mercredi 8 juillet 2009

ACTOS CONTRA O CAPITALISMO E O G8, PARADIGMA DA INSANA PERVERSIÓN CAPITALISTA

Coincidindo coa xuntanza do G-8 en L’Aquila (Italia) que trata de refundar o capitalismo, a Rede Anticapitalista ( RA! ) convoca concentracións o xoves 9 de xullo en distintos lugares de Galiza.
Compostela, ás 21:00 horas na praza do Toural
Lugo, ás 20:00 horas na Praza Maior
Ourense, ás 20:30 horas na rúa do Paseo
Pontevedra, ás 20:00 horas na praza da Peregrina

Desde a RA estamos convencidos que é un acto antidemocrático (neste club non teñen voz os pobos do sur), inmoral (pretende normalizar a situación previa para seguir especulando), ilegal (estase axudando a banca sen abrir procesos xudiciais por malversación de fondos e estafa) e sobre todo suicida (se restaura o modelo a crise financeira pode ser infarto ecolóxico).

Estamos diante da primeira crise da globalización pero sendo central a crise financeira estamos diante dunha crise estructutural de dimensión múltiples crise de traballo, de acceso aos alimentos, enerxética, medioambiental e financeira. As solucións que nos impoñen desde o poder –máis libre comercio, máis cartos públicos para rescatar os bancos, o sector automobilístico e inmobiliario, máis oligopolios, máis transxénicos, etc.– tratan de esconder que a crise é produto do sistema capitalista e do neoliberalismo, que só afondarán os seus impactos sobre os pobos, as persoas e sobre o conxunto do planeta.

Namentres se quere refundar o capitalismo se trata de ignorar a crise mais importante: o sistema asentado artificialmente sobre un modelo consumista insostible ten como único soporte o endebedamento, mentres que o medre da brecha entre ricos e pobres, a precariedade, a invisibilidade dos traballos realizados dende sempre por mulleres e o desregulamento laboral son concibidos como algo consubstancial ao propio sistema, un medio máis para manter e incrementar os beneficios duns poucos en detrimento das persoas.

Os países do Sur, seguindo as directrices do FMI, BM e OMC, foron forzados a liberalizar as barreiras comerciais, desregular os mercados financeiros e laborais, privatizar as industrias nacionais, abolir os subsidios e reducir o gasto social e económico. Unha ortodoxia que os “ricos” incumpren cando interesa e agora máis ca nunca. As estimacións acerca da cantidade de cartos que os estados empobrecidos perden por fuga de capitais e expatriación de ingresos impoñibles varía de 350.000 millóns a 500.000 millóns de dólares ao ano.

O FMI calcula que as perdas directas da crise financeira provocará a entidades de todo o mundo un monto de 1,4 billóns de dólares, pero as perdas económicas globais estímanse moito maiores.Mentres o Goberno español poderá chegar a investir ata 150.000 millóns de euros para axudar á banca, o que destina a axudas contra o desemprego é 170 millóns de euros.Xa sabiamos que o liberalismo actual era unha gran mentira: subvencións e axudas ás multinacionais do Norte e fortes aranceis aos pequenos produtores e produtoras. A libre circulación de capitais existía pero a libre circulación de traballadores e traballadoras era freada por centos de valados e muros. Agora descubrimos algo “novo” tras as operacións dos gobernos por rescatar os beneficios da banca: o liberalismo consiste na legalización do roubo.É HORA DE ACTUAREn xeral, a esquerda institucionalizada abandonou hai tempo os seus programas de transformación social, ben porque non quere ben porque non é quen de levar adiante propostas de cambio.Somos os movementos sociais e as cidadanías de diferentes rexións do mundo os que temos dado a cara diante da incertidume. Primeiro poñendo en marcha un movemento de resistencia diante dos diferentes cumios dos amos do mundo. Segundo, xerando espazos de reflexión en diversos foros sociais. E, de seguro, artellando propostas programáticas de cambio como xa o están a facer as organizacións sociais e movementos cidadás en diversas partes do mundo.Os movementos sociais e organizacións cívicas galegas coincidindo coas reflexión plantexadas no foro de Belem o pasado xaneiro temos decidido non so propor alternativas ou mobilizarnos senón artellar unha rede para a mobilización global que teña como elementos vertebradores:

Unha iniciativa plural e aberta a todas aquelas persoas e colectivos que queren impulsar un proxecto de cambio estratéxico sistémico.
Unha aposta transversal. Un dos grandes logros do sistema é a fragmentación de loitas. Faise necesario artellar redes globais e transversais de cambio.
Unha opción programática que teña como piares a radicalidade democrática, o modelo económico sustentable ao servizo das persoas en harmonía coa natureza e a xustiza social global. Unha proposta que busque solucións reais no decrecemento, a sustentabilidade e a soberanía alimentaria.A crise económica mundial podemos e debémola converter nunha oportunidade histórica de transformación.Formamos parte da RA organizacións que levamos anos combatendo as consecuencias do modelo inxusto, a pobreza e a destrucción do hábitat pero que agora queremos tamén combater conxuntamente as causas: e a causa e o capitalismo.“NON IMOS PERMITIR QUE REFUNDEN O CAPITALISMO, MELLOREN OS SEUS BENEFICIOS E PISEN OS NOSOS DEREITOS.”

MANIFESTACIÓN EN CORUÑA O 12 DE XULLO POLO RESPECTO Á DIGNIDADE DAS PERSOAS INMIGRANTES

MANIFESTACIÓN: "POLO RESPECTO Á DIGNIDADE DAS PERSOAS INMIGRANTES"PORQUE TODXS SOMOS MIGRANTES:
Non á discriminación.
Non ás trabas irracionais para legalizarse.
Non ao racismo e á xenofobia encubertos.
Organizador: Aseser-Teranga

Red: Global
Fecha: domingo, 12 de julio de 2009
Hora: 19:00 - 22:00
Lugar: Casa de Senegal
Calle:Jorge Borrow, 5

POLO RESPECTO Á DIGNIDADE DAS PERSOAS INMIGRANTES
ASESER-TERANGA ten convocada unha manifestación baixo o lema de:
"POLO RESPECTO Á DIGNIDADE DAS PERSOAS INMIGRANTES".
O seu obxecto é o de expoñer a nosa protesta polos inmediatos cambios lexislativos que, xunto coas medidas administrativas restrictivas, fan máis dificil a nosa integración social. Asimesmo, queremos poñer de manifesto a existencia de medidas encubertas de racismo e xenofobia que se producen de cotío na nosa sociedade, así como as dificultades para obter a legalización de persoas que levan xa longo tempo en España.A marcha arrancará das inmediacións da Casa de Senegal e da Mezquita da Coruña o domingo, día 12 de xullo, ás 19 horas. Discurrirá pola avenida de Fisterra ata a Praza de Pontevedra, e, dende aquí, ata a Delegación do Goberno.
Papa Diop -Presidente de Aseser-Teranga Non á discriminación.Non ás trabas irracionais para legalizarse.Non ao racismo e á xenofobia encubertos.

MANIFESTACIÓN Día 12 de xullo (domingo)19 horas Saída:Casa de Senegal (R/ Jorge Borrow, 5)Ata:Delegación do Goberno (Praza de Ourense) Organiza: ASOCIACIÓN ASESER-TERANGA

PORQUE O SILENCIO É O MELLOR ALIADO DA ANÁLISE

Tranquilidade, amigos e amigas, non é que toleara, nin que desexe -que tamén- que os silencios nos envolvan coa súa fermosa musicalidade. Sucede que un xa leva numerosas reunións no corpo de creación/formación/fundación de moitas e varias plataformas e foros, nados co gallo dos máis e variados motivos sociais. E nesa primeira reunión de contacto ou institución normalmente nunca collo a palabra. Escoito. Observo. Reflexiono.

Onte asistín a unha "xuntanza aberta" para a conformación dunha Plataforma "Queremos galego. Foi na Galería Sargadelos, ás 17h, en Compostela. Convocados pola Mesa pola Normalización Lingüística de Galicia. Nutrida asistencia de persoas a título individual e representantes de colectivos de todo tipo.

Elementos positivos: un texto sobre o que traballar e unha proposta inicial interesante, pero compricada desde o punto de vista económico (levar a cabo unha ILP). Pero, precisamente, estes elementos positivos se volveron negativos porque existen condicionamentos apriorísticos en moitos dos e das representantes. Apriorismos xulgadores da Mesa e das siglas alí reunidas. Todo comezou xa cando algúns quixeron que todos se presentasen: desexaban visibilizarse e, de paso, ver quen andaba por aí. Pero ao facelo silenciaban as numerosas persoas que ían como cidadás a título persoal...porque aman a lingua galega.

