lundi 15 juin 2009

ANTE O AVANCE DO TOTALITARISMO DEMOCRÁTICO. DEFENDAMOS O NOSO


Volve a dereita a Galicia, aínda que nunca perdera o poder económico. A súa volta ás institución políticas está a traducirse en políticas involucionistas.
Fronte a un pobo desmobilizado e a unha clase traballadora derrotada pola precariedade e a inestabilidade laboral e pola privatización e a degradación dos servizos sociais e públicos, están a adoitar prácticas que mostran un profundo desprezo polo pobo galego e os seus sinais de identidade.
O galego é un pobo de seu. Os elementos que configuran o seu carácter nacional forxáronse na fragua da historia nos últimos milenios nos tempos dos megaliteiros e dos castrexos; no tempo dos romanos, que recoñeceron entre os galaicos un pobo de seu; nos tempos medievais, cando Galicia se constituíu nun reino de seu...
A historia truncouse cando o proxecto castelanista meseteño se impuxo ás clases populares e á nobreza galega fronte ao proxecto histórico atlántico; non obstante, malia os longos séculos escuros, nin o galego desapareceu como pobo nin a súa lingua se perdeu, como tantas outras ao longo da historia..., pero ficou relagada a unha lingua subordinada, das clases populares... desprezada e humillada polos poderosos, que non dubidaron en castelanizarse para seguir a manter o poder.
O século XIX, o século da primavera dos pobos, deulle novo pulo ao pobo galego, que se dotou dun renovado proxecto político: o galeguismo, nas súas variantes históricas provincialista, rexionalista e nacionalista. Durante eses anos, o pobo traballador tomou conciencia da súa explotación de clase, de xénero e nacional. A loita contra os opresores da nosa nación logrou unha gran vitoria coa aprobación do Estatuto de Autonomía en 1936, uns días antes de que os fascistas lle arrebataran ao pobo as súas esperanzas e o seu futuro, que quedaron baixo as botas dos militares que se sublevaron o 18 de xullo de 1936. De novo voltou a longa noite de pedra: 40 anos sometidos a unha infame ditadura fronte á que estiveron os homes e as mulleres do PCG, a única forza política verdadeiramente organizada e preparada para liberar ao pobo do xugo que oprimía a súa liberdade, a súa identidade e que abafaba a súa memoria.
A chegada da democracia, mesmo con pasos tímidos, supuxo a necesidade de construír pontes de diálogo e de entendemento entre os fascistas que aterrorizaran ao pobo e o pobo que recuperaba a esperanza nun futuro de dignidade. Froito dese entendemento foi a Constitución de 1978 e o Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en 1981 logo de que as forzas democráticas deste país sísemos a rúa para denunciar o Estatuto da aldraxe que as forzas conservadoras querían impor.
A Constitución e os estatutos nacidos dese consenso democrático recoñecían o dereito dos pobos á existencia, para o que se establecían medidas de especial promoción e protección. A conquista da liberdade logo da loita antifranquista permitíanos, daquela, recuperar a nosa identidade como pobo, a nosa lingua, a nosa memoria, eliminada da academia, da universidade e das escolas.
Claro está, non sexamos inxenuos, na sombra latexaba con furia e inquina o franquismo ideolóxico disposto a saír á escena da cousa pública cando as súas esencias doutrinarias estivesen en perigo. Saltaron coa Lei de Memoria Histórica; fixérono coas Leis de Educación que pretendían rebaixar a influencia da Curia na nosa vida; fanno cada vez que a muller acada un papel á hora de decidir sobre a súa maternidade; cada vez que desexamos avanzar liberándonos do xugo ideolóxico do catolicismo... Neses ataques contra a convivencia democrática e o consenso está a doutrina ideolóxica do franquismo, que se nega a desaparecer, pois é o discurso ideolóxico que teñen interiorizado as clases dominantes.
Volven agora, unha vez mais, cando se trata de normalizar o uso da lingua do pobo galego na súa vida cotiá, para contentar aos socios electorais que lles deron o triunfo: Galicia Bilingüe.
Pero, por qué agora? Por que agora queren rachar co consenso acadado por toda a sociedade e recollido no Plan de Normalización Lingüística aprobado por unamidade no Parlamento de Galicia en 2004, baixo un goberno de Fraga? Por que?
A mesma clase dominante que asaltou o Estado para sometelo aos seus intereses, a mesma clase dominante que atenta contra o pobo traballador mediante a precariedade laboral, o desemprego e o endebedamento, aceptados polas forzas políticas socialdemócratas, tanto galegas como españolas, que consentiron a precariedade do pobo traballador e polas organizacións sindicais que negociaron o desmantelamento dos dereitos laborais, é a que agora atenta contra o noso sinal de identidade máis orixinal: a lingua. Unha vez sometido o pobo no seu sustento, cumpría sometelo tamén na súa identidade.
É obvio quen son os promotores de toda esa galegofobia: os sectores instalados no odio ou no autodio que se alimentan, iso si, do diñeiro público, e, por suposto, dunha patronal empresarial disposta a aliarse con todo aquel que idolatre os seus pés de barro. A fin de contas, o galego segue a escoitarse en determinados ambientes sociais dun xeito maioritario: non hai que máis que pór a orella para decatarse de que o idioma que se fala nos salóns do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo non é o mesmo que se fala na taberna do Fogar do Mariñeiro do Berbés: nun fálase maioritariamente castelán, que segue a ser o idioma da promoción social e das elites; noutro o galego. É precisamente nese autodio do colonizado no que se apoia toda esta campaña galegófoba.
Nunca antes o diñeiro público dunha institución do noso país se empregara de xeito tan prexudicial contra a lingua galega: os 200.000 euros gastados na inservible enquisa do galego e os 80.000 euros cotiáns en cuestión de publicidade son boa proba de que non importa gastar diñeiro público en accións innecesarias con tal de contentar aos socios electorais e, de paso, de desfacer todos os pequenos pasos andados desde que morreu Franco.
As imposicións aos equipos directivos dos centros públicos (a Curia e o empresariado da privada e da concertada, galegófobos claro está, están dando saltos de alegría), vulnerando o máis mínimo rigor democrático deberían ser respondidas con desobediencia civil e manifestacións en defensa da nosa identidade como pobo.
Construída sobre mentiras e manipulacións, o actual goberno de dereitas nega os logros do difícil consenso lingüístico e confronta á sociedade galega cos seus medos e estereotipos para volver a eses tempos, nunca idos, en que o útil, o necesario, era saber falar castelán, pois era a lingua da burguesía e dos seus aliados de clase. O galego é unha lingua universal e é un patrimonio noso e de cada un, polo que rexeitamos a súa condena á sumisión.
Nestes tempos de azoute capitalista, de retroceso dos nosos dereitos, cómpre volver a loita. Cómpre volver á loita para conquistar o pan e con el os nosos dereitos, porque só sendo donos dos nosos recursos, a socialización das actividades económicas e a radicalización da democracia, conquistaremos a nosa dignidade como pobo dono de seu: das súas mans traballadoras e da súa lingua creadora. Velaí por qué no noso programa político defendemos o dereito á autodeterminación, porque é sinónimo de democracia e de liberdade.
Nós, que somos a memoria dos homes e mulleres comunistas que deixaron a súa vida loitando contra a longa noite de pedra; nós, que somos a voz do pobo, loitaremos para que a dignidade deste pobo non sexa esnaquizada. Xa o fixemos contra outros ditadores... Loitamos e loitaremos para conquistar o noso dereito ao pan, para rachar as cadeas da alienación e para recuperar a nosa dignidade, a nosa historia e a nosa lingua.
Estamos preparados para esa loita. Mobilicémonos para defender o noso.


ALFREDO IGLESIAS DIÉGUEZ

XABIER RON FERNÁNDEZ

2 commentaires:

  1. http://www.compostelacup.com/wp-content/uploads/2009/06/calendarios-baloncesto-compostela-cup-do-camiao-2009.pdf

    O enlace do horario dos partidos que temos os de peleteiro...

    Ron un autentico pracer.

    Hei de subir un dia polo colexio e falar tranquilamente contigo, non como onte jajaj...

    Ron un saudo

    RépondreSupprimer
  2. Xa vin a plantilla, ti xogas no sub-18, non si?; se é así podo ir a Santa Isabel, ás 20h30 do venres. Ademais, ese día teño cea despois e perfecto porque xa estou así en Compostela.
    Vémonos e tamén alegreime moito de coincidir.
    apertas
    Ron

    RépondreSupprimer