dimanche 17 mars 2019

O SAHARA NON É DE MARROCOS, NUNCA O FOI. EN RESPOSTA A UNHA IMBECILIDADE COLONIAL E FALSA

Onte, ao redor do medio día, o meu móbil comezaba a estremecerse de máis coas mensaxes indignadas por unha nova que saía de boca dun personaxe público español en Marrocos. En concreto, todos me alertaban dun tal Jorge Verstrynge Rojas. 

E a verdade é que as súas declaracións -se é que non hai manipulación por parte de Marrocos- producíronme un anoxo difícil de conter. Pola realidade que ben coñezo do pobo saharauí, sometido a unha brutal ocupación e violación sistemática de dereitos humanos no seu propio territorio. E polos amigos e amigas de SOGAPS e da FRONTE POLISARIA, que deben estar non só aldraxados, senón abraiados ante a imbecilidade ou estupidez que puideron ler.

Pode que teña que ver co seu nacemento en Tánxer e a súa nacionalidade franco-española. Ou pode que sexa debido a unha amizade co rei de Marrocos. O caso é que a frase que emerxía no Ministerio de Cultura e Información do Reino de Marrocos de boca deste persoeiro: "le Sahara est marocain et il l'a toujours été" (O Sahara é de Marrocos e sempre o foi) representa unha aldraxe.

Non se corresponde coa realidade política contemporánea, en que o Sahara Occidental está pendente de culminar o seu proceso de descolonización [responsabilidade de España como potencia administradora] e camiñar cara a súa independencia. Neste mesmo blog hai sobrada información sobre todos os atropelos que sofre o pobo saharauí, polo que non vou reiteralos hoxe aquí.

Por riba, dicir que é unha creación de Arxelia significa ignorar todos os estudos arqueolóxicos e antropolóxicos que demostran a antigüidade das sociedades gandeiras predecesoras do pobo saharauí. 


Este funesto personaxe, especialista en bandazos e de mudar de chaqueta, supoñemos que en función dunha conveniencia nada ideolóxica, debera rectificar as súas declaracións ou cando menos aclararnos e houbo manipulación nas súas palabras. Para ben da verdade -na época da falsidade, das 'fake news'- e da necesaria reparación que precisan os amigos e amigas do pobo saharauí así como os seus representantes. 

O SAHARA NON É DE MARROCOS, NUNCA O FOI E NON É UHA CREACIÓN DE ARXELIA

mardi 5 mars 2019

CANDO NADA TEN SENTIDO. VERSOS FERIDOS PARA JON SÁEZ

Xantei coa nova. Algo que nunca desexas recibir: a morte dun camarada. Non o crin. Pensei que alguén errara coas siglas. Preguntei. Non, non había marxe para o erro, tristemente. Ao redor das 14h30 enterábame que o compañeiro Jon Sáez morrera atropelado en San Cibrao das Viñas. 

Sempre que morre un mozo coñecido ou amigo experimento unha creba no meu interior. Un esgazamento. Non hai morte entendida cando un é novo. Sempre se nos escapa. Ficamos orfos de todo. 

Cando pecho os ollos vexo ao Jon entusiasta, intrépido, ás veces de máis, como debe ser na mocidade. Vexo ao Jon alegre, unha sana alegría, cun sorriso que contaxiaba. Lembro as súas imitacións e non podo evitar sorrir.

Grazas Jon pola túa xenerosidade, por ese compromiso  coa esquerda, co comunismo e coa República que nos unía no PCG e en EU. 

Ninguén morre cando o lembramos, cando permitimos que salfira a nosa memoria. 

Pola miña banda, camarada Jon, lembrareite.  

Todo o meu agarimo e forza para a túa familia e amizades.

Apertas desde un chuvioso e frío Brión. 


VERSOS FERIDOS

Desafío 
frío

non hai versos amables
só un laio
pola inmisericorde 
morte

No combate de Don Carnal
perdimos ao irmán
ao camarada

A fouce e o martelo
ondea xa no ceo dos ateos
a forxa do compromiso 
permanece
tan inalterable 
como o esperanza nosa
que hoxe serve para honrarte

'España mañana será republicana'

Para Jon Sáez, 05-03-2019

 
 

lundi 4 mars 2019

POR QUE VOU IR Á FOLGA O 8M

Cando comecei a escribir estas liñas ignoraba en realidade cara a onde me levaría o texto. Só sabía que quería partir da aseveración seguinte, NON SON FEMINISTA, non como unha provocación, antes ben como unha toma de conciencia e como unha denuncia do uso e abuso da caracterización por parte non só das mulleres, o cal sería lóxico, senón mesmo por parte dos homes que, mesmo algúns que teñen espazo propio na representación política, tenden a fracturar ao atribuír trazos secundarios (feminismo liberal, facendo un mal uso, por outra banda, do valor de liberal).

Concordo coa observación de June Fernández cando afirma que "a tarefa principal dun home que se di feminista é recoñecer os seus privilexios e emendalos, e que isto pasa por retroceder, por ceder espazos, por escoitar máis e falar menos" ("Los riesgos de una feminista profesional", La Marea, marzo 2919, nº 69, pp. 46-47). Isto concorda, en certo sentido, coa miña forma de ser: escoitar reflexivamente e só falar se é preciso. En canto ao acto en si, o de emendar, lembro que Berto Romero decidiu el mesmo igualar o seu salario ao da súa compañeira de reparto. Actos así son a potencia da igualdade que debemos conquerir.

A toma de conciencia acompáñase da observación e da reflexión de que os homes non debemos ocupar un espazo que debe gozar da representación (se non única, si maioritaria) da muller. Non son feminista. Non. Participo das súas reivindicacións e tanto podo eloxiar como criticar cando se realizan actos confusos que poden conducir a procesos de exclusión antes que a unha sociedade inclusiva...tal como o fago cos representantes masculinos que insisten en perpetúar os piares dunha sociedade capitalista, machista, exclúinte e desigual.

Hoxe, cando todo é susceptible de ser levado á tribuna do espectáculo, cando os termos son desposuídos do seu valor, cando todo o mundo,de forma interesada, se declara feminista, tal como se declara non racista, pregúntome, de forma deliberadamente retórica e inxénua, como é que cada ano morren ducias de mulleres asasinadas polos seus compañeiros ou centos viven nun inferno de terror que silencian baixo unha pel magoada.

Sempre fun activista polos dereitos humanos, desde que teño lembranza, e practiquei, sempre desde a esquerda, a ética e o respecto polos outros seres humanos que me rodean, que comparten conmigo este mundo. A loita pola igualdade radical entre todas as persoas, sexan de onde sexa, sexa cal sexa o seu sexo, a súa etnia, a súa condición.

A folga é a mellor ferramenta que ten a clase traballadora para defenderse da patronal, para reclamar os seus dereitos, para esixir melloras. O 8M irei á folga por solidariedade coas mulleres e porque onde hai conflito, resistencia e loita ten que existir conciencia de clase e unidade da clase traballadora.