vendredi 12 avril 2019

SOBRE A NECESARIA CRÍTICA AO HIPERCAPITALISMO DIXITAL

Devoreino. O martes accedeu aos meus ollos polígrafos e o xoves xa engulira as súas páxinas (non chegan a 140). Referímonos ao libro do economista galego Albino Prada, Crítica del hipercapitalismo digital (Catarata/Fundación 1º de maio, Madrid, 2019).

Pode que sexa que estea escrito de maneira áxil, mesmo aí onde aparecen datos económicos ou táboas sinópticas. Ou pode que as súas teses veñen a dotar de forza o pensamento que levamos anos vertendo neste noso blog, nos diversos artigos de opinión que, de cando en vez, mandamos a medios como Praza Pública, así como nunha mesa de debate, que xa presentamos no Congreso do CILEC en Coruña no 2017, e en Vigo o pasado 30 de novembro de 2018 na Libraría Cartabón. Unha mesa en que reflexionamos sobre as consecuencias da dixitalización e da robotización na nosa vida e na sociedade.

Albino Prada ofrécenos un percorrido crítico sobre o actual hipercapitalismo e, no seu último capítulo, algunhas propostas de solución (pp. 108-134). Como é habitual cando comentamos ou presentamos libros, non imos entrar en todos os aspectos dignos de atención, senón que nos limitaremos a certos puntos de reflexión e debate.

Un dos aspectos nos que coincidimos plenamente é na crítica á obsesión cuantificadora do coñecemento científico, onde, por exemplo, a avaliación externa acaba por ser nada imparcial e científica, pois no que é unha nova modalidade da censura, dúas persoas anónimas, movidas quizais por certas fobias, practican unha selección negativa do que convén ou non publicar nunha revista científica. Por momentos, ademais, esa selección vén coincidir con certa onda de pensamento dominante ou hexemónico, favorable aos intereses dos axentes do sistema 'infocapitalista' (denominación de Albino Prada).

Esa obsesión penetrou en todos os eidos....e a esquerda, sobre todo a que practica o posmodernismo relativista, tamén se deixou colonizar pola obsesión, pola xerga e por certos conceptos do capitalismo salvaxe:

"No se libra de tal mutación la acción política y social, que se transforma en espectáculo electoral, a imagen de cualquier deporte competitivo gestionado por burocracias parlamentarias, trabajadores del aparato, empresas de servicios y financiadores profesionales" (p. 23) .

O hipercapitalismo dixital aséntase nunha distorsión esencial: aprópiase das rendas e do traballo social a través dunha privatización que opera baixo máscaras que algúns aínda hoxe poden considerar de esquerdas. Por exemplo, nese eido están Uber, Airbnb, Deliveroo, que demoucan os dereitos laborais de forma impune e que, en realidade, non son empresas colaborativas, senón empresas rentistas como as define Prada. As que actúan no eido da vivenda, especulan co prezo que posúe e hoxe baleiran os centros das cidades, inaccesibles para a clase traballadora, principalmente para a mocidade. Este proceso de especulación rentista vén da man dunha retirada do Estado social, e dun constante incremento das didicultades para acceder a servizos públicos.

Outros dos aspectos esenciais: a robotización da vida ten graves consecuencias sobre o emprego e sobre os sistemas de protección social. Por iso, ante unha situación de deterioro crecente, a solución, como sostén Prada, pasa por establecer unha renda básica, que debe ser a estratexia social prioritaria. Os datos que achega Albino Prada, tomados de fontes oficiais como a Contabilidade Nacional e a EPA, son elocuentes:

a) mesma produción no 2016 ca antes da crise...pero con moitas menos horas de traballo, isto é, con menos empregos...uns 2M500 mil empregos menos.

b) sector industrial: 2015 = 2002 en produción, pero cun 34% de horas menos.

Vexamos, polo miúdo, o que acontece en determinados sectores, os que máis avanzaron nos procesos de dixitalización:
automatización:-258.600 empr.
comercio: -87.200
transporte e loxística: -80.000
finanzas: -43.000

Isto é, -469.200 empregos, se contamos os que se crearon no eido da informatización e dixitalización, resulta que, entre o 2010 e 2016, perdéronse 340.000 empregos. A EPA rexistra un déficit de 612.000 empregos.

Un exemplo elocuente: Skype ten máis clientes que a British Telecom e posúe unha plantilla de 200 persoas, mentres que a Bristish, con menos clientes, emprega a 90.000 persoas. Entón, quen perde coa dixitalización? Resulta evidente, e só unha mente tecnófila non verá os males que a acelerada dixitalización trae ás nosas sociedades. Forma parte da falacia tecnolóxica (p. 53), pensar que o mundo melloraría coas pantallas. Prada chámalle a este proceso, e con razón, 'abducción neoliberal'.

Nun dos apartados, a construción do suxeito neoliberal, botamos en falta as achegas do pensamento de Harmut Rosa (a aceleración) e de Byung Chul-Han (a autoexplotación na sociedade do rendemento). Convertémonos en proconsumidores, propietarios e aforradores, mentres que desapareceu a palabra 'traballador'. A nivelación oligárquica desde a crise produciuse por abaixo, degradando e empobrecendo a toda a clase traballadora. Para esta nivelación, a oligarquia abduciu o Estado, que se converteu en cómplice, de tal forma que as institucións e as leis están ao servizo dos seus intereses.

Cómpre resistirse. Negarse, como di Albino Prada, a aceptar estas regras. Esta toma de conciencia sería moi necesaria para ir eliminando do noso imaxinario a falacia tecnolóxica e dixital. O economista galego non fala abertamente de socialismo, non obstante, formula unhas solucións que teñen o beneficio de conter a máquina do capitalismo salvaxe. André Gorz hai décadas xa avanzara a necesidade de poñer en marchas reformas non reformistas, isto é, reformas que supuxesen unha clara contestación ao capitalismo. A renda básica (que ben defende Albino Prada) pode ser unha desas ideas, xa que liberar ao ser humano para posuír unha certa dignidade do traballo precario que lle concede o capital, podería permitirlle usar o seu tempo libre en tomar conciencia da necesidade de non só frear o capitalismo, senón poñer ás persoas por riba dos intereses do mercado. E iso só pode acontecer co socialismo.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire