samedi 25 février 2012

NÓS E O MEDO ANTE A DEREITA E A OFENSIVA NEOLIBERAL

Non é doado falar do medo. "O medo garda a viña e non quen a vindima", "O que ten cú, ten medo", recóllese no Refraneiro galego de Taboada-Chivite. O saber popular sempre deu forma de sentenza ao medo: quizais, unha forma de dominalo.

O medo maniféstase. Exprésase. E cando se impón ao resto das nosas emocións, asoballándoas, fainos actuar. De que forma? Esa é unha interesante cuestión que ten tantas respostas como persoas hai.

Pode que me equivoque, pero, nas diferentes manifestacións, concentracións e protestas vividas o domingo 19 de febreiro e o xoves 23 de febreiro, en contra da reforma laboral e en contra da reforma da función pública, podía albiscar na unión daquelas persoas o desexo de vencer o medo. O colectivo como protección. O NÓS que resgarda ao EU dos adversarios exteriores que o circundan.

Outra cousa é a utilidade, hoxe que todo se move en rendibilidades, dos nosos actos. Só como exteriorización dun enorme descontento fronte ao que é inxusto? Como demostración "interesada" de que é posible ir máis aló nas futuras accións de protesta?

De todo puiden escoitar. Mesmo un amigo espúxome un rápido discurso non improvisado sobre as folgas xerais en Galicia e sobre as condicións para o seu éxito ou non. Os sindicatos mesmo están organizando charlas pedagóxicas nas súas asembleas e centros de traballo para comprobar o grao de implicación das bases nunha suposta folga xeral. Está ben comprobalo. Faise porque existe temor. Os dirixentes temen un posible fracaso na convocatoria e, xa que logo, a posible des-posesión de instrumentos que presentar aos belixerantes políticos da dereita para convencelos de que están equivocados.

Non se cometa, de todos os xeitos, o erro de tratar unha folga xeral coma se esta fose un fin en si mesmo. Como se non existisen outras modalidades de resistencia e de confrontación. A folga xeral debe ser un medio para demostrarlle a quen elabora normas inxustas que se equivoca e que debe retroceder. E sabedora de que isto é así a patronal quere conculcar ese dereito.

Diversas circunstancias serven para, en cada un de nós, dar forma ás nosas dúbidas, aos nosos temores, aos nosos medos. E esas circunstancias dan e quitan sentido á nosa vida. Por iso, hoxe, cando o presente se conxuga de forma inestable e veloz, non debe causarnos abraio o permanente temor perante o futuro. Os propios belixerantes sábeno: describen con fatalismo as letras do noso futuro co fin de ir modelando e esculpindo as imaxes do medo no noso interior. O propio Séneca advertíanos contra isto: "Calamitosus est animus futuri anxius" (Desgraciado é o espírito angustiado polo futuro").

A ese medo responden as conversas sobre o vindeiro mes de marzo, sobre o momento posterior ás eleccións andaluzas e asturianas, sobre o momento no que se anuncien os orzamentos para o 2012. Os axentes neoliberais e os da dereita que nos malgobernan non desaproveitan ocasión para introducir a perspectiva fatalista perante o futuro, mesmo ante o micrófono supostamente pechado, eloxiando a capacidade de abnegado sacrificio do pobo que supostamente aceptaría resignado os sacrificios necesarios para sacar "España" da crise. Todo está perfectamente estudado. Calculado. Coma nun xogo militar no que se trata de ir introducindo pezas nas liñas inimigas para, no momento oportuno, dar o golpe conquistador. Xogan co medo do pobo.

Como suxeitos, indivíduos situados fronte a unha situación de incertidume, de temor á perda do que se ten (unha mínima seguridade laboral para facerlle fronte aos gastos da vida), é factible que decidamos non facer nada que presupoña desestabilizar esa delicada estabilidade. Unha amiga, cando debatíamos sobre se faría ou non  folga no caso de convocarse de forma unitaria (todo o que non sexa unitario é un erro, ou como di un amigo historiador, un rito; téñase en conta onde se desenvolve o escenario principal na toma de decisións sobre a reforma laboral), alporizouse e díxome: "olla a prensa de hoxe e verás como mesmo os sindicatos, que afirman desexar tumbar a reforma laboral, xa a están aplicando cos seus propios traballadores......entón, por que teño que arriscarme e perder o que me queda?".

E é que semella que os efectos de castigo derivados dunha folga serán superiores aos efectos beneficiosos. Por iso, a resignación, a abnegada obediencia ás imposicións (algúns poden chamalo mesmo prudencia) poden impoñerse aos desexos de loita, de reparación, de xustiza, de traballo digno e con dereitos.

E pode ser certo. Por que, en caso de facerse unha folga xeral como ditan os cánones de loita obreira (con unidade sindical, coa cooperación da forza política da esquerda, coa pedagoxía necesaria para paralizar o consumo enerxético e a produción do país), quen nos garante que o PP vai escoitar ao pobo? Alguén escoitou o que berrou durante incesantes días e noites o pobo grego? Modificou unha liña dos documentos Sarkozy despois das numerosas e concurridas manifestacións e folgas que paralizaron Francia durante días e días?

Que nos queda entón? Aceptalo, sen máis?

Eu digo non.


Cómpre camiñarmos xuntos, vencendo ese medo que nos afoga cando estamos sós. NÓS xuntos somos algo máis ca unha suma desconexa de persoas. Podemos debuxar un escenario ideal: comezamos desde xa cun clima permanente de mobilización nos centros de traballo (peches (incluídos centros de ensino), redución / paralización nas cadeas de produción, etc.), animamos a unha derrota da dereita en Andalucía e Asturias, e lle engadimos unha convocatoria unitaria de folga xeral, de seguemento masivo, que dure algo máis ca un día, que poña os luminosos indicadores de consumo enerxético cáseque a cero, que paralice o consumo, que obstaculice o xogo especulativo dos mercados: todo isto, .... que efectos tería?

En todo caso, o futuro a medio prazo pasa pola conquista dos escenarios onde se toman as decisións que máis nos afectan. Mentres as institucións europeas, mentres os países europeos dominantes estean en mans da dereita e das oligarquías financeiras, nada se pode facer.

Por iso, considero que os procesos constituíntes do novo futuro, que deben dar corpo a unha nova democracia, pasan pola re-conquista do imaxinario social, pola recuperación da educación como emancipación, e onde a mobilización permanente, crítica e constante da clase traballadora se una á conquista das institucións onde se elaboran as leis, para que estas sexan voz do corpo social da maioría. 


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire