprego en 125.000 persoas, un 77% máis, quere solventar o problema do emprego cun 70% menos de orzamento. Mais non só as políticas activas de emprego, senón que os Orzamentos recortan en materia de Servizos Sociais. E conxélanse todos os programas fundamentais, Loita contra a pobreza 585.000€, axudas emerxencias 4.500.000, axudas banco alimentos 50.000; conxelación de axudas a familias, 6.922.205 , redúcese o plan concertado dos concellos...

En 5 anos, Educación viu como se lle recortaban 473 millóns de euros, un 18% menos, e iso que Educación absorbeu todo o de Cultura, que resulta, nesta ceremonia da confusión institucional, a gran recortada. Temos 1250 profesores menos...para case 6.400 alumnos máis no sistema. Na Universidade pasamos dos 609 millóns aos 327. Con estes recortes e coa LOMCE e o seu novo altar da confesionalidade católica, un novo feudalismo está colonizando as nosas aulas. Vivimos en plena recesión cultural e educativa. E non nos tragamos esa monserga de que con menos vostedes fan máis...ou si...teñen razón, fan máis dano ao ensino público.

En sanidade, en 5 anos recortáronse máis de 370 millóns de euros, máis do 10% menos para a sanidade. Perda de dereitos e servizos. Co-repagos, degradación das condicións de acceso e privatización de servizos. Atención Primaria con 16 millóns de euros menos, que unidos aos do orzamento anterior supoñen 79 millóns de euros menos en dous exercicios orzamentarios. Que felices deben estar os voitres ultraliberais, sobrevoan o corpo debilitado da sanidade para lanzarse a por el. Por non facer, a Consellería de Sanidade non executa o orzamentado. Non nos enganen máis, por favor, con iniciativas xa anunciadas, que deberan estar xa feitas, como se fosen novidade. Non lle mintan máis á cidadanía galega. Hoxe xa o vimos durante o debate da lei de garantías sanitarias: avánzase no proceso de degradación para así avanzar na privatización dos servizos que ofrece a sanidade pública.

O co-repago para as persoas con diversidade funcional pon en perigo o dereito ao desenvolvemento da súa autonomía persoal. Constátase, como manifesta o comisario Nils, a inexistencia dun enfoque baseado nos dereitos humanos. Neste contexto de recortes as persoas con diversidade funcional son as máis vulnerables á pobreza. Mais, como afirman as propias organizacións sociais non existe concienciación sobre os dereitos humanos, hai falta de vontade para afrontar o reto de cumprir coa accesibilidade universal na realidade cotiá en todos os aspectos. E, por riba, incúmprese o seu dereito a unha educación inclusiva. Esta é unha quimera nun contexto de sobremasificación de aulas, de recorte de profesorado, de máis atrancos no desenvolvemento curricular como as que establece a LOMCE.

O 10 de decembro de 2013 cúmprense 65 anos da proclamación dos Dereitos Humanos. Será esa tamén unha carta mollada, cuxos artigos e principios son relativos? Ou deben ser o inexcusable guión que todo goberno debe garantir para que as persoas teñamos unha vida digna?

Por iso, a nosa iniciativa formula a necesidade de que a Xunta execute medidas concretas para impedir a creba de dereitos humanos no día a día da maioría social, para frear a pendente mortal do austericidio, para que a educación, a sanidade, e todo o que teña que ver co sector social e coa protección da infancia se vexan afortalados e comecen a recuperar todo o foron perdendo neste quinquenio.