Deixo aquí o que tiña elaborado para falar da moción do PSdG que, na discusión xirou nun pim-pam-pum entre os dous grandes partidos, PP e PSdG, sobre pasado e presente...e a nós preocúpanos o futuro....de aí a emenda que obrigaba a ir nunha liña determinada.
*****
O
acontecido coa Asociación Galega San Francisco amosa o carácter
fondamente insolidario dos xestores do capitalismo, máis preocupados
de atender os intereses mercantís, empresariais ca os que atenden a
un criterio social.
En
primeiro lugar, porque nada, a non ser o desexo de procurar novos
nichos de lucro a empresas privadas, nada, repetimos, obriga a lanzar
ao puxilato neoliberal a entidades sociais sen ánimo de lucro que
atenden a persoas con diversidade funcional mental.
Un
puxilato, ademais, coas cartas marcadas en favor do boxeador máis
rocoso e brutal dos intereses mercantís, contra o que o corpo social
só pode ofrecer unha resistencia indignada cando se abate sobre el o
golpe que o quere botar fóra do cuadrilátero.
Permítasenos
esta comparación para simbolizar o trato inxusto que recibe unha
entidade social sen ánimo de lucro...mais que, no fondo, pode ser
moi ben, a que sensación que experimenten todas as entidades
sociais...sabedoras de que o seu traballo, agora, é cobizado polo
lucro empresarial. Se a decisión inicial non se frea, o perigo é
enorme, xa que, mesmo, pode conducir a que as propias entidades ante
esta desigual loita se vexan na obriga de desvirtuar o carácter do
concepto "sen ánimo de lucro" e de realizar prácticas
empresariais para xustificar a súa actividade e poder "competir",
o cal sería fondamente antinatura ao noso entender.
Ademais,
se ollamos a historia recente deste país entendemos que as persoas
afectadas se sintan non só indignadas, senón impotentes cando o
trato de quen di representar os intereses do pobo galego é
insultante e todo menos dialogante. Iso é o que denuncia unha
entidade como FADEMGA, cando menos.
En
efecto, a historia recente deste país demostra moi ben como foron as
cousas: a administración pública que é quen debe prestar os
servizos públicos para garantir os dereitos estatutarios e
constitucionais que teñen todas as persoas decidiu ollar para outro
lado no tocante ás persoas con diversidade funcional e, en vez de
levar a cabo unha sociedade inclusiva desde os servizos públicos
optou por delegar, por axudar mediante subvencións e outros acordos
a que se lles ofrecese asistencia a estas persoas. E quen ofrecía
dita asistencia? Pois as persoas directamente afectadas pola fuxida
de responsabilidade da Administración Pública: as familias. Nais e
pais de nenos e nenas con diversidade funcional eran os que poñían
en pé entidades sociais sen ánimo de lucro para prestar servizos
educativos, formativos, laborais, rehabilitadores, terapeúticos,
etc.
A
administración Pública volvéuse simplemente unha colaboradora, non
unha prestadora de servizos públicos para garantir dereitos de
cidadanía. E mesmo ignorando as súas funcións inspectoras para
comprobar que, en efecto, o diñeiro público se destinaba ao seu
fin. AGE o que desexaría, loxicamente, sería iso: que todas as
persoas visen os seus dereitos garantidos de forma directa a través
dos servizos públicos.
Mais
iso, non foi. E, despois de máis de tres décadas nalgún caso,
sucede que o persoal que conforma estas entidades sociais sen ánimo
de lucro é do máis formado e especializado na atención da
diversidade funcional. E a pesar disto, este verán a Xunta decidiu
dar un paso máis e lanzar ao puxilato competitivo á unha entidade
social sen ánimo de lucro.
Familias,
persoal que desenvolve tarefas asistenciais, as propias persoas con
diversidade funcional, todos e todas no medio dunha contenda desigual
que só pode producir padecemento, inxustizas e moita dor.
Por
riba, para nós, de forma totalmente innecesaria se ollamos as
normas. AGE ten claro que, de ser externalizada a atención social,
esta debe selo a través de entidade sociais sen ánimo de lucro. A
Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia contén no seu artigo 29.2
a dualidade entre entidades de iniciativa social ou de carácter
mercantil para prestar servizos sociais. Mais non di que teñan que
ser as de carácter mercantil as que se impoñan.
No
artigo 31.1. de dita Lei dise que o cumprimento dos fins das
entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro se promoverá
mediante o outorgamento de subvencións, que serán concedidas
atendendo ao interese social dos distintos servizos e produtos, á
súa complementariedade coa oferta pública de servizos sociais. No
artigo seguinte, no 31.2 exprésase que "por razóns de interese
público, debidamente xustificadas, poderanse subscribir convenios
singulares con entidades de iniciativa social debidamente autorizadas
para a prestación e servizos sociais cando por razóns humanitarias
ou de emerxencia social, ou ben cando pola singularidade das
características da entidade, a especificidade dos servizos que
presta ou a especial vulnerabilidade das persoas usuarias non sexa
posible promover a concorrencia pública.
Loxicamente,
o caso que temos todo en mente relaciónase de forma directa co
expresado no artigo 31.2, hai razóns de interese público, ofrecen
singularidade polas propias características da entidade, ofrecen
servizos moi específicos e atenden a un colectivo de especial
vulnerabilidade.
O
ideal para AGE xa o expresamos. A provisión de dereitos de cidadanía
a través de servizos públicos. Mais hoxe, a Xunta está desfacendo
os lixeiros camiños que se deran, por exemplo, para atender á
diversidade dos ritmos de aprendizaxe de nenos e nenas no sistema
público da educación en Galicia, mediante profesorado de apoio,
medidas específicas para a realización do proceso de ensino e
aprendizaxe, mediante recursos para os departamentos de orientación
e optando pola escolarización na escola máis próxima á súa
residencia. Hoxe, isto, estourou debido ao austericidio. A escola
está lonxe de ser inclusiva.
E
se falamos dos intinerarios formativos, con titorías como guía para
o desenvovemento dun traballo, as cousas inda son peores. As persoas
con diversidade funcional con máis de 18 anos só están atopando un
espazo propio nas entidades sociais sen ánimo de lucro. Esa é a
realidade á que se enfrontan as familias.
Estas,
entroutras, foron as razóns que nos levaron a defender a pertinencia
dunha Lei de Accesibilidade Universal e Inclusión Social. Para que o
que é asistencialismo se volvese garantía de dereitos de cidadanía.
AGE
quere un modelo defensor dos dereitos humanos. Mais o PP non quere
iso. E no seu afán externalizador vai máis lonxe ca nunca: despois
de que con moito esforzo as familias deseñaran a forma más óptima
para atender aos seus nenos e nenas, para que recibisen educación,
formación, e atención para o desenvolvemento dun traballo,
entroutros aspectos; despois de que se investise diñeiro público en
adaptar locais e mellorar instalacións; resulta que todo iso queda
no esquecemento dunhas instalacións baleiras para que sexa unha
empresa privada, con ánimo de lucro a que preste unha atención ...
á que, por outra banda, non está preparada en servir como é o caso
de Doralresidentes.
Absurdo,
desde logo. E que mesmo vai en contra dos mantras da dereita
capitalista que nos malgoberna, xa que na Lei 14/2014, de 26 de
decembro, de racionalización do sector público autonómico de
Galicia dise no artigo 19.2 que a contratación pública atenderá "a
racionalización e eficiencia do gasto público", algo que se
incumpre de forma escandalosa neste caso. Se non abonda na mente
neoliberal a argumentación social, que debera ser a única
importante neste caso, que o PP atenda cando menos ás súas propias
consignas.
Entendemos
o alcance das propostas que realiza o PsdG na moción que debatimos.
Non obstante, o que se pide no punto 2 non resolve a cuestión, xa
que dalgunha forma permite o puxilato competitivo propio do
capitalismo...pois priorizar non significa en absoluto
impedir. Que é o que nós queremos. O espírito da nosa
emenda é que, coñecendo a realidade do noso país, a iniciativa
social na prestación de servizos sociais é unha realidade que debe
ser regulada, mais a iniciativa privada non debe ter cabida na
prestación de servizos sociais (de aí o uso do verbo impedir).
Como
é que obtén o beneficio unha empresa privada: na calidade do
servizo que se presta? Na explotación salarial e laboral dos
traballadores e traballadoras? Nas dúas cousas ao mesmo tempo
e...por riba....cun diñeiro público contante e sonante?
AGE
di a isto que non. Non podemos consentir que unha empresa privada se
lucre con diñeiro público que debera investirse directamente en
provisión de servizos sociais públicos, ou, cando menos, nesas
entidades sociais que ofrecen atención social sen ánimo de lucro.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire