dimanche 17 avril 2011

PROCESIÓNS DE CURIOSA VORACIDADE HIPERCONSUMISTA


Ollei a foto da procesión curioseando nos medios dixitais. Sabía que era o primeiro sábado coas portas abertas a ese mastodonte do hiperconsumismo. E comprobei o que sospeitara: finalmente, eu tiña razón, somos poucos os que cremos que as cousas non se deben facer así.

A foto que recollo representa moi ben o concepto de procesión: enorme acumulación de persoas, en ringleiras e indo detrás dun ídolo. Vale, pode que a comparación non sexa perfecta, xa que o ídolo santificado non se move, pero tanto ten. O certo é que algo irracional move esa crenza de que aí, dentro das portas dese novo templo, atoparán...que?

E curioso, unha procesión de Semana Santa -que tampouco me atraen, non xa porque sexa ateo, senón porque as enormes masas de xentes me producen unha sensación de abafo- é máis ecolóxica nese deambular detrás da imaxe santificada. Aquí, a procesión ten o cheiro a tubo de escape, a aire contaminado, a goma queimada no asfalto, e inxentes cantidades de CO2 que se verten á atmosfera.

En fin, digo curiosa voracidade porque no fondo, a meirande parte sairá case sen nada substancial nas mans, pero con menos ca o que levaban. Pero algo levarán, como xesto de conquista, como proba da procesión.

Este modelo é insustentable en todos os parámetros:
a) na forma de comerciar e producir: canta vulneración de DD.HH. non se agochan nos beneficios de multinacionais?? Informes hainos, pero claro, ao igual que a guerra que declaramos, acontece en países e en xentes que nin queremos coñecer.
b) no forma de alimentar: comercio inxusto e insolidario: 4 compañías controlan o 50 % da alimentación industrial en España; a presión á que se ven sometidos labregos e labregas é inxente: loitan contra xigantes para non ter que pechar as súas pequenas e máis ecolóxicas formas de producir alimentos;
c) no modelo ambiental: xa o vimos: coches e máis coches, contaminación;
d) na propia dimensión económica: nun radio superior aos 15 quilómetros o pequeno comercio padecerá esa competencia (desleal) e pechará, e perderanse postos de traballo e...morrerán os barrios.

Sei que este modelo capitalista ten adeptos, claro. Por iso son capitalistas.

Unha forma máis de acentuar o individualismo co que vivimos os occidentais.

Xa o dixen antes, AVE (territorio), Cidade da Cultura (cultura-turismo) e Marineda City (modelo comercial) son expoñentes do capitalismo. Con iso queda dito todo.

dimanche 3 avril 2011

INDIVIDUALISMO E SILENCIOS DA GUERRA: U-LA POLÍTICA? U-LA IDEOLOXÍA?

Que fartura! Podo xurar que non me preocupaba o máis mínimo, pero onte, en todas as frontes mediáticas, o anuncio saía e abroiaba como auga de manantío, cunha diferenza: a de manantío é máis pura e, en moitas ocasións, apta para o consumo humano; a dos medios de masas é pura construción destrutiva da política, nociva para a elaboración tranquila do pensamento.

E hoxe, máis do mesmo, opinólogos que van a favor ou en contra do personaxe que renuncia; titulares que medio choran de tristura ou de ledicia, en función de onde zoe o vento editorial.

E a foto do personaxe en todos os lugares. Un mantra que se repite até a saciedade baleira de contido a política, a ideoloxía para reducirse a unha persoa, idolatrada ou vilipendiada. Porque, no fondo, uns pensan que coa saída do personaxe xa se garanten a posible vitoria, e outros, coa creación dun novo personaxe imaxinan unha posible vitoria.

Todos queren converter en santo ou demo a esa persoa, coma se todo o séquito de ministros e ministras do polo A, ou todo o séquito de parlamentarios e voceiros do polo B, quedase libre, mediante o relato da idolatría ou da iconoclastia respectivamente, de calquera culpa de ter participado na construción da destrución da política, da ideoloxía.

E mentres, ao outro lado do mar mediterráneo as bombas matan persoas por erro, ou por acerto, tanto ten...matan seres humanos. Onte, no Telexornal da Galega, por exemplo, ao mediodía, nin unha palabra sobre o tema. Ningunha. Silencio.

Claro. Hai consignas claras. Nesa guerra metéronnos todos eles, os dous polos da ecuación neoliberal e todos os divulgadores do pensamento único.