dimanche 13 novembre 2016

AFORISMOS (VII)

Xa pasaron os días. Non me esquecín. Non. Mais unha bronquite crónica que sempre asoma entre outubro e novembro está sacudindo o meu peito e baléirao de enerxías. Aguantar as clases xa supón un desgaste supremo e recoñezo que me entrou a pereza dixital. Non así a 'manuscrituraria'. A escrita a man reconfórtame. As pantallas dixitais prodúcenme, por norma, rexeitamento e cansancio. Mais sei que é unha poldra necesaria para conectar o río de creación co da recepción. 

Os días que transcorren entre o 24 de outubro e este 13 de novembro foron certamente ricos en emocións...a pesar da bronquite crónica que chegou o día 1 para non deixarme 13 días despois. 

Visita a Muros en bici, para ver ao meu amigo Ramón Vázquez (100 km de ida e volta o fin do 29 ao 30 de outubro). A asistencia ao acto que recorda o asasinato dos guerrilleiros Gayoso e Seoane na Coruña o domingo 6 de novembro, onde tiven ocasión de coñecer a persoas cunha historia aínda por recoller como a de Encarna Díaz. 

E mentres, o novo Parlamento de Galicia camiña...xunto co do Estado....en boa sintonía cara a unha nova vaga de recortes. Aínda estou agardando unha máis férrea batalla desde os escanos e desde as rúas. E se tivesen algo de sentido...recuperarían as liñas de traballo que afortalaron o discurso e a acción parlamentaria de AGE. 

E o mundo vístese de máis nacionalismo populista, de corte fascistoide, con ropaxes rancias de racismo, machismo e fobias de todo tipo co triunfo -nada sorprendente- de Donald Trump...

E, ao mesmo tempo, perdín ao meu último referente, o enorme Leonard Cohen, a quen homenaxearei neste texto. Si, o mundo é máis feo, mais só a beleza dos versos de Cohen pode servir de conxuro contra a brutal fealdade de Trump e dos seus adeptos. 


Luns 24 de outubro de 2016

A creación poética para min?
Inspirarme nos acontecementos máis humildes e devolver versos que tremen ante o reto de saberse mortais e sempre imperfectos.
 

Martes 25 de outubro de 2016

Si. Pode ser que no día a día sintamos que non estamos sós, que nos acompaña o aroma do vivido. E pode reconfortar e dar sentido. Mais...quen alivia o tremor da pel sen o niño do amor?

 
Mércores 26 de outubro de 2016

A crise dos 50 existe. Sobre todo se nos abandonamos e deixamos que os lugares comúns da sociedade nos modelen para atarnos. Vivir é vivir cada ano con plena intensidade todos os momentos, os bos e os malos, e saber compartir iso tamén...se temos con quen.



Xoves 27 de outubro de 2016

Observo unha soa diferencia na creación poética de onte e a de hoxe: antes proxectaba versos que latexaban por un desexo de amar como sentía que se debía amar; hoxe proxecto versos que viven con forza ese desexo nun amor que sempre é -e so pode ser- presente, porque non existe o futuro. 


Venres 28 de outubro de 2016

O ensino non pode facerse desde a aceptación resignada do escenario da competitividade; debe facerse desde a crítica a un sistema inxusto e desigual. O alumnado prefire cooperar e ser solidario, sobre todo cando actúa dentro da escola. O reto é animar ese proceso fóra das aulas. 



Sábado 29 de outubro de 2016

O esforzo debe ser sempre medido conforme ás nosas propias enerxías, aceptando os límites naturais que a idade nos marca, sen deixarse dominar polos mesmos. 



Domingo 30 de outubro de 2016

Acepto a miña condición de zombi: aliméntome cada vez máis de ideas e versos. E camiño durante o día coa esperanza de dixerilos amando cada día máis e mellor. 


Luns 31 de outubro de 2016

Pensando no meu progresivo envellecemento: non quero esquecerme do nome máis fremoso que pronunciei e escoitei xamais. Non quero verte cos meus ollos cansos e non recoñecerte. Non. Non quero iso.


Martes 1 de novembro de 2016

 A investigación en temas como os da Idade Media non permite a comunicación fluída, a non ser entre os membros da secta. Prodúcese unha curiosa sensación de soidade intelectual. Descubrimos aspectos que tardarán en formar parte dos manuais, xa que estes viven do lugar común e da tradición que impuxo un canon que se resiste a mudar de faciana.



Mércores 2 de novembro de 2016

 Abrir os ollos para tremer ante o asalto dos sentidos: demasiados impactos poden ter un efecto adverso. Mellor ir pouco a pouco, alimentando as raices, e agardar, con paciencia, a recoller os froitos.


Xoves 3 de novembro de 2016

Receitario contra os estúpidos que atacan a experiencia. Que pasen unha tarde nunha residencia de maiores, acompañándoos, escoitándoos, dialogando con eles, desfacéndose dos prexuízos. A ver si así se esquecen da absurda idea de que o saben todo e aprenden a escoitar comprendendo...
 

Venres 4 de novembro de 2016

Mentres sigamos negando que o noso ser é plural, viviremos cegados polos noso egoísmo hiperindividualista. A identidade hoxe é como un río que vive e alimenta (sendo alimentado tamén) terras de varias culturas. 


Sábado 5 de novembro de 2016

O terrible paradoxo da era da tecnoloxía: a canta máis tecnoloxía, dixitalización e robotización da vida, máis persoas se verán expulsadas do mercado laboral e relegadas ás marxes e en risco de exclusión social. 


Domingo 6 de novembro de 2016

A dignidade vístese de palabra que conta, de memoria que vive no presente os pasados duros que crearon a identidade destes nosos maiores. Non escoitalos. Non comprendelos. Non aprender da súa experiencia. Pensar que non lles debemos nada...fainos ser unha sociedade insolidaria e escasamente democrática. E mañá pode ser tarde...


Luns 7 de novembro de 2016

Non soporto os comportamentos enrevesados e que non achegan nada. Non é doado ser sinceros de forma permanente. Aínda así, prefiro a miña insolente sinceridade a ter que soportar eses comportamentos. 


Martes 8 de novembro de 2016

Todos vivimos situacións que nos incomodan. E aceptamos as cargas. Non obstante, a peaxe ten sempre un custe límite. A nosa felicidade non pode ser troceada polas convencións e por rutinas que son alienantes. Cómpre sempre veracidade e actuar conforme aos nosos desexos. Xantar debe ser sempre un momento de pracer.   


Mércores 9 de novembro de 2016

Os entusiastas gozan da dixitalización global. Ignorantes e imbéciles están asasinando toda posibilidade de emancipación humana e seguirán axudando a que sigan medrando as dúas burbullas sociais: a das persoas empobrecidas e a das persoas 'inhabilitadas' por seren 'maiores' (+45 et alii). Ignoran os imbéciles que as mans témolas non só para activar un pulsómetro, senón que modelan, constrúen, crean, agariman, escriben e son a proba do amor e da paixón. 



Xoves 10 de novembro de 2016

Optas polo silencio: deliberado intento por anoar os desexos ou fuxida incerta e agochada? Mañá, pode. Hoxe non quero saber a resposta e só pensar que todo é posible. 


Venres 11 de novembro de 2016

Leonard Cohen morreu. Con el vaise un referente poético e filosófico. Deixo uns versos froito do meu diálogo cos seus poemas:

Non chores 
os vasos comunicantes
 serven para os novos eidos
nun Caurel ermo

Aí   só o espello 
dun ceo liberado
encadea os meus laios
ás pernas das cerdeiras impúdicas
amor fitófilo
entregado á negrura do ermo
carne con cortiza
reverencia do mel 
entre os xadeos do noso amor



Sábado 12 de novembro de 2016

Manuel Gerena ten toda a razón: seguen existindo razóns para cantar pola liberdade. Cantar e crear rompen as gaiolas que impiden que voemos. Mentres o fagamos seguirán teméndonos.  

 

samedi 12 novembre 2016

NON FALEN DE RECUPERACIÓN...SENÓN DE RESTRUTURACIÓN E DESIGUALDADE ESTRUTURAL

Aínda manteño o costume de ler algunha prensa os sábados co café da mañá. E fágoo sen a esperanza que poñía hai vinte ou trinta anos. Non obstante, sempre hai novas que me alteran por algunha razón. 

A de hoxe, que lin en El País, non ten tanto que ver co contido da nova, que se fundamenta nos empíricos datos da Enquisa de Poboación Activa sobre salarios (brutos) no Estado español. O cabreo ten que ver co titular: "La clase media pierde salario pese a la recuperación". 

Por dúas razóns: a primeira, que ignoro a que lle chama recuperación o autor do titular, cando se ve que estamos instalados na desigualdade estrutural, que axiganta a fenda de desigualdade salarial entre os deciles superiores (un decil = 1,4 millóns de persoas) e os inferiores e que converte aos menos favorecidos en cada vez máis pobres e con menos poder adquisitivo. Non existe recuperación, produciuse unha restruturación que beneficiou ás tecno-oligarquías que nos malgobernan. Unha restruturación que se fundamenta na incorporación de persoas ao mundo laboral cobrando menos ca os que están, tal como rexistra a propia EPA. Unha restruturación que se fundamenta no adelgazamento progresivo do salario e poder adquisitivo dos que menos teñen.

Os deciles inferiores demostran como están as cousas para as persoas asalariadas:
no decil inferior (1,4 Millóns de persoas), 420,05 € + 23,35% de perda de poder adquisitivo
no seguinte (1,4 Millóns de persoas), 828,96 € + 10,42% de perda de poder adquisitivo
no terceiro decil (1,4 Millóns de persoas), 1.102,14 € + 5,21% de perda de poder adquisitivo

Con estes mimbres, como se pode falar de recuperación? É mesmo indecente, xa que eses deciles nunca melloraron, todo o contrario, notaron unha constante e permanente degradación das súas condicións. 

Deixo de lado xa a cuestión da existencia ou non de clase media, unha etiqueta conceptual de uso narcotizante, mais de existencia social dubidosa: ou ben superamos os atrancos con facilidade, ou facémolo con dificultade. E os menos favorecidos...non os superan. O capitalismo, como ben dixo Picketti, vive grazas á desigualdade. 



Sei que é aburrido ter que ler que con estes datos é inentendible que o pobo insista en dar o seu apoio a quen provocou e instalou de por vida estas condicións, mais penso que iso é incuestionable, a non ser que todas as persoas que apoiaron á dereita sexan as afortunadas instaladas nos deciles superiores. Menos entendible que o PSOE opte por apoiar esa dereita, que só agarda benevolencia para executar os novos recortes que lle esixe Bruxelas e que só suporán recortes en cadea que chegarán, de novo, ao peto das persoas menos favorecidas.

Mais, moito me temo que vivimos un terrible paradoxo, tal como aconteceu con Donald Trump e que os apoios de un e outro bando, tanto na esquerda como na dereita...a priori...non coinciden co espectro que, de forma tradicional, alimentaba as urnas. Así se pode entender o éxito de Le Pen en Francia en periferies de migrantes ou en localidades degradadas depois da perda de industrias. E, claro está, cando falo de esquerda, non falo nin de Hillary Clinton, nin do PSOE. Falo dos demais... 
 
 

dimanche 23 octobre 2016

AFORISMOS (VI)

Demostrado e asumido: as intencións deben loitar contra o paso do tempo grazas á vontade e ao exercicio interior da constancia. 

Dous domingos xa e sucederon cousas...que procurei condensar nos aforismos...Desde o encontro coa amizade...ate a observación reflexiva dos incertos pasos que dan algúns que se autoproclaman da "nova política", pasando por asumir con serenidade os acontecementos da miña existencia. 

Hoxe, o regalo que fago ten que ver con algúns fermosos versos de Mariano Sánchez Soler, Desprendimiento.

Iniciemos, pois, o sendeiro dos aforismos. O certo é que tiven a necesidade, para non estenderme na soleira explicativa do seu contexto, de alongar a forza do que quería contar...

E hoxe en que saían absurdas teorías educativas sobre o feito de non escribir a man, deixo unha imaxe do caderno en que vou anotando día a día, despois de ollar a miña axenda, os aforismos que logo deixoa aquí. Homenaxe á miña resistencia manuscrita e libraria. Son o que son grazas a iso. E que os tempos da tecnoloxía sexan só un bo complemento, nunca o único argumento. 


Luns 10 de outubro de 2016

Eu, que fuxo de min mesmo
mentres protexo os silencios
de todo este brutal ruído:
por que esa necesidade de violar
as intimidades auditivas?


Martes 11 de outubro de 2016
 
Regalar. Dar. Estar.
Tres accións que, se son xenerosas,
nos devolven a felicidade e a esperanza.


Mércores 12 de outubro de 2016
 
Amicitia veritas est animam
ou como o encontro supera
as distancias todas da vida:
aí vencemos e somos eternidade


Xoves 13 de outubro de 2016 

Escribir compartindo versos
é o sendeiro máis intenso
se queremos ser quizais
un significado con vocación...



Venres 14 de outubro de 2016

Poden as pontes das nosas illas
esfarelarse que unha folla
tremendo no outono ha ser
quen nos lance á rede de novo
sempre          porque somos en nós



Sábado 15 de outubro de 2016

Coherencia. Ética. Honestidade
Integridade dos actos e das palabras:
non se pode estar cos verdugos e coas vítimas.
O Sahara merece iso de nós. 


Domingo 16 de outubro de 2016

O Posmodernismo liquida a resistencia
e mata a radicalidade democrática
que precisa a esquerda. 
Renunciar a visibilizar o conflito social
na rúa é un suicidio e significa deixar
ese espazo ao imperio da indiferenza:
o caldo que alimenta á dereita.



Luns 17 de outubro de 2016

As malas noticias, sabidas ou intuidas de antemán,
que afecten a persoas amigas, deben ser comunicadas, 
ao igual que con toda traballadora, coa suficiente
antelación para que a adaptación á incerteza futura sexa o menos traumática posible. En caso contrario, a esquerda actuaría como fan a dereita e a patronal.  


Martes 18 de outubro de 2016

Non existen libros perdidos mentres a nosa memoria
dea vida a unha lectura interior...é como a cinza que arrefría baixo a cortiza volcánica. Os únicos libros perdidos son os que deixamos de escribir.


Mércores 19 de outubro de 2016

Despois do proceso en que abrimos os ollos
ante a dureza da vida, sucede que preferimos
non sabelo todo. Din que non saber equivale a vivir
con máis tranquilidade. Dubídoo. En todo caso eu son incapaz de vivir así.

 
Xoves 20 de outubro de 2016

Non podemos fuxir de nós mesmos. Despois do esforzo da razón e de toda a nosa abnegada vontade, rematamos por voltar á nosa condición e esencia, por dura, rara ou insoportable que nos semelle.



Venres 21 de outubro de 2016

Amar. Abrir as mans e sentir o aroma do vivido como unha segunda pel. Mais, terrible anguria, con cada segundo percibimos como se esvae ese aroma...como se sangrase esa pel que cae desfeita en anacos...e quedamos espidos á espera dun novo encontro.


Sábado 22 de outubro de 2016

"En la hoguera de las almas muertas quizá venció el arte", Tzvetáyeva dixit...Entón, pode que a arte sexa unha porta para renacementos....mais mellor se estamos vivos: o recoñecemento póstumo debe ser silencioso e non público. 


Domingo 23 de outubro de 2016

Por que e para que serve renunciar ao que nos fai ser humanos?
Tres de cada catro non escriben nada a man....e case ninguén le os libros que se editan...
Entón, brindo pola resistencia revolucionaria de usar a man para inscribir o meu pensamento na folla de papel coma o fixen para inscribir os nomes nas cortizas das árbores.



Regalo desta entrega...Desprendimiento, de Mariano Sánchez Soler. Escollo versos dos distintos poemas que contén...unha especie de percorrido-río...

"Para no traicionarme
en una lucha absurda
he tejido el fracaso
como defensa propia"

"Ya no soy el pirata de la vida optimista
que combatió sin miedo"

"Cada surco me dice 
la verdad de mi vida,
une herida profunda
que no se borra nunca"

"Solo tengo el presente
fugaz como un recuerdo
que se va de mi vida
llevándola consigo"

"luchando contra el tiempo,
¡vine con tanto amor
y recibí tan poco!"

"Demasiada tristeza 
cuando la luz se rompe
y sientes la nostalgia
de lo que nunca fue.
(...)
Ya no eres necesario,
has pasado, prescrito
como el delito terco
de querer sin enmienda.
(...)
Y piensas en la muerte
como estación cercana,
próxima, decidida
a borrar tu tristeza"
 






 

SÓ SE PERDE UN LIBRO SE O ESQUECEMOS

Hai feitos curiosos nas miñas lecturas e un deles é ver nos feitos que se contan doutros autores ou pensadores aspectos que semellan describirme. E iso pásame coa vida dese extraordinario persoeiro que foi Walter Benjamin, que se matou cando soubo que o deportarían desde Portbou aos brazos dos nazis na noite do 26 de setembro de 1940, cando tiña a miña idade (case), 48 anos. A desesperación fixo que as 31 pastillas de morfina se convertesen no seu pasaporte cara ao alén. Mais, non é o feito de que tivese eu case a súa idade...non...senón a súa forma de ser, á que quizais me gustaría achegar mesmo aceptando o risco de queimarme.

En primeiro lugar, polo seu saber enciclopédico. Recoñezo que leo de todo e que non hai rama do saber que me sexa incómoda ou descoñecida, se ben, claro está, mergúllome nas ciencias que sinto máis próximas á miña forma de ser e sentir.

Acostumado a pasar o tempo lendo ou en accións relacionadas coa cultura, Benjamin era incapaz de enfrontarse á cotidianeidade da existencia, ao prosaismo da vida, Hannah Arendt, a súa amiga, dicía del que "morreu por ser extraño ao mundo e por non saber como se prende o lume, como se abre unha fiestra"...Hai niso algo de min...a vida cotiá prodúceme tamén unha especie de cortocircuito desde pequeno...Diríamos, segundo as memorias existentes, que non "illacionista".

Estas razóns atopeinas nun libro suxestivo, que se le nun par de voltas. Trátase dun ensaio de Giorgio Von Straten, Historia de los libros perdidos (Pasado & Presente, 2016). Non pensedes que é unha viaxe ao redor dos tempos, non. A historia cínguese a 8 libros dos que se soubo a súa existencia dalgunha forma, mais dos que, hoxe, aínda, non se ten constancia física: "los libros perdidos son aquellos que existieron y ya no existen". Como di o autor os motivos da perda son variados, propios ao autor en ocasións, alleos noutras moitas.

Os oito libros perdidos dos que rastrexa a súa orixe, a súa existencia Von Straten pertencen a Romano Bilenchi, George Byron, Ernest Hemingway, Bruno Schulz, Nikolái Gógol, Malcolm Lowry, Walter Benjamin, Sylvia Plath.

Enterámonos das circunstancias que permiten saber da súa existencia, de anécdotas que dan forma á vida do autor ou autora. Hai que recoñecer que o autor sabe conxugar o dato erudito co carácter divulgativo que a obra ten, algo que non sempre se consegue. 

Nalgunha das historias, coma é o caso de Il Viale, da autoría de Romano Bilenchi, intervén a propia relación do autor con Romano, xa que eran amigos. Adquire así unha especial emoción a perda do manuscrito destruído, segundo semella, por Maria Ferrara, viúva do escritor. E iso que era unha proba de que entre 1941 e 1972, Romano non tivera crise de creación e que estaba escribindo unha novela (con data de 1956-1957). Recomendo a lectura das circunstancias que envolven a destrución de Il Viale. Feito este que aplico en xeral ás oito historias. 

Mais non deixa de ser curioso como as memorias de Byron foron sometidas á perda por un cónclave de (supostos) amigos do autor, asustados ante as implicacións das declaracións dun autor polémico en vida.

Outra das historias que nos pode emocionar a de Bruno Schulz, un dos grandes escritores polacos, que coñeceu a morte no campo de concentración de Drohobycz e do que se perdeu a novela El Mesías e sobre a cal existe toda unha recompilación de elementos que converten en lenda a memoria ou a realidade da súa existencia.

dimanche 9 octobre 2016

AFORISMOS (V)

Unha semana máis e aquí estou, ante a miña cita cos aforismos, eses pequenos textos que procuran abrazar un mundo de emocións. 

Perdido entre "non sei" e "dame igual"
Esta semana tivo momentos de intensidade interior e, se ben a unha amiga dóelle ler momentos negativos, prefiro ser sincero conmigo mesmo e coas persoas que deciden ler -e nese sentido agradezo as 200 persoas que se animan a facelo, fai que non me sinta só neste compartir emocións. 

Son tempos, certo é, de exaltación da positividade, mais eu sempre opto por verter tamén negatividade, pois, como dicía Adorno, na beleza hai dor, hai un desgarro, un desmembramento, porque na beleza ten que existir unha certa dose de segredo. Se non nos convulsionamos, se non sentimos unha emoción intensa ante a beleza...non queda nada...só unha existencia líquida, que banaliza todo. 

Nesta semana -sóubose o xoves 6- morreu un poeta mozo pontevedrés, de 31 anos, Francisco Cortegoso e coa dor empática que experimentei deixarei unha creación-collage miña cos seus textos coma homenaxe. E regalarei, ademais, o epitafio que figura no sartego do gran filósofo Kant, que resume moi ben cara a onde me dirixo. 

Esta semana foi unha semana de sensación amarga de soidade interior. Por iso, como digo, penso que existe en min un fondo escuro, o inferno de Dante, onde repousa a fonda depresión. Xa comezo a pensar de verdade que a cuestión dos 50 anos...aínda que me queden 2 anos e uns meses...algo ten que ver, amais dos fustrigazos que recibín de quen non pensaba recibilos. E existe tamén unha capa superficial da depresión que é a que exerce de menciñeira...procurando rescatar do día a día pequenos praceres (por exemplo, andar en bici; conversar co amigo Moncho; ou pensar no cumpreanos dunha amiga; e tomar un Petroni lendo; o xantar do martes co amigo Pablo; ou o convite que me realizan para o martes 11 en Sigüeiro e contar a miña experiencia no Sahara ocupado; ou a inauguración da tenda de bici O'Rey, en Compostela, co amigo Vicente....).


Domingo 2 de outubro de 2016

Preciso da capacidade de 'abraio' ante a expresión da natureza e sentir a dor coa que re-crea os elos coa miña humanidade.


Luns 3 de outubro de 2016

Confianza: saber que pechas os ollos ante o baleiro e esas mans van guiar os teus pasos a lugar seguro.


Martes 4 de outubro de 2016

A política xoga a ser cidadá, a cidadanía a ser clase política e ninguén se detén a reflexionar sobre as regras dun xogo ideado por persoas que deixan xogar a quen asume as normas.


Mércores 5 de outubro de 2016

Hai diferenza entre perder e renunciar. Asumo a perda como algo inevitable, sobre todo se non está nas miñas mans impedilo. Non asumo a renuncia, pois implica o abandono de todo camiño, de todo horizonte. 


Xoves 6 de outubro de 2016

"do lugar a onde regresa a dor 
o espazo onde nós somos a nós:
a cereixa prometíase na túa pel"
(de tres poemas de Suicidas, de Francisco Cortegoso)


Venres 7 de outubro de 2016

A violencia só sabe de violencias e cando unha muller morre asasinada por un "namorado", cando unha nena é demoucada da súa propia dignidade por unha masa...perdemos a propia esencia da humanidade.


Sábado 8 de outubro de 2016

Non son como Pessoa, que se sinte expulsado do que foi. O vivido, por negativo que sexa nos forma. E cando amamos, sequera de forma desmesurada, "même trop, même mal", que diría Jacques Brel, amamos. E iso é o importante. 


Domingo 9 de outubro de 2016

Ter conciencia da miña finitude é saber recoller os avisos que o espello da mañá aloxa na faciana e nas fendas do meu ser para que me estremeza


Regalo: sentenza-epitafio de Kant:

"Dúas cousas enchen o ánimo de admiración e respecto, sempre novos e crecentes canto máis reiterada e con persistencia se ocupa delas a reflexión: o ceo estrelado que está sobre min e a lei moral que hai en min"

mercredi 5 octobre 2016

CON GALEANO...EN LA SCOOTER...

Hai momentos curiosos, cando vou na scooter ás 08 da mañá e o frío da mañá xa anuncia a chegada de máis frío de outono...É como se me segmentase en dous e unha das partes se dedicase a pensar creativamente, como para sortear o tedio que representa para min conducir...sexa cal sexa o tipo de motor....

E entón lembreime de Galeano...e chegou á miña boca o seguinte pensamento en castelán...e podo dicir que me recoñecía imitando o acento e a sensación de berce:

En las estrías del alma se refugian temorosas, e incluso acomplejadas, toditas las caricias que, por miedo a lo evitable, no osan perfumar la ternura de esa piel amada



 

mardi 4 octobre 2016

PERVIVENCIAS....CATRO ANOS DESPOIS....EMANCIPAR EDUCANDO

Non. Non é negarse ás evidencias. Sei que o tempo vén para levarse, cando lle deixamos, os desexos máis ancorados no noso ser. Mais pode que debamos surfear, ou evitar as ondas máis duras, cando tratemos de enfrontarnos á tarefa de educar, día a día, adolescentes de entre 11 e 18 anos.

Non soporto a idea do edulcoramento da vida. Tampouco a de que o docente traslade o seu propio pesimismo. Trátase de procurar un delicado equilibro para emancipar, para achegar os datos pertinentes que faculten para que pensen por si e edifiquen a súa propia visión do mundo. E ningunha desas visións, por suposto, pode/debe ser coincidente coa do docente. De que serviría iso? Que tipo de vanidade sería satisfeita? Onde repousaría a reciprocidade do enriquecemento existencial?

Cada día que me ergo ás 07h20 rearmo a miña vontade para ensinar, mais tamén educar. Calquera aspecto que se ensine pode servir, ben dimensionado, para educar. Por exemplo, a lingua francesa. Non se trata só de contidos e outros conceptos que introduciu agora a inefable LOMCE: competencias, estándares, etc....termos que deshumanizan e nos trasladan ao eido da empresa. A lingua alumea unha cultura e elos relacionais que cómpre explicitar.

Non pensemos, por favor, que non saben o que desexan. Pode ser que ese desexo sexa prematuro, que sexa mesmo aloucado, mais...que sexan eles e elas as que se dean conta co progreso das súas vidas. Rexeitemos a etiqueta de "fracaso". Nada máis esterilizante para o ensino e a educación.

Cada día que me ergo ás 07h20 e entro en aulas de entre 20 e 32 alumnos e alumnas sei que teño que ofrecer o mellor de min mesmo como profesional do ensino a estes adolescentes. Non caben renuncias nin claudicacións. Non teñen a culpa dos nosos males como sistema e como sociedade. Eles poden, no mellor dos casos, solucionalos. Cando menos non nos privemos desa posibilidade futura.

Catro anos despois de estar nun CPI, os mesmos que supuxeron o meu paso polo Parlamento de Galicia -outro servizo público-, aínda aniñan en min as pervivencias esenciais do que entendo eu por emancipar educando. E iso é un servizo á sociedade que considero marabilloso

P.D. Reproduzo unha imaxe de Freire, mais podería facelo tamén dun recente libro de Morin, onde educar é a esencia para vivir.  

dimanche 2 octobre 2016

AFORISMOS (IV)

Si...poderían existir dúbidas sobre a empresa na que me mergullei, a de conxugar e conxurar as miñas emocións cotiás en aforismos. Son dúbidas lexítimas pois os días pasan -percepción que vén coa idade- a unha velocidade case infernal. Aínda así, cada día, cando se deita a luz, pausa e reflexión despois de dialogar conmigo mesmo e cos elementos que me envolven.

Deixei a anterior colección de aforismos xusto antes de que tivesen lugar os últimos días das Eleccións á Xunta 2016 e cuxo resultado por anticipado e intuído non é menos doroso para as clases traballadoras. Non fomos quen, no espectro da esquerda, de superar as disquisicións da atomización nin a potencialidade erosiva dos ego-personalismos e moito menos soubemos crear e achegar ao pobo a idea dunha alternativa sólida, cun  proxecto definido e estruturado en propostas de goberno de esquerdas, transformadoras, quen de reverter as consecuencias das políticas de recortes da dereita. E demostrouse que os edulcorantes non serven para nada. Mágoa que aínda se perciba un cheiro a antipolítica. Así será difícil e moito se terá que analizar para enderezar o rumbo dunha nave que fai augas e que non ten o destino ideolóxico definido. E, no inmediato, só vexo dúas posibilidades: a) ou as rochas da oposición permiten a afinación da ferramenta con intelixencia e xenerosidade para facer unha oposición política que se perciba como unitaria, con proxecto de país; b) ou as rochas verán a nave esfarelarse e multiplarse na súa fragmentación. 

Ademais diso, destacarei o enigmático misterio do "votante oculto" do PP: ao día seguinte ninguén votara á dereita....
 
Do resto, unha semana ben interesante, con derivacións emocionantes asentadas no triunfo da amizade verdadeira, tal coma o día de Santa Minia, onde os tres mosqueteiros e a raíña puidemos gozar do pulpo do Mambís e da festa da parola; ou tamén, tal coma o sábado 1 de outubro, onde a vendima foi un bo pretexto para afortalar aínda máis o elo existencial e humano entre Ramón e este que escribe. 

Como é de supoñer, a amizade e o amor, a política, a docencia, a investigación universitaria, a natureza do acto de crear arte, son temas recorrentes, que xorden cada día, salferindo doses que podo sentir como xustas ou inxustas...
 

Sábado 24 de setembro de 2016

'Porque amo, vivo'. É posible amar ignorándose? Non sería non vivir? A liberdade de amar libremente é a máis agurienta das liberdades porque, de forma inconsciente, proxectamos nas sombras do futuro os medos do pasado.


Domingo 25 de setembro de 2016

Humillación: a obriga de camiñar de pé sabendo que estamos de xeonllos.


Luns 26 de setembro de 2016

En silencio e de forma anónima, as olladas desta adolescencia acollen a luz dos soños que apagamos nós


Martes 27 de setembro de 2016

Os números non son simples formas aritméticas:
conteñen a maxia ou a obriga de que revivamos emocións que ninguén poderá roubarnos. En cada número hai vida.


Mércores 28 de setembro de 2016

A autonomía das mulleres, o seu empoderamento de emocións e razóns, son chanzos para crear condicións que eviten os golpes do machismo.


Xoves 29 de setembro de 2016

Só con serenidade podemos abrazar unha das maiores dificultades: explicar o fracaso sen considerar os danos sufridos na propia persoa e sen perder de vista o fin esencial que nos une en política.


Venres 30 de setembro de 2016

Amar é compartir. Entón, por lóxica, esa relación debe enriquecernos mutuamente. Co paso do tempo, quizais podamos entender as respostas a estas cuestións valorativas: queda algo en min (dela)? queda algo de min (nela)?


Sábado 1 de outubro de 2016

A tradición ben entendida require dun amor pola natureza das cousas que é incompatible co egoísmo e coa voracidade da rendibilidade. Respectar os tempos da terra é recoñecer o latexo e o osíxeno que nos define.