mardi 3 juin 2014

UNHA LECTURA INTERESANTE...."EL DELITO DE SER POBRE. UNA GESTIÓN NEOLIBERAL DE LA MARGINALIDAD

O politólogo e sociólogo da Universidade de Pompeu i Fabra (en precario, e cada vez máis, como di na información da portada), Albert Sales i Campos, ofrécenos nun libriño de 84 páxinas o esencial e fundamental para a comprensión da pobreza nestes tempos de desfeita neoliberal. 

Escrito de forma áxil e sen ambaxes, podemos entender como o neoliberalismo establece un modelo para atender ás persoas empobrecidas: "un nuevo modelo de gestión de la marginalidad se está construyendo y justificando gracias a la recesión económica que padecemos" (p. 12)

Desmantelamento do social, degradación dos servizos públicos, sometidos á externalización-privatización. Acerta cando afirma que o cambio do rol do estado nesta cuestión non se debe a cuestións económica s, senón a unha cuestión de principio ideolóxico. 

E penso que tamén vai na boa dirección cando establece que existe unha dicotomía, interesada e falaz, entre "buenos pobres" y "malos pobres"...e digo que ten razón porque nas supostas épocas de vacas gordas xa existia un 15% de xente empobrecida, á que, lembro ter denunciado, ninguén lle daba unha posibilidade de vivir con dignidade. Mais agora, o tipo social de xente empobrecida xa non recae nos "marxinais" unicamente, senón que persoas que eran de clase media, agora, por mor das circunstancias políticas e económicas, están no limiar da pobreza. 

No capítulo II (Pobreza, exclusión social e underclass, pp. 16-23) explica, acollendo un enfoque diacrónico a incidencia e evolución semántica do concepto "pobreza", "exclusión social" (que xorde no eido académico universitario francés, co movemento ATD Cuarto Mundo) e o termo de matriz anglosaxona underclass (pobreza urbana...pero mantendo un sesgo que indiviualiza a pobreza, tal como hoxe quere o neolibrealismo).

No capítulo III (pp. 24-31) fai un rápido repaso sobre o que todos coñecemos como crise, en relación aos datos numéricos de pobreza no Estado español (unha auténtica aberración, 1 de cada 4 persoas, na soleira da pobreza e en risco de exclusión social) e á receita neoliberal da troika imposta na UE...a austeridade...un auténtico austericidio que se leva en masa dereitos e vidas. 

En fin, todo o libriño participa da mesma característica: análise e descrición exacta, sen xiros, indo ao que realmente importa, que a xente entenda que e por que acontece o que acontece.

Do resto, acollo o capítulo VI, que analiza a xestión neoliberal da pobreza e da marxinalidade (pp. 41-45), que é, en realidade, a esencia que explica os capítulos restantes. 

"Con la imposición ideológica del neoliberalismo, se ha roto el consenso en torno al término cohesión social" (p. 41). O autor insiste nalgo que considero importante: a individualización da pobreza. O neoliberalismo culpa ás persoas de seren pobres. E tal como di o título, ser pobre é un delito. E como interesa crear pobres de distinta categoría, para que se pelexen entre eles, os pobres de sempre, os que xa vivían na marxe da sociedade, agora son, mediante as técnicas da manipulación e do racismo, inda más estigmatizados e sinalados como "chibos expiatorios". Eis, sen dúbida, un dos granes triunfos ideolóxicos do capitalismo salvaxe: lograr atomizar tanto a sociedade que as clases traballadoras pelexan entre si...cando os culpables rin e gañan máis diñeiro ca nunca coa receita austericida. 

En resumo, un libriño ben interesante e acaído para quen desexe reflexionar sobre como o noliberalismo impón a súa ideoloxía en cáseque todos os eidos da nosa vida en sociedade. Ler é coñecer. Coñecer é poder loitar contra unha situación que non é natural, senón que é un construto social. Mentres exista desigualdade. Mentres existan persoas empobrecidas e excluídas...non existirá democracia.








Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire