dimanche 5 février 2012

DE QUE FALAMOS CANDO SE FALA DE CAMBIO?

0. Non adoito falar dos demais partidos políticos e das súas cuestións internas, pero, entendendo que os medios de comunicación, namorados seguidores do bipartidismo, fixeron todo o posible para que me dese por enterado, algo vou dicir ao respecto.

1. Comezarei polo BNG. En primeiro lugar, dicir que me abraia, de forma positiva, o feito de que as decisións se dean de forma asemblearia. Procurando manter o máximo de horizontalidade posible. Por suposto, non quere dicir isto que o modelo por delegación sexa malo, xa que nas asembleas de base todas as persoas poden participar, debatir os documentos, procurar consensos e votar en consecuencia, co que a delegación elixida representa o sentir da asemblea de base (se ben, sempre queda a sorpresa e o posible cambio de voto debido a  circunstancias que os corredores sempre alimentan).

En función ás novas que ían saíndo na prensa daba a sensación que, tendo en conta os resultados das asembleas comarcais, unha das plataformas gañaría doadamente. Pero, sorpresas do modelo directo, a conclusión foi que as votacións debuxaron dúas visións políticas que deberan ser complementarias pero que todo apunta a que serán antagónicas máis por problemas de personalismos, de ataques e deslexitimacións persoais (a este respecto, increíble o de internet, xa que o anonimato permite auténticas barbaridades), que por confrontación sobre a visión de país que queren uns e outros. E, polo que foi saíndo nos días posteriores, pode que saia do BNG algún dos partidos que a conforman para iniciar unha aventura en solitario (ou irían conxuntamente, tal como fixeron nesta asemblea?). En calquera caso, ollando o resultado final semella que os que estaban seguirán co control da organización -e non me postulo sobre si é bo ou malo, só constato o feito votado pola asemblea- polo que podemos dicir que nada cambiou substancialmente.

2. Onte anunciouse que os votantes delegados do congreso do PSOE decidiron, por escasa marxe de votos (22 votos), entregar o futuro inmediato do partido a Rubalcaba, o perdedor das eleccións presidenciais. Cabeza visible do equipo ZP, culpado (e culpable) pola deriva cara a dereita e actor principal dos ataques máis claros contra os dereitos da clase traballadora. Carmen Chacón, que tamén hai que relacionar con esa política, tiña acadado as simpatías como portadora de "aires de renovación" e "garantía de cambio". Non serei eu que diga que é certo isto último. En calquera caso, coa victoria de Rubalcaba só cabe pensar que os pesos pesados do partido estarán máis a gusto e que os aspectos esenciais vanse manter. Polo tanto, cambio? de que?

3. Resulta curioso comprobar como se tende a reproducir o modelo bipartito -tantas veces criticado, pero sempre se remata por ofrecer unha dualidade conforntativa como alternativas- tanto na asemblea do BNG (coa confrontación entre dúas plataformas,, xa que a terceira lista en discordia MGS, como algúns prevían de forma acusadora e quizais excesiva, tendo en conta que é estratexia política, apoiou en todo momento a unha das outras dúas ecuacións, contribuíndo así a que a asemblea fose vista en realidade coma unha confrontación entre dúas partes; se clicades podedes ler a entrevista que lle realizou Galicia Confidencial ao voceiro de MGS, Rafa Villar, que explica o seu punto de vista sobre a asemblea; podedes ver tamén a entrevista que Praza Pública lle fai ao representante de Encontro Irmandiño Martiño Noriega) como na do PSOE, se ben nesta máis acusada, xa que todo xirou ao redor do personalismo dos dous contendentes (agardemos que as anunciadas primarias non sexan un tour de force entre dúas opcións nada máis) e cunha escasa proxección programática.

4. O certo é que xorden en Galicia novas organizacións (que serán partidos) coa arela de "cambio", "transformación" e sempre co desexo expreso de achegar o que as demais "esquerdas" non achegan.Case semella que xorden por encantamento. Nos discursos iniciais falan coma se todo o que pronuncian fose algo único (por moito que outras organizacións conteñan nos seus programas aspectos éticos de non ao maltrato animal, ecolóxicos de non ás nucleares, de non ao desbaldimento de recursos, etc.), diferenciador, con algo de mítica/mística fundacional. Pero, non será o personalismo o que alimenta esa diferenza?

5. Contemplo esta atomización da "esquerda" con preocupación porque intúo que esa diferenza vai permitir o triunfo máis doado ainda das caras da moeda neoliberal e que vai ser cada vez máis difícil confluír, xa que esa diferenza será esgrimida como insalvable (dogma da pureza).

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire