mercredi 8 juillet 2009

PORQUE O SILENCIO É O MELLOR ALIADO DA ANÁLISE

Tranquilidade, amigos e amigas, non é que toleara, nin que desexe -que tamén- que os silencios nos envolvan coa súa fermosa musicalidade. Sucede que un xa leva numerosas reunións no corpo de creación/formación/fundación de moitas e varias plataformas e foros, nados co gallo dos máis e variados motivos sociais. E nesa primeira reunión de contacto ou institución normalmente nunca collo a palabra. Escoito. Observo. Reflexiono.

Onte asistín a unha "xuntanza aberta" para a conformación dunha Plataforma "Queremos galego. Foi na Galería Sargadelos, ás 17h, en Compostela. Convocados pola Mesa pola Normalización Lingüística de Galicia. Nutrida asistencia de persoas a título individual e representantes de colectivos de todo tipo.

Elementos positivos: un texto sobre o que traballar e unha proposta inicial interesante, pero compricada desde o punto de vista económico (levar a cabo unha ILP). Pero, precisamente, estes elementos positivos se volveron negativos porque existen condicionamentos apriorísticos en moitos dos e das representantes. Apriorismos xulgadores da Mesa e das siglas alí reunidas. Todo comezou xa cando algúns quixeron que todos se presentasen: desexaban visibilizarse e, de paso, ver quen andaba por aí. Pero ao facelo silenciaban as numerosas persoas que ían como cidadás a título persoal...porque aman a lingua galega.

Aforrarei ao lector e á lectora dos meus textos o "suplicio" auditivo padecido para ás 19h ter que me ir sen escoitar nada positivo.

Aí saiu o "Nunca Máis"; saiu a manifestación do 17 de maio; saiu a instrumentalización da lingua en todas as direccións imaxinables; saiu que se monolingüismo vs bilingüismo; ...

O importante -ollo falo desde a perspectiva que nos levou a ir a esa xuntanza-, facerlle ver á sociedade que o galego precisa de axuda para sobrevivir e loitar contra os permanentes ataques da dereita (PP, UPyD, Galicia Bilingüe...) e que temos que seguir avanzando na normalización da nosa lingua para que, cada vez máis e de forma natural, podamos ver un filme en galego, ler un xornal, e falarmos en galego aí onde o desexemos...; o importante, repito, desapareceu nas voces de reproches e acusacións insinuadas.

Somos átomos cada vez máis atomizados, incapaces de vencer os nosos localismos intelectuais. Regamos unha pequena leira. Somos incapaces de ver máis aló do valo que separa a nosa leira das demais. E así nos vai: entreguismo das institucións á dereita e instalación na rúa dunha imaxe de pelexa e división na esquerda que en nada nos beneficia.

Agardo que na segunda xuntanza sexamos quen de avanzar...o galego e Galicia precísano.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire