lundi 9 décembre 2013

SOBRE RUÍNAS, POESÍA INDIGNADA PARA ALUMEAR TODO...O QUE QUEDA POR FACER

En tempos de miseria humana, en que o cálculo egoísta vén suplir a solidariedade, ler o poemario de Xesús Rábade Paredes, Sobre ruínas (Alvarellos, 2013), poemas que naceron entre 2007 e 2013 ao frío dos recortes e da estafa das oligarquías e da inopia/connivencia dos partidos que nos desgobernaron, un reconcíliase...sobre todo coa poesía.

O poemario contén catro fiestras poéticas (Poética(s), Soñar no exilio, Recadeiros de luces e de sombras, Sobre ruínas)

Como vivo con liberdade falar da poesia que me ata ao máis fondo da esencia que debe posuír esta necesidade de escribir, vou relatar brevemente algúns poemas que atacan emocións para abrir preguntas sobre o presente ruínoso que nos queren deixar os poderosos. Só abro as dúas primeiras fiestras. Agardo, aínda así, que a lectora e o lector curioso teñan os desexos de afondar nos versos do poeta Xesús Rábade Paredes. 

Primeira fiestra

Nove poemas. Se ben eu son do ritmo liberado da rima, recoñezo que o poema que abre esta fiestra, Cor mate, e Da razón do cantor, que a pecha, sonetos en toda regra, teñen unha feitura que non deixa de atrapar. Desde o punto de vista da emoción quédome con Tenzón, un berro contra "a ditadura da moral do correcto", e con O poeta pallaso, onde o verso "o tempo que non fomos é acaso o que máis dura", lévame a considerar todo aquilo que proxectamos e deixamos no caixón da velocidade, máis morrendo lentamente, como se esvae o noso tempo.  

Segunda fiestra

Dezasete poemas.

Sen dúbida, a fiestra da indignación, alumeada por ese sol de inverno que deixa un frío inmenso nos corazóns de milleiros e milleiros de persoas, sen que a alienación, desapareza, tanto peso ten ese Cuarto Poder vendido por partes.

Palabra alzada en armas

"á cúpula blindada dos ladróns das finanzas,
ministros disfrazados
de lacaios de banca vergonzantes,
aos gobernos rendidos que protexen aos capos
e poñen na indixencia a quen lles paga,
a quen tan ben lles paga, aplaude e vota." 


Nada que celebrar, acaso o poema que resume a sensación que hoxe teño. Non hai nada, nada que celebrar. Cada día que pasa representa a retirada dun ladrillo máis da casa común:

"Arrenegados sexan os tolleitos de espírito,
os tatexos e mudos porque si, 
os áfonos na fala de noso que falamos.
Sexan eternamente amén malditos 
os ruíns de abxurar,
falsos de traizoar e perxurar.
Maldita sexa a casta ruín dos malnacidos."

Moi intenso tamén o poema Partir o pan...."no reino da mentira"....

Alento...que me acompaña ao mesmo tempo que leo a biografía de Marcos Ana, Vale la pena luchar. Aínda que sexa só por iso, pola compensación ética de facer o correcto, sempre paga a pena loitar.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire