dimanche 3 avril 2011

INDIVIDUALISMO E SILENCIOS DA GUERRA: U-LA POLÍTICA? U-LA IDEOLOXÍA?

Que fartura! Podo xurar que non me preocupaba o máis mínimo, pero onte, en todas as frontes mediáticas, o anuncio saía e abroiaba como auga de manantío, cunha diferenza: a de manantío é máis pura e, en moitas ocasións, apta para o consumo humano; a dos medios de masas é pura construción destrutiva da política, nociva para a elaboración tranquila do pensamento.

E hoxe, máis do mesmo, opinólogos que van a favor ou en contra do personaxe que renuncia; titulares que medio choran de tristura ou de ledicia, en función de onde zoe o vento editorial.

E a foto do personaxe en todos os lugares. Un mantra que se repite até a saciedade baleira de contido a política, a ideoloxía para reducirse a unha persoa, idolatrada ou vilipendiada. Porque, no fondo, uns pensan que coa saída do personaxe xa se garanten a posible vitoria, e outros, coa creación dun novo personaxe imaxinan unha posible vitoria.

Todos queren converter en santo ou demo a esa persoa, coma se todo o séquito de ministros e ministras do polo A, ou todo o séquito de parlamentarios e voceiros do polo B, quedase libre, mediante o relato da idolatría ou da iconoclastia respectivamente, de calquera culpa de ter participado na construción da destrución da política, da ideoloxía.

E mentres, ao outro lado do mar mediterráneo as bombas matan persoas por erro, ou por acerto, tanto ten...matan seres humanos. Onte, no Telexornal da Galega, por exemplo, ao mediodía, nin unha palabra sobre o tema. Ningunha. Silencio.

Claro. Hai consignas claras. Nesa guerra metéronnos todos eles, os dous polos da ecuación neoliberal e todos os divulgadores do pensamento único.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire