dimanche 12 février 2012

A FÁBULA DO DEUS-MERCADO OU COMO O SANGUE SE VOLVEU VERDE

Todo acontecera un venres. Como a traizón. No remate da semana laboral para moitas persoas. Sen querer deixar tempo de reacción. Un luns sería máis doado organizar toda unha semana de contestación. Mais, aínda así o escándalo estalou, pero todo era máis controlable. Para os máis contestatarios, o máis aldraxante foi comprobar, ao día seguinte, que omitiran de forma deliberada na súa presentación pública detalles non tan pequenos que amosan a baixa catadura moral dos suxeitos.

Todo acontecera un venres. Todo se fixo para honrar ao Deus Mercado e aos seus profetas. Son poucos, pero a súa caste domina o mundo. Entraron no xogo democrático para desvirtualo, para dominar á súa vontade á masa. E puxeron o diñeiro necesario para construir imperios mediáticos e financeiros quen de dominar os escenarios de decisión supostamente democrática.

O sacrificio tivo lugar na cova central. Ao redor dun altar de metacrilato conectado ao Deus Mercado, unha cohorte de adoradoras e de acólitos, ornados coas mellores garabatas e portadocumentos de marca e cos mellores bolsos de pel natural e zapatos de marca, brandían extasiados, un coitelo chamado Reforma Laboral. Sobre o altar, atados e indefensos, dous corpos ben seleccionados, o dunha traballadora e o dun traballador. Lanzando vivas ao Deus Mercado, unha tras outra, diferentes rostros que representaban ao BCE, ao FMI, ao BM, á OMC, aos países poderosos da UE, á CEOE, á Banca, en definitiva á dereita e á oligarquía financeira, e realizando o conxuro do eloxio ao coitelo Reforma Laboral asestaban por turnos unha coitelada sobre o traballador, sobre a traballadora. Do altar o sangue fluía a través de tubos cara a unha pantalla de índices de competitividade e acumulación de capital e volvíase de cor verde.

Mentres iso acontecía, en directo a través da rede óptica, millóns de persoas, de xeonllos, observaban o espectáculo. Os profetas dispuxérono todo para que detrás de cada espectador houbese un látego inmaterial: "ou aceptas con abnegada resignación ou 'iso' é o que che agarda. Tes que escoller entre vivir de xeonllos ou morrer desangrado nas oficinas de culto do desemprego".

Algúns xa foran rodeados polos garantes dos profetas e a cada movemento sospeitoso recibian unha descarga de paos. Sempre os alcumaran antisistema e eran seres 'perigosos' para o mantemento da orde mundial.

Outros, menos dos que se pensaría, ousaron erguerse e negáronse a aceptar a chantaxe dos profetas. Ao día seguinte, foron expulsados do 'paraíso' laboral de forma procedente e conforme á norma que emanaba do coitelo do Deus Mercado.

Os demais, dubidaron nun inicio entre erguerse ou seguir de xeonllos. Finalmente, o peso das ataduras económicas de todo tipo, o sentimento de medo ante a morte laboral, provocaron unha aceptación en masa das novas condicións de traballo e que representan unha nova forma de escravitude.

Todo acontecera un venres de febreiro, segundo me contou meu avó. Non acerta, debido ao alzheimer, a dicirme que sucedeu nos meses que seguiron á presentación do sacrificio humano. Díxome que algúns antisistema e contestatarios se uniran, pero non me soubo aclarar se os profetas retrocederon ou non. Terei que agardar a medrar un pouco e desfacer a censura que impide a libre información en internet para enterarme.



Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire