dimanche 21 décembre 2014

EXORCISMO NECESARIO OU COMO DEFINIR A RAREZA

Recoñezo que non é frecuente. Leo a prensa e alporízome por como se enfocan as cousas. Exemplos cotiáns teño. E en cantidades industrais desde que facía política desde as rúas. Sobre todo por feitos que me afectan, feitos tan relevantes como a Estratexia da Inclusión Social que foi introducida no debate plenario por quen escribe e a prensa non fixo moito máis eco que fora definida como "infumable" e dos numerosos argumentos que empreguei (non conter unha planificación nin un cronograma claro, nin compromisos orzamentarios ben clarificados de forma anual ou plurianual) só un foi escasamente referenciado. Apenas tivo repercusión, porque se optou por repetir os argumentos do executivo coma un mantra eclesial. Cando, nós, lembro por exemplo que eu xa recontara mesmo os verbos que sinalaban garantía de dereitos ou non no primeiro pleno de decembro, xunto co compañeiro Moncho...

Que vaian cara a atrás a ver que introduciu os temas da pobreza, da pobreza infantil, esa que se quixo agochar, esa da que se nos dixo a nós que non existía que eramos apocalípticos...mais resulta que a iso que non existía lle dedican unha Estratexia de Inclusión Social....CURIOSO, NON??? Que ollen as persoas interesadas neste mesmo blog as pegadas da memoria para ver quen falou de desigualdade, dos comedores escolares...desde o inicio desta lexislatura!!! 

En fin, alporízome. Mais non reacciono de forma literaria. Mais hoxe si reaccionarei. Por fartura. Porque non é certo. Porque eu non meto no mesmo saco aos que toman as decisións na cúpula dos medios e aos traballadores e traballadoras, para non cometer o erro de dicir que "todos son iguais". Non. Sabendo mesmo que si hai xornalistas que traballan en perfecta sintonía co sistema capitalista e, polo tanto, coa súa forma desigual de tratar ás persoas. Senón que lean a Piketty. 

Pero hoxe si. Reacciono. E vouno facer comezando pola definición que establece a RAE de "rara". 

"raro, ra.
(Del lat. rarus).
1. adj. Que se comporta de un modo inhabitual.
2. adj. Extraordinario, poco común o frecuente.
3. adj. Escaso en su clase o especie.
4. adj. Insigne, sobresaliente o excelente en su línea.
5. adj. Extravagante de genio o de comportamiento y propenso a singularizarse.
6. adj. Dicho principalmente de un gas enrarecido: Que tiene poca densidad y consistencia."

Se un olla estas definicións...case deberíamos alegrarnos que unha columnista dun medio de información masiva de Galicia, á que identifico ao remate desta reflexión, diga iso de "esa cosa tan rara de los partidos"...Ou non, se xulgamos o contido do artigo que pretende dar sentido a dito titular. 

Perlas informativas da columna e glosa dun militante dun partido e dunha organización de esquerdas en Galicia: 
  • "para militar en un partido haya que ser un tipo muy extravagante"
Esta perla quizais teña que ver coa acepción primeira. Somos extravagantes porque nos comportamos de forma inhabitual, pois decidir dar o paso de afiliarse, en estes tempos de distancia e desafección poda ser entendido incluso como unha heroicidade. Sobre todo cando esa militancia é nunha organización que se declara de esquerdas, alternativa, transformadora, que loita polos dereitos humanos e que é claramente anticapitalista. 

Heroicidade que quizais nos leve á acepción 4 e pode que tamén á nº 2, xa que dito acto é pouco frecuente..sendo máis cómoda, como denuncia Buyng-Chul Han, o simple accionar dun clic na sociedade do "me gusta"...do "asistirei"...mais que logo non se manifesta realmente nun xesto real de aproximación. 

Entón, deberíamos dicir, moitas grazas señora columnista.

  • "rareza genética"
No mesmo sentido debe ser esta segunda perla informativa. Mais non creo nos determinismos xenéticos, senón que vivmos nun contexto determinado, definido pola loita de clases, pola destrución do benestar da maioría social, oprimida polo capitalismo. Polo tanto, a miña militancia ten que ver coa consciencia de clase e coa empatía necesaria para desexar transformar os piares da sociedade en que vivimos, e non cun determinismo xenético.

  • "para tener un carguiño en un partido lo primero que hay que hacer es no decir lo que se piensa"
Aquí, xa, é onde non vexo relación co termo "raro". Non. Porque a autora converte en habitual dito feito. En xeralizado. Polo tanto comete un erro semántico. O raro non poder ser frecuente. E a autora, moito me temo, desexa dicir que "nos partidos son todos iguais", e que todos e todas devecemos polo carguiño... diminutivo que é claramente despectivo e nada agarimoso. Non sei que partido ou partidos terá na mente. Debería atreverse a nomealos. Ou é porque algún, que pode ser xeneroso partícipe dos ingresos da empresa, se podería...cabrear?

Polo tanto, eu digo aquí, que milito nun partido e nunha organización política...que non devezo ningún carguiño, senón que, en función do que deciden os afiliados e afiliadas a través de mecanismos de democracia interna, asumo responsabilidades políticas e orgánicas.

Segundo punto. Non dicir o que se pensa. Moito me pregunto se todos os traballadores e traballadoras dunha empresa de comunicación ousan dicir ao seu xefe ou xefa o que pensan...ou planifican os argumentos para non seren colocados nunha lista negra e perder o traballo escravo?

 Por iso digo aquí que isto non é certo. Sucede que falamos dun pensar que, desde o individuo, se colectiviza, mediante procesos deliberativos e participativos, considerando, loxicamente, a ideoloxía que vén definida no noso programa político e social, o noso contrato ante a sociedade. 

Ou acaso non se pensa de forma colectiva na toma de decisións dunha redacción? Ou é unha persoa a que decide? Seía interesante saber, por exemplo, por que se me fixeron entrevistas que nunca saíron logo no papel do xornal. Quen tomou esa decisión?

  • "con las trapalladas tienden a mirar hacia otro lado y en ocasiones funcionan mejor que el Inem para proporcionar trabajo a quien se lo curra como dios manda"
Aqui xa non me gusta. Amais de que a autora "castrapea" de forma deliberada. Non me gusta o emprego do galego en texto casteláns que estereotipan o uso dos termos galegos. Sempre baixo unha óptica negativa desde unha consideración en apariencia neutra. 

Se a autora alude a corrupción, a enchufes, a políticas endogámicas de favores, que vulneran as normas democráticas de merito e capacidade, segundo probas obxectivas xulgadas por tribunais independentes, entón o termo "trapalladas" non serve. A corrupción é o cancro das normas democráticas. Debería escoller unha palabra menos xocosa. Non falamos de picaresca. É algo moi grave. E podo dicir, alto e claro, que quen escribe non é unha persoa corrupta. Que non practica o enchufismo. Que non cre na política de favores.

Conclusión
Non procede meter a todos no mesmo saco. Procede ser menos estereotipante no discurso. E identificar cando menos os procesos aos que se refire. Non todas as persoas somos iguais. Podo aceptar que son raro, no sentido de "freakie", incluso, porque os domingos preparo as miñas intervencións das comisións que teño ao longo da semana, en vez de tomarme o día libre, ou dou forma ás iniciativas que debato con colectivos sociais. Podo aceptalo aí. Mais xa digo, por se existe a tentación de dicir que esta defensa é porque son casta, que están, unha vez máis pedaleando no erro: dedícome á política, como moitos e moitas que me acompañan no día a día, para tentar, precisamente, que militar nunha organización política non sexa algo raro, que sexa frecuente desexar defender os dereitos da cidadanía e transformar a faciana dun mundo que o capitalismo converteu en canibal.


E por se alguén pensa que teño medo a dicir de onde provén a  fonte desta reflexión: Fernanda Tabarés, "Esa cosa tan rara de los partidos", Otras Letras, columna da contraportada de La Voz de Galicia do domingo 21 de decembro de 2014.

mercredi 17 décembre 2014

INTERVENCIÓN SOBRE A LEI MORDAZA

Intervención que veño de realizar sobre a chamada Lei Mordaza, que trae o PSdG polo procedemento de urxencia, e á que fixen unha emenda en nome de AGE para que se retire en función do rango de lei que lle queren dar á "devolución en quente".

++++
A aprobación no Congreso dos Deputados da chamada Lei Mordaza representa o ataque máis duro que recibe a nosa democracia. O goberno-títere deseña un aparello lexislativo represor para impedir que a indignación cidadá se manifeste nas rúas.

Unha indignación que ten todo o dereito, avalado pola Constitución Española, a reivindicar e defender os seus dereitos de cidadanía. Sobre todo cando a perda do traballo, os recortes laborais e salariais, a perda de protección social, a corrupción, as estafas das preferentes e dos desafuzamentos, os ataques aos servizos públicos son todos eles motivos que levan á cidadanía galega ás rúas. Está en xogo a democracia.

A Lei Mordaza ataca de forma directa os dereitos de reunión e manifestación pacífica e de manifestación (art. 21 CE), o dereito á folga, o dereito de expresión (art. 20 CE) e o dereito da liberdade de expresión (e asociado a el o de liberdade de prensa) (art. 22 CE), amais do dereito á presunción de inocencia (art. 24 CE).

Os Estados teñen a obriga de respectar, protexer e garantir os dereitos consagrados na Constitución Española, na Declaración de Dereitos Humanos de 1948, no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, no Convenio Europeo para a Protección de Dereitos Humanos e as Liberdades Fundamentais e que mesmo figuran na Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea.

Comecemos por dicir alto e claro que o concepto de "manifestación autorizada" non existe na Constitución Española. En xaneiro de 2013 a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos emitiu un informe sobre boas prácticas para garantir a promoción e protección dos dereitos humanos no contexto de protestas pacíficas. A resolución 22/10 do Consello de Dereitos Humanos da ONU, do que España formaba parte, aprobou, sen votación e por unanimidade dita resolución. E aí dise que a participación en protestas pacíficas é unha maneira importante de exercer o dereito á liberdade de reunión pacífica, de asociación, de expresión e participación nos asuntos públicos. E que o requisito de información non pode significar requisito de autorización, xa que o relator especial sinala que non se debe requerir autorización para celebrar unha reunión pacífica. As directrices da OSCE/OIDDH sinalan que mesmo as reunións espontáneas deben ser legais e son mostra dunha democracia saudable. A falta de notificación non debe de ser un pretexto para a disolución automática nin para a imposición de sancións penais ou administrativas.

O equipo de represión desta nova Inquisición en que se volveu o goberno de dereitas, introduciu tamén unha auténtica canallada, digna do racismo institucional levado a cabo pola dereita, tal como conceder a capacidade ás Forzas de Seguridade para rexeitar ás persoas inmigrantes que salten o valo de Ceuta e Melilla. Esta posibilidade, incluida na disposición adicional décima durante o trámite de emendas, supón legalizar as chamadas "devolucións en quente", expresamente prohibidas ate agora, porque as persoas inmigrantes que chegan a territorio do estado español teñen dereito a asistencia letrada e a que se comprobe si son menores ou refuxiados. Esta disposición foi introducida como emenda no Congreso, eludindo os informes preceptivos do Consello Xeneral do Poder Xudicial, o Consello de Estado e o Consello Fiscal.

A arrogancia do ministro do interior, Jorge Hernández, ante as críticas das organizacións pro dereitos humanos, foi propia dun auténtico xenófobo, comportamento indigno nunha democracia real. Persístese en criminalizar ás persoas inmigrantes.

Mañá, 18 de decembro, na cidade da Coruña e de Lugo terán lugar actos reivindicativos en contra destas devolucións en quente da Lei Mordaza, e iso acontecerá no Día Internacional das Persoas Migrantes. Agardo no ter que padecer o indignante bochorno de escoitar ou ver a aqueles que din si a esta Lei Mordaza realizar discursos e pousar con falsidade ante as cámaras.

Coa Lei Mordaza, ademais, a presunción de inocencia estoura xa que, de saída, recíbese unha falta sancionada cunha multa pola autoridade administrativa, polo que as persoas se vén na obriga de demostrar a súa inocencia. Non existe un control xudicial previo. Desprotección da cidadanía ante o abuso.

Ademais, todo o aparello de sancións é un auténtico disparate: 600 euros por non levar DNI; 600 por formar parte dun piquete informativo; 600 por faltarlle o respecto a un axente (art.37); 30.000 euros por manifestarse ante unha sede coma o Parlamento de Galicia; 30.000 euros polo exercicio de informar con veracidade e apoio audiovisual; 30.000 euros por axudar a frear un desafiuzamento (art. 36); ate 600.000 por aqueles que exerzan o dereito á folga en trens, aeroportos, portos, infraestruturas de luz, gas, auga; centrais nucleares; infraestruturas de comunicación (art. 35, e disposición adicional sexta); é unha auténtica barbaridade, un atropelo salvaxe que, mediante a imposición do medo quere mutilar a solidariedade das xentes que se agrupan para impedir a inxustiza social. Por riba, tal como facían os nazis, existirá un Rexistro Central de Infractores, unha auténtica lista negra de activistas (art. 43).






mercredi 3 décembre 2014

INTERPELANDO AO GOBERNO GALEGO SOBRE A CRECENTE DESIGUALDADE EN GALICIA

 
A DESIGUALDADE É ENFERMIDADE DO SÉCULO XXI
unha das cuestións esenciais para definir cara a onde imos, que sociedade estamos construíndo. Hai mesmo teses académicas centradas ao redor do estudo da esencia do capital, ao longo da historia, e esas teses, como a de Thomas Piketty fala de que o capitalismo produce mecanicamente desigualdades insostibes, arbitrarias, cando a taxa de rendemento do capital supera de modo constante a taxa de crecemento da produción e do ingreso. Mais tamén, desde un enfoque antropolóxico, o profesor norteamericano David Harvey analiza, mediante o método confrontativo da dialéctica as 17 contradicións do capitalismo e resalta como se erixe unha verdade: o que existe sobre a terra debe ser en principio sometido, sempre que sexa tecnicamente posible, á mercantilización, monetización e privatización. A vivenda, a sanidade, os servizos públicos evolucionaron nesa dirección e tamén as actvidade bélicas, as gubernamentais. Un sistema que fai do valor de cambio o amo, e converte en escravo o valor de uso, que converteu en mercadorías ao traballo, á terra e ao propio diñeiro, conduce, inevitablemente, cando se produce a disparidade na posesión desas mercadorías que describe Piketty a unha enorme e inxusta desigualdade. E non hai nada máis claro que todo é froito de decisións políticas, sobre todo desde o dominio do pensamento único neoliberal na década do 70 do século XX. A decisións en materia fiscal e financeira. Decisións que permitiron a acumulación de capital e frearon, cando non liquidaron, a redistribución da riqueza. 

Hoxe, as persoas vémonos confrontadas ao que o filósofo Gómez Pin describe como insoportable: 

"Es simplemente insoportable que la dialéctica trabajo embrutecedor-pavor a perder tal vínculo esclavo se haya convertido en el problema mayor de la existencia" 

DEMOCRACIA – EQUIDADE – XUSTIZA SOCIAL

A METADE DA RENDA MUNDIAL EN MANS DO 1% MÁIS RICO = 110 BILLÓNS DE DÓLARES...65 VECES MÁIS CA O QUE POSÚE A METADE MÁIS EMPOBRECIDA

SECUESTRO DAS INSTITUCIÓNS => REGULARIZACIÓN NORMATIVA OLIGÁRQUICA => DESEÑO ECONÓMICO FINANCEIRO => HISTORIA DUNHA DESPOSESIÓN

- políticas fiscais non redistributivas
- fiscalidade indirecta regresiva
- redución de impostos empresas e rendas elevadas e bonificacións de diverso tipo no imposto de sucesións, no de patrimonio, no de sociedades
- amnistía fiscal 2012
- escasa presión sobre as plusvalías
- conversión das rendas de capital en rendas de aforro que se erguen sobre as rendas do traballo

- mecanismos de enxeñería fiscal permitidos que provocan que a suba de IRPF penalice ás rendas menos favorecidas, xa que a minoría enriquecida leva a cabo estratexias de elusión fiscal (SICAV; entidades de tenencia de valores estranxeiros) e de evasión, que a OCDE inscribe como mecanismos de economía mergullada. Fuxen da súa obriga. Se a isto lle sumamos a elevación dos impostos indirectos de todo tipo coma o IVE, as clases traballadoras son as que sofren as consecuencias das estratexias elusivas e evasivas, que, debido a políticas recesivas, de recorte e austericidas, levan ao empobrecemento xeralizado de traballadores e traballadoras: menos dereitos, menos servizos públicos, menos salario...Unha das consecuencias desta insolidariedade fiscal tolerada e permitida polo goberno é que se segue descapitalizando o fondo de reserva para o pago de pensións (neste novembro retiráronse 8.000 M€ para as pagas extras de Nadal). Outra...que a prestación por desemprego é cobrada só polo 57,31% das persoas en situación de desemprego.

Máis do 40% dos ingresos tributarios do Estado provén do IRPF, e deste o 85% provén do gravame sobre as rendas do traballo; só un 8% deriva das rendas do capital, e un 7% dos beneficios de actividades empresariais e profesionais.

O Consello Económico e Social do Estado a través da Memoria Socio-Económica e Laboral do 2013. A crise acelerou a diverxencia de renda entre os que máis atesouran e os que menos teñen.

Debuxa un mapa da desigualdade que erosiona a nosa democracia en todos os aspectos e que deixa a Galicia ao bordo do acantilado e nun clima pauperizado para a maioría das persoas:

- declive demográfico
- desemprego galopante (novembro...incremento en 4.622)
- emigración
- emprego precario, inestable, temporal
- salarios baixos:

61,1% ingresos inferiores a 15.800 €

= 18,3% (menos de 4.500 €)
= 12,6% (ate 9.000 €)
= 13,5% (entre 9.000 – 13.500 €)
= 16,7% (13.500 – 18.000€)

Mentres, neste noso país, Galicia, as rendas máis altas atesouran o 55% do PIB de Galicia, 30.267 M€ en mans de 7.338 contribuíntes.

A desigualdade só trae máis empobrecemento. Trátase dunha decisión política. E un dos instrumentos máis valiosos para introducir equidade e xustiza social vén da man dos Orzamentos da Xunta de Galicia. Mais, no sexenio austericida, só se incrementaron as dificultades para o acceso a dereitos como sanidade, educación, servizos sociais. Por iso, para AGE non é certo que o orzamento do 2015 sexa un orzamento expansivo, de recuperación. Cando se di que o gasto non financeiro se incrementa nun 0,5% Pen 2015, mais o deflactor do PIB – a variación de prezos- é do 0,6% os recursos diminúen en termos reais. Non hai máis fondos. Hai menos. É nese contexto en que os galegos e galegas, cos datos refictidos máis arriba, han confiar en sañir da crise, da estafa reguladora neoliberal? Non, xa que vostedes renuncian a restaurar a capacidade recadatoria e equitativa do noso sistema fiscal. Cando discutimos sobre o Teito de Gasto para este 2015 xa lle dixemos desde AGE, empregando argumentos do economista Albino Prada que "vostedes prometían un lixeiro alivio fiscal a cambio de esquecerse do estado de benestar, ao que consideran insostible.
Algúns datos poden axudar a entender o clima en que vivimos:

Cando se recuperou no ano 2012 o imposto sobre o patrimonio, o delegado especial da Axencia Tributaria en Galicia, decía que só afectaba a unhas 6.500 persoas, isto é, unicamento a un 12% dos máis de 54.000 que pagaran esa taxa antes de que se retirara o imposto en 2008.Está claro que por esta vía os ingresos se reducen e que se beneficia a quen acumula máis capital. Non resulta aberrante que o mínimo exento estea en Galicia en 700.000 €?

Imposto de sucesións e doazóns: 26,55% menos de recadación entre o 2007 e o 2011, debido a esas bonificacións e deducións que benefician principalmente a grandes atesouradores de patrimonio. A este respecto cómpre quizais darlle a razón a Piketty cando di que a loita de idades (os máis vellos teñen máis ca os novos) non suple a loita de clases, xa que a excesiva concentración de capital se explica sobre todo pola importancia que adquire a herdanza e o seu efecto acumulativo.

Transmisións patrimoniais onerosas: un 59,28% menos entre 2007 e 2011
Actos Xurídicos documentados: un 61% menos entre 2007 e 2011

Mentres no cumio da pirámide social hai privilexiados, cara abaixo, as cousas operan de forma moi distinta. O certo é que hoxe é un soporte esencial a pensión das persoas maiores. Mais estas falecen. E as prestacións por desemprego esgótanse, polo que nos tememos que esteamos preto dunha nova onda de empobrecemento e exclusión social dos menos favorecidos.

O panorama é desolador:
Execucións hipotecarias e desafiuzamentos
incremento da taxa de pobreza dos fogares
empobrecemento xeral: hai que ser máis pobre para ser considerado pobre: 2009: 7.980 €; 2012: 7.355 €

dase un proceso de cronificación da pobreza e da exclusión social: unha desas causas as persoas que levan no paro durante máis dun ano (un 58% no Estado); deles un 35% do total de persoas desempregadas levaba máis de dous anos nesta situación, un 24% máis de 3 anos.

Taxa AROPE de pobreza, case un 22% en Galicia, indo en incremento constante desde o ano 2007, onde se establecía unha porcentaxe 9,82 %. As familias non teñen capacidade para afrontar gastos imprevistos (38%), hai cada vez máis atrancos para chegar a fin de mes (16,6%).

A unha situación xeral de exclusión, hai que engadir a esas persoas que pertencen a un colectivo que sofre o racismo frío da lexislación: referímonos ás persoas migrantes en situación irregular e ás persoas sen teito (preto de 4.000 en Galicia).

Mesmo as persoas migrantes comunitarias teñen serias dificutades para poder acceder á Renda de Inserción de Galicia,xa que se lles pide estaren inscritas no Rexistro Central de Estranxeiros que pide uns criterios económicos incompatibles coa propia demanda de RISGA.

Vivimos no que unha organización como Cáritas denomina "paradoxo da urxencia", posto que este tipo de prestacións están pensadas en principio para cubrir neesidades básicas nun contexto de emerxencia, mais que, paradoxalmente, teñen que agardar meses para poder contar con ese recurso.

A faciana da pobreza afecta de forma máis severa aos nenos e nenas, asi o reflicte Los niños de la recesión. El impacto de la crisis económica en el bienestar infantil en los países ricos, de Unicef.

Nun lustro, entre 2008 e 2013 o maior incremento de pobreza infantil deuse nos países do sur, como España, Grecia e Italia, os que máis e mello aplicaron as receitas austericidas da Troika, xunto cos tres Estados bálticos: as consecuencias: España, Grecia e Letonia teñen máis de un 36% de taxa de pobreza infantil. Hai países como España e Grecia que se sitúan no tercio inferior de todas as dimensións estatísticas analizadas por Unicef, o que sinala a extrema virulencia da crise e o efecto devastador das políticas austericidas do goberno e da Xunta, en materia económica, laboral e salarial, financeira, e de protección social. Os nenos e nenas en situación de pobreza viven atrapados nun ciclo perigoso, non poden escapar da situación do fogar familiar, e viven con ansiedade os problemas de nais e pais. E se falamos da franxa de idade entre 15 e 24 anos entre 2008 e 2013, vemos como se deu un incremento alarmante de desemprego xuvenil: ao redor do 55%. España cunha suba porcentual de máis de 25 puntos.

E mentres...o clube dos máis ricos incrementábase un 13% entre mediados do 2012 e a primeira metade do 2013.

Por iso, preguntámonos se o goberno galego ten previsto empregar as medidas fiscais necesarias, sobre todo as que se refiren ao patrimonio, para avanzar nunha fiscalidade progresiva, redistributiva e máis xusta.





mardi 2 décembre 2014

SOBRE A COMPLEMENTARIEDADE DAS ENTIDADES SOCIAIS SEN ÁNIMO DE LUCRO NA PROVISIÓN DE SERVIZOS SOCIAIS

Deixo aquí o que tiña elaborado para falar da moción do PSdG que, na discusión xirou nun pim-pam-pum entre os dous grandes partidos, PP e PSdG, sobre pasado e presente...e a nós preocúpanos o futuro....de aí a emenda que obrigaba a ir nunha liña determinada.

*****
 
O acontecido coa Asociación Galega San Francisco amosa o carácter fondamente insolidario dos xestores do capitalismo, máis preocupados de atender os intereses mercantís, empresariais ca os que atenden a un criterio social.

En primeiro lugar, porque nada, a non ser o desexo de procurar novos nichos de lucro a empresas privadas, nada, repetimos, obriga a lanzar ao puxilato neoliberal a entidades sociais sen ánimo de lucro que atenden a persoas con diversidade funcional mental.

Un puxilato, ademais, coas cartas marcadas en favor do boxeador máis rocoso e brutal dos intereses mercantís, contra o que o corpo social só pode ofrecer unha resistencia indignada cando se abate sobre el o golpe que o quere botar fóra do cuadrilátero.

Permítasenos esta comparación para simbolizar o trato inxusto que recibe unha entidade social sen ánimo de lucro...mais que, no fondo, pode ser moi ben, a que sensación que experimenten todas as entidades sociais...sabedoras de que o seu traballo, agora, é cobizado polo lucro empresarial. Se a decisión inicial non se frea, o perigo é enorme, xa que, mesmo, pode conducir a que as propias entidades ante esta desigual loita se vexan na obriga de desvirtuar o carácter do concepto "sen ánimo de lucro" e de realizar prácticas empresariais para xustificar a súa actividade e poder "competir", o cal sería fondamente antinatura ao noso entender.

Ademais, se ollamos a historia recente deste país entendemos que as persoas afectadas se sintan non só indignadas, senón impotentes cando o trato de quen di representar os intereses do pobo galego é insultante e todo menos dialogante. Iso é o que denuncia unha entidade como FADEMGA, cando menos.

En efecto, a historia recente deste país demostra moi ben como foron as cousas: a administración pública que é quen debe prestar os servizos públicos para garantir os dereitos estatutarios e constitucionais que teñen todas as persoas decidiu ollar para outro lado no tocante ás persoas con diversidade funcional e, en vez de levar a cabo unha sociedade inclusiva desde os servizos públicos optou por delegar, por axudar mediante subvencións e outros acordos a que se lles ofrecese asistencia a estas persoas. E quen ofrecía dita asistencia? Pois as persoas directamente afectadas pola fuxida de responsabilidade da Administración Pública: as familias. Nais e pais de nenos e nenas con diversidade funcional eran os que poñían en pé entidades sociais sen ánimo de lucro para prestar servizos educativos, formativos, laborais, rehabilitadores, terapeúticos, etc.

A administración Pública volvéuse simplemente unha colaboradora, non unha prestadora de servizos públicos para garantir dereitos de cidadanía. E mesmo ignorando as súas funcións inspectoras para comprobar que, en efecto, o diñeiro público se destinaba ao seu fin. AGE o que desexaría, loxicamente, sería iso: que todas as persoas visen os seus dereitos garantidos de forma directa a través dos servizos públicos.

Mais iso, non foi. E, despois de máis de tres décadas nalgún caso, sucede que o persoal que conforma estas entidades sociais sen ánimo de lucro é do máis formado e especializado na atención da diversidade funcional. E a pesar disto, este verán a Xunta decidiu dar un paso máis e lanzar ao puxilato competitivo á unha entidade social sen ánimo de lucro.

Familias, persoal que desenvolve tarefas asistenciais, as propias persoas con diversidade funcional, todos e todas no medio dunha contenda desigual que só pode producir padecemento, inxustizas e moita dor.

Por riba, para nós, de forma totalmente innecesaria se ollamos as normas. AGE ten claro que, de ser externalizada a atención social, esta debe selo a través de entidade sociais sen ánimo de lucro. A Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia contén no seu artigo 29.2 a dualidade entre entidades de iniciativa social ou de carácter mercantil para prestar servizos sociais. Mais non di que teñan que ser as de carácter mercantil as que se impoñan.

No artigo 31.1. de dita Lei dise que o cumprimento dos fins das entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro se promoverá mediante o outorgamento de subvencións, que serán concedidas atendendo ao interese social dos distintos servizos e produtos, á súa complementariedade coa oferta pública de servizos sociais. No artigo seguinte, no 31.2 exprésase que "por razóns de interese público, debidamente xustificadas, poderanse subscribir convenios singulares con entidades de iniciativa social debidamente autorizadas para a prestación e servizos sociais cando por razóns humanitarias ou de emerxencia social, ou ben cando pola singularidade das características da entidade, a especificidade dos servizos que presta ou a especial vulnerabilidade das persoas usuarias non sexa posible promover a concorrencia pública.

Loxicamente, o caso que temos todo en mente relaciónase de forma directa co expresado no artigo 31.2, hai razóns de interese público, ofrecen singularidade polas propias características da entidade, ofrecen servizos moi específicos e atenden a un colectivo de especial vulnerabilidade.

O ideal para AGE xa o expresamos. A provisión de dereitos de cidadanía a través de servizos públicos. Mais hoxe, a Xunta está desfacendo os lixeiros camiños que se deran, por exemplo, para atender á diversidade dos ritmos de aprendizaxe de nenos e nenas no sistema público da educación en Galicia, mediante profesorado de apoio, medidas específicas para a realización do proceso de ensino e aprendizaxe, mediante recursos para os departamentos de orientación e optando pola escolarización na escola máis próxima á súa residencia. Hoxe, isto, estourou debido ao austericidio. A escola está lonxe de ser inclusiva.

E se falamos dos intinerarios formativos, con titorías como guía para o desenvovemento dun traballo, as cousas inda son peores. As persoas con diversidade funcional con máis de 18 anos só están atopando un espazo propio nas entidades sociais sen ánimo de lucro. Esa é a realidade á que se enfrontan as familias.

Estas, entroutras, foron as razóns que nos levaron a defender a pertinencia dunha Lei de Accesibilidade Universal e Inclusión Social. Para que o que é asistencialismo se volvese garantía de dereitos de cidadanía.

AGE quere un modelo defensor dos dereitos humanos. Mais o PP non quere iso. E no seu afán externalizador vai máis lonxe ca nunca: despois de que con moito esforzo as familias deseñaran a forma más óptima para atender aos seus nenos e nenas, para que recibisen educación, formación, e atención para o desenvolvemento dun traballo, entroutros aspectos; despois de que se investise diñeiro público en adaptar locais e mellorar instalacións; resulta que todo iso queda no esquecemento dunhas instalacións baleiras para que sexa unha empresa privada, con ánimo de lucro a que preste unha atención ... á que, por outra banda, non está preparada en servir como é o caso de Doralresidentes.

Absurdo, desde logo. E que mesmo vai en contra dos mantras da dereita capitalista que nos malgoberna, xa que na Lei 14/2014, de 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia dise no artigo 19.2 que a contratación pública atenderá "a racionalización e eficiencia do gasto público", algo que se incumpre de forma escandalosa neste caso. Se non abonda na mente neoliberal a argumentación social, que debera ser a única importante neste caso, que o PP atenda cando menos ás súas propias consignas.

Entendemos o alcance das propostas que realiza o PsdG na moción que debatimos. Non obstante, o que se pide no punto 2 non resolve a cuestión, xa que dalgunha forma permite o puxilato competitivo propio do capitalismo...pois priorizar non significa en absoluto impedir. Que é o que nós queremos. O espírito da nosa emenda é que, coñecendo a realidade do noso país, a iniciativa social na prestación de servizos sociais é unha realidade que debe ser regulada, mais a iniciativa privada non debe ter cabida na prestación de servizos sociais (de aí o uso do verbo impedir).

Como é que obtén o beneficio unha empresa privada: na calidade do servizo que se presta? Na explotación salarial e laboral dos traballadores e traballadoras? Nas dúas cousas ao mesmo tempo e...por riba....cun diñeiro público contante e sonante?

AGE di a isto que non. Non podemos consentir que unha empresa privada se lucre con diñeiro público que debera investirse directamente en provisión de servizos sociais públicos, ou, cando menos, nesas entidades sociais que ofrecen atención social sen ánimo de lucro.

mardi 23 septembre 2014

NOS MELISMAS DA PALABRA

Recoñezo que son temeroso
ante o silencio gozo 
coma dunha melodía
que se ergue      prolongada por una nota
sobre a noite que envolve o meu maxín

Si temeroso porque me asusta
coa anguria do desexable e agardable
ter que ser amable e predicible

son incapaz de debuxar unha liña recta

o folio en branco vive dos meus saltos
versos que van e veñen
sen orde aparente 
entre o mar de silencio desta noite

Mais
surrealista ou non
esta noite vive en min
agora neste mesmo intre de desexo 
é de dia e mesmo 
seguro un día gris acorde co meu silencio

Trátase dun refuxio necesario
aí onde rescato da mediocridade 
o uso da palabra maltratada
e lle aplico as cores das bolboretas

A palabra afirman algunhas voces 
é violencia
cando se esvae a dozura 

A palabra miña vive do silencio
desa nota que se pendura 
entre triste e nostálxica
das pausas 
cando a palabra tiña a forza
de defendernos do medo

Mais non hai derrota
na forza do meu silencio 
saben que respiran 
os significados e viven

Quizais esta miña nota
acade melismas que falen

da vida que teñen as palabras
en versos que nada teñen que dicir
só sentir e ser vida que morre




mercredi 10 septembre 2014

DESFACENDO A REDE QUE TECE O TOTEMISMO NEOLIBERAL

0. Eterno retorno de Mircea Eliade. Ou como voltamos aos erros do pasado máis recente sen ningún tipo de pudor. Esta idea vén a conto, non pensen vostedes, e agardo que ao ler este artigo entendan a miña desazón.

1. Agosto. Mes propicio para reflexionar sobre como a orde neoliberal tece a súa rede de pensamento e discurso. No debate parlamentario sobre o teito de gasto do 4 de agosto de 2014, a Conselleira de Facenda eloxiaba os logros da economía galega, doadamente reduplicados nos medios prosistémicos: volven a construción e o turismo. Todo vai ben.

2. Nese debate, quen escribe fixolles ver que era contraditorio dicir que todo vai ben, que melloramos, que crecemos -auténtico mantra do discurso neoliberal- cando o teito de gasto será en 20 millóns de euros inferior ao do 2014, 8.436 M€ fronte a 8.456M€.

3. O discurso neoliberal insiste en que Galicia, España están "na senda da recuperación". Mais é mentira. Estase impoñendo o tempo da pauperización estrutural. Isto é: salarios baixos, condicións laborais draconianas, precarización e inestabilidade, perda de calidade planificada dos servizos públicos, aplicación do receitario da caridade en vez de garantir dereitos de cidadanía, imposición de normas que desdemocratizan a cousa pública...todo, mentres os gurús alentan que a economía crece.

4. Estas constatacións colleron forza co último libro do filósofo Byung-Chul Han, En el enjambre, Herder, 2014, que vén ser a síntese dos tres libros anteriores e dos que presentei dous nesta columna en datas recentes.

5. Insistirei na necesidade de desfacer a rede que o neoliberalismo tece para envolvernos. Rede mental e conceptual. Rede dixital. E podemos estar de acordo ou non con Byung-Chul Han, mais ten o acerto de trastornar e perturbar os piares conceptuais do estilo de vida occidental, hoxe neoliberal: "Nos embriagamos hoy con el medio digital, sin que podamos valorar por completo las consecuencias de esta embriaguez. Esta ceguera y la simultánea obnubilación constituyen la crisis actual" (p. 11)

6. Unha sociedade sen "respecto" por nada. Rexorden e incrementan a súa forza as violencias de todo tipo. Conmocionan todos os días os actos de violencia machista e as mortes de mulleres. Centos e centos de persoas asasinadas polas armas en Palestina e noutros lugares do mundo. Ducias de persoas inmigrantes que morren nas fronteiras do primeiro mundo. Enfermidade dun tempo, dun sistema. Creba dos valores da democracia.

7. Sen respecto, sen distancia, non existe o público. O dixital vive da destrución do "íntimo". Ergue as bandeiras expositivas do anonimato, emporiso "matan" o respecto...que sempre se debe asociar a un nome. Mais mesmo ese nome é falso. Constrúe unha identidade para agochar os elos emocionais "inconfesados". Exposición pública baixo unha máscara deformante da identidade para confesar "verdades": como crer entón nesas verdades? Como crer entón na acción que din incardinar?

8. Nesta sociedade da exposición permanente, un clic suple a acción e a dialectica do cara a cara dentro do proceso de adopción dunha decisión. Individualismo da toma de decisión. Triunfo do neoliberalismo. E cando un pensa que actúa de forma contrasistémica desde as redes...por moita indignación que conleve esa actuación, esta debe ser corporalizada desde a organización e da reflexión dialóxica. Sen isto, nada hai estable. Todo se esvae. Modernidade líquida do posmodernismo tan querido polo neoliberalismo. "El nuevo hombre teclea en lugar de actuar" (p. 57).

9. Nese individualismo latexa a utopía capitalista. Individualismo que tingue de ilusión a toma de decisións, mesmo a que afecta ao noso propio vivir en sociedade: "pues hoy cada uno se explota a si mismo, y se figura que vive en la libertad" (p. 31). Matizarei, o concepto de explotación sen dominación que emprega o filósofo, xa que pode ser menos aparente ca no pasado, mais a dominación existe, de forma asociada, certo é, ao de "autoexplotación".

10. Byung-Chul Han acerta: o egoísmo e a atomización da sociedade fan que se encollan os espazos para a acción común, e impiden, con iso, a formación dun poder contrario que puidera cuestionar e confrontar a orde capitalista. Iso, precisamente, é o que está en xogo neste 2015 nos diversos procesos electorais: crear espazos para a acción común, para a transformación desde a esquerda e ser quen de desfacer a rede tecida polo neoliberalismo.

Xabier Ron
Compostela, 26 de agosto de 2014.

samedi 30 août 2014

TRANSPARENCIA, FETICHE NEOLIBERAL PARA UNHA SOCIEDADE DO CONTROL


0. Levado pola mesma curiosidade filosófica, antropolóxica e política que conduciu a elaboración dun artigo anterior neste mesmo medio sobre o narcisismo e a depresión, hoxe falarei da transparencia, fetiche do neoliberalismo, e da súa importancia na sociedade de control e imposición en que se converteu vivir hoxe baixo o dominio do sistema capitalista.

E, de novo, fágoo, dialogando co filósofo Byung-Chul Han e as ideas que nos deixa en La sociedad de la transparencia, Herder, 2013. Xa alertamos noutros foros sobre a necesidade de re-pensar a linguaxe que empregamos no día a día para vestir as nosas referencias e os nosos conceptos.

1. O secuestro da linguaxe practicado polo neoliberalismo leva a que conceptos como transparencia, debido ás prácticas implementadas polo neoliberalismo para darlle vida, queden desvirtuados e afastados das súas primarias intencións.

Como di Byung-Chul Han, "la omnipresente exigencia de transparencia, que aumenta hasta convertirla en un fetiche y totalizarla" (p. 11). Di tamén que isto é propio dunha sociedade que elimina -de forma artificiosa e errada- toda negatividade, como a actual, que remata por "insertar sin resistencia en el torrente liso del capital, la comunicación y la información" (p. 11).

2. Non estou en contra da transparencia ben aplicada, si de como se está entendendo, e concordo co filósofo cando di que "quien refiere la transparencia tan solo a la corrupción y a la libertad de información desconoce su envergadura. La transparencia es una coacción sistémica" (p. 12).

A transparencia é interiorizada polo neoliberalismo para desvirtuala. Por iso, defendo aquí a ÉTICA como comportamento, como esencia de toda responsabilidade pública, e iso xa implica moral, deber, virtude (veracidade, transparencia, sinceridade, coherencia) e forma axeitada de vivir en sociedade.

3. O neoliberalismo converte a sociedade da transparencia nunha sociedade uniformada. Ademais, esta sociedade baséase en varios erros: o propio EGO mantén unha capa non transparente, determinada polo inconsciente, na súa relación co OUTRO. É imposible unha relación transparente plena entre persoas. Por fortuna, xa que é necesario manter o respecto entre as persoas, na distancia, e mesmo na actitude íntima de cadaquén.

4. O capital incorpora na súa praxe todo, absolutamente todo....para convertelo en obxecto de consumo. Expoñelo, transparente na súa interioridade, ás leis do mercado. Temos que loitar contra esa deriva impositiva que nega toda hermeneútica (interpretar e comprender) e toda dialéctica (confrontación argumentada).

5. Se o levamos ao eido da política e da comunicación social, é aquí cando xorde con forza a esfera da ÉTICA, enunciada no paragrafo 2, que debe ser consubstancial a toda actividade que se exerza no eido público. Por iso, non nos resulta raro que nos discursos neoliberais que falan de transparencia non apareza por ningures a ética. Unha ética que debe conducir as accións da política e conformar as propias relacións interpersoais e que, ademais, se debe asentar na confianza. Confiar significa "a pesar del no saber en relación con el otro, construir una relación positiva con él" (p. 91).

6. Transparencia non é verdade. A verdade é unha negatividade pois afirma que o dito polo OUTRO é falso. Por iso, son as accións da política as que miden a ÉTICA do cargo público, non unha teatralización ao redor do politicamente correcto e da transparencia inserida na corrente da acumulación informativa, comunicativa e mercantil do capital.

Mais iso, claro está, non é o que quere o capital. Por iso, o sistema capitalista, nas súas máscaras dixitais, procura que a xente faga clic sobre "me gusta", negando a posibilidade de facer clic sobre unha icona que diga "non me gusta". Indicativo de como o capital quere eliminar a negatividade, a tensión explicativa, xa que a confrontación dialéctica entre si e non leva a unha detención da hipercomunicación, da hiperinformación, mediante a reflexión.

7. Por iso, reivindico a reflexión como ruptura cos moldes discursivos e de pensamento único actuais para afastarnos do politicamente correcto, da exposición pornográfica do capitalismo, que todo o "espectaculariza" e mercantiliza...ao mesmo tempo que nos encadea a unha sociedade de control do rendemento e da imposición.

Xabier Ron
Compostela, 28 de xullo de 2014.