Aforrarei ao lector e á lectora dos meus textos o "suplicio" auditivo padecido para ás 19h ter que me ir sen escoitar nada positivo.

Aí saiu o "Nunca Máis"; saiu a manifestación do 17 de maio; saiu a instrumentalización da lingua en todas as direccións imaxinables; saiu que se monolingüismo vs bilingüismo; ...

O importante -ollo falo desde a perspectiva que nos levou a ir a esa xuntanza-, facerlle ver á sociedade que o galego precisa de axuda para sobrevivir e loitar contra os permanentes ataques da dereita (PP, UPyD, Galicia Bilingüe...) e que temos que seguir avanzando na normalización da nosa lingua para que, cada vez máis e de forma natural, podamos ver un filme en galego, ler un xornal, e falarmos en galego aí onde o desexemos...; o importante, repito, desapareceu nas voces de reproches e acusacións insinuadas.

Somos átomos cada vez máis atomizados, incapaces de vencer os nosos localismos intelectuais. Regamos unha pequena leira. Somos incapaces de ver máis aló do valo que separa a nosa leira das demais. E así nos vai: entreguismo das institucións á dereita e instalación na rúa dunha imaxe de pelexa e división na esquerda que en nada nos beneficia.

Agardo que na segunda xuntanza sexamos quen de avanzar...o galego e Galicia precísano.

mardi 7 juillet 2009

COMUNICADO DO FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN. O GOBERNO ESPAÑOL SEGUIRÁ ADIANTE COA VULNERACIÓN DOS DEREITOS HUMANOS

Debido á súa importancia, reproducimos o comunicado do Foro Galego de Inmigración, ao que pertence o autor deste blog, despois da infructuosa xuntanza mantida con Consuelo Rumí, en Caldas de Reis, onte luns 6 de xullo de 2009.
Mal van as cousas cando os aparatos da representación do voto se volven contrarias a dereito. Mal van.

***
FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
COMUNICADO DE PRENSA

Varios Representantes do Foro Galego de Inmigración formado polas asociacións e entidades recollidas abaixo (máis de 80 asociacións e entidades de toda Galicia), presentaron onte Luns día 6 de Xullo nun acto celebrado en Caldas de Reis á Secretaria de Estado de Inmigración , Consuelo Rumí, as súas propostas en relación coa Reforma da Lei de Estranxeiría e con outras cuestións relacionadas coa política migratoria do Goberno Central:
-A Valoración global que facemos do Encontro é negativa. Non houbo interese por atender as nosas propostas, nin amosou a Secretaría de Estado receptividade algunha cara ás mesmas. Mesmo tentou deslexitimar ao Foro Galego de Inmigración como interlocutor. Por outra banda, a decisión de facer a Reforma, pendente do paso polo Parlamento, nos termos actuais está ben clara e mesmo parece que se van habilitar plenos no Parlamento Español no mes de Xullo coa finalidade de acelerar o proceso de aprobación da Reforma da Lei.
-A nosa oposición á Reforma da Lei basase en que entendemos que globalmente a Reforma proposta é fondamente restrictiva e negativa polas seguintes razóns:
1.- A importante limitación do reagrupamento familiar para ascendentes de residentes , que só se permite para os/as de longa duración (5 anos de estancia).
2.- A apertura da posibilidade de repatriación de menores inmigrantes basándose na garantía dos servizos de atención a menores dos países de orixe dos e das menores. Posibilidade moi discutible no caso de países como Marrocos, por exemplo.
3.- Recolle o intolerable aumento de prazo de estancia nos centros de internamento de estranxeiros ata os 60 días (antes eran 40) con posibilidade ademáis de incrementar esa estancia en determinados casos.
4.- E sobre todo porque basease na persecución sistemática da poboación inmigrante en situación de irregularidade administrativa e no peche das fronteiras. Establece así, ademáis, unha coartada legal para as actuacións de persecución contra esta poboación inmigrante residente no Estado español que xa dende hai varios meses veñen denuciado moi diferentes organizacións en diferentes partes do Estado.
Negámonos a aceptar esta visión intencionadamente “criminalizadora”, na que tanto insiste este proxecto do goberno central, sobre unha realidade, á da inmigración, tan fondamente positiva para o conxunto da poboación galega e española.

-Ademáis presentamos as nosas propostas para mellorar a Lei actual en cuestións non comtempladas na actual Reforma e que en realidade permitirían unha Lei moito máis respectuosa cos dereitos das persoas inmigrantes :
1.-Arbitrar algún sistema para que as persoas en situación de irregularidade administrativa puideran resolver a súa situación de acordo cunhas esixencias razoables.
2.-Establecer un modelo único de autorización de residencia (que habería que renovar periódicamente), que permitira sempre traballar e sen as actuais limitacións xeográficas ou de ocupación. Nesa liña urxiría tamén: Unha reforma do actual sistema de continxente, establecendo un modelo flexible, rápido e eficaz (trimestral ou mensual, con posibilidade de realizar ofertas de forma permanente por parte de empresari@s e empregador@s, de carácter autonómico, etc). Os catálogos de ocupación de difícil cobertura deben ser tamén máis flexibles, en ámbitos xeográficos e temporalmente.
3.- Aínda que a actual Lei contempla esta opción, a Reforma debe establecer de forma clara que as persoas en situación de irregularidade administrativa cometen unha falta administrativa pola que deben aboar unha determinada multa, pero non ten sentido a incoación de procedementos de expulsións para estas persoas que non cometen delicto algún. Disto se derivarían dúas medidas inmediatas: Eliminación dos Centros de Internamento. Incluir clausulas que garantan o tratamento d@s traballadores e traballadoras inmigrantes como vítimas, con dereito preferente e efectivo para obter autorizacións de residencia e traballo, nos casos de explotación laboral destes traballadores e trablladoras. A mesma consideración deben ter lóxicamente as mulleres ou homes obrigad@s a prostituirse.
4.- Relacionado co anterior parece importante establecer unha serie de supostos claros e amplos para as autorizacións excepcionais (mulleres e homes obrigad@s a prostituirse; vítimas doutros tipos de explotación laboral; mulleres vítimas da chamada violencia de xénero; persoas adultas ou menores en situación de desamparo ou dependencia; persoas con enfermidades graves; etc). O Catálogo debe ser amplo e flexible.
5.- Garantir en todo caso o acceso aos dereitos básicos para todos e todas, tamén para as persoas que transitoriamente se atopen en situación de irregularidade administrativa, supón o acceso en condicións de igualdade aos servizos públicos de educación, sanidade (garantir o acceso a tarxeta sanitaria) e de benestar social e inclusión social: rendas mínimas e outras axudas sociais.
6.- A Lexislación debe garantir dereitos das persoas, recoñecidos pola ONU e por outros organismos e institucións internacionais, nas actuacións de control en portos, aeroportos, estradas, etc.
7.- Unha demanda importante sería tamén o establecemento dun Observatorio Independente do Racismo e da Xenofobia, con obriga de presentar diante do Parlamento anualmente un Informe Público e detallado sobre as situacións de Racismo e Xenofobia detectadas ou denunciadas no conxunto do Estado Español.
Insistimos, por último sen obter tampouco compromiso algún por parte da Sra Secretaria de Estado de Inmigración na necesidade de frear o proceso de persecución policial contra o colectivo inmigrante que este Foro ven denunciado nos últimos meses en Galicia.

jeudi 2 juillet 2009

A CUARTA URNA. A PARTICIPACIÓN DO POBO NA DEMOCRACIA vs O SECUESTRO DA DEMOCRACIA POLA OLIGARQUÍA

Os tempos, desde este domingo 28 á noite, cando voitres enmascarados e alimentados pola xenreira e a ignorancia secuestran e expulsan de Honduras ao presidente Zelaya, semellan planificados pola voracidade da tecnoloxía.

Voracidade porque a velocidade informativa agolpa todo um explosivo cóctel de mensaxes difusas e impide razonar sequera as respostas cando aínda non se teñen todos os elementos de análise ao alcance da reflexión e da valoración crítica. Esa voracidade provocou todas as primeiras reaccións, sexan de corte dubitativo e deliberadamente ambiguo (a administración Obama en xeral, explicable polos desexos de Zelaya de converter á importante base militar estadunidense de Soto Cano (Palmerola) en aeroporto civil e, xa que logo, expulsar aos militares de aí, vid. Artigo de Eva Golinger, “La base militar de EEUU en Honduras en el centro del golpe”, Rebelión, 2-7-09), de defensa do goberno de Roberto Micheletti imposto polos golpistas (CNN), ou de defensa apoloxética do presidente deposto Manuel Zelaya (a meirande parte dos diversos comunicados que realizou a orbe mundial).

Para quen escribe o primeiro son os dereitos humanos, os dereitos do pobo hondureño agora mesmo sacudidos pola irrupción golpista.

Non caiamos na tentación de culpar unicamente ao exército, xa que é o medio do que se nutren os poderosos instalados no cumio piramidal da sociedade hondureña desde sempre. Dito doutro modo: no fondo, os dereitos humanos, os dereitos do pobo hondureño sempre estiveron sometidos a recurte e limitación, cando non a violación.

Como di Miguel Castillo no seu artigo de hoxe en Rebelión, o Congreso, a Corte Suprema de Xustiza e o alto mando militar, os principais medios de comunicación, o sector produtivo, empresarial e comercial, todo está em mans da oligarquía. Hai algún país no que non sexa así, preguntámonos? Hai algún país de tradición neoliberal no que as institucións democráticas non estean dominadas polas oligarquías e gobernadas de cóstas ás necesidades reais da poboación?

Honduras representa de forma paradigmática cómo as estruturas democráticas, cando controladas e monopolizadas pola oligarquía, están ao servizo dos poderosos e cómo, cando se ven sacudidas para que penetre algo de luz, de transparencia, de democracia real, esas estruturas, xa viciadas, seguen amosando a súa faciana antipobo digno do totalitarismo fascista: de aí as constantes ordes de captura emanadas pola Corte Suprema contra líderes populares como Rafel Alegría, Carlos H. Reyes, ou o propio Manuel Zelaya.

O problema salta cando un presidente decide non someterse a ese poder e confiar o poder verdadeiro dunha democracia ao pobo. Por iso, unha simple enquisa dirixida ao pobo, para que participe e se exprese sobre a reforma constitucional depositando o seu parecer no que se chama a “Cuarta Urna”, fixo tremer os alicerces da oligarquía e desencadeou o golpe. Porque a oligarquía ten exemplos sobrados de cómo as urnas constrúen en países veciños proxectos sociais, proxectos de esquerdas, realizados co pobo e non de cóstas a el. Eis o motivo fundacional, entroutros.

O pobo de Honduras sabe que non está só e sabe que se xoga moito neste golpe de estado: xógase ter voz de verdade na construción da súa sociedade. Xógase ter unha Asemblea Nacional Constituínte encargada de redactar unha nova Constitución. De aí, as manifestacións multitudinarias e a frontal oposición interior ao goberno de Micheletti, quen busca ser aprobado mediante todas as vías posibles....coa participación dos grandes grupos mediáticos que sementaron desde hai tres meses o escenario político de xenreira cara a “cuarta urna” e crearon as condicións precisas para demonizar a Manuel Zelaya e para que se producira o golpe de estado do domingo 28 de xuño (vid. Y. Ron / M. Rodríguez, El golpe cocinado em el fuego mediático. La jugada final de la prensa hondureña, xuño 2009, descargable en Rebelión).

Pero non nos abraiemos de forma inxénua. Aprendamos do comportamento do pobo hondureño. Ollemos os nosos intestinos democráticos e pensemos en todo o que acontece mediatica e socialmente cando se insinúa a posibilidade de reformar a constitución para dar cabida a novos dereitos, ou para avanzarmos no recoñecemento de dereitos para a poboación migrante (voto activo e pasivo, por exemplo), ou para incluír a eutanasia como un dereito, etc, ou, simplemente, que un presidente do estado español convoque un referendo sobre se queremos seguir sendo unha monarquía ou unha república, onde ninguén estea por riba do pobo... E entenderemos que o acontecido en Honduras non é nada raro.

Desde estas liñas queremos solidarizarnos co pobo hondureño que loita para que se lle dea voz, para que se lle recoñezan os seus dereitos, de expresión e participación. Apoiamos a lóxica aspiración do pobo de liberarse da soga oligarca e o seu lento e duro camiñar ata situarse lonxe do abafo mercantilista e chantaxista que quere establecer a cosmocracia neoliberal en Honduras. Queremos que volva Zelaya e que teña a valentía de seguir coa idea inicial: o sacrificio valente do seu pobo meréceo.

Xabier Ron
OSPAAAL-GALICIA
2-xullo-2009