dimanche 26 février 2012

DEIXÁDEME SÓ E QUEDADE VÓS COAS MODAS DIXITAIS

Non sei, pero que graza pode ter ollar un acontecemento visual e desexar estar -ao mesmo tempo?- cos ollos nunha pantalla e mesmo cos dedos -imaxino- pra mandar non sei moi ben que ocorrencia?
A observación tranquila, a reflexión medida, a pausa desaparecen. O peor é que en todos os programas alentan esta histeria dixital. Chámanlle participación, se ben, a min, dáme a sensación de que o único que fan é rirse dos que perden o tempo en mandar esas mensaxes espontáneas e poucos pensadas.

Debo ser un dinosaurio. Tanto me ten. Coido que esta moda irreflexiva non me vai coller. Non son xornalista: dixéronme que é o instrumento esencial do novo xornalismo. En fin. Prefiro a investigación. Prefiro a información pensada para non caer no erro debido a unha velocidade que non debera existir. Por iso, deixei de ver os telexornais que viven do formato youtube ou mesmo das opinións "twiteadas".

Quero ver se hai algo de cine e atópome con que a emisión dos Óscar, máis que nunca -e penso que para desagrado de Colubi- vai vivir da moda dixital e dos comentarios de moda. Non soporto esa soleira na que o único que importa é ver de que marca é a roupa e se vai vestido conforme a non sei moi ben que canon.
Xa cambiei de canle. Voltarei unha vez remate toda esta parafernalia. Onde quedou a análise estritamente cinematográfica?

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire