Affichage des articles dont le libellé est cine. Afficher tous les articles
Affichage des articles dont le libellé est cine. Afficher tous les articles

dimanche 21 avril 2013

OS SOÑOS ESMORECEN NAS PANTASMAS ATRAPADAS NA MEMORIA DE PEDRA

Hai pantasmas en moitas vilas de Galicia. Resulta curioso que en todas nas que tiven ocasión de vivir esa pantasma agoniza prisioneira da indiferenza, do abandono dos edificios que constrúen a súa memoria. 

Pode que esaxere. Ou será que vivo na emoción da perda. Vexo eses vellos edificios que antano daban acubillo a proxeccións de relatos de soños cheos de verdades censuradas. Tanto ten. Como abría os ollos de neno! Lembro as proxeccións no Jofre de Ferrol, por unhas pesetas. Lembro o Madrid-Paris da mesma vila. Ou as salas de Mugardos. De Vilalba. De Brión...uns metros máis arriba de onde vivo. Só as pedras sosteñen a memoria dos soños. 

O relato da posmodernidade levouse todo por diante. Competir. Ese era o novo reto. Non alumear soños. Non abrir as mentes a viaxes tan extraordinarias que sempre permanecen, como ben di no seu relato memorial o escritor chairego Agustín Fernández Paz. 

Maldita competitividade! E pouco a pouco foinos quedando o refuxio de cineclubes -que esmorecen-, ou de salas de cine en mans de empresarios convencidos do cine de autor (lembro os Cines Compostela, onde se podían ver relatos do cine independente, de autor, de calidade). Ver os relatos en versión orixinal, con subtítulos en castelán (que pracer sería que fosen en galego, que gran paso daríamos na normalización da nosa lingua)....onde?

Poucos espazos quedan. Ir a unha sala de cine dentro dun centro comercial é, hoxe, a antítese do que significa 'ir ao cine'. Espectacularización do sin-sentido. Salas dentro de máquinas que compiten contra todo o que sexa "diferente". O pensamento único penetra no imaxinario desde esas salas. Imperio do consumismo e do individualismo. 

Alta Films, unha produtora que se atrevía co cine de autor anuncia o peche. Unha punta máis na cruz das diferenzas.

Gobernos que gobernaron en contra das diferenzas e da pluralidade cultural e lingüística encargáronse de ir minando a capacidade de resistencia. Cando vexo que en Francia un 40,2 % é cine nacional, fronte ao 17,9 % do Estado español, xa sabemos que todo o que se fai desde os poderes públicos é nada. Sen unha lexislación que protexa o noso cine (e penso nas inconmensurables dificultades que pode ter un realizador galego para, primeiro crear un relato fílmico na nosa lingua, e segundo dalo a coñecer nas salas de Galicia), só queda a devastación do pensamento único. Sabe máis a nosa mocidade dos costumes americanos, ca dos que teñen os nosos veciños europeos. Aí tamén, a través do cine, faise Europa. Eu aprendín italiano coas películas en versión orixinal que antes emitían na 2. 

Pantasmas axítanse na pedra da memoria atrapada. 

Veremos mañá se acertan os que son aínda optimistas, ou os que somos máis pesimistas a este respecto.




dimanche 13 mars 2011

SOBRE CINE QUE NON SE VE


O outro día batín, case de casualidade, nos andeis do videoclub, cun film, Retornos (producida por Vaca Films, dirixida por Luis Avilés) que me deixou abraiado por varias circunstancias: a) é unha boa cinta, de boa calidade, con guión, argumentos fóra do habitual e unha moi boa interpretación; b) é galega, no elenco de actores (Federico, Morris, Xosé Barato, ....) e actrices (María Bouzas), nas localizacións (Coristanco, Laracha, A Coruña...), na cultura reflictida e mesmo na lingua, que sae de forma natural -e subtitúlase en castelán-; c) non logro descifrar se esta película estivo presente nas salas de cine de Galicia. Lancei a pregunta no facebook e as respostas eran que aprendían sobre o filme ao ler a miña pregunta.

Que demos sucede para que películas que, de seguro, algunha axuda pública levarían e que esforzo de distinto tipo significaron, non se proxecten nas nosas salas??

Esta interrogante enlázoa coa cuestión que se formula Enrique González Macho, presidente de Alta Films, "¿Por qué no hay cine independiente en televisión?" (Fotogramas, marzo 2011, p. 10). Como recolle o autor esa ausencia non se debe a unha carencia de oferta. Haina, e de calidade. E por riba, como di González Macho, "es mucho más barato que el cine made in USA". E, con razón, sinala que as televisións autonómicas e privadas non teñen ningunha vontade para sairse dos camiños trazados polas majors norteamericanas. E lanza unha observación interesante, se coñecesemos canto diñeiro destinan esas televisións a comprar produtos made in Hollywood, "probablemente nos daría vergüenza ajena", pero trátase dun dos segredos mellor gardados. E, finalmente, apunta á ausencia de vontade política para modificar ese camiño empredido que só leva á perda de diversidade cultural.

Pois si, non hai cine independente na televisión e tampouco nas salas de cine -agás excepcións xa recoñecidas por premios en festivais- e tampouco hai cine galego nas salas de cine galegas, ambas dominadas polo mesmo modelo de pensamento. E todo ao servizo de divulgar o mesmo ideario socioeconómico (a golosina visual, que describiu Ramonet). E coa desastrosa clase política que hoxe domina Galicia, nada se pode facer pra promocionar o cine realizado en Galicia e na nosa lingua.

Remata González Macho amosando a súa decepción: "Días funestos para quienes desean ver algo diferente al más de lo mismo". Agardemos ter as forzas para reverter esta negrura e iluminar con novos focos o futuro.

vendredi 29 mai 2009

OS NENOS DE HUANG SHI

Rematei de vela hai uns minutos. Emocioneime. Recoñezo que os filmes baseados en feitos reais, e máis cando tratan de humanidade e accións cargadas de significado...., cargan a miña ialma de múltiples moradas emotivas.

O filme sitúase na China de 1938, nun momento en que os Xaponeses invaden Xangai.

Georges Hogg é un xornalista británico e desexa adentrarse en territorio chinés para contar a natureza do conflito bélico. Facéndose pasar por un membro da Cruz Vermella logra introducirse no territorio desexado. Unha vez no medio das ruínas asiste desde o obxectivo da súa cámara a unha matanza de chineses fusilados polos xaponeses e logo queimados nunha enorme pira...

Non vou relatar todo....pero cólleno e a resistencia chinesa libérao...

entón é trasladado a un orfanato...onde se converterá en educador dos nenos...

ata que as bombas ameazan con acabar con todo e aí comezará un periplo de máis de 1000 quilómetros para avanzar e evitar que os xaponeses os collan.....

recomendable!