A mesa de cadros sostiña
os zumes e os cafés fumegantes
instantánea doutros tempos
cando todo era comezo
cando todo era
As nosas olladas reconfortáronse
sentindo a calor da dozura amada
e nos espellos latexou feble
o eco dun sorriso namorado
O tempo pasado foi dicíndose
e entre as mans esvaecéuse
como gran de area
e amargo sabor de café
E reparamos nos nosos corpos
entregados xa ao decorrer das kalendas
o meu claro máis
sempre fora así nas nosas conversas
E xogamos a dicir o ben
que o pasamos ao longo
desta ausencia que se impuxo
e rimos mesmo de forma cínica
á saúde dos felices momentos
As miñas canas debuxan un volcán
apagado que impregna de
falsa sabedoría os meus silencios
sigo sendo o mesmo
dis
falas ti máis ca min
que sigo escoitando
e pode que sexa certo
mais sería mentira
non afirmar que a medida que falabas
caía preso do meu proverbial medo
a enlouquecer
sempre enlousei as emocións
baixo a razón
escasa
que aínda manteño
a salvo de todos os meus erros
ao redor de min
nacía de novo o cárcere
esa ollada
ese sorriso
aínda e sempre luz e alba
no tránsito deste renacemento
pregunteiche
"lembras se me amaches?"
así
de súpeto
encaixaches con naturalidade
o son e despois dun intre
sorriches
"acaso o necesitabas?"
Agora calaba eu
esas mesmas palabras
repousaban no meu testamento
aquel día de outono
cando fuxín
Preguntárasme
"que é amar?"
eu explicara inocente
que amar é necesidade
de saber
de ver
de sentir
que é amar sen necesidade
de ser amado
Todo regresou como esa nube
que trae presaxios de días de choiva
Entón chegou el
e comezou outro tempo
que non era xa o meu
o camareiro trouxo unha nova taza
mentres eu saúdaba e me despedía
quizais para sempre
"adeus meu amor"
océanos de pesadelo
ou
anacos fugaces de ti
Xabier Ron
20-marzo-2016
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire